Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso na toma de posesión de profesores celebrada o día 17 de febreiro de 2005

Marta López Alonso: Discurso na toma de posesión de profesores celebrada o día 17 de febreiro de 2005


Discurso en representación dos profesores titulares de Universidade e profesores titulares de Escola Universitaria

Marta López Alonso
Marta López Alonso

Excelentísimo e Magnifico Sr Reitor, Excelentísimos e Ilustrísimos Srs Vicerreitores, demais membros da Comunidade Universitaria.

Gustaríame comezar a miña intervención recoñecendo que a preparación da oposición á praza de Profesora Titular da que hoxe tomo posesión supuxo un excelente momento para reflexionar sobre o que supón a Universidade para min, cara a onde imos ou que Universidade queremos, que retos temos por diante, nunha palabra que proxecto docente queremos emprender.

Se hai algo que define a realidade actual e as perspectivas de futuro da Universidade de Santiago de Compostela, e de toda a Universidade española e internacional, é a aposta pola calidade.

É de todos ben coñecido que a Universidade española experimentou profundos cambios nos últimos 25 anos, pasando de ser unha Universidade de/para as elites a unha Universidade de masas. Isto obrigou á institución a adaptarse a un número de alumnos constantemente crecente; triplicáronse as Universidades e creáronse centros en practicamente tódalas cidades nas que hoxe se estudan máis de 130 titulacións diferentes. Nembargantes, dada a evolución demográfica da nosa sociedade, cunha tendencia á redución ou estabilización no número de alumnos, o novo desafío para o futuro da Universidade española, ó igual que o resto das Universidades do entorno europeo, é o incremento da calidade da ensinanza, de forma que chegue a ser un servizo público eficiente e eficaz de educación superior, cuxo obxectivo final sexa conseguir a excelencia na formación e na investigación.

Este intento por conseguir unha Universidade de Calidade está marcando tódalas iniciativas emprendidas nos últimos años, tanto a nivel político como universitario, dentro e fora das nosas fronteiras.

A nova, aínda que ben controvertida, Lei Orgánica de Universidades nace co obxectivo de dotar ó sistema universitario dun marco normativo que estimule o seu dinamismo, e pretende alcanzar unha Universidade moderna que mellore a súa calidade, que serva para xerar benestar e, que en función duns maiores niveis de excelencia, inflúa positivamente en tódolos ámbitos da sociedade.

As Universidades Españolas, conscientes de que a mellora da calidade constitúe o reto máis importante nos próximos anos, elaboraron o II Plan Nacional de Avaliación da Calidade das Universidades, co obxectivo de promove-la avaliación institucional da súa calidade, tanto no ámbito da ensinanza como da investigación e demais servizos que as Universidades prestan á sociedade.

Neste contexto, a Universidade de Santiago de Compostela tamén elaborou o seu propio Plan Estratéxico de Calidade. Para unha Universidade coma a nosa, que alcanzou un desenvolvemento cuantitativo e cualitativo moi importante, e que ostenta unha consolidación indubidable, debe presentarse como obxectivo prioritario nos próximos años o da calidade.

Este concepto de calidade debe ser entendido, máis que nun sentido puramente material, como un valor inherente á condición humana e un factor de progreso; que afecte a tódalas súas funcións e actividades principais, de modo que se debe falar á vez de calidade na ensinanza, na formación e investigación, calidade das infraestruturas, calidade do persoal docente e non docente, calidade tamén nos propios alumnos, pedras angulares da Universidade.

Estamos ademais no momento da creación do Espazo Europeo da Ensinanza Superior. Os acordos da "Declaración da Sorbona" (1998), consolidados ó longo destes últimos anos, conducen á harmonización e converxencia dos sistemas de educación europeos, o que implica o desenvolvemento de estruturas de aprendizaxe homologables entre os distintos países. Nestes acordos sinálase que "a calidade é a condición sine qua non para dotar ó Espazo Europeo de Ensinanza Superior de confianza, pertinencia, mobilidade, compatibilidade e atractivo".

E ben, ¿Que temos que facer para conseguir esta Universidade de Calidade?

Nun momento en que ninguén cuestiona os dous roles medulares da Universidade, docencia e investigación, dito noutras palabras, a produción de coñecemento e a transmisión do mesmo, parece selo momento de inseri-la Universidade no seu entorno social. Do paso de institucións docentes e investigadoras ó que Burton Clark bautizou como Universidades Emprendedoras, competitivas, innovadoras, con iniciativas e dispostas a asumir desafíos. Debemos potencia-la creatividade das Universidades, propoñendo as nosas iniciativas á sociedade, á par, estar en condicións de afrontar os nosos propios problemas dende unha posición innovadora. Debemos ser capaces de responder con rendibilidade social ó esforzo de contribución dos cidadáns e cidadás.

