Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de despedida

Senén Barro Ameneiro: Discurso de despedida


As primeiras palabras que quero pronunciar son de felicitación e de agradecemento. Felicitación ao reitor Casares e a todo o seu equipo por asumiren hoxe tan grande honra. Tamén quero trasladarlles os meus mellores desexos para que desempeñen con moito éxito a responsabilidade que acompaña a dita honra. Desexos que pola miña banda non serán só de estar concernido senón implicado en todo o necesario. Sr. reitor, estando ao seu servizo, estarei ao servizo da USC. Agradecemento a tantas e tantas persoas que desde postos cunha ou outra responsabilidade académica e profesional, ou desde o mesmo anonimato, fixeron todo o posible para que a Universidade, e con ela o noso país, seguise avanzando.

Despois destas primeiras palabras, que volverei utilizar, quero saudar a todas as persoas que hoxe asisten a este acto de toma de posesión do novo reitor e do seu equipo. Tamén a aquelas persoas que seguen por Internet este acto a través da retransmisión pola nova canle USC-TV.

Un reitor o é se ten unha universidade detrás. E eu non tiven simplemente unha universidade. Tiven unha grande universidade. Tiven máis de 500 anos de universidade e asemade o empeño permanente desta academia por ser a máis dinámica e emprendedora de todas.Cumprín o oitavo ano de reitor. Chegou o final desta etapa tan inesquecible e impagable como intensa e complexa. Pensando en que o oito e o cero son os dous únicos díxitos que se escriben retornando á orixe, recupero esa orixe resumida nos compromisos adquiridos no ano 2002 diante da comunidade universitaria: liderar un proxecto para unha nova universidade que xirase arredor da calidade, da modernidade, do diálogo e da intelixencia colectiva. Precisamente, só desde a intelixencia colectiva se poden impulsar proxectos tan importantes e ambiciosos como Campus Vida. Unha intelixencia colectiva que é a que realmente permite pensar e actuar como dixo Henry Ford: “tanto se pensas que podes coma se pensas que non podes, estás no certo”. E a USC pensou e segue pensando que pode ser un dos principais motores científicos e de educación superior de todo o Estado.  E con esta ambición, non só lexítima senón moi positiva para a sociedade, imos avanzando nese camiño que demos en chamar un futuro mellor.

Diálogo non faltou en ningún ámbito, nin en ningún momento. Diálogo para conseguir unión interna; diálogo para acadar un dos períodos de paz social no seo da comunicade universitaria máis longos e activos; diálogo para deseñar e executar con éxito o difícil Plan de Equilibrio Económico-Financeiro; diálogo para lograr un importante acordo-marco de colaboración en docencia e investigación por primeira vez nos vinte anos de coexistencia das tres universidades galegas. Diálogo coas administracións –sempre o tiven, e moi fluído con todos os presidentes galegos-, coas empresas... En definitiva, diálogo permanente e franco con toda a sociedade, usando máis a interrogación cá exclamación, o silencio atento que o exabrupto, a aprendizaxe mutua, buscando o consenso, pero sen claudicar xamais.

Modernidade proxectada en múltiples ámbitos, como o compromiso coa responsabilidade social, a integración e bo uso das tecnoloxías, e o emprendemento responsable. Unha aposta que nos colocou como referente do sistema universitario español e, cada vez máis, do internacional.

Calidade na docencia e na investigación: logrando o primeiro Campus de Excelencia Internacional do SUG, que agora compartimos con toda Galicia; tendo un rendemento académico moi por riba da media estatal; matriculando cada curso académico a gran maioría dos estudantes coas mellores notas de acceso dentro do SUG; sendo unha das nove universidades do Estado que están incluídas no coñecido ranking de Shanghai; multiplicando por tres os recursos captados para I+D+I entre 2002 e 2009  e incrementando nun 59% os recursos ligados a proxectos internacionais só no último ano.

No traballo destes anos preocupeime do emprendemento; do futuro da universidade; da calidade docente; do financiamento; da investigación; do EEES; do nosos campus, e do lucense en particular; de aguilloar as cabezas da academia; dos cambios necesarios e de como afrontalos; da ética e a responsabilidade que debe acompañar permanentemente á irrenunciable autonomía universitaria; dunha universidade que ten nome de muller, a nosa; do sentido común e do sentido político...; e outra vez do financiamento, como non? Temas que, xunto con moitos outros, foron abordados nos meus discursos e en máis de trinta artigos que publiquei en distintos xornais neste período. Sempre tiven presente que a palabra, tamén a escrita, é unha forma de diálogo coa comunidade e co conxunto da sociedade, a cal nunca debemos esquecer, nin sequera involuntariamente.

