Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de inauguración do curso académico 2010-2011 do Sistema Universitario Galego

Juan José Casares Long: Discurso de inauguración do curso académico 2010-2011 do Sistema Universitario Galego


 

É un pracer e unha honra para a Universidade de Santiago de Compostela acoller a inauguración oficial do curso académico aos vinte anos da transformación da que daquela era a única Universidade galega no que agora constitúe o Sistema Universitario de Galicia.

E quixera comezar agradecendo a magnífica lección de quen, como un profesor avanzado ao seu tempo, fixo posible incorporar o Dereito á Medicina ou, quizais, a Medicina ao Dereito, a través do Instituto de Medicina Legal da USC, que sen dúbida sería un referente digno de estender a outras latitudes. Moitas grazas, Profesor Concheiro, por, unha vez máis, compartir con todos nós o seu saber, froito de tantos anos de traballo, cunha lección que constitúe, ademais, un excelente exemplo da mellor dimensión do universitario: saber conxugar a especialización nun determinado campo coa apertura e o contacto con outras áreas do coñecemento. Por outra banda, é un orgullo para a USC o que nos acaba de recordar: a nosa Facultade de Dereito foi a primeira –e acaso a única– de España onde se impartiu, con regularidade e durante máis de trinta anos, a docencia de Medicina Legal, materia na que o doutor Concheiro é unha das máis recoñecidas autoridades. Nas palabras preliminares da súa lección declaraba non saber se tería a habilidade para mesturar conceptos médicos e xurídicos nun texto coherente sobre unha cuestión tan complexa. A atención con que o escoitamos e a ovación que subliñou as súas palabras proban ben que, como demandaban as antigas receitas maxistrais, o fixo con arte.

E, vivindo nun mundo en que a interdisciplinariedade é parte esencial nos saberes científicos, tomamos boa nota da súa moi razoable proposta para facer que a Medicina e o Dereito conflúan en novas e imaxinativas formas de investigación e docencia.

Continuando un costume que xa comeza a ser tradición, o Sistema Universitario de Galicia inaugura o seu curso académico de maneira rotatoria, celebrando o solemne acto de apertura cada ano en cada unha das tres universidades que o conforman. De acordo con esa quenda, correspóndelle á USC a honra de ser anfitrioa de tal acto para o curso 2010-2011, ofrecendo para iso este centenario edificio de Fonseca, cuxos muros gardan aínda os ecos de tantas xeracións de profesores e estudantes que por aquí pasaron. Entre eles, moitos dos que aquí nos reunimos hoxe, pois, como tiven ocasión de lembrar neste mesmo salón non hai moito, a USC foi, ademais de alma mater (agora irmá) das universidades de Galicia, o lugar onde boa parte da clase dirixente (na vida política, cultural, económica, sindical, social...) galega nos últimos anos forxou as súas ilusións, afianzou as súas conviccións e curtiu o seu espírito.

Se acabo de lembrar aquel discurso na miña toma de posesión é para expresar a moi alta responsabilidade que significa o feito de que o meu primeiro acto solemne como Reitor da USC sexa precisamente asumir a representación das tres universidades nesta ocasión tan especial.

E permítanme dedicar as miñas palabras non só a todos aqueles presentes neste Salón Nobre, senón tamén a aqueles que comparten estes momentos no Campus de Lugo a través da rede de redes.

Se falo aquí e hoxe en representación das tres universidades, sería tan impropio como inoportuno que me ocupase de explicar as inquedanzas, os proxectos, os logros, as aspiracións (e, menos aínda, as queixas ou as reclamacións) da miña Universidade: tempo e ocasión haberá para iso. Pero tampouco sería razoable esquecer o sentido fundamental deste acto, a súa dimensión social e pública, como social e pública é a nosa institución. A fin de contas, o que hoxe facemos non é outra cousa que inaugurar publicamente as nosas actividades ante unha representación –a máis cualificada, por emanar das súas institucións– da sociedade galega.

