Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comunicado diante da proposta do Consejo de Coordinación Universitaria de eliminar o grao independente de Historia da Arte e crear un grao conxunto de Historia e Historia da Arte

Xunta de Facultade de Xeografía e Historia: Comunicado diante da proposta do Consejo de Coordinación Universitaria de eliminar o grao independente de Historia da Arte e crear un grao conxunto de Historia e Historia da Arte


A Xunta de Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, reunida en sesión extraordinaria o día 9 de maio de 2005, acordou POR UNANIMIDADE:

1. Manifestar o seu rexeitamento á proposta que a subcomisión de Humanidades do Consejo de Coordinación Universitaria elaborou referida ao catálogo de novos títulos de grao na Universidade española no marco da Converxencia Europea de Ensino Superior. En particular rexéitase a pretensión de eliminar o grao independente de Historia da Arte e de crear un grao conxunto de Historia e Historia da Arte.

2. Expresar o seu malestar porque en todos os procesos de reordenación das titulacións e dos estudos universitarios en España sempre se formule un intento de reducir a presenza dos estudos de Humanidades dentro da oferta de estudos superiores.

3. Reclamar a apertura dun proceso transparente e democrático de elaboración do novo catálogo de titulacións da universidade española, no que teñan presenza activa as Facultades e Departamentos involucrados.

A Xunta de Facultade de Xeografía e Historia tamén acordou por unanimidade convocar a unha concentración en defensa do grao de Historia da Arte e dos estudos humanísticos o vindeiro mércores, día 11 de maio, ás 12:00 horas diante do edificio da Facultade de Xeografía e Historia da USC.