Saltar ao contido principal
Xornal  »  Quo Vadis Universitas?. Discurso Discurso pronunciado no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino

Senén Barro Ameneiro, reitor da USC: Quo Vadis Universitas?. Discurso Discurso pronunciado no acto académico da festividade de San Tomé de Aquino


Reunímonos un ano máis no campus lucense en recordo da figura do padroeiro universitario San Tomé de Aquino. A súa contribución ao pensamento da historia occidental mereceron o recoñecemento do Papa León XIII, quen o declarou padroeiro universal das institucións académicas católicas, e modelo de profesores.

Nesta ocasión acóllenos este espléndido salón de actos da Facultade de Veterinaria. Os estudos de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela remontan a súa orixe a 1882, cando foi creada a Escola Especial de Veterinaria, sendo reitor D. Antonio Casares y Rodrigo. Ata 1915 ficou no antigo Seminario de San Clemente, pasando despois ao edificio que hoxe acubilla ao Parlamento Galego. En 1924 a Escola foi pechada por múltiples razóns: a escaseza de alumnos –só 9 alumnos oficiais e 7 de ensino libre no curso académico 1923/24-, a redución do número de escolas do estado impulsada pola Junta de Reforma, e a ausencia dun compromiso firme da sociedade galega co proxecto que representaba a Escola e os seus estudos. A Facultade de Veterinaria actual atópase, por fortuna, nunha situación ben distinta. Creada en 1982, iniciou as súas actividades hai xusto vinte anos, no curso académico 1984/85. Hoxe é un centro de excelencia, un dos tres do estado español homologado polo Comité Consultivo para o Ensino en Veterinaria da Unión Europea. Obtivemos este importante recoñecemento no ano 2002, e no 2008 volveremos ser examinados coa intención de revalidar esta homologación. Seguro que co esforzo de todos consolidaremos este estatus de excepcional valor. Contamos ademais cun magnífico hospital veterinario, unha das claves da mencionada homologación, impulsado pola Fundación Rof-Codina. O novo plan de estudos comezou a súa implantación o curso 2001/02, e é seguido xa por máis de mil estudantes. Falamos da única Facultade de Veterinaria de Galicia, e un dos centros de referencia en España. Os galegos, e moi especialmente os lucenses, teñen motivos para estar orgullosos tamén deste centro, e seguro que o están.

O ano que hai pouco que expirou estivo marcado na USC pola súa situación económico-financeira, á busca de solucións á mesma e a resposta que todos e todas dimos a esta, o que sen dúbida foi a nosa principal preocupación: afanámonos en recortar gastos, render contas, negociar acordos e facelos operativos. Pero nin moito menos foi un ano baleiro no resto dos compromisos e retos cos que se enfronta a USC. Foron moitas as iniciativas que botaron a andar ou continuaron ao longo dos pasados doce meses. E fixémolo con folgos e ilusións intactas, incluso ás veces revitalizadas pola resposta e a entrega de toda a Comunidade Universitaria.

Foi o 2004 un ano de resistencia, felizmente culminado por importantes iniciativas e resultados. O único premio Nobel que deu ata o de agora o noso "Fogar de Breogán", Camilo José Cela Trulock, adoitaba dicir que quen resiste vence. Tamén este era o emblema familiar do explorador irlandés Sir Ernest Shackleton: "Fortitudine Vincimus". Shackleton é un dos mitos da aventura, das expedicións doutro tempo que hoxe só teñen parangón, se acaso, nas viaxes fóra da nosa atmosfera ou aqueles que buscan explorar os máis profundos pozos abisais dos nosos océanos.

Dicíalles que no ano que acaba de expirar fomos capaces de reconducir a situación económica da nosa Universidade. Fixemos fronte e con eficacia, ás dificultades de negociar e implantar o Plan de Equilibrio Económico Financeiro, que xa no ano 2006 nos conducirá ao imprescindible equilibrio entre ingresos e gastos. Equilibrio perdido hai anos, reconducido agora e, esperemos, sen volta atrás no futuro. Un Plan obrigado pola Lei de Estabilidade Orzamentaria. Un Plan necesario para poder cumprir a Lei sen amputacións traumáticas dos nosos capítulos de gasto. Un Plan sensato, no que nos facemos corresponsables na busca de solucións a problemas que evidentemente non nos son alleos. Un Plan oportunamente negociado e implantado, o que nos permitiu incluso manter intactas as nosas bazas para a posterior negociación do Plan de Financiamento 2005-2010 do Sistema Universitario Galego.

