Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de toma de posesión como reitor da USC

Juan José Casares Long: Discurso de toma de posesión como reitor da USC


Sexan as miñas primeiras palabras de agradecemento: a todos os presentes pola súa asistencia a este acto; tanto aos que o fan por obriga e compromiso institucional, na súa calidade de representantes da sociedade galega, como a aqueles que me quixeron acompañar neste acto e compartir comigo tan importante xornada.
            Tamén (e este agradecemento é reiteración do que hai algunhas semanas tiven ocasión de formular) á comunidade universitaria, persoal docente e investigador; persoal de administración e servizos; estudantes dos diversos ciclos, que me concedeu a súa confianza, nas votacións do 5 e do 24 de maio; e, por suposto, tamén aos que, libre e conscientemente, votaron en ambas as dúas ocasións aos diversos candidatos que comigo competiron. Como xa tiven ocasión de declarar no seu momento, concluído o proceso electoral e proclamados os seus resultados, son e síntome o Reitor de todos; que para todos quere gobernar e administrar a USC durante os próximos catro anos; o Reitor que con todos quere e espera contar. Como dicía Benedetti no seu poema “Hagamos un trato”, cuando digo esto / quiero decir contar / aunque sea hasta dos / aunque sea hasta cinco (…) para saber / a ciencia cierta / que usted sabe que puede / contar conmigo.
            O meu agradecemento tamén (eles xa o saben, pero impórtame proclamalo hoxe e aquí publicamente) para o colectivo de persoas que, desde hai varios meses, me acompañou na preparación deste proxecto e que colaborou eficazmente á súa consecución, e que quero singularizar na persoa de José Ramón Porto; e para o equipo coa valiosa axuda do cal espero levalo a cabo: Sara Cantorna Agra, Eva Castro Caridad, Francisco Durán Villa, Carmen Fernández Morante, Javier Garbayo Montabes, Pedro García Herradón, Francisco González García, Isabel González Rey, Manuel Macia Cortiñas, Lourdes Noya Ferreiro, Mercedes Pintos Barral, Pablo Ramil Rego e Benita Silva Hermo.
            E, se me permiten a confidencia persoal, tamén lle quero agradecer o seu apoio, paciencia, comprensión e afecto á miña familia, polo tempo roubado..., e polo que lles roubarei nos próximos anos.
            Ademais do agradecemento que acabo de expresar, o outro sentimento que me embarga e abraia é unha mestura de honra e responsabilidade, ante o compromiso que asumín: engadir o meu nome á lista dos 222 reitores que, desde a súa creación hai xa máis de cincocentos anos, me precederon neste posto, cun dos cales –c omo logo lembrarei– comparto apelido e familia.
            Se para calquera universitario acadar o grao de Reitor constitúe a súa máis alta honra e a culminación da súa carreira, para quen tivo a fortuna e o privilexio de se formar –como Alumno, Bolseiro de investigación, Profesor non numerario, Titular e Catedrático– na que durante tanto tempo foi a Universidade de Galicia, acaso non caiba maior aspiración que a de recibir o nomeamento como Reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Unha Universidade que, sen menoscabo das dúas que dela naceron, e das que se sente non nai, senón irmá maior, é hoxe por hoxe referencia indiscutible para a ciencia, o saber e a cultura.
            Non estará de máis lembrar, precisamente neste acto, algunhas cousas que, acaso por pareceren obvias, non sempre se teñen en conta. A Universidade, dentro da autonomía que lle recoñecen as leis, non é autosuficiente nin propietaria de si mesma (se é que se pode empregar tal concepto), senón que pertence á sociedade, representada pola correspondente Administración pública –no noso caso, a Xunta de Galicia– democraticamente elixida. Iso explica o sentido do acto que agora celebramos: a comunidade universitaria, de acordo coa súa propia normativa, elixe o seu Reitor; a Administración –representada aquí polo Presidente da Xunta– nomea como Reitor a quen a Universidade elixiu.
            Estamos a vivir un momento histórico, determinado por un proceso de cambio que se diferenza de todos os anteriores na velocidade en que se produce. É unha transformación multidimensional, orientada a unha sociedade baseada no coñecemento, na que os factores máis importantes para garantir o benestar e a prosperidade a longo prazo son a educación e a investigación.