O día a día na USC non é tal, senón que se vive por horas e ás veces ata por minutos. Sen embargo,  pensamos e  actuamos mirando o horizonte. Campus Vida é o paradigma desa mirada que supera os lindes universitarios e os tempos que nos toca xestionar. As reflexións recollidas no documento USC Horizonte 2015, o proxecto de expansión do campus lucense “Campus de Lugo 2015”, ou Galtek [1], o aínda non nato Parque Científico-Tecnolóxico de Santiago de Compostela, son exemplos de poñer lonxe a mirada e sobre todo a cabeza.

Confésolles que para conseguir que o futuro desexado e planificado se fixese realidade, puxen en práctica con frecuencia a política de “facer da virtude necesidade”.Facer das virtudes institucionais necesidades para os individuos. Ter que facer da necesidade virtude pode resultar bastante común e, ás veces, ata inevitable. Sen embargo, neste caso trátase fundamentalmente dunha actitude reactiva; dunha resposta ante o que nos vén dado. Pola contra, facer da virtude necesidade é un proceso proactivo, de anticipación de accións co obxecto de conseguir o que queremos que suceda. Decateime de que así habería que actuar cando ao pouco tempo de chegar a San Xerome me interroguei do mesmo xeito que Hemann Hesse en Damien: “Se só intentaba facer aquilo que abrollaba espontaneamente de min, por que tiña que serme tan difícil?” E así, moitas veces o que considerabamos virtuoso, útil ou beneficioso para a nosa universidade empezou a lograrse despois de conseguir que se fixese ou percibise previamente como necesario para quen tiña a responsabilidade de cooperar á hora de levalo adiante ou, cando menos, a capacidade de impedilo.

E deste xeito, fomos definindo proxectos e construíndoos entre todos, cos ladrillos que dá a intelixencia colectiva. Foi o noso máis un goberno de deberes ligados a proxectos, que daqueles que son de compromiso ou de submisión. Os deberes de submisión, segundo os describe o filósofo e escritor José Antonio Marina, dimanan dunha orde, norma ou lei dada por alguén que ten autoridade ou poder ou forza para facelo. Pola súa parte, os deberes que responden a un compromiso non proceden dunha autoridade externa, senón que é o mesmo contraente o seu propio lexislador. Pero os deberes derivados dun proxecto dependen dunha meta elixida. Son os máis difíciles de levar adiante, xa que non se realizan sen ter en conta as persoas e as súas circunstancias, entre outras, as de tipo emocional. Pero son os que máis recompensas dan, tanto á institución como as propias persoas que a conformamos. Grazas por poñerdes as vosas cabezas, corazóns e mans a prol dos deberes que nos autoimpuxemos, e así converter tanta intelixencia individual en intelixencia institucional e colectiva.

Din que ser reitor parécese a ter un barco, xa que os únicos días de verdadeira felicidade son o primeiro e o último: cando se merca o barco e cando un se desfai del. Pero non é certo, cando menos non no meu caso –falo de ser reitor, claro, xa que barco non teño-. Nin un só día me arrepentín de asumir esta inmensa honra que supón ser reitor da USC e cada un deles sentinme moi afortunado. A min pariume esta Universidade e todo mo deu no ámbito profesional, aínda que no persoal me quitara tanto.

Pero o mesmo que no ciclismo hai momentos en que o terreo se empina tanto que non queda outra que apertar os dentes e non mirar atrás nin para ver se pinchamos, sen un bo equipo detrás ningunha meta importante pode cruzarse con éxito. Por iso teño tanto que agradecerlles a todos os que me acompañaron nestes oito difíciles e complexos anos. Tamén que celebrar tantas solucións creativas a situacións a priori insolubles. Como dixo Albert Einstein, a creatividade nace da angueira como o día nace da noite escura.

A todos cantos formaron parte dos equipos de goberno nestes oito anos quero transmitirlles o meu máis sincero agradecemento. Estou seguro de que todos tivemos erros e de que, en ocasións, decepcionamos a outras persoas e defraudamos algunhas expectativas, pero o certo é que traballamos arreo, tratando de facer avanzar a nosa Universidade, cunha grande e inquebrantable entrega. Por iso, unha vez máis, quero que conste publicamente o meu máis firme aprezo persoal e profesional por todos eles.

Quero tamén agradecer o traballo dos membros dos nosos órganos de goberno e de representación, e moi especialmente do Consello Social. Esta interface coa sociedade é tanto máis importante canta máis importancia lle dá a Universidade á preocupación e dedicación a todos os sectores e actividades da sociedade. O traballo do Consello Social nestes anos, lonxe de ser inquisitivo, simplemente fiscalizador ou de crítica pasiva, foi cómplice dos nosos padecementos, das nosas necesidades e, sobre todo, da busca de solucións aos problemas e da mellora constante.