O esperado Plan de Financiamento por fin chegou. A USC traballou arreo por dito obxectivo e reclamou sensatamente máis recursos ca os finalmente acadados. Pero non é menos certo que o Plan supón un cambio conceptual imprescindible no financiamento universitario, que apunta xa á realidade das universidades, sobre todo da nosa: institucións non só docentes senón, e cada vez máis, investigadoras e prestadoras de importantes servizos á comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade. Un Plan que abandona absolutamente a ligazón entre o financiamento incondicionado e o número de alumnos ou créditos nos que estes se matriculan. Podemos traballar, polo tanto, e durante o resto da década, sen incerteza respecto aos recursos que nos van chegar da Administración Autonómica, que con diferenza é a nosa principal fonte de financiamento, situación lóxica como recurso público que somos ao servizo da educación superior, da investigación e o desenvolvemento.

Por fin os nosos esforzos, e falo moi especialmente dos do Consello de Dirección, poden ir xa completamente dirixidos á planificación, á execución eficiente e eficaz dos recursos dispoñibles ao servizo desa planificación, a obter novas fontes de ingresos, a deseñar un futuro académico que queremos inventar nós e non esperar simplemente a que vaia acontecendo.

Pero, ¿cara a onde vai a Universidade? ¿Que Universidade queremos? ¿Cal é o modelo de Universidade polo que loitar?

O profesor Miquel Siguán, profesor emérito da Universidade de Barcelona, e persoa moi querida e vinculada á USC, trasladaba hai pouco a un artigo periodístico unha interesante reflexión sobre a Universidade e o seu futuro (La Vanguardia, 10-1-2005). Sabemos que no século XIX comeza un rápido rexurdir das universidades, trala perda de fol posterior ao renacemento, producíndose unha "case refundación" da universitas, que transforma ás universidades centradas na teoloxía en universidades centradas na razón, na ciencia, no rigor do método científico. Pois ben, considera o profesor Siguán que dende a Segunda Guerra Mundial este modelo de universidade veuse descompoñendo dun modo rápido. O seu aspecto más visible, segundo nos di, foi o crecemento do alumnado e correlativamente do profesorado, co conseguinte cambio da función social da universidade, potenciándose ademais os aspectos profesionais de todas as formacións universitarias, a hiperespecialización e a disociación entre docencia e investigación, de tal modo que, e agora recollo exactamente as súas palabras: "A universidade nos nosos días estase a converter nun conxunto de escolas profesionais altamente especializadas que conviven con centros de investigación igualmente especializados". Considera adicionalmente que as Tecnoloxías da Información e da Comunicación en xeral e Internet en particular, están modificando o acceso á información e, incluso, ao coñecemento, diluíndo en certa medida o papel do profesor como axente ata agora case exclusivo da formación do alumno.

Nesta orde de cousas, conclúe o egrexo profesor, deberiamos denominar doutro modo ás actuais universidades, aínda que reservando o nome por se retorna ao ideal universitario de antano. Por exemplo, a través das ensinanzas que a maior parte das universidades, e a nosa foi das pioneiras tamén neste sentido, dirixen aos maiores; cun crecente nivel de sistematización, de afondamento, de rigor e de esixencia, pero, e volvo citalo ao pé da letra: "sen a preocupación de que constitúan un sistema de formación profesional especializada senón que responda só ao desexo de aprender... así está empezando o que ao meu [seu] xuízo será a terceira época da institución universitaria, unha época na que esta volverá ser o que sempre pretendeu ser: unha reunión de mestres e estudantes unidos polo desexo de saber sen necesidade de preocuparse pola súa maior ou menor utilidade".

