Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de inauguración da Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con'

Fernando Cobo Gradín: Discurso de inauguración da Estación de Hidrobioloxía 'Encoro do Con'


Excmo. e Magfco Sr. Reitor, Ilmo. Sr. Alcalde, Excmos. Vicerreitores, Señoras e Señores, benqueridos compañeiros e amigos.

Din os que pouco saben de Bioloxía e moito ignoran de Evolución que "a necesidade crea o órgano", sabemos ben que esta visión lamarkista do feito evolutivo é incorrecta, pero do que xa non estou tan certo é de que non se poda extrapolar ao caso que nos ocupa, pois este edificio, que hoxe inauguramos, é resultado directo de unha necesidade acuidante. En efecto, van xa alá cinco anos dende que, despois de moito cismar sobre a necesidade dunha estación de campo, que permitira aos hidrobiólogos galegos desenvolver estudios a longo prazo, tiven a fortuna de que o meus colegas o Prof. Marcos González, e o Prof. Alejo Carballeira se fixeran partícipes desta preocupación, e coa súa brillante filosofía e axeitado xuízo diante dos problemas, comezamos algo que por entón non sabíamos que o cabo nada tería que envexar ás epopeas de Homero.

Moitos de nós sabemos das renuncias que supón a actividade científica, para que as veces, quede como único resultado unha hipótese dubidosa por mor de imponderables alonxados da nosa vontade. Daquela, unha oportunidade de paliar esta situación no eido da Hidrobioloxía, como a que agora brinda a existencia de este centro, e impagable.

Hai pouco, aínda que agora semelle estraño dabondo, a Bioloxía tíñase arredada das políticas científicas pola súa escasa transcendencia práctica na vida dos pobos. Pero a situación mudou de súpeto gracias aos logros espectaculares acadados nos últimos anos e á pertinaz e apaixonada actividade dos investigadores.

Na Europa de finais do século XIX comezan se instalar laboratorios fixos as beiras de lagos ou encoros para a realización de estudios hidrobiolóxicos. O primeiro deles, xa desaparecido, instalouse en 1891 en Plön (no Holstein, na chaira do Norte de Alemaña). A este seguíronlle outros moitos en diversos países: Austria, Suíza, Bélxica, Holanda, Grande Bretaña, Dinamarca, Suecia, Finlandia, Francia, Italia, etc.; así, no ano 1935 existían ao redor dun centenar de estacións hidrobiolóxicas, moitas delas continúan hoxe en día a súa fructífera actividade.

É mágoa que en España, máis polo escaso interese das culturas locais polas cuestións científicas que pola escaseza de augas naturais, tan só podemos citar o "Laboratorio de Hidrobiología Española" da albufeira de Valencia, de efémera existencia, fundado no ano 1912 e que estaría en funcionamento ate o ano 1924.

Así pois, non era sen tempo que a Universidade de Santiago, na súa crecente contribución ao sistema de investigación e desenvolvemento da nosa comunidade, promovera a construcción de este centro para que contribúa aos fins que lle son propios: a investigación, o ensino superior e a extensión cultural. Pero permítanme que dedique tan só uns poucos minutos a salientar a importancia científica, académica e social de esta única estación de campo de Hidrobioloxía que temos en funcionamento en España.

Xa sabemos que a auga é o producto máis consumido do mundo, pero a auga non é só un recurso limitado, se non que se trata do compoñente básico da biosfera. Un río ou un lago non son simples masas de auga ou canais por onde discorre un fluído senón que son, principalmente, ecosistemas de incalculable valor por se mesmos, formados por multitude de organismos froito dunha longa evolución. A auga é o medio onde se desenvolve cadansúa biocenose dos diferentes ecosistemas acuáticos continentais. E aínda máis, a auga e a forza dinámica formadora dos hábitats e responsable da supervivencia dos organismos ao longo dos seus complexos ciclos vitais Confundir os ríos ou lagos coa auga que conteñen é como valorar a creación literaria en función da calidade do papel sobre o que se imprime a obra.

En Galicia, a ampla diversidade de hábitats acuáticos, caracterizados por comunidades singulares, posibilita a existencia dun grande número de organismos de indubidable interese, e así, numerosas especies de vertebrados, vinculadas ás augas continentais galegas e que están en clara regresión, gozan actualmente de protección legal. Pero, con todo, o descoñecemento existente sobre moitos grupos faunísticos de invertebrados e a representación case anecdótica destes organismos na lexislación de protección internacional, subministran unha visión moi parcial da diversidade biolóxica no ámbito da nosa Comunidade.

