Saltar ao contido principal
Xornal  »  'A Universidade intelixente'. Discurso do acto de apertura do curso académico 2004-2005 do SUG na Universidade de Santiago

Senén Barro Ameneiro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela: 'A Universidade intelixente'. Discurso do acto de apertura do curso académico 2004-2005 do SUG na Universidade de Santiago


Segundo as palabras do filósofo, escritor e profesor José Antonio Marina, as universidades intelixentes, como caso particular das organizacións intelixentes "crean un entorno inteligente, en el que las inteligencias particulares se desarrollan con eficacia y brillantez. Lo consiguen por el modo de estar organizadas, por los hábitos de colaboración que establecen, por el clima estimulante, por el atractivo de un proyecto… Una institución inteligente es el resultado de talentos individuales + modos de colaboración + memoria compartida + clima de estímulo + buena dirección. Todo esto unificado por un proyecto valioso."

Comparto con el a visión e o interese por este novidoso concepto. Permítanme, polo tanto, que abunde na súa explicación. A Universidade intelixente, como os seres vivos dotados desta calidade, é capaz de fixarse obxectivos e poñer os medios necesarios para alcanzalos; adáptase aos cambios ou, mellor aínda, anticípase a eles ou incluso os xera; aprende da experiencia; crea e non só elixe; é estrela de mar ramificada, e non buguina enrolada en si mesma; é comunicación e non autismo; é praza aberta e non claustro pechado.

Unha Universidade intelixente opera en boa medida de modo descentralizado, distribuíndo responsabilidades e de modo cooperativo e competitivo, segundo o caso. Terá que posuír tamén certa tolerancia a fallos e un sistema inmunolóxico que lle permita actuar sobre os mesmos por medio de mecanismos de avaliación e corrección, aprendendo a actuar cada vez mellor; non en van se considera a capacidade de aprender como unha das características fundamentais dos seres intelixentes.

A Universidade debe facer partícipes dun proxecto común ás persoas que a integran, e á súa cabeza deberá situarse o seu máximo responsable na dirección e o goberno, o reitor. A súa capacidade de liderado, de iniciativa, de representación, de motor permanente do cambio necesariamente perenne, é un referente importante, para o bo e para o malo. Pero tamén é excepcionalmente importante a participación e o compromiso, aínda crítico, dos equipos de dirección e de goberno das distintas unidades docentes, investigadoras e de xestión e prestación de servizos da Universidade. Ademais, tal como afirma Burton R. Clark no seu novo libro: "Sustaining Change in Universities", a permanente evolución na que han de vivir as universidades non pode depender dun liderado persoal necesariamente efémero, aínda que este sexa imprescindible. Tampouco as transformacións duradeiras se conseguen co esforzo colectivo se este se limita a actuar só ocasionalmente ante ameazas ou situacións críticas. É necesario conformar estruturas e procesos sólidos, suficientemente asentados, que definan auténticos compromisos institucionais ou, utilizando unha referencia de especial actualidade, pactos institucionais.

As actitudes reactivas son propias de intelixencias menores. Non é suficiente que unha Universidade responda a estímulos e teña certa capacidade de resposta ante eles. Tamén as amebas o fan, a través dun presistema nervioso moi limitado que lles permite realizar procesos de condución, contracción e irritación, e certamente non hai nada de intelixencia no seu comportamento. Non obstante, en ocasións as universidades responderon ante os estímulos dun modo basicamente reactivo, e atendendo case exclusivamente aos estímulos internos da propia comunidade. Ás veces, é certo, desenvolvendo profundos e serios procesos de reflexión sobre a nosa razón de ser, os nosos retos, horizontes e obxectivos, pero noutras seguindo un proceso limitado á introspección, impermeable aos estímulos externos, ás demandas e necesidades e desexos do resto da sociedade. É necesario adoptar actitudes máis proactivas, innovadoras, emprendedoras, sen dúbida moito máis arriscadas. Máis proclives ao fracaso, polo tanto, pero tamén máis solidarias, máis intelixentes, máis comprometidas co noso contorno e as nosas responsabilidades. Equivocarse forma parte do proceso de aprendizaxe dos seres intelixentes e tamén das institucións e sociedades intelixentes.

