Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso pronunciado no acto académico de toma de posesión de Juan Casares como reitor da USC

Alberto Núñez Feijóo: Discurso pronunciado no acto académico de toma de posesión de Juan Casares como reitor da USC


Na historia do parlamentarismo democrático, hai asembleas lexislativas que tiveron o seu primeiro asento en vellos recintos relixiosos e mesmo en dependencias destinadas a practicas deportivas. A nosa tradición parlamentaria é singular porque, durante o seu inicial período ambulante, o Parlamento de Galicia viviu acollido pola Universidade.
  
Pode dicirse que esta Universidade foi o berce do autogoberno nun dobre sentido. Foi aquí onde foron fraguando en debates e teorías os desexos de autonomía do noso pobo. E foi tamén aquí onde os pioneiros da democracia galega tiveron asento. Estes muros gardan a tradición universitaria e parlamentaria do noso país, e lémbrannos unha íntima relación entre eses dous piares do noso presente como comunidade libre.
 
Quero render homenaxe a ese fraterno vencello aludindo a dous valores que están no cerne da vida universitaria e que hoxe poden servir de guieiro ao conxunto do noso país.
  
A etimoloxía dinos que universitas evoca un colectivo que coopera. “ Universitas magistrorum discipulorumque”. É a cooperación entre mestres e discípulos a razón de ser da Universidade, e o motor que permite que a institución atravese épocas moi diferentes, e se expanda por culturas diversas sen perder a súa personalidade substancial.
  
O éxito atemporal da institución reside no establecemento dun interese común polos saberes, que as liortas alleas non poden alterar. En tempos de crise, a Universidade vese desde fora coma un oasis onde os principios mais nobres da Humanidade resisten malia todas as dificultades, para xerar principios transformadores.
 
Xunto a esta idea de cooperación, hai outra que latexa desde o principio nas entrañas da institución. É o debate. Con razón se considera que a “ polémica dos universais” que no século XII fai famoso ao monxe Abelardo na Universidade de París, é un dos seus momentos fundacionais. A pugna contra dogmas de calquera tipo será dende entón un sinal de identidade que teimará por manterse vivo mesmo nos ambientes mais hostís. Dese empeño constante e interminable, xurdiron e xorden as principais achegas dos universitarios ao benestar e a liberdade do mundo que os arrodea.
  
Señoras e señores. Considero que nesta etapa da longa peregrinaxe que Galicia fai pola historia, necesítase unha equipaxe conceptual axeitada aos retos que o noso país ten. Unha equipaxe inspirada en principios que a Universidade Compostelana atesoura dende o seu nacemento, e que en parte lle foron transmitidos a aquel primeiro Parlamento que viviu nesta mesma casa de Fonseca.
  
Precisamos en efecto unha nova cultura da cooperación que substitúa a vella idea do inimigo alleo, pola do amigo propio. A Galicia de hoxe nin é feble nin está illada. Posúe potencialidades humanas importantes que permiten ser optimista. Tan certo coma que a crise que padecemos ten dimensións inéditas, é que non hai na historia do noso país un momento de liberdade e forza creadora coma o que hoxe disfrutamos. Iso dános unha vantaxe, e plantéxanos tamén unha obriga: a visión da nosa terra coma un conxunto integrado; a visión de Galicia como una universitas.
  
Esta Universidade é a consecuencia de moitos séculos de fusión de saberes e vontades. Sen necesidade de remontarnos tanto tempo atrás, o logro mais decisivo das últimos décadas, o feito que vai determinar o futuro da institución e o seu papel relevante entre as universidades de todo o mundo, é o resultado da cooperación.

Refírome ao Campus Vida. Nunha recente visita a Santiago decía o profesor Patrick Couvreur que “ para trasladar a investigación científica á economía dunha sociedade, é necesario contar cunha masa crítica e cun método interdisciplinario”. Pola miña parte, penso que para mobilizar a unha sociedade, hai que empezar por unila en torno a obxectivos compartidos.
  
O clúster biosanitario aúna esforzos preexistentes, coordina o público co privado, establece unha rede de centros e un espazo do coñecemento. Instaura unha intelixencia colectiva. ¿Non pode ser Galicia tamén unha vontade colectiva? ¿Non podemos pasar desa Univer-cidade que medra ao redor do Campus Vida, a unha Univer-comunidade construída mediante proxectos comúns a todos os galegos?
 
Estou certo de que si. E eses proxectos compartidos en materia universitaria, financeira, cultural, de ordenación do territorio ou benestar, hainos que facer mediante unha nova cultura do debate público. Lonxe de ser un fin, o debate nun país en marcha ha ser un medio para chegar a solucións e decisións.
  
De novo a Universidade volve servir de modelo porque realidades coma a do biocampus que distingue á Universidade de Santiago no mundo, saen dun debate amplo que marca camiños e obxectivos, non de querelas bizantinas que alimentan a inacción. Galicia non precisa de debates que resten, senón de debates que esperten as conciencias e que sumen e multipliquen iniciativas.
 
Dende que don Lope Gomez de Marzoa puxera os seus alicerces, esta Universidade é o reflexo onde Galicia mira o mellor de si. Hoxe ve cooperación, modernidade, integración, intelixencia colectiva e debate orientado á acción.
  
Doulle as grazas ao reitor saínte Senén Barro por manter e desenvolver esta tradición. Gracias polo teu traballo, esforzo e dedicación nos retos universitarios.
 
E estou certo de que co seu sucesor, Juan Casares Long, a Universidade de Santiago seguirá a ser un dos faros máis importantes que nos alumeen. Benvido e ánimo no reto de seguir construíndo unha universidade eficiente que non pode perder a calidade e a búsqueda incansable da excelencia. Que así sexa.
 Moitas grazas.