             A Academia Ateniense de Platón de hai case dous mil catrocentos anos, que se fundou co obxectivo de eliminar a “ ignorancia” dos estudantes e pólos en contacto co “coñecemento eterno”, serviu de modelo para os distintos tipos de Universidade ao longo dos tempos (París, Bolonia, Oxford, Cambridge, Coimbra, Salamanca... tamén Santiago de Compostela) como forza impulsora para a busca do coñecemento. Nos últimos douscentos anos, as propostas de Wilhem von Humboldt de que o Estado garantise a autonomía da Universidade e a liberdade de cátedra para os que traballan nela, permitiron acadar un elevado nivel de coñecemento e prestixio para a Universidade.
            Na Universidade, o coñecemento créase a partir da investigación, transmítese a través da docencia e aplícase mediante a difusión e debate de propostas e ideas, e a innovación cara aos sectores produtivo e de servizos. Como consecuencia deste feito, a Universidade caracterízase marcando de forma significativa a autonomía profesional dos seus membros, unha gran fragmentación organizativa e unha compartida asunción de responsabilidades na toma de decisións. E foron precisamente estas características as que lle concederon suficiente estabilidade á Universidade para ser a única institución civil que perdurou durante tanto tempo e en condicións tan cambiantes.
            Igual que o resto da sociedade, estamos a vivir na Universidade un proceso acelerado de cambio no que o espazo e o tempo se están a facer cada vez máis pequenos, con novas demandas por parte da sociedade: formación ao longo da vida, internacionalización, inclusión social, apoio ao desenvolvemento local e rexional... . Mentres a base de coñecemento medra de forma exponencial (duplicándose cada cinco anos), os recursos financeiros que recibe a Universidade aumentan linealmente, no mellor dos casos, partindo dunha base de recursos limitados e escasos. Baste lembrar que o financiamento por alumno das Universidades de Norteamérica se sitúa entre dúas e cinco veces o da media das universidades europeas, sendo estas as responsables do 80% da investigación básica en Europa. Se aspiramos a estar entre os mellores, temos que dispor de recursos comparables con eles, e a nosa historia recente, no que a financiamento se refire, atópase a metade de camiño da media europea.
            Aínda que durante moito tempo a expresión “nun momento de crise” veu soando a lugar común carente de sentido ou socorrida escusa para xustificar determinadas decisións, forzoso é recoñecer que poucas veces como agora tal declaración está cargada de verdade. E somos moitos os que pensamos que esa gran crise universal que a todos nos preocupa –ou angustia, segundo os casos– non é só de índole económica ou financeira, aínda que esa sexa a súa cara máis visible ou a dimensión que máis fortemente nos afecta, senón que ten raíces máis profundas e compoñentes máis complexos, porque afecta a dimensións universais do ser humano, e vinculadas a conceptos radicais, como son a filosofía, a política, a xustiza, a ecoloxía...
            Pois ben, se é así, non cabe dúbida de que, para ese debate universal que a todos nos compete, a Universidade pode ser a súa plataforma idónea, e así o recoñecía hai poucas semanas Marcos Peña, Presidente do Consejo Económico e Social de España, cando anunciaba que “o futuro do país pasa pola Universidade”. Non pretendo dicir con iso que unicamente nos competa aos universitarios a súa análise e a busca de vías para a súa resolución; pero si que, como sucedeu nos momentos cruciais na historia da humanidade, o pensamento crítico, a mentalidade científica e a actitude antidogmática –inherentes ao pensamento e actividade universitaria– se revelan como imprescindibles. En consecuencia, considero que, nesta crítica conxuntura que a todos nos afecta, temos a obriga de pór ao servizo da sociedade todos os nosos esforzos e capacidades; con iso non só cumprimos un estricto deber de xustiza para esa sociedade que, como dixen antes, nos sustenta e mantén, senón que tamén pode ser o noso máis convincente argumento á hora de demandar desa sociedade, a través da súa Administración, o seu imprescindible sostén financeiro.
 
De acordo co concepto de Universidade que arriba formulei e defendín, unha das súas funcións principais é a de lle transferir á sociedade, á que pertence e da que depende, o producto da súa actividade. Ante todo, o que resulta máis evidente e parece prioritario: a formación académica, científica, profesional e cultural das novas xeracións; pero tamén na tarefa que cada vez resulta máis importante, nun momento histórico de intensos cambios: a transferencia dos resultados das súas investigacións, de cuxos avances se poden beneficiar os máis diversos sectores da sociedade. E non só naquilo que pode resultar máis brillante ou atraente (os avances nas investigacións bioxenéticas; as aplicacións industriais nos estudos do medio atmosférico; a previsión dos comportamentos sociais, económicos ou políticos), senón tamén en campos menos espectaculares pero igualmente transcendentais (sexan na lingüística, a arqueoloxía, a ética, o dereito, as artes...).