Atribúese a Peter Drucker a invención do termo "sociedade do coñecemento", para designar unha sociedade na que o coñecemento despraza aos factores de produción tradicionais: terra, traballo e capital. Dun modo semellante, as modernas sociedades e economías substituíron o principal elemento estratéxico de prosperidade, cambiando as comunicacións, polas telecomunicacións e o cemento polo coñecemento. É discutible se aínda estamos na sociedade da información e a comunicación ou pasamos xa a unha auténtica sociedade do coñecemento. Segundo o sociólogo Naisbitt, "a sociedade do coñecemento" nace xa a mediados do pasado século, coincidindo con dous feitos de especial relevancia: por unha parte os "white-collars", dedicados á produción de servizos, superan en número aos "blue-collars", dedicados á produción de obxectos; por outra o nacemento de Silicon Valley nos arredores da Universidade de Stanford. En todo caso, se entendemos por Sociedade do Coñecemento o estadio de desenvolvemento social caracterizado pola capacidade dos seus membros (cidadáns, empresas, Administracións Públicas…) para xeraren, difundiren e utilizaren coñecemento na forma adecuada e reducindo as barreiras espazo-temporais mediante o concurso das tecnoloxías da información e as comunicacións, opino que a transición á Sociedade do Coñecemento é algo que, no mellor dos casos, aínda comeza a albiscarse. ¿E que sociedade virá despois? Sen dúbida a sociedade da intelixencia. Aquela na que as institucións, e sexa o seu paradigma neste caso a Universidade, os organismos, as administracións, as empresas… serán intelixentes. Preparar os estudantes para iso é quizá o noso principal obxectivo e aínda nos queda unha parte importante do traballo por facer.

É necesario aumentar a permeabilidade, deixar paso, cando menos, aos estímulos do noso contorno. Facer menos denso o veo que nos envolve ou, mellor aínda, descorrelo definitivamente e deixar pasar toda a luz para ver e que nos vexan. Por uns instantes tratarei de fixar a súa atención sobre os computadores como analoxía do que pretendo transmitirlles. Os computadores dedican cada vez máis recursos á interacción co medio externo. A súa potencia de cálculo desprázase dende o núcleo á periferia. Nos anos 70 só o 10% das ordes do computador facían referencia a dispositivos de entrada-saída. A mediados dos 90 esta proporción situouse no 85%, e esta porcentaxe segue medrando. Esta situación arremeda o que ocorre no noso sistema nervioso, onde amplas zonas do cerebro, como a codia sensorial, se dedican a procesar información procedente dos órganos sensoriais, e o mesmo ocorre co control motor. Dun modo análogo, as universidades intelixentes tamén foron evolucionando cara a unha maior dedicación á interacción co medio no que se desenvolven. En lugar de centrarse case exclusivamente nos seus interoceptores, propioceptores ou nociceptores, que subministran información sobre as súas entrañas, os seus movementos e os seus padecementos internos, cada vez desenvolven e reforzan máis exteroceptores, que lles permiten coñecer o mundo exterior e actuar sobre el e en resposta a el. Non só é unha cuestión de intelixencia senón incluso de supervivencia. Aínda que a supervivencia e a intelixencia, ben é certo, camiñan pé con pé. Comparemos, simplemente a modo de exemplo, a estrutura monolítica, absolutamente centralizada e xerarquizada dos recursos de administración e servizos das universidades clásicas, con aquelas que se organizan cun crecente número de unidades e servizos que se foron creando como estruturas satélite do núcleo central de xestión e administración: relacións institucionais, transferencia de tecnoloxía, recursos centralizados de apoio á investigación, oficinas de reclamacións e orientación ao usuario, actividades culturais e deportivas, xestión do patrimonio, xestión de eventos, apoio tecnolóxico, orientación e inserción laboral…