Con palabras que, en certa medida, parecen referirse a un tempo non moi diferente do noso, pero cuxo estilo evidencia notablemente o espírito que animaba os nosos predecesores nestas tarefas, expresábase así –hai 160 anos– o Catedrático de Química desta Universidade na Oración inaugural lida na solemne apertura do curso académico de 1850 a 1851, que comezaba así:

En los tiempos en que vivimos, en que perdió su prestigio el misterio con que antes se rodeaba la ciencia, y la publicidad es el único medio de dar a conocer su mérito, se suele formar juicio de un establecimiento científico por el del discurso con que anualmente inaugura sus trabajos: porque se supone que en él deben revelarse el espíritu, las tendencias, las doctrinas de los Profesores encargados de dirigir la juventud.

 De acordo con iso, para que esa sociedade que nos encargou a formación dos seus mozos e mozas coñeza o que o catedrático de Química chamaba “o espírito, as tendencias e as doutrinas” dos que hoxe iniciamos a nosa tarefa, pretendo reflexionar aquí sobre a identidade da Universidade en si e a realidade das tres universidades galegas no seu conxunto.

Desa Universidade que aflora hai xa vinte e dous anos, na conmemoración do noveno centenario da Universidade de Boloña, a través da declaración Magna Charta Universitatum, que a define como institución autónoma que, de xeito crítico, produce e transmite a cultura por medio da investigación e o ensino.

Permítanme aquí recordar o que na toma de posesión como Reitor dixen neste mesmo salón: “ Estamos a vivir un momento histórico, determinado por un proceso de cambio que se diferencia de todos os anteriores pola velocidade en que se produce. É unha transformación multidimensional, orientada a unha sociedade baseada no coñecemento, na que os factores máis importantes para garantir o benestar e a prosperidade a longo prazo son a educación e a investigación”.

As universidades hoxe deben continuar a cumprir co seu papel no compromiso social non escrito de xerar novo coñecemento, subministrarlle á sociedade cidadáns e cidadás informados e capacitados para liderar os cambios que están a vir, preparar profesionais competentes e achegar servizos e formación ao longo da vida, así como garantir os resultados en todos estes aspectos. A cambio, a sociedade debe apoiar a educación superior, contribuír ao seu financiamento, aceptar o seu criterio profesional e a súa acreditación académica, e concederlle autonomía institucional e liberdade de cátedra. Neste compromiso mutuo, a institución universitaria ten que asumir unha obriga recíproca de educación imparcial, de integridade persoal, de sensibilidade fronte ás necesidades da sociedade e de rendición de contas pública e completa (Declaración de Glion, 2009).

Así mesmo, a propósito do compromiso da Universidade coa sociedade, non estará de máis mencionar aquí algo que hai uns días lembraba nun diario nacional a Doutora Catalina Lara, Catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Sevilla:

Este curso académico que comienza, el 2010-2011, parece un curso más, quizá con la novedad de la implantación de algunos nuevos estudios de grado o la consolidación del llamado Plan Bolonia, pero nada extraordinario, aparentemente. Sin embargo, lo es. Hace 100 años, el comienzo del curso 1910-1911 iniciaba una era en España: la del libre acceso de las mujeres a la Universidad. Se ponía en práctica así lo legislado en una Real Orden de marzo de ese año liberando a las mujeres de la necesidad de contar con los permisos del padre y de la autoridad académica correspondiente para poder cursar estudios secundarios y universitarios.

E concluía o seu artigo a nosa colega cun dato que nos convén recordar: as mulleres son xa maioría entre o alumnado universitario español, algo que tamén se produce entre o alumnado do Sistema Universitario Galego, cuxa presenza feminina supera, incluso, a media española.

As evidencias que serven para remarcar a influencia da institución universitaria no cadro da vida pública galega poden resumirse así: case que 70.000 estudantes matriculados e 12.500 estudantes de novo ingreso no curso que está a rematar; 10.500 egresados; 5.400 prazas de persoal docente e investigador; 2.800 prazas de persoal de administración e servizos; e un orzamento global de 550 millóns de euros.