Remontándonos no tempo hai neste eido da transferencia de coñecemento algúns exemplos, protagonizados por un ilustre científico e mestre desta Universidade, da que chegou a ser Reitor e que, por razóns que de seguido entenderán, me gustaría lembrar. Don Antonio Casares Rodríguez, avó do meu avó, Catedrático de Química Xeral nesta Universidade, desde 1845, e Reitor desta, entre 1872 e o seu falecemento en 1888, levou a cabo, entre outras achegas cuxos resultados puxo de inmediato ao servizo da sociedade galega, a obtención de luz eléctrica mediante arco voltaico, por primeira vez en España, e con ela iluminou a fachada do daquela edificio central da Universidade, e hoxe sede da Facultade de Xeografía e Historia, en 1851. Tamén foi pioneiro na preparación, no seu laboratorio da Universidade, do éter e do cloroformo como anestésicos, que se empregaron nunha operación cirúrxica: era a segunda vez que tal cousa se facía no mundo, só unha semana despois de que se realizase por primeira vez en Escocia.
Pero hai tamén outra importante función social da Universidade, que non sempre temos en conta: o papel fundamental que esta exerceu (especialmente, en épocas de escurantismo ideolóxico, de falta de liberdades e de represión política) como catalizador de inquietudes e espertador da conciencia social e política dos mozos. E estou seguro de que boa parte dos que me escoitan, e que –coma min– se declaran pertencentes á “xeración do 68”, entenderán e compartirán a miña argumentación. Recentemente a nosa Universidade conmemorou mediante diversos actos (exposicións, publicacións, homenaxes, declaracións públicas) os corenta anos transcorridos desde que na primavera de 1968 a Universidade de Santiago de Compostela –daquela a “Universidade Galega”– puxo a vangarda do movemento estudiantil que non só en España, senón noutros lugares do mundo (París, Berlín, Berkeley...), marcou, coas súas luces e as súas sombras, unha época crucial na historia do século XX. Pois ben, nunca se ponderará bastante a importancia fundamental do papel desempeñado entón pola nosa Universidade no afianzamento da conciencia política, social e democrática de Galicia: todos sabemos que boa parte da clase dirixente (na vida sindical, política, cultural) galega nos últimos anos forxou as súas ilusións, afianzou as súas conviccións e curtiu o seu espírito de loita naqueles episodios. Para ben ou para mal (e cada un terá as súas opinións ao respecto), a Galicia da transición, da preautonomía e da actual autonomía afunde boa parte das súas raíces naquela buliciosa universidade compostelá dos anos sesenta e setenta.
            Pero hai outro factor que considero unha das fundamentais achegas históricas da USC nos tempos recentes: precisamente por ter sido durante tanto tempo a Universidade de Galicia, a ela acudían a formarse (como avogados, médicos, farmacéuticos, licenciados en Letras ou en Ciencias, economistas...) mozos procedentes dos máis diversos lugares do país, que, ademais de adquiriren aquí os coñecementos, as habilidades, as competencias da súa formación profesional, entraron tamén en contacto, pola obrigada convivencia durante varios anos, con outros mozos galegos procedentes de lugares que, en ocasións, non eran para os demais outra cousa que un nome ata entón descoñecido. Neste sentido, quizais se poida afirmar que ningunha institución como a Universidade de Santiago fixo tanto pola adquisición dunha conciencia colectiva de Galicia como país.
            E tamén debemos lembrar os milleiros de universitarios españois que nesta casa se formaron, atraídos moitas veces polo prestixio e recoñecemento das nosas facultades ou mestres. Algúns quedaron entre nós, e outros moitos regresaron aos seus lugares de orixe para exerceren a carreira que aquí estudaron. Pero sabemos que neses anos composteláns aprenderon a coñecer a realidade de Galicia, que logo difundiron entre os seus.
Non parece que sexa este o momento máis indicado para formular os requirimentos máis urxentes da USC, nin as súas necesidades máis perentorias: tempo haberá para iso, dentro dos mecanismos, condicións e prazos establecidos. Pero non estará de máis que, en ocasión tan solemne, e cando nos escoitan os máis altos representantes da sociedade galega, lles lembremos que a xustiza debe tratar a todos por igual, pero que ha de atender a cada un segundo os seus merecementos e as súas necesidades.
            A Universidade de Santiago de Compostela proporciónalle un servizo esencial á sociedade galega, e faino no marco dunha realidade bicampus (o campus de Lugo e o campus de Compostela) que se pode cuantificar baseándose en, estudos de grao 49, estudos de máster 80, programas de doutoramento 73, facultades i escolas 26, institutos de investigación 17, centros singulares de investigación 2, teses (2008) 122, patentes (2008) 24, alumnos titulados (2007) 4133, artigos en revistas científicas (2008) 1686,...
