Saltar ao contido principal
Xornal  »  Benvida á web da USC

Senén Barro Ameneiro: Benvida á web da USC


Como reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) quero darche a benvida ao portal electrónico desta institución pública de ensino superior. A USC ten unha tradición de máis de cinco séculos de historia e está comprometida coa calidade na docencia, na investigación e nos diferentes servizos que presta, e tamén coas necesidades sociais e ambientais do seu contorno. Con dous campus, Lugo e Compostela, a USC é unha Universidade que engloba titulacións das cinco grandes áreas do saber (Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ensinanzas Técnicas, e Humanidades). Ademais, é unha Universidade con gran dinamismo investigador, que desenvolve desde os seus 72 departamentos e 18 institutos de investigación, e por máis de 1600 investigadores, coordinada a través do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT).

A historia da USC constitúe unha herdanza da que nos sentimos orgullosos e que valoramos como un activo tanto polo traballo acumulado no campo do coñecemento, que no presente renovamos cos esforzos feitos polos membros da nosa comunidade universitaria, nos diferentes papeis que uns e outros desenvolvemos, como polo seu patrimonio arquitectónico, artístico e bibliográfico -un patrimonio vivo, xa que hoxe en día segue ao servizo da sociedade-.

A nosa é unha Universidade que, desde Galicia, está inserta no panorama europeo do coñecemento e do desenvolvemento científico e tecnolóxico, con vocación de xogar un papel relevante no novo Espazo Europeo do Ensino Superior que se está construíndo consonte á Declaración de Bolonia, e tamén coa vontade de manter estreitos lazos co ámbito universitario de Iberoamérica. No tocante a isto último, é oportuno recordar que ao longo do ano 2004 a nosa Universidade está a organizar un conxunto de actividades que se enmarcan baixo o nome de Os Camiños da USC en América, actividades entre as que destaca a xa celebrada Conferencia Iberoamericana de Reitores e de Responsables de Relacións Internacionais, e da que grazas ao impulso da USC resultou a Declaración de Compostela, que xa asinan máis de 200 universidades iberoamericanas.

A USC ten un compromiso claro coa calidade na docencia, na investigación e nos servizos que presta, compromiso manifestado no seu Plan Estratéxico, co que se quere proxectar ao futuro para transformar o seu presente e responder mellor ás demandas da sociedade á que se debe. Os esforzos destes últimos anos xustifican que a nosa Universidade dispoña dun Vicerreitorado de Calidade e Planificación Estratéxica desde o que se impulsan, se dinamizan e se seguen iniciativas na procura de avanzar nas cotas de calidade nos diferentes ámbitos e actividades da USC. Pero é o traballo conxunto dos nosos centros, departamentos, institutos de investigación e servizos, e tamén dos diversos sectores da comunidade universitaria implicados nese traballo, o que está a asegurar avances en materia de calidade.

Temos que ser conscientes de que se está a configurar un novo modelo de universidade que trata de reflectir o mundo "postindustrial", e que na USC ese novo modelo implica preservar aqueles elementos distintivos que caracterizan á nosa Universidade como institución educativa comprometida coa creación e transmisión do coñecemento e cos resultados innovadores derivados da investigación, ao tempo que se superan aqueles que as transformacións sociais, económicas, culturais e tecnolóxicas deixaron obsoletos, coa aspiración de seguir sendo un motor da sociedade que contribúa a un desenvolvemento sostible. Neste sentido, o instrumento que supón este web xa se amosou en poucos anos como claramente potenciador do traballo no ensino, na investigación e nos servizos. Para a Universidade de Santiago de Compostela é ademais unha excelente carta de presentación do que somos, do que facemos, do que proxectamos e ambicionamos. A través das diferentes páxinas deste portal atoparaste cunha Universidade en transformación, que sen esquecer a riqueza da súa historia e, aproveitando a velocidade acadada tras a carreira dos seus cinco séculos, intenta saltar máis lonxe, para posicionarse con decisión e sentido da anticipación nos postos destacados e así consolidarse como unha universidade de prestixio no contorno tan extraordinariamente dinámico no que vivimos. Unha Universidade que traballa para poñer o coñecemento e o seu liderado ao servizo da sociedade.