A pesar do intenso labor investigador que se ven realizando en Galicia no ámbito da Hidrobioloxía, e sen perigo de seren esaxerados, podemos afirmar que temos inventariado tan só o 30% das especies animais que constitúen o poboamento total dos nosos cursos fluviais.

A información dispoñible indícanos que en Galicia existe non só unha grande biodiversidade, se non tamén unha grande porcentaxe de endemismos, o que outorga á nosa fauna doceacuícola un valor excepcional. A título orientativo abonde sinalar que nos ríos galegos viven perto de 400 especies endémicas de invertebrados e que tan só nos últimos 30 anos describíronse, das augas galegas, ao redor de 80 especies novas para a Ciencia, pertencentes a diferentes grupos de invertebrados acuáticos (fundamentalmente insectos e vermes). E como paradoxo inexplicáble, mentres que 38 especies de vertebrados ligados aos medios fluviais galegos se consideran ameazados e son merecedoras de protección legal, unicamente seis invertebrados gozan de semellante consideración.

A vexetación reflicte as mesmas características especiais, Galicia conta con unha representación tamén moi diversa e con especies exclusivas do noroeste peninsular, algunhas de grande vulnerabilidade.

Non sei o por qué da perda de interese cultural polas nosas augas continentais, nin cando foi acontecendo ese cambio na mentalidade social de Galicia. Quizais sexa debido a aparente superabundancia local do recurso porque xa se sabe que o marabilloso, se é frecuente, deixa de chamar a nosa atención. Recuperar a capacidade de marabilla da sociedade galega polos seus ríos e a súa biota ten que ser unha das ideas directoras da actividade da estación que hoxe inauguramos.

Se cadra, o que teño dito non e mais que unha apreciación persoal, pois no noso folclore a auga é o elemento símbolo por excelencia. Así, amósanse cheas de carga simbólica as augas das fontes, dos ríos e lagoas, que se utilizan en rituais purificadores ou que agochan míticas cidades asolagadas.

Gustaríame pensar que en algures aínda lle contan aos nenos que un salmón foi o que atopou e gardou o anel abacial de San Rosendo, quen o guinda ás augas do río Eume por mor de facer penitencia, ou que donas viradas en troitas enfeitizadas por algún mouro ou por castigo divino gardan grandes tesouros agachados nas fontes.

A xente non adoita poñer moitos atrancos a hora de aceptaren que os ecosistemas de auga doce están a ser contaminados e destruídos no mundo enteiro, pero acostuma afirmarse coa mesma rotundidade que en Galicia a situación é moi diferente e que os nosos cursos de auga gozan de moi boa saúde. A realidade está nas antípodas desta visión idílica que reflicte un claro descoñecemento da singularidade biolóxica e xeomorfolóxica dos nosos cursos de auga, e os que sosteñen tal afirmación o fan ben no seu propio beneficio político ou por comparación con outros ríos ibéricos nos que as características naturais son radicalmente diferentes dos nosos.

Claro que isto parece que non foi sempre así, e como mostra de cómo os intereses espurios poden cambiar a percepción das cousas, non podo resistirme, chegado este punto, e tendo en conta que este que corre sei que é Ano Santo, a facer referencia a que: no capítulo V do libro V do Códice Calixtino dedicado a "os bos e malos Riós que no camiño de Santiago se atopan" se advirte de que "se algunha vez comes en España e en Galicia o peixe que vulgarmente se chama barbo, ou o que os do Poitou chaman alosa e os italianos clipia ou anguías ou tencas, seguro que enfermas ou morres inmediatamente. E se por casualidade houbo quen os comeu e non enfermo, é porque foi mais san que os outros ou permaneceu longo tempo naquela terra". De todos é ben sabido a pouca afección que o clérigo Picaud tíñalle a España e a Galicia, agás, claro está, da cidade do Apóstolo.

Os casos máis frecuentes e xeneralizados de contaminación, e que afectan permanente ou temporalmente ao 90 % da rede hidrográfica galega, débense ao enriquecemento orgánico procedente dun numeroso conxunto de actividades humanas. Pero a pesar de todo isto e de a súa frecuencia, estes casos de deterioro ambiental son os máis facilmente emendábeis e os que mellor responden ás medidas correctoras. A modificación física do hábitat en forma de destrucción das brañas e mananciais, e como consecuencia de inadecuados dragados, canalizacións, e aproveitamentos hidroeléctricos ou pola construcción de aberrantes paseos ou praias fluviais é xa tan frecuente nos nosos ríos que pode ser considerada a principal causa de alteración das nosas comunidades bióticas doceacuícolas.