            Pero, ademais de todos eses datos, perfectamente cuantificables e obxectivables, hai outros factores que confirman a presenza destacada –e tamén a influencia– da Universidade de Santiago na vida académica, científica, empresarial, social, cultural e política non só de Galicia, senón de España, de Europa e do mundo: refírome aos integrantes da nosa comunidade universitaria que son membros numerarios e directivos das diversas academias (a española, a galega, as de Belas Artes, Medicina, Farmacia, Ciencias Morais e Políticas...), de sociedades científicas internacionais e nacionais, ou que son doutores honoris causa de distintas universidades en todo o mundo. E moitos dos nosos titulados ocupan postos relevantes na industria, o comercio ou a empresa; destacan no cultivo das artes e as letras; teñen presenza significativa nos medios de comunicación; ocupan postos destacados na Administración de Xustiza, na Igrexa ou na carreira diplomática; acadaron representación parlamentaria ou responsabilidades políticas (alcaldes, conselleiros, presidentes das deputacións, ministros do Goberno de España, presidentes doutras comunidades autónomas, os cinco presidentes da Xunta de Galicia...). Todos eles proclamaron e seguen a proclamar con orgullo a súa condición de antigos alumnos da Minerva Compostelá e o seu agradecemento polo aquí aprendido. Orgullo e agradecemento que, por suposto, comparten cos milleiros de licenciados e doutores que das nosas aulas saíron e que exercen a súa profesión (médicos, avogados, enxeñeiros, profesores, economistas, químicos, biólogos, veterinarios, farmacéuticos...) de xeito tan silencioso como eficaz. Algo que puiden comprobar como membro activo da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela que tiven a honra de presidir durante oito anos.        
            Permítanme que de forma moi breve sinale cales son, ao meu entender, os retos que a nosa Universidade debe afrontar no inmediato futuro.
            1º. No que respecta á gobernanza da Universidade, procede, por imperativo legal pero tamén democrático, a elaboración, discusión e aprobación duns novos estatutos.
            2º. A negociación dun novo plan de financiamento, no marco do Sistema Universitario Galego, que se axuste á especificidade da nosa Universidade e ás súas necesidades reais, para lles poder dar unha resposta de calidade ás demandas da sociedade. Nese sentido, apostamos por unha xestión económica responsable, transparente e comprometida coa realidade social, centrada nos intereses da institución e que non comprometa o noso futuro, garantindo deste xeito a autonomía universitaria, buscando permanentemente a colaboración coas administracións públicas e coa sociedade civil.
            3º.A incorporación dos novos planos de estudos, de grao e posgrao, no marco do Espazo Europeo de Educación Superior, e o prometedor modelo metodolóxico centrado no estudante, esixen: unha xestión profesional e eficaz; unha distribución dos recursos existentes con sentido común; unha organización académica baseada en parámetros de calidade e non só de cantidade; e unhas condicións de traballo e estudo axeitadas ao novo modelo.
            4º. O establecemento do Espazo Europeo de Investigación está a condicionar xa a nosa actuación neste eido, incluíndo aspectos como equidade, calidade, relevancia, propiedade intelectual, mobilidade e colaboración entre institucións.    
Temos plena confianza no potencial da nosa Universidade, que se atopa entre as primeiras de España grazas ao esforzo de todos: persoal docente e investigador, de administración e servizos, e estudantes. Partimos, polo tanto, deste potencial apelando á esixencia, que é o que caracteriza unha Universidade como a nosa, que aspira á excelencia. A sociedade demándanos a formación dos mellores profesionais, o máis alto nivel de calidade na investigación, e unha interacción cada vez maior co noso contorno; e todo isto só se pode acadar por medio desa esixencia persoal e o compromiso de cada un de nós.
Por iso é necesario, máis que nunca, na situación actual, non buscar as nosas diferenzas, senón traballar todos xuntos. Este é o momento de unir esforzos, Sr. Presidente, para acadar entre todos un proxecto común, xunto coas Universidades de Vigo e da Coruña, e camiñar cara un futuro mellor.
            Remato:
            Hoxe faise realidade unha ilusión, persoal e colectiva: a ilusión polo cambio. E, neste marco, permítanme lembrar as palabras do meu admirado Pablo Neruda: hoy es hoy, ayer se fue, pero hoy es también mañana.
Máis nada, moitas grazas.