Tres son os piares básicos da transformación das Universidades en Universidades Emprendedoras:

En primeiro lugar debemos situa-la importancia da Universidade como elemento catalizador do desenvolvemento económico dun país, un tema que hoxe xa ninguén se atreve a cuestionar. Schultz, profesor e Premio Nóbel de Economía, na obra "Investing in People. The Economics of Population Quality" mostra como os factores de produción decisivos para a mellora do benestar social nos países pobres non son nin o espazo, nin a enerxía, nin a dispoñibilidade de terra cultivable, senón a mellora da calidade da poboación e os adiantos no coñecemento. Noutras palabras, que o futuro dun país está determinado esencialmente polo seu capital humano. Correspóndelle pois á Universidade emprendedora, que favorece a transferencia ó entorno socioeconómico dos resultados do estudo, a investigación e a formación, que se implica decididamente co compromiso social, a dinamización económica do mesmo, ademais da contribución a un crecemento sostible e equilibrado.

A segunda constatación é que a Universidade debe desempeñar un papel crucial na configuración dunha sociedade democrática e non excluinte. Na I Conferencia Mundial sobre a Educación Superior, organizada pola UNESCO (París, 1998) ponse de manifesto que a educación superior do século XXI debe cambiar profundamente, inscribíndose decididamente no proxecto global de "educación permanente para todos". Ademais das misións tradicionais de ensinanza, formación, investigación e estudo, que seguen sendo fundamentais, a educación superior debe favorecer o desenvolvemento integral da persoa e formar cidadáns responsables, informados, comprometidos para actuar en pro dun futuro mellor para a sociedade. A educación superior está tamén chamada a contribuír á solución dos grandes problemas de alcance mundial, rexional e local (pobreza, exclusión, agravamento das desigualdades, deterioro do medio ambiente, etc.) e a actuar para promove-lo desenvolvemento, a comunicación de coñecementos, a solidariedade, o respecto universal dos dereitos humanos, a democracia, a igualdade de dereitos de homes e mulleres, así como unha cultura de paz e non violencia. Estes obxectivos perseguirán o desenvolvemento do chamado "espírito universitario", entendido este como unha serie de valores que a Universidade debería poder transmitir ós estudantes, independentemente do grao de aproveitamento académico e dos coñecementos adquiridos por estes no seu paso pola institución. Esquecer todos estas competencias xerais da formación universitaria, a favor dos obxectivos específicos de cada licenciatura (tantas veces saturados polos numerosos créditos dos plans de estudios) farán que as Universidades de convertan unicamente en escolas superespecializadas, e teremos que oír, como xa empezamos  facelo, que ós nosos alumnos non se lles nota que pasaron pola Universidade.

Finalmente, a irrupción das Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, as famosas TIC, con Internet, a rede das redes, á cabeza, está condicionando enormemente a forma de ensinanza universitaria, sendo necesario responder ós retos derivados tanto da ensinanza superior non presencial como de formación ó largo da vida, e integrarse competitivamente xunto ós mellores centros de ensinanza superior no novo Espazo Universitario Europeo que se está comezando a configurar. Máis que a transmisión de determinados contidos xa consolidados, a Universidade Emprendedora do século XXI terá que capacitar ós profesionais para enfrontarse con espírito crítico a situacións continuamente cambiantes. O profesor tenderá a abandonar a súa función tradicional como transmisor principal de coñecemento para o alumno, a favor dun papel de mediador no proceso de aprendizaxe de este, quen pasa a selo protagonista activo.

Para prover un tipo de formación universitaria acorde con este novo entorno a Universidade debe prestar gran atención a aspectos como: (i) a preparación para o exercicio das actividades profesionais (necesidade primordial nun país como o noso onde se dan taxas de desemprego moi por encima da media europea); (ii) servizo de soporte científico e técnico ao desenvolvemento económico, social e cultural do contorno (o que supón manter unha colaboración estreita coa industria e os axentes sociais); e (iii) a transmisión la "cultura universitaria" (entendida esta como un interese xeral polo coñecemento, polos valores democráticos e a solidariedade con tódolos pobos). Ademais, hoxe en día, a necesidade de adaptación profesional permanente e o fácil acceso á información suxire que se integren estas funcións nunca soa: a de ensinar a aprender, entendida en catro dimensións: ensinar a aprender a coñecer, aprender a facer, aprender a vivir xuntos, e aprender a ser. 

¿Que podemos facer nos dende a nosa posición para conseguir este modelo de Universidade?

É incuestionable que temos que ser bos docentes e investigadores. Debemos buscar o equilibrio entre xerar coñecemento e transmitilo os nosos alumnos, os que a súa vez farán partícipe á sociedade. De novo estamos ante un concepto de rede.