Discrepo en boa medida desta visión e da súa análise, como lle dixen persoalmente ao querido profesor Siguán hai uns días. Si que é certo, e así o dixen e argumentei no pasado, que a Universidade como institución está nun proceso de cambio como facía décadas que non tiña lugar. Como sabemos, as universidades nacen no século XII tendo como única función a docente, e así foi ata os séculos XVII e XVIII. Ata ese momento a investigación camiñaba a través de compromisos persoais e de determinadas sociedades científicas. Despois amplían o seu papel, converténdose en institucións docentes e investigadoras. Fose a primeira Göttingen, creada en 1737, ou Berlín, que o foi en 1809, algo sobre o que aínda se discute, o certo é que comeza en Alemaña unha transformación sen parangón ata ese momento no ámbito das universidades. Na maior parte dos países desenvolvidos esta auténtica revolución académica tivo lugar a cabalo entre os séculos XIX e XX, e a pesar de que hoxe poida sorprendernos, non estivo exenta de polémica e críticas. Moitos pensaban que a actividade investigadora afastaría aos profesores do seu papel tradicional de docentes. No noso país, en sentido amplo, este proceso atrásase ata a década dos 80, ¡pero do século XX!, da man da xa defunta, aínda que lonxeva, LRU e, sobre todo, dun cambio na política de acción e reacción universitaria e de financiamento da I+D. A pesar das reticencias iniciais non creo que ninguén sexa capaz de cuestionar, senón ao contrario, a pervivencia do nome de Universidade para este novo modelo da educación superior, pero tamén da investigación. Pois o mesmo opino para o novo modelo en conformación. ¡Exactamente igual!

Efectivamente defendo que hoxe estamos vivindo un novo e profundo cambio, aínda que non sei se revolucionario. Pero, ao contrario que moitos, espero que non da maioría, o cambio que eu percibo, polo menos o cambio que eu persigo, non avanza por unha senda de deterioro, de malversación do patrimonio académico recibido, de devaluación do papel da Universidade, nin tampouco do seu nome. Ben ao contrario, penso que supón acomodarse en ocasións ao que outros sectores da sociedade nos demandan e noutros casos liderar a sociedade no seu conxunto por vías que entendemos adecuadas para mellorar como individuos e como colectividade. En definitiva, camiñar con esa visión globalizadora de toda a realidade que expresa a palabra universitas.

Non caiamos na tentación, a modo de mazá dunha erudición envelenada, de pensar que os universitarios temos a responsabilidade en exclusiva de fixar o papel que as universidades deben desempeñar no mundo. ¿Entenderiamos, por exemplo, que os xuíces fosen os únicos partícipes no desenvolvemento das ferramentas lexislativas?

Ás veces teño percibido un estraño, e creo que pernicioso fenómeno, que ben poderiamos denominar "das capas da cebola da academia": dende o corazón da Universidade vaise xerando unha interpretación inapelable de como avanzar cara á capa externa e facela avanzar á vez. Así o fai o profesor que vai "por libre", a pesar de ser, evidentemente, parte dun colectivo universitario. Así o fai o sector universitario que considera irrelevante o papel dos demais sectores, incluso daqueles que o subsumen. Así o faría finalmente a Universidade se non aceptase a intervención de ninguén máis no debate de cómo e qué debe ser a Universidade para ser mellor e contribuír a conformar unha mellor sociedade. Tamén se se exclúen outros partícipes do debate sobre o que significa "mellor" en ámbolos dous casos.

Como lles dicía, estou convencido de que estamos nunha segunda transformación da academia, que nos fará pasar das universidades como institucións de investigación, e por suposto tamén de docencia, a institucións emprendedoras, nas que, por outra banda, se reforza o valor desas dúas actividades medulares da academia. Pero a semántica coa que manexo este concepto de nova Universidade non é, non obstante, a que se está facendo usual, moito mais restrinxida, e que identifica ás universidades que contribúen á creación de empresas entre a súa comunidade e/ou a partir dos resultados da I+D desta. Este proceso non pasaría de ser unha evolución, aínda que importante, da actual Universidade. Eu falo dun cambio profundo e non dunha simple ampliación de actividades e responsabilidades. Por iso utilizo unha semántica de amplo espectro para o concepto de Universidade emprendedora. Falo daquelas universidades que se implican nunha sorte de metamorfoses que as orienta a estimular, detectar, facilitar, apoiar, acubillar e sustentar iniciativas xurdidas ao fío das súas actividades medulares de estudo, investigación e formación, de tal modo que favorezan a súa transferencia ao contorno social, económico e cultural. Universidades que se implican decididamente co compromiso social, a transferencia de coñecemento, a dinamización económica do contorno, a contribución a un crecemento sostible e equilibrado; o respecto ás persoas e, como non, ás que conforman a súa comunidade; a creación de cultura; a permeabilidade con outras estruturas docentes, empresariais, sociais…; universidades que participan e cooperan en redes.

