Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de toma de posesión como decana da Facultade de Veterinaria

Ana María Bravo del Moral: Discurso de toma de posesión como decana da Facultade de Veterinaria


Excelentísimo e Magnífico señor Reitor

Excelentísima Presidenta do Consello Social

Ilustrísimos señores Secretario Xeral e Vicerrectores

Autoridades académicas

Compañeiros da Universidade de Santiago

Benqueridos amigos

A verba latina de orixe flamenco "veterinario" procede das tres raíces Vee ou bestias; Teerin ou estar enfermo e Aerts co significado de médico; e dicir, médico dos animais. Pero esta é unha verba que non se recolle nos diccionarios ata a última década do século XVIII, coincidindo co nacemento en Madrid, no ano 1793, da primeira Escola de Veterinaria española. Isto non quere dicir que antes non existiran médicos veterinarios, de feito, dende a baixa Idade Media, o gremio dos Albéitares era o encargado da práctica da medicina veterinaria. A ensinanza, non oficial, do arte da albeitería correspondíalle os mestres albéitares xa establecidos, que exercían o seu maxisterio cos aprendices, mediante pasantía de 4 anos, na que impartían as clases prácticas da consulta diaria sobre os tratamentos dos animais enfermos e o arte de ferrar os cabalos; a teoría, estudiábase nos libros de albeitería do propio mestre. Rematados os catro anos, o aprendiz considerábase oficial e podía, transcorridos dous anos de práctica independente, presentarse ao exame de aptitude para acadar o título de Albéitar. O censo de Godoy de 1797 recolle un total de "185 albéitares no Reyno de Galicia", nunca poboación de pouco máis dun millón de habitantes.

Durante un século, conviviron o gremio dos albéitares e os profesionais veterinarios. Os albéitares como mestres útiles no desenvolvemento da sociedade, ben recoñecidos no mercado de traballo, pero formados moi rudimentariamente, con coñecementos fundamentalmente empíricos e con suxeitos poucos dados ao estudio, mentres que o profesional veterinario formábase académicamente nunha escola de ensinanza regrada, sendo experto en medicina de varias especies, non soamente dos équidos, que foi gañando progresivamente as competencias sanitarias e zootécnicas que o fixeron socialmente máis útil que o albéitar. Así, rematando o século XIX, no ano 1894, desaparece o exame oficial de albéitar e vence a Veterinaria, arrebatándolle así á Albeitería tódolos privilexios e preeminencias das que gozara dende a época dos Reis Católicos.

Dende os seus inicios como estudio universitario, a profesión veterinaria amosa unha ligazón moi forte cos medios rural e militar, tendo en conta que o veterinario desenvolvía a súa actividade no coidado das cabalerías, elemento de traballo e máquina de guerra, e dos animais de renda, sustento básico das familias labregas. No despuntar do século XX, cando se promulgan as primeiras leis que regulamentan os matadoiros e mercados de abasto, o veterinario convertese nun dos eixes fundamentais da saúde pública, ó recaer nel as competencias de inspección da salubridade dos alimentos.

Nese intre, establécense as tres competencias clásicas da profesión veterinaria vixentes na actualidade: a medicina dos animais, a súa producción e rendibilidade e a seguridade na inspección de alimentos.

Para dar resposta a formación dos veterinarios nestas tres competencias, as 4 Facultades de Veterinaria existentes no ano 1973 –Madrid, Córdoba, Zaragoza e León- desenvolven planes de estudio cun primeiro ciclo común de 3 anos e un segundo ciclo de 2 anos no que se podía seguir unha das 3 especialidades: Medicina e Sanidade, Producción Animal ou Bromatoloxía e Inspección de Alimentos. Nembargantes, o título era único, e o profesional podía exercer nun campo da Veterinaria sen cursar materias fundamentais para o seu exercicio profesional.

En 1978, aparece na lexislación europea unha Directiva, a 1027, que regulamenta os estudios de Veterinaria na Unión Europea. Nela recóllese unha duración mínima do currículo de 5 anos, no que se deben cursar tódalas materias fundamentais dos tres perfís clásicos, maila obrigatoriedade de incluír prácticas preprofesionais.

A partires de 1982, ábrense 5 novas Facultades de Veterinaria en España ampliando as 4 xa existentes; este foi o caso da Facultade de Veterinaria do campus lucense, que nace en 1983 como unha continuación daquela primeira Escola Especial de Veterinaria que formou profesionais en Santiago durante 42 anos, entre 1882 e 1924, ano no que pecha as súas portas como consecuencia do escaso número de alumnos que a demanda, a falta de compromiso da sociedade galega co seu desenvolvemento e a política reduccionista de Escolas promulgada polas Juntas de Reformas do Estado.

Estas novas Facultades de Veterinaria, deseñamos Planes de Estudio "xeneralistas" e non de especialidade, en cumprimento da Directiva Europea. Coa entrada do noso país na Unión Europea no ano 1986, a 1027 pasa a ser unha Directiva de obrigado cumprimento de cara a homologación do título, o que provoca a aparición en 1991 –aproveitando a reforma dos planes de estudio baseada no sistema de créditos- das Directrices Xerais dos Planes de Estudio de Veterinaria. Estas directrices fixaban 5 anos e 300 créditos para a Licenciatura de Veterinaria, a semellanza do resto de Licenciaturas. Esta situación bosquexaba o problema de cursar tódalas materias as que obrigaba a 1027, mailo prácticum, cun número de créditos claramente insuficiente. A insatisfacción das Facultades de Veterinaria españolas, bloqueou a posta en marcha dos novos Planes de Estudio ata que os responsables da Educación Superior admitiron un currículo de 5 años no que se podían alcanzar os 400 créditos.

En Europa, moitas Facultades organizaron a Licenciatura en 5 anos e medio ou 6, conseguindo unha mellor distribución e profundidade nos seus contidos. Nembargantes, algúns destes centros, aínda cumprindo a Directiva Europea, identificaron ao profesional veterinario case exclusivamente coa Medicina Veterinaria, en detrimento da formación na Producción animal e a Seguridade alimentaria. As crises sanitarias recentes, como a Encefalopatía esponxiforme ou a Febre aftosa, puxeron de manifesto a gravidade dos riscos, sanitario e económico, que poden derivar do desequilibrio na formación dos veterinarios.

Insistimos, por tanto, na necesidade dunha formación "xeneralista" do veterinario, que lle permita incorporarse rapidamente no mercado laboral en perfís tan dispares como a clínica, inspección de matadoiros, producción de animais de renda, administración pública e un sen fin deles máis. A distribución das ensinanzas entre os distintos grupos de materias deberá ponderarse e coordinarse de tal xeito que aporten coñecementos e habilidades cunha polivalencia suficiente como para afrontar o abano tan amplo de tarefas que a lexislación entende como propias do facer veterinario.

A partires de 1987, implántase en Europa o Sistema de Avaliación e Acreditación continuada da Calidade dos estudios de Veterinaria, desenvolto pola EAEVE ou Asociación Europea de Avaliación dos Centros de Ensino Veterinario. En 1991, este sistema de avaliación foi recoñecido polo Comité Consultivo das Ensinanzas Veterinarias da Unión Europea, e máis recentemente polo Comité Europeo de Educación. A Facultade ou Escola de Veterinaria que voluntariamente quere ser avaliada, é visitada por unha Comisión de 5 expertos de recoñecido prestixio, pertencentes a distintas Facultades europeas que, durante unha semana, estudian exhaustivamente, entre outros, o currículo e o seu grao de cumprimento, a metodoloxía do ensino, as ratios de profesor e persoal non docente por alumno, e as instalacións e infraestructuras do centro. As 9 Facultades de Veterinaria españolas públicas teñen sido visitadas e avaliadas, e incluso algunhas por segunda vez, tendo en conta que o sistema repite as avaliacións cada 10 anos.

A Facultade de Veterinaria que teño a honra de dirixir, ten pouco máis de 20 anos, se temos en conta que a primeira matrícula abriuse no mes de setembro de 1984, aínda que a docencia non comezou ata o mes de novembro por atrasos debidos ao elevado número de estudantes matriculados. Vinte anos son poucos, si se comparan cos dous mil anos de Lugo, a cidade máis antiga de Galicia, ou cos máis de 5 séculos da Universidade de Santiago. Pero aínda sendo tan nova, a Facultade de Lugo conseguiu, o que para moitos foi o milagre de obter a avaliación positiva no ano 2000, dous anos despois da primeira visita de acreditación. Os requirimentos que o sistema solicita son tan esixentes que soamente 4 -das 11 Facultades españolas- estamos "aprobadas" nestes momentos. ¿Cómo un centro tan novo foi quén de conseguir o que Facultades con máis de 150 anos como a de Córdoba, Zaragoza ou León aínda non acadaron?..... Eu non o chamo milagre, senón simple esforzo diario de todos os que traballamos nas dependencias da Facultade e do Hospital Clínico Veterinario, sen esquecer á Deputación provincial de Lugo que, con gran visión de futuro, invertera previamente nas infraestructuras que hoxe aproveitamos. Sen ánimo de personalizar esforzos, non podo deixar de recoñecer neste foro a importancia que tivo a xestión do Decano que me precedeu no cargo, Enrique González García, fonte inesgotable de ánimo e compromiso co proceso de avaliación, que culminou tan xeitosamente.

Considérome docente por vocación, ou si se me permite, Veterinaria formadora de Veterinarias -tendo en conta que a maioría dos nosos estudantes son mulleres-; e síntome moi orgullosa da calidade na formación que reciben no noso centro. No 2008, como corresponde, seremos avaliados de novo, o que significa que teremos que renovar o esforzo de todos –docentes, persoal de administración e servizos e estudantes- para manter o xa conseguido. Neste reto, considero que o apoio, a todos os niveis, da nosa Universidade, é fundamental. Quero aproveitar a presencia entre nos do Reitor e boa parte do Consello de Dirección, para facerlles chegar a demanda de crecemento do noso centro. Baste, como exemplo, sinalar que a Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, tamén avaliada positivamente, ten 400 alumnos menos ca nos, pero 146 profesores máis. Entendo que nunha Universidade antiga coma a nosa algúns centros con pouca demanda estean nunha fase de estancamento ou, no peor dos casos, de regresión; pero, no caso do noso centro, cunha media de 3,5 demandas por cada praza ofertada; sendo a única Facultade de Veterinaria do Noroeste de España -que recibe cada ano estudantes, non só de Galicia, senón de toda España, maioritariamente de Asturias, Cantabria, País Vasco e Castela e León, e tamén do norte de Portugal-, e cunha calidade recoñecida e acreditada positivamente en Europa, este requirimento está máis que xustificado. Por suposto que entendemos a situación crítica do financiamento na que se atopa a nosa Universidade; pero nos, temos que seguir medrando, se non queremos que o xa invertido quede baleiro no futuro. Non teño dúbida de que aqueles que nos gobernan serán sensibles ás nosas necesidades e que –na medida das posibilidades- darán cumprida resposta as mesmas. O meu compromiso como Decana será recordalo, ou reclamalo, sempre que haxa oportunidade.

Moitas gracias

Ana María Bravo del Moral:

Discurso pronunciado o día 6 de outubro de 2004