Outra característica das universidades intelixentes é a súa capacidade de vivir en permanente adaptación. As universidades deben ser capaces de aprender, por suposto, pero tamén de "desaprender", e máis concretamente de facelo no caso das inercias e as resistencias ao cambio. O noso ilustre conferenciante, o profesor Zabalza, no seu interesante libro: "La enseñanza universitaria. El escenario y sus protagonistas", manifesta que dito "desaprender" ten o significado de "deconstruir" a situación vixente do sistema, dos seus significados e das súas prácticas. E volver pensalo de novo, é dicir, volver "reconstruirlo" cun novo significado ou cun novo tipo de intervencións que serán o contido da aprendizaxe, o que esa organización vai "aprender".

Sen abandonar completamente no fío do discurso o concepto de Universidade intelixente, non podo evitar pasar polo camiño creado desde Boloña, aínda que sexa nas puntas dos pés. Dende que en 1998 a declaración da Sorbona sentase as bases para a creación dun Espazo Europeo de Educación Superior, e un ano máis tarde a declaración de Boloña establecese os principios e compromisos para orientar este camiñar conxunto das universidades europeas, compromisos ratificados posteriormente en Praga (2001) e Berlín (2003), fóronse cubrindo etapas no que, sen lugar a dúbidas, será un dos camiños a percorrer para a construción da identidade europea.

Os galegos estamos acostumados a que o camiño se faga dende calquera lugar de Europa cara aquí, pero agora tócanos a nós facer o percorrido cara a unha harmonización cun espazo europeo de ensino superior que terá que ser realidade nun xa moi próximo ano 2010. Chegar chegaremos, non hai alternativa, pero as condicións nas que o fagamos marcarán definitivamente a nosa realidade universitaria nun espazo, o europeo, no que teremos necesariamente que cooperar, que competir e que aplicarnos. Non falamos dun simple proceso de reorganización de títulos, de nomes, de duracións, de contidos..., falamos de cuestións de moito máis calado, como un novo modelo de ensinanza-aprendizaxe, no que o centro non sexa o profesor senón o alumno.

Ao igual que no seu día foi realmente difícil pasar do modelo xeocéntrico do Universo ao heliocéntrico, non será trivial, nin moito menos, pasar do modelo "docéntrico" ao "discéntrico". Como dixen nalgunha outra ocasión, o profesor terá que estar no centro dos estudantes pero non ser o centro do proceso. Terá que ser un catalizador, un axente de estímulo do diálogo e o debate, do traballo en equipo e da discrepancia razoada.

Tamén teremos que pasar dos actuais créditos aos denominados ECTS, que é como pasar do debe ao haber; do recibe ao dedica; de restar a sumar. Será preciso transformar unha Universidade de xiz, encerado, clase maxistral e exame, noutra de tecnoloxías para a aprendizaxe, maxisterio nas clases e avaliación do rendemento. Pasaremos da carga docente á actividade docente, dos contidos ás competencias –o informe final do proxecto TUNING destaca entre elas a capacidade de análise e síntese, de resolución de problemas, de aplicación práctica dos coñecementos, de adaptación ao novo, de traballo en equipo, de organización e planificación, etc.-. Teremos que ir do Plan de Organización Docente ao Plan de Traballo Anual. Cambiaremos a orientación das actuais titulacións, guiada polo que se pode e quere ofrecer, por outra que atenda ao que se pide e se debe dar. Mudaremos desde un proceso de diverxencia crecente entre as universidades e a súa oferta académica a unha harmonización que respecte a diversidade. Se queren, e xogando coas palabras, que tamén o xogo é sinal de intelixencia, poderíamos dicir que queremos chegar a esa "unidiversidade" na que a pluralidade entre universidades e a propia diversidade interna que posúe cada unha delas, e que é á vez unha das súas principais virtudes, non estea rifada coa harmonización de fins e medios.