A Universidade foi ata agora unha institución que funcionou como una peza ensartada nunha estrutura linear. Un ollal nun estrito corsé. Un élo máis –sexa ou non de marfil, ese non é o asunto-, dunha longa cadea. A Universidade emprendedora rompe a linearidade do proceso e configúrase tentacularmente, en rede. ¿Estamos ou non camiñando cara a unha sociedade en rede? Non pensen unicamente nas telecomunicacións. É necesario facelo tamén nas redes que se tecen no ámbito das relacións persoais, institucionais, funcionais, de cooperación, de intercambio, de mobilidade... A Universidade non pode ser allea á sociedade da que forma parte e á que en parte dá forma.

Como xa dixen nalgunha ocasión, considero que ata que avancemos a esta sociedade en rede non poderemos falar en sentido pleno da Sociedade do Coñecemento e, moito menos, da Sociedade da Intelixencia. Segundo o Diccionario da Real Academia, coñecemento é: entendemento, intelixencia, razón natural, noción, ciencia, sabedoría. Unha sociedade do coñecemento tería, polo tanto, que ser unha sociedade marcada basicamente pola ciencia, a sabedoría e, en última instancia, polo menos iso creo, a intelixencia. Obviamente non falamos de condicións simplemente exixibles aos e polos individuos que conforman a sociedade. Falamos de condicións que deben ser recoñecibles no conxunto, nunha unidade claramente distinta ás súas partes e incluso á simple agregación das súas partes.

No Consello Europeo de Lisboa do ano 2000 expresouse a vontade de converter Europa na "economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo a través dun crecemento económico sostible con máis e mellor traballo e maior cohesión social". Os deberes son para o 2010, pero vexo moi difícil telos acabados, incluso avanzados, se non somos quen de configurar unha verdadeira Europa en rede, abandonado a Europa linear construída por agregación. Esta última ten unha progresión aritmética e a primeira xeométrica, e os que algunha vez xogasen a realizar progresións dun ou outro tipo saberán de qué lles falo.

Estou convencido de que a nosa Universidade, que naceu fai máis de cincocentos anos como institución docente, soubo avanzar nas últimas décadas dunha maneira rápida e eficaz como institución tamén investigadora. Os datos do informe bienal do ano 2004, "La Universidad española en cifras", son rotundos, ao situarnos no sexto lugar en ingresos por investigación. Outros indicadores non fan senón confirmar a nosa posición privilexiada no conxunto das universidades españolas. Por exemplo, o estudo "Mapa bibliométrico de España en biomedicina y ciencias de la salud", dado a coñecer moi recentemente, sitúa á USC tamén no sexto lugar en produtividade científica en biomedicina e ciencias da saúde. Ocupamos tamén un excelente oitavo posto no número de programas de doutoramento coa mención de calidade que outorga o Ministerio de Educación e Ciencia. O informe do profesorado funcionario das universidades públicas españolas e a actividade investigadora avaliada, de xullo de 2004, sitúa á USC no quinto lugar, na medida en que o 61,38% do noso profesorado funcionario posúe o recoñecemento investigador –número de sexenios- necesario para formar parte dos actuais tribunais de habilitación. Galicia é a quinta comunidade española trala análise da produción científica recollida en publicacións referenciadas no SCI (Science Citation Index); debemos estar orgullosos por este resultado, pero debo dicir ademais que a USC contribúe a este logro con máis dun 50% do total, e no total no só están as universidades senón calquera unidade pública ou privada que realice investigación –centros de investigación das distintas administracións, hospitais, departamentos de I+D das empresas, etc.- Convén dicir estas cousas para que a sociedade saiba qué facemos cos seus recursos, e reflexionar ao tempo sobre as perniciosas políticas de equidistribución do café, en referencia á popular frase de "café para todos", aínda que en todas as cuncas poida haber un chisco de estimulante café.