Así e todo este magoante panorama, un pequeno esforzo por parte dos axentes implicados emendaría, de maneira apreciable, moitos dos efectos negativos que inciden sobre os nosos ríos. Existen técnicas de rehabilitación, mitigación ou remedio para restaurar e asegurar a permanencia de ecosistemas sans e compatíbeis co desenvolvemento social e económico, e deberían contemplarse en todos os proxectos que impliquen un uso importante de auga, tendo en conta, de forma sistemática, os riscos ambientais e as incertezas derivadas da utilización do recurso, especialmente no que concirne ao funcionamento dos ecosistemas sobre os que se asenta.

Os que temos a fortuna de formar parte da comunidade universitaria temos unha prerrogativa de responsabilidade inalienable de promover e transmitir a sociedade os avances científicos que redunden nunha mais eficaz protección ou conservación do patrimonio.

Se coa actividade futura de esta estación de Hidrobioloxía, somos quén de aportar argumentos para facer entender que os plantexamentos economicistas que comprometen a conservación do noso patrimonio natural son erróneos e que os ecosistemas acuáticos sans subministran unha rendibilidade social moi superior á que se pode obter en estado degradado, terei a esperanza de que, con elo, ata os mais desconfiados adoptarán unha postura benévola respecto á nosa disciplina e deixarán de lado certos prexuízos moi estendidos.

A idea inicial da creación deste centro contou de seguida co apoio expreso dos Centros de Investigación, Museos, Colexios oficiais, Sociedades Científicas e colectivos como asociacións ecoloxistas, federacións de pesca, etc., nacionais e internacionais, máis directamente implicados no estudio e defensa do noso patrimonio natural, aos que se somaron, de xeito individual, mais de 50 hidrobiólogos de diferentes países.

Pero se o progreso cara un coñecemento mais amplo da Natureza tense que realizar forzosamente no contexto social, e este semellaba ser todo o favorable que un podía desexar, demostrouse de súpeto, como, en ocasións, os científicos sentímonos atrapados na miopía e limitacións dos nosos contornos políticos, e irrita sobremaneira ver como a ruindade de estraños ou os ciumes de propios xeran atrancos en case que tódalas fases do proxecto. Por iso, o entusiasmo e a agudeza de espírito dos que, dende o primeiro momento, souberon ver a importancia da iniciativa son merecedores do recoñecemento mais expresivo.

Estoume a referir a:

D. Juan Antonio Garrido, a primeira persoa a quen, por proximidade afectiva, fixemos partícipe da que, por aquel entón parecía peregrina, idea da construcción dunha estación de campo para estudiar a bioloxía dos ríos e humedais continentais de Galicia. El foi quen propiciou a primeira entrevista co Alcalde Presidente do Concello de Vilagarcía, D. Javier Gago López que amosou inmediatamente a súa completa receptividade. Sentímonos gratamente impresionados ao comprobar como alguén afastado do mundo académico comprendía de xeito tan intelixente os beneficios sociais e científicos que se derivaban do proxecto. Dende entón e ata hoxe, fomos afortunados ao contar coa a súa dispoñibilidade, e mesmo o seu estímulo. Así, foi emocionante comprobar como a totalidade da corporación municipal aprobaba no pleno do 16 de maio de 2000 a redacción do convenio de colaboración coa Universidade e deixaba limpo o camiño para a construcción da Estación.

A eles débese que hoxe poidamos estudiar a auga doce a beira do mar, e que a Universidade de Santiago teña un novo motivo para lembrar que Vilagarcía é mar de Compostela, aínda que, eu teño que dicir que o é pero co permiso de dous río: o Ulla e o Sar; e cando este se estreita e obriga ao desembarco, a encargada de levar ata Santiago aos fillos de Arousa, é a fonte da Escravitude, que dende a antigüidade aliviou a sede e as feridas dos camiñantes que percorrían a calzada romana de Iria a Compostela.

