Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso na toma de posesión como decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais

Nieves Lagares Díez: Discurso na toma de posesión como decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais


Vaian as miñas primeiras palabras para honrar e agradecer o traballo feito ate agora polo profesor Máiz e o seu equipo. Nada do que vou a decir, tería sido posible sen o destacado traballo intelectual de Ramón, que tantas portas nos ten aberto, nin sen a súa teimosía en incorporarnos a todo canto novo horizonte se abría ante os nosos ollos. Non podería recibir este decanato de mellores mans, das do mestre, o amigo e agora, o incondicional apoio. ¿Qué máis se pode pedir? Por eso, nunca dubidei ó decir que este era un decanato de continuidade, que non de mero continuismo. Non quero tampouco deixar de evocar esos primeiros tempos nos que o Prof. Vilas dirixiu a posta en marcha da Facultade. A ambolos dous debemos estar hoxe onde estamos.

Os escasos días que levo xa exercendo como Decana da Facultade servíronme para me decatar de algo que só se comprende si se ten desempeñado este cargo: o Decano é un profesor que non fai apenas nada de relevo, pero non para nin un minuto. Por eso, cando ó final do día doume conta de que non teño feito nada salientable pero levo dez o máis horas na facultade, máis de un lémbrame que para iso son a Decana.

Temos unha boa Facultade. É máis, temos unha das mellores facultades de España, ou polo menos eso din os rankings dispoñibles. Xa sei Rector, que algúns creen pouco o nada nos rankings, pero xa me teño acostumado a que neste país os rankings, como as enquisas, están ben cando che dan a razón e están mal cando lla dan ó de enfrente. Pois ben, para nós polo de agora os rankings están ben e das enquisas, xa falaremos. O que non ten dúbida é que somos unha das Facultades con mais convenios asinados con administracións e empresas e mais alumnos implicados en programas de intercambio Erasmus-Sócrates.

O feito de que teñamos unha boa facultade non quere decir que non aspiremos a mellorar, nin que nos conformemos có acadado ate agora. Polo contrario, aspiramos a máis e mellor profesorado que nos permita ser todavía máis competitivos; a crear suficiente masa crítica para diversificar, os nosos equipos de investigación; a encher de contidos a nosa biblioteca que ten visto como nos últimos tempos se reducían o número de adquisicións.

Nunca temos sido unha facultade choromiqueira. Sempre nos temos amañado mal que ben co que tiñamos e así temos acadado obxectivos importantes. Agora non vai ser diferente, pero non somos unha facultade conformista, rector, e sabemos que as veces a discreción e a modestia se interpretan como debilidade.

Sabemos tamén das dificultades que ten atravesado a Universidade. Sabémolo especialmente neses días de xaneiro cando o vello aluminio das nosas ventanas favorece a refrixeración dos nosos despachos provocando múltiples expresións de xúbilo dirixidas cara o Vicerrector de Calidade. Sinto Pepe. E como sabemos destas e doutras dificultades, e do difícil que é o exercicio do goberno, saiba o rector que nos terá sempre ó seu dispor. A mín, porque ata fai ben pouco teño formado parte do proxecto que vostede encabeza, baixo a "sabia guía" do Vicerrector Castor Méndez, que tanto me ten aprendido e a quén me une xa unha débeda de gratitude que só se paga coa amizade. E os meus compañeiros, porque pertencen todos a esa cada vez máis rara especie de xente empeñada en dar valor ás institucións, respetalas e tratalas coa lealtade institucional que merecen. Por eso, Sr. Rector, pode contar coa nosa lealdade da que tamén forma parte a crítica, que tampoco lle aforrarei, pero formulada sempre dende o respecto e a colaboración estricta.

Temos unha titulación complexa, que está a afrontar un denso debate cara á súa homologación futura. Por certo, o noso plano de estudios é de entre todas as Facultades españolas ó que mellor se axeita as directrices europeas da EPsNET e da propia ANECA, por mor da sua equilibrada síntese de estudios politolóxicos e da administración.