Do mesmo xeito que traballamos arreo para consolidar e incluso mellorar a posición privilexiada que ocupa a nosa Universidade no panorama das institucións investigadoras, temos que esforzarnos nunha mellora continua da docencia. Nas dúas últimas décadas a universidade española afrouxou o seu compromiso docente na medida que intensificaba o investigador, como se ambas facianas non puidesen ser compatibles no seu desenvolvemento. O Plan de Calidade da USC aposta decididamente pola mellora da docencia, e o fai arredor de seis eixes, que buscan resaltar o papel da docencia; estender a cultura da calidade e da mellora continua; asegurar a adecuada converxencia ao espacio europeo de educación superior; mellorar a oferta formativa; mellorar a acción docente; e fomentar a innovación docente. Axudémonos todos a avanzar tamén neste sentido.

Ao igual que soubemos facelo ben no primeiro gran cambio, incorporando a investigación como unha nova actividade nuclear, creo que o estamos facendo igual de ben no segundo; o que nos conduce a ser unha Universidade emprendedora. Un camiño non exento de riscos, pero neste sentido estou en perfecta sintonía con Federico Mayor Zaragoza, quen afirma frecuentemente que o risco sen coñecemento é perigoso, pero que o coñecemento sen capacidade de risco é inútil.

De novo non farei máis que esparexer algúns datos, pero espero que sirvan de bos exemplos. Un recente informe sobre a situación dos programas de apoio á creación de empresas nas universidades españolas, dirixido polo profesor e bo amigo Francesc Solé Parellada, da Universidade Politécnica de Cataluña, pon de manifesto que dende 1998 unha terceira parte das empresas nacidas das universidades españolas foron creadas por tres Universidades: a Politécnica de Valencia, con 161 empresas creadas, a Politécnica de Cataluña, con 93, ata agora supoño que non estou a sorprendelos, a Universidade de Santiago de Compostela, a nosa Universidade, con 90 empresas creadas. O programa Uniemprende da USC é hoxe un modelo en España, e cada vez máis tamén a nivel internacional, de cómo se pode e se debe promover a creación de empresas de base científica e tecnolóxica xurdidas no contorno universitario. O crédito que estamos obtendo neste ámbito permitiunos liderar o proceso de creación dun fondo de capital risco (I+D Unifondo), que contará coa participación inicial de case vinte universidades de toda España, cun capital superior aos doce millóns de euros. Non hai neste momento unha iniciativa semellante en toda Europa. O Banco Europeo de Investimentos xa mira cara á USC.

Son moitas as marcas de "obxectivo cumprido" que podemos poñer xa nos nosos Plan de Calidade, Plan Estratéxico das TIC ou Plan de Desenvolvemento Sostible. Pronto asinaremos os primeiros acordos de interese mutuo con Departamentos e Institutos de Investigación, derivados dun laborioso pero estimulante e construtivo proceso de planificación estratéxica.

Unha máis das nosas iniciativas pioneiras entre as universidades de España permitirá a máis do 50% dos alumnos que voluntariamente se acolleron a este servizo, recibir información académica de forma gratuíta a través dos seus móbiles: notas, datas de revisión de exames, información de bolsas… O noso Web institucional foi redeseñado completamente para convertelo nunha potente ferramenta de información, comunicación e servizos á comunidade universitaria e á sociedade no seu conxunto, apostando por principios de usabilidade e accesibilidade. Tras poucos meses de vida xa ten un palmarés de recoñecementos certamente destacado. En outubro de 2004 recibiu o Premio Eganet ao mellor web institucional galego, e ocupa o primeiro posto no estudo de accesibilidade dos portais universitarios españois, un resultado en liña co noso compromiso institucional de sensibilidade e atención aos colectivos con necesidades especiais.

Conseguimos cubrir xa case o 100% dos campus a través de tecnoloxías de conexión sen fíos ás redes de telecomunicación, a través de case 500 puntos de acceso instalados en 62 edificios. A iniciativa de apoio á adquisición de computadores portátiles a estudantes situou á nosa Universidade como primeira do estado español en número de adquisicións, tanto en valor absoluto como relativo ao número de estudantes. Son só algúns exemplos dun compromiso coa dispoñibilidade e bo uso das TIC, que non debe ter quebranto nin pausa.

