Saltar ao contido principal
Xornal  »  A percepción social das universidades

Senén Barro Ameneiro: A percepción social das universidades


Artigo publicado en "Galicia Hoxe" o 25-7-04

Hai poucos días foi presentado o resultado dunha enquisa nacional, a primeira, sobre a imaxe pública do sistema universitario español, coordinada polos profesores Francisco J. Llera e Alfredo Retortillo, realizada pola ANECA –Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación-. É un estudo que pon de manifesto interesantes resultados sobre a percepción das nosas Universidades nas distintas comunidades autónomas e no conxunto do estado español. Unha primeira e moi significativa conclusión é que a maioría dos españois atribúen unha grande importancia ás súas Universidades. Así, o 90,5% opina que teñen moita ou bastante importancia, sendo Galicia a comunidade cunha maior porcentaxe de persoas que valoran a súa Universidade como moi importante, concretamente o 61,8%. Este dato sitúa ás Universidades por riba de institucións moi valoradas, como a Policía, a Prensa ou a Administración de Xustiza. Este resultado reprodúcese tamén a nivel das distintas comunidades autónomas.


Curiosamente, malia que existe un elevado interese polos temas universitarios –o 57% afirma estar bastante ou moi interesado nos asuntos relacionados coa Universidade, cifra que se eleva en Galicia ao 66%, por riba do resto de Comunidades Autónomas-, os enquisados recoñecen que teñen en xeral un gran descoñecemento das súas Universidades e as actividades que estas desenvolven –só un 25,9% se sente moi ou bastante informado ao respecto-. Estes datos poñen de manifesto a necesidade de intensificar as políticas de achegamento das Universidades ao conxunto da sociedade e unha maior complicidade nesta labor por parte daqueles axentes que poden e incluso teñen a responsabilidade de contribuír a espallar o coñecemento das Universidades entre a sociedade. Parece obvio que os medios de comunicación deberían ter un protagonismo moi especial neste sentido, pero a día de hoxe o seu papel é percibido como deficiente –o 66,3% dos cidadáns afirma que os medios informan pouco ou nada sobre a Universidade, e só un 10,1% cre que, pola contra, ofrecen moita ou bastante información ao respecto-.


Especialmente relevante resulta o feito de que ningunha das Universidades españolas supere o 30% de coñecemento espontáneo á hora de nomealas. A Universidade de Santiago de Compostela é a sétima máis coñecida no estado español, aínda que só un 8,8% dos enquisados afirman espontaneamente coñecer a súa existencia -se restrinximos os datos ás Universidades que son coñecidas fóra da súa Comunidade Autónoma, a USC ascende ao quinto posto-. Curiosamente, as Universidades máis coñecidas non son en xeral as máis valoradas, agás a propia USC e a Universidade de Salamanca –sexta e terceira máis valoradas, respectivamente-. Tamén se recoñecen como moi relevantes os procesos de información internos, que deben manter informada á comunidade universitaria e aos distintos sectores desta sobre os temas que son do seu particular interese. Proba de que neste sentido non se está actuando con suficiente tino e dilixencia é o dato de que máis de oito de cada dez estudantes non oíron nunca falar do espazo europeo de ensino superior. Pero non só se percibe como insuficiente por parte da cidadanía española o tratamento xeral sobre os temas e compromisos universitarios, senón que incluso a información básica sobre a oferta de titulacións, prazas, requisitos e trámites de acceso á Universidade se valora como escaso. É especialmente rechamante neste sentido o dato de que o 47,8% dos enquisados definen como escasa a orientación universitaria que se dá no ensino secundario. Consciente desta realidade, a USC está a facer importantes esforzos neste ámbito. O programa "A Ponte" entre a USC e ensino medio supón un espacio de achegamento entre a Universidade e os estudantes preuniversitarios que se está traducindo en avances de coñecemento mutuo moi significativos e moi ben valorados.


En xeral existe unha valoración negativa sobre os recursos públicos destinados ás Universidades españolas. O 65,1% consideran escasos os ditos recursos, aínda que tamén a maioría considera só regular o aproveitamento dos recursos por parte das Universidades, sendo precisamente Galicia a comunidade na que a valoración é máis negativa neste sentido. Só un 33,9% dos galegos e galegas valora como bastante ou moi esforzados aos profesores universitarios, sendo neste sentido a Comunidade cunha valoración menos favorable, e o mesmo ocorre co grao de aproveitamento xeral dos recursos cos que contamos. Non cabe dúbida de que as Universidades temos que facer aínda un esforzo significativo de transparencia e rendemento de contas, para que se poida coñecer e valorar o grao de eficiencia na utilización dos nosos medios e ingresos. Pero tamén é importante que se perciba que o modelo de Universidade que hoxe existe e que nos demanda a sociedade está moi lonxe da Universidade que operaba case en exclusiva como institución docente. A Universidade é a día de hoxe tamén unha institución de investigación e prestadora de importantes servizos á súa comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade. Esta realidade ou se ignora ou non se recoñece suficientemente no financiamento universitario por parte das administracións públicas. A modo de exemplo, os programas dirixidos aos maiores, como o denominado cuarto ciclo da USC, non recibiran ata o momento ningún financiamento explícito externo, pese a que, como demostra o estudo da ANECA, un 96,2% da poboación os valora positiva ou moi positivamente.


Se queremos ser corresponsables no desenvolvemento do noso país e non causantes dunha depresión crónica das nosas posibilidades de futuro, todos temos que comprometernos máis. As Universidades no correcto e san exercizo da súa autonomía, cunha transparencia e rendemento de contas intachables. As administracións públicas, en particular a comunidade autónoma, cun plan de financiamento que contemple a realidade docente-investigadora e prestadora de servizos das Universidades e garanta a suficiencia, a equidade e a eficiencia dos recursos achegados ao sistema universitario de Galicia.

Senén Barro Ameneiro:

É reitor da Universidade de Santiago de Compostela