Sempre percibín moita complicidade arredor do noso proxecto. Dunha boa parte da comunidade universitaria, e especialmente quero recoñecer o valor dos grupos e plataformas de PDI, PAS e do estudantado en momentos nos que se esquece o tempo e os esforzos que adican a pensar e actuar colectivamente en beneficio de todos. Sentín tamén moi de cerca o apoio dos axentes económicos, sociais, científicos, políticos, culturais... O máis claro exemplo foi a complicidade arredor de Campus Vida, en especial por parte de cantos conforman a súa agrupación estratéxica; vivín, e agradezo tamén, o interese e respecto co que os distintos medios de comunicación atenderon á USC, o seu vivir e o seu porvir.

Permítanme que tamén agradeza a axuda que nestes anos me brindaron os membros do meu grupo de investigación, o Grupo de Sistemas Intelixentes. O seu excepcional traballo e a paciencia e respecto coas que toleraron as miñas frecuentes ausencias permitiranme chegar o próximo luns ao departamento reproducindo a famosa frase pronunciada por frei Luis de León na súa volta á Universidade salmantina e que remedou moito máis tarde Unamuno: “diciamos onte”.

Sendo eu o ducentésimo vixésimo segundo reitor da Minerva compostelá, entenderán que non cite a todos os que me precederon e tamén que o cargo non se me subira á cabeza, aínda que ma quentara con frecuencia. Pero si quero citar a don Manuel Lucas e a cantos rexeron desde a LRU a nosa Minerva: nestes anos percibín do traballo feito polos profesores Villanueva, Villares e Pajares, e dos seus equipos, moitas herdanzas positivas, sen as cales sería imposible seguir dando pasos na elite do Sistema Universitario Español, avanzando sempre sobre o xa construído. Como dixo o biólogo Edward Osborne Wilson: “unha sociedade defínese non só polo que crea senón polo que decide non destruír”, e iso sabémolo ben nunha universidade que mide por centos os seus anos de vida.

Como exemplo de tantas e tantas persoas desta casa que fan moito máis do que razoablemente se lles pode pedir polo que se lles paga, sirva como exemplo, que escollo pola axuda que persoalmente me prestaron e por ese cariño que fai a convivencia, a Rosa, Ángeles, Bea, Marcos, Gonzalo, Juan, Mareque, Daniel...

No meu discurso de toma de posesión o 17 de xuño de 2002 dicía que non aspiraba a actuar libre de erros, senón a decatarme a tempo de telos cometido para podelos corrixir ou, cando menos, para amortecer o seu efecto. Ás veces foi así e outras, con certeza, non fun consciente dos equívocos, ou non ata que foi demasiado tarde ou simplemente nunca. Pídolles desculpas, cheas de sinceridade, e moi especialmente a cantos os meus erros puideron prexudicar.

Tamén nese discurso dixen que se, chegado este día, pensades que pagou a pena o meu paso por San Xerome, teñades un pensamento agarimoso para a miña familia, xa que dela é tamén a responsabilidade do traballo feito, pero sobre todo a pena das incontables horas que lles furtei. Espero que fose en beneficio desta Universidade.

Eu agora “pasarei a mellor vida”, pero non choren por min, que será só no sentido terreal, espero. Voltarei a miña cátedra de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, coa fortuna de presidir un excepcional proxecto, RedEmprendia, que busca axudar as universidades na súa aposta pola transferencia do coñecemento e o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable, nun espazo iberoamericano do coñecemento co que moitos nos empeñamos. Tamén desde esa privilexiada atalaia tratarei de facer todo o posible pola nosa universidade.

Sr. reitor, desde San Xerome apréndese a gozar de todos os éxitos da USC e a vivir con amargura cada tropezo da nosa benquerida Universidade, e iso xa non desaparece dun xamais. As miñas ideas e as miñas forzas estarán sempre á súa disposición.

Esta é a miña Universidade, a miña casa do saber, a miña vida profesional. Sempre sentín que eu estaba ao seu servizo e non ao revés, e aínda así, cada día débolle máis. Moito máis hoxe que hai oito anos.
Ata sempre, amigos e amigas, e que viva a USC!



[1] A ubicar en San Marcos, e que contaba cos parabéns da Xunta, o Concello de Santiago e a USC. Un parque orientado aos sectores do audiovisual, as ciencias e tecnoloxías da vida e as TIC e a intelixencia de negocios, pero que vive o soño no que ás veces viven os soños, pendente dun informe da Comisión de Patrimonio da Xunta e da constitución dunha entidade xestora do parque. O 4 de abril de 2005 tiven a honra de presentar este proxecto en Fonseca a diversas persoas, entre elas o que agora é o noso presidente e entón conselleiro de Obras Públicas, Política Territorial e Vivenda.