Os últimos datos dispoñibles sobre premios nacionais fin de carreira (curso 2002-2003), sitúan á USC en cuarto lugar. Estamos tamén na parte alta da táboa en canto á mobilidade estudantil. O noso innovador programa "A ponte entre o ensino medio e a USC" levounos o pasado curso académico a visitar 177 centros de ensino medio de Galicia, coa colaboración de forma directa de máis de 70 membros da comunidade universitaria. Permítanme que aproveite esta ocasión para agradecerlles a cantos participaron no programa o seu esforzo, que, como sempre, se engade a todas as súas outras responsabilidades. O programa "A ponte" está concibido precisamente como un paso bidireccional entre a ensinanza media e a universitaria. Un programa que fomenta a interacción e o coñecemento mutuo. Un programa que ademais mostrouse moi eficaz na difusión da nosa Universidade entre os estudantes de secundaria, e incluso está dando importantes froitos na captación de novos alumnos. De feito, a pesar de que o número de alumnos total da nosa Universidade segue descendendo, como era previsible, e así será durante algúns anos máis, por segundo ano consecutivo, e especialmente no presente curso académico, o número de alumnos de novo ingreso está aumentando. Faremos esforzos por manter ano a ano esta boa nova.

Dende que se puxo en marcha a nosa Oficina do voluntariado en setembro de 1996, máis de 3.500 voluntarios da nosa Universidade participaron activamente nas case 40 accións de carácter solidario que hoxe se ofrecen nos campus de Lugo e Compostela –hospitais, menores, terceira idade, discapacidade, medio ambiente…-. Adicionalmente, foron case 10.000 voluntarios só da nosa Universidade os que participaron na limpeza do fuel que abateu as nosas costas e os nosos corazóns. Supoño que é fácil imaxinarse o orgulloso que me sinto desta Universidade tan comprometida socialmente.

No ámbito da proxección exterior cobrou un especial protagonismo o ambicioso e exitoso programa "Camiños da USC en América". Un proxecto que foi concibido e dirixido por un dobre afán: primeiro, estimular eses camiños oceánicos que tamén nos unen cos nosos irmáns do outro lado do Atlántico, nun ano, o 2004, que foi Ano Santo, ano do Camiño de Santiago, ano de Galicia; e, segundo, o desexo de proxectar a toda Iberoamérica a imaxe dunha Universidade, a de Santiago de Compostela, que, ademais de contar co po académico e científico acumulado durante cinco séculos nesta casa do saber, está disposta a demostrar que acepta e afronta con ilusión os novos retos que xa nos está a poñer este século e milenio no que hai pouco que vivimos. Despois de eventos tan relevantes como a Conferencia Iberoamericana de Reitores e Responsables de Relacións Internacionais, e de resultados tan significativos como a "Declaración de Compostela", que reclama un espazo de educación superior Unión Europea-Latinoamérica e Caribe, "Camiños da USC en América" chegou ao seu fin cos actos do Centenario da Biblioteca América. Máis de 10.000 persoas acudiron aos distintos eventos programados para celebraren esta efeméride: a visita á propia biblioteca, exposicións e un amplo abano de conferencias e mesas de debate sobre diversos aspectos de interese cultural, científico e bibliográfico sobre a Biblioteca América, a súa orixe e a súa vida. Un centenario de portas a fóra, xa que entendemos que o riquísimo, excepcional, patrimonio da nosa Universidade só é noso na medida en que saibamos facelo de todos. Só o xestionaremos axeitadamente se somos quen de facelo en beneficio da sociedade no seu conxunto. Por iso puxemos en marcha o programa "Universidade Viva", que abre á sociedade parte dun patrimonio atesourado e acrecentado ao longo de máis de cincocentos anos de existencia. Queremos seguir ampliando este proxecto, e nesta liña lideramos unha experiencia pioneira en Europa e moi posiblemente no mundo, cun proxecto conxunto coas Universidades de Boloña, Coimbra, Cracovia, Pécs e Malta.