No eido da docencia, cabe subliñar que hoxe estamos a vivir un fito histórico: a substitución desde o primeiro curso de todas as titulacións de licenciatura, enxeñaría e diplomatura polos novos graos no marco do Espazo Europeo de Educación Superior, nun proceso iniciado hai dous anos. En total, 128 graos e 206 posgraos, no que o novo paradigma de ensino-aprendizaxe se consolida. Sen dúbida, os próximos anos estaremos a vivir tempos de adecuación dos contidos (para pasar de tratar de cubrir todo o dun ámbito a cubrir o necesario, do traballo individual e dirixido ao traballo interactivo e participativo) e da distribución deses contidos dentro dunha primeira etapa máis xeneralista a unha posterior de maior especialización, profesionalizante ou investigadora, segundo o caso.

En definitiva: unha converxencia cara a un modelo non homoxeneizador, senón de acreditación de contidos e competencias, un modelo onde, a través da creación e transmisión de coñecemento, o apoio á innovación, o pensamento crítico, a tolerancia e a liberdade, formemos persoas que sexan quen de cumprir as súas expectativas na sociedade actual.

No que se refire á investigación, función principal, xunto á docencia, de toda Universidade, e –por suposto– das galegas, cabe destacar o grao de desenvolvemento acadado nas últimas tres décadas nelas, como no resto de España. Sirva como evidencia que a participación das tres universidades galegas nos anos 2007 a 2009 no VII Programa Marco de Investigación e o Programa de Innovación da Unión Europea é de 366 propostas presentadas, con 43 consorcios asinados, en 12 dos cales coordina unha Universidade galega, e 2 starting grants a dous xoves investigadores das nosas universidades.

Somos universidades investigadoras, nas que é responsabilidade de cada institución asumir o compromiso de xerar coñecemento novo e considerar as capacidades investigadoras como pauta para o nomeamento, promoción e estabilización do noso profesorado. A formación de posgrao resulta un compoñente imprescindible, xunto coa dotación dos servizos básicos de investigación: bibliotecas completas, laboratorios ben equipados, capacidades de cálculo intensivo e mesmo de editoriais propias, todo iso en locais axeitados.

No eido da investigación, é preciso insistir unha vez máis na necesidade de fomentar a investigación básica, que é a que vai adiantando novos horizontes científicos, pois supón a adquisición de coñecemento sobre a realidade que nos rodea e que permite os procesos asociados á investigación aplicada e orientada, evitando os riscos asociados a decisións a curto prazo e os perigos de liñas de investigación pechadas.

Con respecto á transmisión de cultura, a terceira misión da Universidade, como reflectía hai oitenta anos José Ortega y Gasset na súa obra Misión de la Universidad, as universidades galegas están a impulsar multitude de actividades no relativo ao achegamento da extensión cultural á comunidade universitaria en particular e á sociedade en xeral.

A incorporación dos resultados da investigación ao sector produtivo e de servizos debería potenciarse para superar as barreiras institucionais existentes, sempre tendo en conta as diferenzas entre os contidos da actividade universitaria es as necesidades das empresas, así como tamén a asimetría entre obxectivos e criterios entre universidade e empresa. É importante sinalar neste punto que as universidades galegas teñen consolidados, entre as súas tarefas, o labor de transferencia de tecnoloxía e o apoio ao emprendemento entre os seus estudantes e egresados, actividade na que está a ser a nosa Comunidade Autónoma pioneira entre as españolas.