O naqueles momentos Reitor, o Prof Darío Villanueva Prieto manifestou de contado seu desexo de que esta estación xunto coa de Bioloxía Mariña da Graña, que por entón estábase a construír, e coa Estación de Bioloxía de montaña de O Courel que todos desexamos estea pronto rematada, formase un conxunto único e sen comparación na oferta formativa e investigadora das universidades españolas.

O Vicerreitor de Investigación de entón Prof. Ramón Leis Fidalgo dedicounos máis atención do que lle impuña a mera obriga administrativa e foi testemuña privilexiada do comportamento refractario dalgún dos nosos políticos.

Colleron o relevo o actual Reitor o Prof. Senén Barro Ameneiro e o Vicerreitor de Investigación o Prof. Eduardo García-Rodeja Galloso. Ámbolos dous aceptaron gustosos o desafío de seguir no rego e o compromiso persoal do novo Reitor supuxo o estímulo definitivo que afastaba toda incertidume. Dende aquela e ata hoxe, Eduardo ven superando con paciencia o calvario ao que o someto constantemente, pois non tiven, nin teño, e moito me temo que non terei, reparo en interromper constantemente o seu traballo e mesmo o seu tempo libre con mil cousas pequenas e non tan pequenas que sempre atende con comprensión xenerosa e tolerancia infinita a pesares do meu caracter as máis das veces insoportable.

Con dificultade atoparíase a alguén que amosase mais apaixoado interese que D. Eugenio Jimenez Passolas, arquitecto municipal e verdadeiro mecenas intelectual do proxecto. Do seu desexo de non esquecer nin o mais mínimo detalle da construcción que puidese entorpecer a súa futura actividade investigadora, e o esforzo, a paciencia e a profesionalidade con que definiu o proxecto e dirixiu as obras dá conta perfectamente o resultado final que estamos a ver. Hoxe quérolle expresar a miña grande estima polo seu traballo pero sobre todo agradecerlle a súa relación fondamente humana. Os seus consellos constituíron e constitúen para min un tesouro particular dó que me sinto especialmente recoñecido.

D. Emilio Pumar Durán, arquitecto técnico das obras, e o Director da Oficina de Arquitectura e Urbanismo da nosa Universidade, D. Arturo Campanero García, foron os colaboradores necesarios responsables do magnífico ambiente de cordialidade do que manaban as solucións máis axeitadas aos problemas técnicos que ían xurdindo.

Todo o persoal que a empresa constructora INDEZA puxo ao servicio da Estación cumpriu con profesionalidade exemplar o seu cometido, e moi especialmente D. José Luís Andión Campos que contribuíu coa súa destreza, tempo e esforzo a superar as múltiples dificultades de coordinación que foron aparecendo nas diferentes etapas da construcción.

Entre os meus colegas, o Prof. Victoriano Urgorri Carrasco, Director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, e que ten o notable mérito de ter pasado antes por este mesmo camiño, amosouse sempre xeneroso en consellos e agarimoso alento.

O proxecto debe moito ao continuo apoio do anterior Decano da Facultade de Bioloxía, o Prof. José Carlos Otero González, e ao actual, o Prof. Jaime Gomez Marquez, ao seu equipo, e a tódolos compañeiros da Facultade que, cada un á súa maneira, desempeñaron un papel decisivo. Entre eles, os investigadores do Departamento de Bioloxía Animal, a Dra. Mª José Servia e o Dr. Rufino Vieira son para min moito mais que colaboradores sempre dispostos diante dos traballos decote arduos e monótonos.

Teño que recoñecer tamén a liberalidade no traballo que todos estes anos amosou o Persoal de Administración e Servicios da nosa Universidade, non só nos seus labores cotiáns, senón mediante os seus aportes de información e de acertados criterios.

En fin, así e todo, non fixemos senón ampliar modestamente a capacidade que temos na nosa Universidade de ofertar un servicio de calidade nos ámbitos da docencia e da investigación. E quero rematar aquí estas verbas manifestando a miña esperanza de que para os nosos alumnos, a Estación sexa un acicate máis que leve aos dominios da investigación Hidrobiolóxica a quen, sen se ter interesado ata o momento por ela, poda asomarse agora coa garantía dunha magnífica infraestructura de apoio. Eles terán nas súas mans o desenvolvemento futuro da disciplina, porque para nós, ao final, e como di o himno universitario "habebit humus".

Moitas gracias.

Fernando Cobo Gradín:

Director da Estación de Hidrobioloxía 'Encoro de Con'