Estou convencido, que camiñamos cara a unha nova Universidade: a Universidade emprendedora. Diferente en moitos sentidos, pero que segue a ser, sen dúbida, "Universidade". A USC tamén avanza por esta senda, pero ademais, en moitos tramos encabeza a marcha. Estamos aprendendo a emprender e emprendemos aprendendo. Incluso en certos ámbitos estamos construíndo fórmulas para incentivar e asentar a cultura emprendedora das universidades, e somos modelo e referencia nese sentido.

Creo que temos motivos para estarmos orgullosos. Pero non debe servir o lexítimo orgullo do conseguido para afrouxar o noso compromiso coa Universidade e a sociedade no seu conxunto. Debemos mellorar cada curso académico, cada día incluso, e analizar en qué medida individual e colectivamente o estamos conseguindo. Son moitos os retos que temos por diante, pero tamén son moitos os medios humanos e técnicos cos que contamos. Estou seguro de que temos forzas e ideas para seguir avanzando.

É momento de ir rematando o discurso, pero non quixera facelo sen agradecer moi sinceramente a excelente lección coa que nos ilustrou o profesor D. Ignacio Ramos, quen aceptou de inmediato, e coa ilusión do mestre, impartir a lección maxistral, que certamente o foi, deste acto solemne do padroeiro das universidades.

Quixera tamén acercarlles coa miña palabra a descrición de dúas persoas que hoxe foron agasalladas coa insignia de ouro da nosa benquerida Universidade. Segundo recolle o artigo 162 dos estatutos, a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela seralles concedida a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución. Por iso hoxe lle concedemos a insignia de ouro a Dona Blanca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso. Un grupo empresarial profundamente modernizado e ampliado baixo a presidencia de Dona Blanca, e centrado no mundo da comunicación e da cultura. Baixo a súa presidencia El Progreso retomou e potenciou a súa antiga traxectoria como empresa editora de libros, sacando á luz varias coleccións, tanto de carácter técnico como divulgador, todas elas destinadas a contribuír á análise e ao coñecemento da realidade histórica, social e cultural de Galicia. É a primeira galega que preside un grupo empresarial de comunicación e unha das poucas mulleres que afrontan tal responsabilidade en España. A súa sensibilidade, cariño incluso, cara á Universidade en xeral e a de Santiago de Compostela moi especialmente, e o firme compromiso e decidido apoio á mesma están presentes na actividade e os contidos do Grupo El Progreso. A USC, e particularmente o campus lucense, sabe que conta cun escenario no Grupo El Progreso e cun atril permanente no xornal homónimo. A través destas canles propíciasenos poder cumprir cun dos compromisos que toda Universidade debe ter coa sociedade: o de informala e facela coñecedora e partícipe do que desde a Universidade se está a facer polo progreso social, económico e cultural. Grazas Blanca por esta fiestra á sociedade galega. Tamén se fai notar a túa proximidade á nosa Universidade desde a presidencia da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo -entidade dependente da Confederación de Empresarios de Lugo-. Ademais, Dona Blanca García Montenegro quixo e soubo atopar tempo entre as súas innumerables responsabilidades para colaborar coa USC tamén desde os seus dous Consellos máis importantes: o Consello de Goberno e o Consello Social. Benquerida Blanca, podes ter por seguro que todos pensamos que concorren en ti sobradas razóns para merecer a Insignia de ouro da Universidade que hoxe tiven a honra de impoñerche. Parabéns de novo por esta distinción.

Agora voulles pedir un favor que estou seguro que non lles custará ren. Que pechen un intre os ollos para imaxinar que tamén hoxe se lle fai entrega da insignia de ouro da USC ao noso profesor D. Enrique González García, profesor e exdecano deste centro. Non creo necesario darlles conta, e menos neste o seu Centro, da traxectoria de compromiso, esforzo e dedicación permanentes de Enrique á USC, a este campus de Lugo e, moi especialmente, como non, a esta Facultade de Veterinaria. Pechando os ollos, como lles dicía, farémoslle agora e aquí unha entrega virtual da Insignia, xa que a real ocorreu no pasado mes de nadal, na súa casa desta fermosa cidade amurallada. Non puido ser doutro modo, xa que unha cruel enfermidade estalle minguando as forzas, aínda que por fortuna non consegue achicar o seu pensamento e a súa bonhomía. Quero que hoxe vaian para el os aplausos que usualmente pechan os discursos do reitor.