Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso no Acto de Apertura do Curso Académico 2004-2005 do SUG na Universidade de Santiago de Compostela

Manuel Fraga, presidente da Xunta de Galicia: Discurso no Acto de Apertura do Curso Académico 2004-2005 do SUG na Universidade de Santiago de Compostela


· Excmos. e Magfcos. Sres. Reitores das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo.

· Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

· Excmas. e Ilmas. Autoridades.

· Profesores e Estudantes Universitarios.

· Señoras e Señores.

Quero facerlles a Vostedes partícipes da profunda e íntima satisfacción persoal que sempre me produce o feito de volver a estar na Universidade, pois aínda que vivimos a cotío mergullados nos múltiples e complexos problemas da vida pública, non esquecemos endexamais a vida académica universitaria, compartida ó longo de tantos anos con colegas, amigos e estudantes.

A magnífica lección que acaba de pronunciar o Prof. D. Miguel Zabalza lémbrame os días felices e de traballo intenso na universidade e descúbrenos a todos a preocupación que actualmente ten a universidade por mellorar os seus métodos de docencia e aprendizaxe.

As premuras da vida actual non deixan tempo para aquel tan produtivo "otium cum negotio" dos sabios clásicos e obrigaron tamén ás Universidades a simplificar as tradicionais solemnidades académicas, suprimindo moitas pompas. Con todo, conservouse esta da apertura solemne de curso, que todos aproveitamos para facer unha breve reflexión cara o pasado e tender unha ollada ó futuro da nosa Universidade.

Ás veces as árbores non deixan ver ben o bosque, e non é estraño que os que axexan desde fóra da Universidade poidan ver a vida universitaria actual con mellor perspectiva que Vostedes que labouran dentro da propia institución, porque saben ben dos beneficios que ela lle reporta á sociedade.

Pero a comunidade universitaria: profesores, estudantes e persoal de administración e servizos, pode desfrutar hoxe de excelentes infraestruturas en edificios, laboratorios, bibliotecas e outros servizos, nos sete campus galegos.

O esforzo constante, responsable e sempre xeneroso, de tantas xeracións de profesores, estudantes e persoal de administración e servizos, ó longo de máis de cinco centos anos, ergueu esta magnífica Universidade de Santiago de Compostela, antiga, pero sen deixar de ser nova e dinámica á procura da excelencia académica, tanto docente como investigadora.

A universidade volve ás súas orixes; volve a Europa e a aquel sentido universal co que naceu, cando de todas as nacionalidades europeas acudían a Bolonia, París, Montpellier, Oxford ou Salamanca a aprender naquelas recen creadas aulas universitarias.

Quizais sexa este sentimento de volta ás orixes o que se agacha tras a tan coñecida Declaración de Bolonia do ano 1999, firmada por 29 ministros de educación, que levará a todas as universidades de Europa a converxer nun único sistema de educación superior no ano 2010.

Nesta liña, somos a primeira e única Comunidade Autónoma que ten creada unha comisión parlamentaria para avanzar no camiño da incorporación ó sistema europeo de educación superior e temos firmado xa o segundo convenio coas universidades a través de nosa Axencia de calidade do sistema universitario galego, para ir incorporando experimentalmente algunhas das titulacións ás novas directrices europeas.

Temos que ir creando nos nosos mozos e mozas universitarias a cultura da mobilidade, sabedores de que estamos creando unha nova xeración con mentalidade internacional, que serán, como dixo o aínda presidente da Comisión Europea, Romano Prodi, "los futuros dirigentes y ciudadanos de la Unión Europea".

Entre todos levámoslle dado un forte impulso ó noso sistema universitario, ata o punto de que podemos falar do milagre universitario galego.

Porque ¿que outra cousa é, senón, pasar nesta última década dunha a tres universidades con sete campus; de 46 titulacións a 168; duns 2.000 profesores a 5.200?.

Pero non é menor o esforzo que se fixo en dotar os sete campus de excelentes infraestruturas, tanto en edificacións coma en instrumentos científicos para a investigación e a docencia.

Dende a creación das dúas novas universidades, no ano 1990, multiplicamos o número de estudantes e, o que é máis importante, saíron das nosas universidades galegas máis de 127.000 titulados e seguimos sacando cada ano máis de 11.000 novos licenciados ou diplomados.

Pero a proba máis evidente do esforzo económico feito polo Goberno Galego coas universidades está na poboación ocupada de Galicia nesta última década, en que pasamos de 90.000 ocupados con título universitario, en 1993, a 183.500, a finais do 2003; isto supón máis dun 100 % de incremento. Se partimos do suposto de que "a mellor formación mellores resultados económicos", entenderemos os efectos da mellora da educación superior na nosa Comunidade.

Pero a nova Universidade do século XXI precisa tamén unha adaptación ós novos tempos e vímolo facendo dende a aprobación da Lei Orgánica de Universidades, que remataremos este mesmo ano coa aprobación da Lei Xeral do Sistema Universitario de Galicia.

Calquera que sexa o método está claro que o obxectivo da universidade do futuro é a calidade. Esta nova universidade que ha competir en Europa debe ser unha institución capaz de anticiparse, de modificar e de adaptarse con rapidez ós novos cambios que se aveciñan, non só no que se refire ós plans de estudo e ás titulacións, senón tamén facendo propostas sobre os valores e as actitudes que reclaman os novos tempos.

Pero cando se fai unha reflexión sobre a Universidade, hai que colocar sempre ó lado da súa actividade docente a actividade investigadora. Porque o emprego, a calidade de vida e, en definitiva, o futuro da sociedade pasa necesariamente polo fortalecemento da súa capacidade de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

Por iso, este Goberno, en programas de I+D, orientou unha política existente anteriormente de corte netamente académico, facéndoa evolucionar, pouco a pouco, cara un modelo de maior orientación industrial, como quedou reflectido no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico e na situación da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento dentro da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

É preocupación deste Goberno, compartida cos Sres. Reitores das tres universidades, a mellora do financiamento do sistema universitario, ó que incorporamos este mesmo ano 8.700.000 euros que está a percibir o profesorado polo esforzo que está a facer na mellora da docencia e da investigación.

Pero pensando na incorporación ó sistema europeo de educación superior, que debe estar rematada no ano 2010, queremos facer un plan xeral de financiamento plurianual que chegue ata o devandito ano, no que se vai introducir un novo capítulo de financiamento por calidade que lle permita ás universidades competir por obxectivos e mediante contratos-programa. As Consellerías de Economía e Facenda e de Educación e Ordenación Universitaria están a traballar en coordinación coas tres universidades neste novo plan que esperamos chegue pronto a feliz termo.

Competir en pé de igualdade con outras Comunidades Autónomas e, aínda máis, con outros países, só será posible se todos os galegos tomamos conciencia da importancia da nosa universidade e empurramos con forza e ilusión.

Invítoos a todos: profesores, alumnos, persoal de administración e servizos e a toda a sociedade en xeral, a que o fagan; a traballar sen desmaio, confiados en que seguiremos obtendo beneficiosos froitos, iguais e aínda maiores que os logrados nos últimos anos.

Poden estar Vostedes seguros de que para iso nunca lles faltará a axuda deste Goberno, en cuxo nome declaro inaugurado o curso universitario 2004-2005.

Moitas grazas.