Para conseguir este cambio de paradigma no que se refire á ensinanza superior, todos debemos estar implicados e non unicamente concernidos. Non só os que ocupamos cargos académicos, aínda que teñamos que ser os principais instigadores do proceso. Teremos que ser necesariamente todos. Por suposto o persoal docente e investigador, o persoal de administración e servizos, e os estudantes; pero tamén as Administracións Públicas, á vez que os empregadores e os colexios profesionais, entre outros axentes sociais.

A medida que camiñamos con paso firme cara a Europa, aínda que dependendo do momento o paso sexa ampla zancada ou paso xaponés, algúns empezamos xa a considerar viable ir rozando o terreo para poder construír un novo camiño. O que poderá levarnos no futuro a un espazo iberoamericano de educación superior e, a través del, a un espazo Unión Europea-América Latina-Caribe (UEALC) de ensinanza superior. Con esta idea elaborouse a Declaración de Compostela, como brillante colofón da Conferencia Iberoamericana de Reitores e de Responsables de Relacións Internacionais, que reuniu, no pasado mes de febreiro, nos campus de Lugo e Compostela, a case 300 representantes de cerca de 200 institucións universitarias de toda Iberoamérica. Por suposto, entre estas institucións estaban as tres universidades galegas, e entre os seus representantes os tres reitores que hoxe asistimos aquí, en Fonseca, o berce das nosas universidades, á inauguración oficial do curso universitario 2004-2005. A Declaración de Compostela reflicte non só un diagnóstico institucional ante os complexos cambios das nosas sociedades senón, ademais, unha serie de recomendacións dirixidas aos poderes públicos e aos axentes sociais, económicos, institucionais..., co fin de plasmar na práctica uns obxectivos que, como culmina a mencionada Declaración, "contribuirán ao desenvolvemento harmónico e sostible das nosas sociedades". A educación superior non é unha mercancía, recolle a Declaración, senón un ben público que contribúe a mellorar a equidade e a calidade de vida dos cidadáns. Pola importancia deste documento, polo sentido desexo de que o que nel se recolle chegue a ser máis pronto que tarde unha realidade, por ser un documento realizado por e para pobos que comparten linguas comúns, pasaxes da súa historia, repletos de sombras e non só de luces, ademais de sangue, sentimentos, culturas… por isto, e nada menos que por isto, permítanme que lles lea os compromisos polos que aposta a Declaración de Compostela:

  1. Impulsar accións de mellora da calidade e tender cara a modelos homologables de avaliación da calidade e de acreditación.
  2. Incorporar un modelo de créditos académicos que posibilite a validación e o recoñecemento de estudos e, apreciando o valor da diversidade, avanzar na compatibilidade dos sistemas universitarios.
  3. Intensificar os programas específicos de mobilidade de profesores, estudantes e persoal administrativo, aproveitando o valor engadido que supoñen as nosas linguas comúns, instar á eliminación das trabas burocráticas que dificultan a entrada e permanencia nos distintos países aos participantes nos devanditos programas, e impulsar unha política de financiamento e bolsas que os faga efectivos para todos.
  4. Reducir a fenda dixital que obstaculiza o acceso ás vantaxes e oportunidades dunha auténtica Sociedade do Coñecemento.
  5. Promover o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións como unha vía de intercambio académico e de "mobilidade virtual", converténdoas, ao mesmo tempo, nun instrumento que permita mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe e crear novas oportunidades de formación, en especial para os sectores máis desfavorecidos.
  6. Promover a creación de alianzas ou consorcios que faciliten a dispoñibilidade e o acceso a fondos bibliográficos dixitais e bases de datos, e impulsar unha cultura de solidariedade na difusión de materiais e resultados de docencia e investigación.
  7. Propiciar medidas que favorezan a creación de redes de cooperación entre universidades iberoamericanas.
  8. Poñer en marcha programas destinados á formación superior en áreas especificamente relacionadas co desenvolvemento de países emerxentes e colaborar en xeral na formación de doutores.
  9. Promover a transferencia do coñecemento e dos resultados da investigación á sociedade, así como o desenvolvemento e a innovación, fomentando a cultura emprendedora nas universidades, o apoio a emprendedores e a creación de empresas.
  10. Apoiar as políticas de solidariedade e de compromiso social das universidades co seu ámbito, asumindo como liña de pensamento e actuación afianzar nelas o desenvolvemento sostible, o voluntariado, a solidariedade e o apoio ás persoas con necesidades especiais.
  11. Educar nos valores da persoa, a democracia, o coñecemento e o respecto mutuo entre os pobos, como vías para mellorar os nosos sistemas políticos e sociais e lograr o desenvolvemento integral das nosas sociedades.
  12. Presentar estas iniciativas ante os organismos competentes, en particular ante o Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno, así como apoiar a consecución dos obxectivos establecidos nesta Declaración de Compostela e o seguimento das accións que se realicen para tal fin e dos resultados que delas se deriven.