Confésolle abertamente, Rector, que aspiramos a que a USC dispoña de posgraos competitivos que nos permitan abordar a especialización diversa dos nosos graduados. Cara a ese obxectivo guiaremos os futuros pasos da nosa Faculdade, e nesa viaxe, aspiro a dispor de seu apoio e compromiso. Non podemos permitirnos unha nova diversificación das nosas titulación que espalle os estudios de CP e da admón.. ó longo do territorio galego. Moi ó contrario, aspiramos a facer valer a nosa calidade como motor destes estudios en Galicia, e a poñer un mínimo de racionalidade no país chegando a acordos entre as universidades galegas que xa temos asinado con outras universidades españolas.

Estamos nunha boa situación para atinxir estes obxectivos. As ofertas para formar parte de redes de posgrao sucédense, e xunto coas facultades de Granada, Barcelona, Bilbao e Salamanca temos formado unha alianza estable pola que pasan moitas das nosas expectativas de futuro. O longo deste mes remataremos as negociacións para incorporar a nosa rede de posgrao ás Universidades de Montpellier e Toulouse, coas que temos recorrido xa parte do camiño durante os últimos dous anos. Finalmente, o noso horizonte fíxase en que nos próximos dous ou tres anos, algúns dos nosos posgraos formen parte da proposta española de estudios que integrará a Universidade hispano-árabe, na que o profesor Montabes nos ten ofrecido participar, sin que esto supoña abandoar a nosa vocación latinoamericana, con moitas de cuxas universidades únenos lazos estables que non deixaremos de reforzar.

Este é, o meu ver, o único xeito de encarar o futuro, partindo duna boa posición e xerando boas alianzas. Nestes dous sentidos a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, pode decir que ten gañado a súa posición gracias ó traballo dos seus docentes e ten construido unha rede estable que lle permita xogar con certa tranquilidade dentro da nosa área.

Pero non todo son avances, rector. A nosa é unha investigación de "allto risco" e acabamos de comprobar como os mesmos políticos e xornalistas que onte alababan o noso traballo pola súa independencia e obxectividade, din hoxe que representan estas ou aquelas ideas políticas, mentras, oh casualidade!, o mesmo tempo moven Roma con Santiago para coñecer discretamente os nosos resultados, como ben lle consta ó señor Rector.

Pois ben, este é para min un punto de non retorno. Os estudios de Ciencia Política son novos en España, porque certas élites políticas foron reacias a súa implantación e expansión. A obxectividade e profesionalidade dos que nos adicamos ó estudio da política está por riba das nosas ideas ou preferencias políticas. Así ensinamos ós nosos estudiantes, e así o demostra a corta pero fructífera historia do noso centro e o crecente éxito profesional dos nosos licencidados.

Hai quén quixera cambia-lo pasado. Nos non. A nosa producción investigadora, tanto a destinada ó ambito científico como a adicada a divulgación falan por si mesmas para tranquilidade nosa e vergoña doutros. Por iso rector, pídoche que non entendas estas palabras coma un laio despois dun incidente desafortunado. Enténdeas como unha defensa da profesionalidade do noso claustro de profesores, do traballo dos nosos equipos de investigación e do espacio profesional dos nosos titulados. Temos moito intrusismo profesional, demasiadas retesías ó noso traballo que nos dificultan a achega de información e mesmo moito analista afeccionado, disposto a decir ou escribir o primeiro que se lle ocorre, convencido de que a súa perspicacia e olfato suplen dabondo a súa escandalosa falta de formación. Como Decana é a miña obriga defender, e así o farei con toda enerxía, non só o labor de investigación dos profesores do Centro, senón e moi especialmente o porvir profesional dos nosos licenciados.

Non podo rematar estas palabras sen agradecer a María Antonia Arias e a Miguel Bastos a súa disponibilidade nesta andaina e a súa implicación nas tarefas de goberno. Tampouco sen agradecer ós meus compañeiros a xenerosidade ter pensado en min para ocupar esta responsabilidade. E sen agradecer, en fin, a presencia de todos vostedes neste acto.

Nieves Lagares Díez:

Decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC