Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de toma de posesión como decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo

José Alberto Díez de Castro : Discurso de toma de posesión como decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo


Mgco. e excmo. Sr. Reitor, vicerreitores, decanos e directores de centro, compañeiros e compañeiras, amigos todos.

As miñas primeiras palabras só poden ter un destinatario: os profesores, o persoal de administración e servicios, e alumnos representantes na Xunta de Facultade, que, en primeiro lugar, consideraron positivamente a nosa candidatura ó decanato, e que, con posterioridade, votaron maioritariamente a mesma.

Este agradecemento é maior no caso da miña persoa, posto que, ó non ser unha persoa nacida en Galicia, esa votación manifesta un exercicio extraordinario de tolerancia e confianza en min. O único que podo dicir é que agardo resultar merecedor desa confianza nos vindeiros catro anos.

O presente é o sexto cargo que ostento desde a miña chegada á universidade de Santiago hai algo máis de vinte anos. Fun secretario do departamento de organización de empresas, vicedecano de asuntos económicos da facultade de económicas baixo a dirección de José Carlos de Miguel e Xavier Rojo, secretario da sección delegada de Lugo, presidente da mesma, e desde xaneiro de 2002, decano-comisario da Facultade de administración e dirección de empresas.

Tiven en todos eses postos a posibilidade de intentar devolver co meu traballo e as miñas escasas capacidades, algo do moito que recibín nestas dúas décadas dos meus compañeiros e da propia universidade. E o que recibín foi moito en apoio, exemplo, amizade e recoñecemento.

Consultaba hai uns días na web da nosa facultade o discurso que pronunciei na miña anterior toma de posesión ante o reitor D. Darío Villanueva ó que non podo deixar de recordar neste acto xa que o seu compromiso persoal na creación de esta facultade foi decisivo.

Pronunciei o dito discurso nos primeiros días trala promulgación da LOU. Moitas das inquedanzas e problemas que se xeraban neses momentos están aínda presentes e os profesores non funcionarios seguen a ser os "paganos" principais e inxustos desa situación. Como todos sabemos, gran parte do "labor de infantería" realízano estes profesores. Ademais, representan o futuro da universidade e son a punta de lanza de melloras docentes e investigadoras pola súa xuventude, as súas ganas de aprender, a súa fácil adaptación ó cambio, a súa gran preparación, e a sintonía co alumnado. Corremos o perigo, nestes momentos, por un lado, de que os profesores non funcionarios se desmotiven ante a falta de expectativas claras e as discriminacións de que están sendo obxecto; por outro lado, estamos a punto de que se produza unha ruptura xeracional na pirámide de idades do profesorado, ó non haber hai varios anos case entrada algunha no corpo docente da universidade.

Tamén algunhas cousas que dixen entón seguen a ser aplicables. Dicía eu:

A docencia é irrelevante. O criterio para ser un profesor seleccionable como membro dun tribunal é posuír sexenios de investigación. É igual ser bo au mal profesor. Dar clase a cinco ou cincocentos. O recoñecemento e a valía profesional vén, na práctica, polas publicacións. E centrarse no currículo e non no alumno aumenta as posibilidades de promoción.

A esencia deste pensamento mantense. A pesar dos esforzos emprendidos para mellorar a calidade da docencia, o certo é que a carreira profesional está vinculada na súa integridade á investigación. E esto é algo que nin sabe nin merece o alumno. E que un profesor que se dedique ós seus alumnos e prepare a conciencia as súas clases estea prexudicando a súa carreira profesional, é algo que clama ó ceo e que debe ser corrixido.

Dicía tamén: Tampouco podemos perder de vista a aplicación dos plans de calidade universitaria, cos que, a medio prazo, atribuiranse os recursos ós centros e departamentos. Para non sufrir discriminacións, os indicadores de calidade deberán contemplar as peculiaridades das ciencias sociais, algo que non é previsible que ocorra.

Ademais as avaliacións dos centros deberían incorporar matizacións de antigüidade dos mesmos e do seu equipamento de partida. Tampouco é previsible este segundo apartado. A consecuencia pode ser a de poñer a competir a centros magnificamente equipados con departamentos, equipos e proxectos consolidados dende hai décadas, con outros coas características opostas. Algo así como dicir que deben competir o Breogán e o Barcelona para alcanzar o título de liga de baloncesto porque o regulamento é o mesmo e son cinco contra cinco.

Neste aspecto non melloramos, como era previsible. Usando unha expresión coñecida, a universidade de Santiago de Compostela ten unha débeda histórica co campus de Lugo, débeda que aumentou nos últimos anos. Non é a miña misión facer unha lista das inferioridades en servicios que presenta o noso campus, ou das nefastas políticas de recursos humanos propiciadas pola maioría de departamentos con sede en Santiago. Centrareime na nosa facultade.

Uns datos. A facultade ten hoxe menos profesores que hai anos. Curiosamente, somos un centro xove e polo tanto, en teoría, en expansión. Os momentos de crise ou de axustes son especialmente daniños para a parte máis débil dos departamentos, que sempre é a do campus de Lugo. Por exemplo, o criterio "obxectivo" de reducir dedicación ós máis recentemente contratados nunha área de coñecemento, "casualmente" afecta en moita maior medida a Lugo que a Santiago. A reducción en subscricións a revistas levou ó noso centro a perder a irrisoria cantidade de 12 euros, mentres que algunha facultade de Santiago perdeu case 30.000 euros. O problema radica en que o que é unha reducción pequena para ese centro é case 20 veces o orzamento total da nosa facultade.

Por non recordar que a licenciatura que se imparte en Lugo hai nove anos nunca tivo un só euro para subscricións. O que os criterios da cuarta edición de proxectos de innovación educativa restan financiamento ós mellores proxectos de anos anteriores que, "casualmente" son da nosa facultade. Por non falar da promesa tantas veces aprazada de equiparar a carga docente dos profesores titulares de escola universitaria co resto das categorías do profesorado. Algo que en algúns centros non ten incidencia, pero que aplicado ó cálculo da carga docente do noso centro ten un efecto demoledor.

A facultade de administración de empresas precisa unha discriminación positiva. E non imos nos últimos anos por ese camiño, senón máis ben polo oposto. E é que falar de universidade bicampus é moi doado. Pero facer unha universidade bicampus esixe unhas accións concretas que están lonxe de tomarse.

O meu programa de actuación para a etapa anterior baseábase en sete puntos: Descentralización do gasto; vinculación do centro a un programa de doutorado estable; desburocratización; potenciación do uso do idioma galego; programa de prácticas en empresas; formulación dun código ético; e afondamento no uso de novas tecnoloxías na educación.

Facendo balance, observei que cumprimos perfectamente 5 e que iniciamos os outros dous. Seis sobre sete, é dicir, cumprimos un 86% do prometido. Un momento de orgullo e autoestima invadiume: non todos poden dicir o mesmo, pensei. E tamén: "¡A ver se o rector pode facer ese balance ó final do seu mandato!". O xúbilo durou pouco porque, entón, botei unha ollada ó programa que presentamos en xuño: titúlase "30 propostas para un cuadrienio". E entón pensei: se tardamos dous anos e medio en cumprir 6 puntos, a ese ritmo necesitaríamos 10 años para cumprilo. Afortunadamente, unha brillante idea cruzou a miña mente: este discurso e o noso programa poderían desaparecer, en caso necesario, por un fallo informático do web da facultade. Botaría as culpas ó webmaster da facultade e así ninguén podería comparar os logros cos obxectivos expostos. E isto é algo que tivo moito éxito en política e en algún medio de comunicación.

Na preparación do discurso, por deformación profesional, comecei a buscar bibliografía na base de datos da universidade coa palabra clave decano. Case de inmediato atopei dous artigos magníficos sobre o labor do decano. En revistas de prestixio e moi recentes. Un titulábase: a enfermidade do decano; o outro, a esquizofrenia do decano. Con eses títulos, non tiven forzas para lelos e buscar citas dos mesmos. Para que me conten máis penas que as que xa teño... Así que como gran novidade, este discurso non terá unha soa cita nin alusión a ningún autor.

Nese programa, hai propostas de todo tipo. A parte do león, máis do 50%, lévana as iniciativas de mellora da calidade docente, pero tamén hai numerosas intervencións previstas en relación coa normalización lingüística, os estudantes, a mellora da comunicación, as intervencións sociais, e así sucesivamente.

É inevitable realizar tamén en todo discurso de toma de posesión que se precie de tal nome, algunhas reivindicacións moi concretas, e vou a iso de inmediato. Necesitamos con urxencia:

1. Un departamento con sede na facultade. Os datos son concluíntes:

- O número de sedes departamentais no campus de Lugo é moi escaso, o 6,6% do total, notablemente inferior á porcentaxe de profesores e alumnos existentes no mesmo campus.

- A Facultade de Administración e Dirección de Empresas é o centro sen sede departamental algunha con máis alumnos e alumnas de toda a Universidade (campus de Santiago e Lugo).

- Existen oito centros con menos alumnos que a Facultade de Administración e Dirección de Empresas que teñen, na actualidade, entre 1 e 5 sedes departamentais.

2. Recoñecemento para as actividades académicas e extra-académicas. Practicamente a totalidade das liñas de acción que se emprendan para mellorar a calidade na facultade, esixen sempre a constitución de grupos ou comisións de traballo e a implicación dalgúns profesores e pas. Esta dedicación, a maiores das súas obrigas habituais, non é recoñecida en ningún modo. O mesmo sucede, por exemplo, cos profesores mellor avaliados polos seus alumnos.

Eu non estou falando de cartos. Estou falando dunha carta, unha medalla, un acto público, unha charla como conferenciante, unha pequena rebaixa horaria, un nomeamento... En contraposición a moitos outros motivadores, recoñecer un desempeño superior nun empregado a miúdo non custa cartos. Pero se ben custa moi pouco, axuda en gran medida a edificar a autoestima. E pequenas cousas como esta poden significar moito.

Estas peticións só teñen un obxectivo: facer que a facultade contribúa en maior grado á mellora da calidade da universidade. Non hai interese persoal nin económico detrás. Só algo tan simple como facilitar un maior compromiso da nosa comunidade académica coa universidade.

Non só hai que reclamar e queixarse, hai que traballar arreo todos os días para lograr superar os niveis de servicio da nosa facultade. Neste campo, é un orgullo dicir que mantemos ó comezar o curso académico 2004-05, permítaseme a inmodestia, un aplastante dominio sobre calquera outro centro no uso da USC virtual. E, como noticia especialmente positiva, despois de varios anos de caída na matrícula, este curso, co período de matrícula aínda aberto, xa superamos o número total de alumnos de novo ingreso do pasado curso. A avaliación da diplomatura de empresariais tamén acaba de finalizar con moi bos resultados. E seguiremos nestas liñas de mellora continua. Pero as axudas solicitadas antes son necesarias para lograr un maior pulo e non quedarnos descolgados na nova universidade en que estamos entrando.

Tamén comprendemos os momentos especialmente difíciles e intensos que o equipo reitor está afrontando. E as decisións durísimas que ás veces tivo que tomar. E os cambios que ten que pilotar e que non sempre son do agrado dos membros da comunidade universitaria. É coñecido o meu apoio persoal ó reitor e ó seu equipo. Pero como decano e representante da maioría da xunta da facultade de administración e dirección de empresas tamén debo manifestar que, en todas estas situacións, contará co noso apoio e coa nosa absoluta lealdade institucional.

Rematarei cunha frase da miña anterior toma de posesión:
Nada pode facerse sen a colaboración dos membros de tódolos colectivos do centro. Pódense deseñar os mellores obxectivos e plans sobre o papel. Se as persoas encargadas de levalas á práctica non queren, non saben ou non poden realizalas, non servirá de nada. A facultade de administración e dirección de empresas de Lugo, como calquera outro centro, non será nin máis nin menos que o que os seus integrantes se propoñan que sexa. O decano tentará ser un catalizador das capacidades humanas e intelectuais de profesores, p.a.s. e alumnos.

José Alberto Díez de Castro :

Discurso pronunciado o día 6 de outubro de 2004