É o momento de expresar unha reivindicación positiva de algo que é consubstancial ao que somos: o forte carácter innovador das universidades galegas, lonxe desa foto fixa de institucións ancoradas en tradicións e xestión propias dun pasado máis ou menos remoto. Así, entre outras moitas realidades que o demostran, quixera citar algunhas:
– O uso das tecnoloxías da información e comunicación: hoxe, os membros da comunidade universitaria dispoñen de conexión wifi en calquera dos espazos propios universitarios; a matrícula dos e das estudantes realízase a través da Internet, como tamén a sinatura electrónica das cualificacións e o envío destas aos interesados por telefonía móbil, o voto electrónico, etc.
– A aplicación dos principios de mellora continua da calidade na xestión, certificando os procedementos dos servizos e dos centros a través de axencias de calidade externa e de avaliacións internas.
– O establecemento de estruturas estables para a xestión da mobilidade e a internacionalización das nosas actividades de docencia, investigación e xestión.
– A participación e mesmo a promoción de redes de colaboración entre universidades de calquera lugar do mundo.
– As accións que favorecen a inserción laboral dos nosos egresados por medio de servizos de apoio ao emprego e o autoemprego.
– As actividades de voluntariado, integración social e de promoción da igualdade de xénero.
– A formación ao longo da vida, con cursos de especialización e estudos para maiores.
– A promoción do galego como lingua vehicular das nosas universidades.

E quixera insistir en algo que xa dixen aquí hai case tres meses: unha das claves para garantir a mellora da eficiencia do Sistema Universitario Galego é afondar sobre a colaboración entre as nosas universidades, manifestada xa en proxectos como o Sistema de Bibliotecas Universitarias de Galicia, o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas, ou –a gora mesmo– nos proxectos presentados ao Programa de Campus de Excelencia Internacional 2010 na súa segunda fase de avaliación: o Proxecto Campus do Mar, coa participación activa das tres universidades, e a integración dos Institutos de Investigación Sanitaria dos Hospitais da Coruña e de Vigo na recualificación do Proxecto Campus Vida.

Nos últimos días tivemos coñecemento de que unha das universidades galegas, a de Santiago de Compostela, de acordo co Shangai Ranking e o QS World Universities Ranking, se situaba entre as 500 mellores universidades do mundo, destacando especialmente no ámbito das Artes e Humanidades, así como das Ciencias Naturais.

A ninguén se lle oculta que o acceso á educación superior é un dos indicadores que definen o nivel de desenvolvemento dun país. A falta de valoración económica do que supuxeron os traballos para a implantación do EEES pasou desapercibida, entre a falta de previsión, a tardanza no establecemento da normativa e mesmo tratándose dun proceso xestionado de arriba abaixo. En España incrementouse en máis do dobre o número de estudantes universitarios nos últimos 20 anos; non obstante, este crecemento non se viu reflectido no financiamento universitario, que pasou dun 1% do PIB en 1995 a un 1,1% en 2005, en España (en Galicia, 0,62% en 2005; 0,74% en 2010).

Segundo o Presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, na reunión das Universidades Europeas en Praga en marzo do pasado ano, sería un erro reducir o gasto público e privado en educación e investigación durante esta crise económica, xa que tal acción, afirmou, “ tería un impacto negativo directo sobre o crecemento futuro (…) Investir máis en educación e investigación axudaralle a Europa a saír da recesión máis rapidamente e en mellores condicións”.

Cando, con frecuencia, se nos solicita o esforzo para acadar recursos financeiros á marxe dos distintos capítulos dos Plans de Financiamento das Universidades, cómpre destacar o traballo realizado polas tres universidades galegas, que soamente no ano 2009, xa en plena crise económica, captaron 42 millóns de euros en proxectos competitivos (21 millóns entre os anos 2007 e 2009 en proxectos europeos) e 29 millóns de euros en contratos de investigación con empresas, convenios con institucións e prestación de servizos.

Ao comezo da consolidación do novo modelo de ensino-aprendizaxe, sen que en ningún momento as administracións públicas fixesen unha valoración do esforzo económico que supón o paso que estamos a dar as universidades, cando os recursos dispoñibles para as tarefas da investigación, en forma de recursos humanos e proxectos, se reducen, e as infraestruturas de apoio á investigación só reciben recursos en forma de anticipos reintegrables (préstamos brandos), é imperativo que a sociedade galega, a través dos seus representantes, asuma o compromiso co Sistema Universitario Galego, priorizando, no próximo Plan de Financiamento das Universidades, o apoio á actividade e ao desenvolvemento destas para garantirlles un futuro de máis benestar ás xeracións futuras.

Máis nada.

Moitas grazas.