Pero avanzar cara a novos espazos de desenvolvemento e cooperación non pode nin debe facernos alleos ao máis inmediato e importante. Hai menos de quince anos aínda eramos unha única universidade. Despois houbo una nai xenerosa e dúas fillas, e hoxe xa tres irmáns. As universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela debemos conformar unha única familia universitaria, colaboradora, solidaria, comprometida con Galicia. Tamén neste sentido debemos seguir comportándonos como universidades intelixentes.

Son moitos xa os elementos de encontro e cooperación entre as universidades galegas. As universidades han de ser institucións docentes e investigadoras e á súa vez comprometidas socialmente e emprendedoras. Neste senso permítanme que, aínda que sexa a modo de exemplo, lles traia á memoria algún caso de cooperación en cada unha destas importantes parcelas. No curso que acabamos de concluír, e que expira para dar vida ao que hoxe inauguramos solemnemente neste acto, a posta en marcha conxunta de Comunicación Audiovisual entre as universidades de Vigo e Santiago de Compostela supuxo unha experiencia pioneira neste ámbito en España. Comunicación Audiovisual quedará na historia das nosas universidades tamén por este motivo. No terreo da I+D é obrigado facer referencia ao consorcio das tres universidades galegas para constituíren un Parque Científico Universitario que ha de conformarse dende o complemento e a cooperación e non dende a redundancia e a competencia. O compromiso social, e en particular o valor da cooperación interuniversitaria neste terreo, púxose de manifesto na coordinación de esforzos para paliar os tremendos estragos causados pola catástrofe do buque Prestige. Finalmente, no marco do emprendemento é obrigado falarlles de Unirisco, primeira sociedade española de capital risco nacida do contorno universitario, e da que actualmente forman parte as tres universidades galegas. Hoxe Unirisco Galicia é un referente incluso a nivel internacional e unha garantía de que podemos liderar dende Galicia esta iniciativa emprendedora a nivel nacional. Moi pronto o demostraremos.

A análise das universidades, do seu obxectivo e cometidos, e dos recursos necesarios para desenvolvelos adecuadamente, non pode facerse unicamente dende a introspección. O mesmo que dende a Universidade opinamos sobre a sociedade na que estamos inmersos, esta está lexitimada para facelo sobre a Universidade. Neste sentido agrádame ver que a percepción das universidades, tanto a nivel das distintas comunidades autónomas como no conxunto do estado español, é francamente positiva. Así o reflicte a primeira enquisa nacional sobre a imaxe pública do sistema universitario español, coordinada polos profesores Francisco J. Llera e Alfredo Retortillo, realizada pola ANECA –Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación-. Unha primeira e moi significativa conclusión de este estudo é que a maioría dos españois atribúen unha grande importancia ás súas universidades. Así, o 90,5% opina que teñen moita ou bastante importancia, sendo Galicia a comunidade cunha maior porcentaxe de persoas que valoran as súas universidades como moi importantes, concretamente o 61,8%.

Por fortuna o modelo de Universidade que hoxe existe e que nos demanda a sociedade está moi lonxe da Universidade, non tan atrás no tempo, que operaba case en exclusiva como institución docente. A Universidade da que hoxe gozamos hai tempo que rachou con certos tópicos que hoxe non son admisibles, fosen ou non raelidade no pasado. As Universidades hoxe están perto da sociedade e das empresas; comprométense coa inversión eficiente, eficaz e transparente dos fondos públicos; están moi sensibilizadas co futuro dos seus titulados; son de práctica e non só de teoría; están preocupadas polo valor e a transferencia dos resultados da súa investigación…

As universidades afánanse en atender e fixarse novos retos sen menoscabar as súas actividades máis tradicionais. Hoxe en día, ademais de ser institucións docentes, de formación, as universidades son os principais focos de actividade científica e de desenvolvemento tecnolóxico do país, e prestan importantes servizos ás súas comunidades universitarias e ao conxunto da sociedade. As Universidades aplícanse cada vez máis na transferencia dos resultados da súa I+D: publicacións científicas, contratos con empresas e administracións públicas, patentes, creación de empresas de base tecnolóxica, entre outras actividades que axudan a conformar un tecido económico cada vez máis tupido e relevante. As universidades son ademais axentes moi activos na prestación de servizos valiosos para o desenvolvemento social e cultural da sociedade. A creación e difusión da cultura, a promoción deportiva, o compromiso co desenvolvemento sostible, o voluntariado, o apoio á mobilidade e á inserción laboral, a ponte co ensino medio… e un sinfín doutras actividades que responden a unha demanda social explícita ou que, en todo caso, reciben o aplauso da sociedade.

Este proceso no que viven de forma permanente as universidades recórdame en certa medida aos xogos malabares que de neno vía abraiado no circo. En especial o de facer xirar cada vez máis pratos sobre unhas finas canas. Iso é a Universidade, poñer en marcha novas accións, asumir novos compromisos, trazarse novos retos, sen abandonar o que xa estaba en marcha, o comprometido, os retos prefixados e aínda non alcanzados. En definitiva, facer xirar novos pratos sen que se paren os que xa o facían. Este eterno proceso, esta aparente actitude de Sísifo, encóntrase nas universidades máis novas con que aínda hai pratos que ir situando e nas históricas, ademais, con algunhas varas e pratos quebrados, sexan ou non de porcelana fina, co que se complica a súa estabilidade.

Non quero converter esta ocasión, na que a Universidade de Santiago de Compostela ten a honra de representar a todo o Sistema Universitario Galego, nunha manifestación pública de demandas e reivindicacións. Pero agora que vou chegando ao final, si creo cando menos pertinente recordar a necesidade de que as universidades públicas traballemos denodadamente ao servizo da sociedade á que nos debemos e que dita sociedade entenda que lle reclamemos un maior esforzo, precisamente para poder cumprir co que á súa vez esta nos demanda, e para poder facelo coa intensidade e a calidade coa que nos esixe que o fagamos. Se non actuásemos así estariamos desatendendo as nosas responsabilidades.

Se queremos ser corresponsables no desenvolvemento do noso país e non causantes dunha depresión crónica das nosas posibilidades de futuro, todos temos que comprometernos máis. As universidades no correcto e san exercicio da súa autonomía, cunha transparencia e rendemento de contas sen tacha. As administracións públicas, en particular a comunidade autónoma, cun plan de financiamento que contemple a realidade docente-investigadora e prestadora de servizos das universidades e garanta a suficiencia, a equidade e a eficiencia dos recursos achegados ao sistema universitario de Galicia, permitíndonos ademais incorporarnos ao tren europeo da educación superior sen ir nos vagóns do final. Doutro modo estariamos hipotecando boa parte do noso futuro e, polo tanto, defraudando á sociedade ao malograrmos as expectativas que esta deposita en nós.

Conformar universidades intelixentes require da suma de esforzos e intelixencias individuais. Require do compromiso das administracións e, sobre todo, da organización e entrega dese enxame de persoas que formamos as comunidades universitarias. Só deste modo nos iremos preparando para a Sociedade da Intelixencia e poderemos contribuír a evitar que se fagan aínda máis evidentes e difíciles de salvar as brechas sociais, económicas e culturais. É o meu desexo que as universidades galegas avancemos nesta liña, tan importante para o futuro da nosa Galicia.