Nembargante, na Universidade actual é sensación xeneralizada que existe un desequilibrio notable no binomio docencia-investigación, a favor desta última. Neste foro xa non sería necesario comentar como nos ambientes universitarios se promociona case exclusivamente pola nosa investigación. Podería repasar incluso as esixencias que tiven para estar hoxe aquí, e en ningún momento atoparíamos como requisito imprescindible a docencia. Diríalles mais, no novo sistema de habilitación os tribunais son seccionados exclusivamente pola súa actividade investigadora, e incluso os candidatos (póñolles o exemplo dunha compañeira que participou recentemente nunca habilitación onde un dos elixidos para ocupar unha praza de profesor titular non tiña recoñecida nin unha soa hora de docencia).

Entendemos pois que non corren bos tempos para a docencia universitaria, e temos que recoñecer que en parte isto é debido a que a Universidade non lle prestou a atención que merecía, posto que como sabemos, de forma tradicional non existiu ningún tipo de formación regrada de cara a la docencia universitaria.

Afortunadamente, esta situación parece que está empezando a cambiar. De feito, a preocupación pola calidade da docencia universitaria xurdiu cando se comezou a avaliar ó profesorado e se constataron importantes deficiencias en canto á súa formación psicopedagóxica  ou á utilización de medios e recursos. Corresponde pois ás Universidades interesadas en mellorar os seus curricula e formula-las reformas de envergadura que demanda a nova sociedade, asumi-la necesidade dunha formación didáctica do seu profesorado como eixo fundamental das transformacións universitarias.

Permítanme poñerlles un exemplo. Se partimos do perfil de profesor universitario proposto por Zabalza na súa obra "Evaluación, Formación e Innovación en la Universidad. El Triangulo estratégico de la calidad" integrado por tres compoñentes: o técnico-científico, o pedagóxico e o persoal, dámonos conta que mentres que a realización do compoñente científico-técnico -integrado na formación do profesor como investigador, e dependente absolutamente da súa área de coñecemento- debe estar fundamentalmente atendido polo propio docente, para o desenvolvemento dos compoñentes pedagóxico e persoal vai necesita-la axuda do medio universitario. Desenvolver unicamente o compoñente técnico-científico, como sucedía de forma tradicional, empobrece notablemente a calidade da docencia impartida.

Dende a miña posición considero fundamental a avaliación da docencia na carreira universitaria, non so esixindo uns mínimos de calidade ós que deberíamos chegar, senón tamén premiando ou valorando a aqueles compañeiros que lle dediquen unha especial atención, empregando métodos obxectivos (como a elaboración de manuais ou libros de texto, participación en programas de intercambio de alumnos, participación en cursos de técnicas docentes, de reciclaxe, etc.), e que isto poida usarse como ferramenta de promoción. Se dende a Universidade non se esixen uns mínimos á docencia, e non se premia o esforzo, corremos o risco de que a docencia se converta unha función secundaria dentro de la famosa Universidade de Calidade.

Finalmente gustaríame apuntar que non se pode alcanzar o prestixio de Universidade de Calidade ou Universidade Emprendedora sen desenvolver una ampla oferta de posgrao.

Os rápidos avances nos diversos ámbitos de coñecemento e as demandas derivadas das novas necesidades sociais e do mundo laboral acabaron coa vella concepción de que a formación recibida durante o período de formación universitaria é suficiente para o desenvolvemento de toda unha vida profesional. A sociedade, ademais de demandar profesionais cun elevado nivel cultural, científico e técnico que só a ensinanza universitaria é capaz de proporcionar (en ocasións con estudos de terceiro ciclo, doutorados o cursos de especialización), esixe ademais unha formación permanente ó longo da vida, non so no orde macroeconómico e estrutural senón tamén como modo de autorrealización persoal. Se ata agora os nosos alumnos eran xoves estudantes de primeiro e segundo ciclo, pensemos que cada vez serán mais os maiores. Debemos de facer un esforzo adicional por proporcionar este novo tipo de formación, lonxe da tradicional lección maxistral, conscientes que a nosa calidade e carácter emprendedor vai vir dada pola docencia de posgrao que podiamos ofertar á sociedade, imprescindiblemente vinculada coa nosa investigación.

Remato sinalando que debemos ser conscientes dos moitos desafíos e retos que temos ante nos e por iso precisamos estar á altura dos novos tempos. Nas nosas mans está facer da nosa Universidade, aínda que cinco veces centenaria, unha Universidade nova, con espírito xove e emprendedor, dinámica, que faga que o noso pais progrese, e que por encima de todo imprima ós nosos alumnos dese "espírito universitario".

Moitas grazas

Marta López Alonso:

Profesora titular do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria