Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de inauguración do curso académico 2010-2011 do Sistema Universitario Galego

Alberto Núñez Feijóo: Discurso de inauguración do curso académico 2010-2011 do Sistema Universitario Galego


Permítanme que aluda no inicio da miña intervención a un feito que, en aparencia, pouco ten que ver co acto que hoxe estamos a celebrar. Porén, quixera completar modestamente a lección inaugural que abre este curso académico, con outra que nos imparte dende a súa cátedra a sociedade galega.

  

Trátase dunha lección fermosa, da que todos somos protagonistas, porque todos estamos concernidos polo cambio que se reflicte no acontecemento que tivo lugar hai unha semana. Refírome á decisión adoptada nos consellos de administración das caixas galegas, para dar o paso decisivo na fusión das dúas entidades.
 
Puidera parecer que estamos diante dun acontecemento meramente financeiro, e sen embargo é unha proba magnífica da evolución producida no noso país nestes últimos tempos. Preguntémonos cál foi a forza motriz que está facendo posible un proceso de converxencia que hai pouco resultaba quimérico.

  

Son testemuña de que nesta decisión transcendental influíron moitas persoas e organizacións relevantes que non deben ser esquecidas. Non ignoro que a xenerosidade foi decisiva para remover os atrancos que se interpoñían no camiño da unidade. Con todo, o impulso que impide que este gran proxecto descarrile está nunha nova cultura de unidade que latexa no mais fondo do noso país. Nin o Goberno, nin as caixas, nin os partidos, sindicatos e asociacións que pularon pola fusión, puideron subtraerse a ese novo paradigma da cooperación.

      

Ante o perigo dos medos, as incertezas, os ciumes e os localismos, gañou esa nova sociedade que medra pouco a pouco desde os comezos da autonomía e que é consciente do mundo que lle tocou vivir. Ante o perigo de competir con nós mesmos, escollemos ser un país que se ve capaz de facelo no contexto español e europeo. En lugar de elixir tempos nos que os galegos estragaban as súas forzas, trasladámonos a outro ben diferente no que Galicia se concibe como unha realidade global e gañadora.

  

Dicía Víctor Hugo que < non hai nada mais poderoso que unha idea á que lle chegou o seu tempo>. Este é o tempo da idea que ve a Galicia como un país con confianza en si mesmo. Sen ela, a fusión das caixas galegas tivera sido unha nova oportunidade perdida da que hoxe estariámonos laiando. Con ela podemos ter a certeza de que os procesos de unidade, converxencia, acordo, cooperación, teñen entre nós un terreo propicio. Velaí a gran lección que a realidade nos proporciona neste comezo de curso.
 
 
Unha lección que tivo aquí na Universidade o seu xermolo. Porque durante séculos, as vosas aulas foron o único lugar cara onde podía ollar o galego bo e xeneroso que anceiaba unha patria distinta. Aquí podía albiscar unha futura Galicia aberta e plural,  de intelixencia, tolerancia e entendemento. O seu desexo era que aquel país esgazado e esgotado, se parecese algún día á Universidade que sabía traballar de maneira mancomunada. Por elo podemos afirmar que esta sociedade que madura ata atopar os seus intereses comúns, naceu na Universidade galega.

  


 
Galicia ten que parecerse á súa Universidade e a Universidade parecerse a Galicia. Non hai mellor fórmula para avanzar nese novo modelo de país, que queda plasmado na peregrinaxe que está rematando na creación dunha gran entidade financeira. Galicia e a Universidade están ancoradas nun mundo que obriga a ser singular e plural ao mesmo tempo; a estar presente cunha personalidade que resista ao uniformismo, sen por elo poñerlle cancelas ás influencias de todo tipo.

  

A Universidade e Galicia comparten un entorno no que as entidades do coñecemento e os países, esmorecen no illamento e prosperan cando, por utilizar unha analoxía tecnolóxica, logran máis conexións e vencellos co exterior. Ter unha Galicia e unha Universidade conectadas entre si e co mundo circundante, é unha tarefa que a todos nos atinxe, e que os universitarios galegos están a desenvolver con acerto especial.

  

<Sabemos que para ser cada vez mais competitivos, é necesario tamén ser mais competentes e neste proceso, igual que noutros sectores da actividade, e de forma especial no ámbito público, as alianzas son tan importantes como as capacidades propias>. Non é unha frase miña senón vosa. Pódese ler no documento que recolle o Acordo-Marco de Cooperación das tres universidades galegas, asinado o mes de maio pasado. Velaí reflectida a nova pauta que xa está marcando o presente da nosa terra. De novo, a nosa sociedade atopa na súa universidade un acompañante, un estímulo e un guieiro nun momento de encrucilladas.

  

Esas alianzas medran. O mesmo Acordo do que falamos contén avances inéditos en materia de cooperación docente e investigadora que xa teñen un reflexo en accións concretas.
 
A adaptación ao Espazo Europeo de Educación superior é posible, grazas ao bo entendemento das universidades e a administración no Consello Galego de Universidades.
 
Cada vez é maior o desenvolvemento de programas conxuntos –especialmente no ámbito dos estudios de posgrado (másters e doutorados)- así como a colaboración en diferentes proxectos de investigación con proxección nacional e internacional.
 
Estase a traballar nunha Lei de Universidades de Galicia, aínda pendente de normas básicas do Estado, que será presentada á comunidade universitaria no primeiro trimestre do ano próximo.
 
Non podemos obviar as dificultades do novo Plan de Financiamento, pero cómpre lembrar que as liñas básicas para a súa elaboración, xa obtiveron o informe favorable do Consello Galego de Universidades celebrado no mes de xullo.  
Desgraciadamente, o noso país e a nosa institución universitaria comparten tamén as dificultades do momento presente. Non quero omitir a mención a eses graves problemas porque, como dixo o presidente Havel, os gobernantes non son elixidos para mentiren. A educación en xeral e o ensino universitario en especial, seguen a estar entre as grandes prioridades. Nin o Goberno de Galicia quere, nin a sociedade galega toleraría que fixéramos da Universidade unha da vítimas principais da crise. Seria esa a mellor maneira de lastrar a nosa recuperación.

  

Malia esa consideración, haberá que afrontar sacrificios que espero sexan adoptados mediante acordos. Estou certo de que a nosa cidadanía, que tanto ten aportado en recursos á súa Universidade, desexa un esforzo proporcionado, equilibrado e xusto. Farémolo co concurso de todos.

  

Nun momento no que os recursos son máis limitados que nunca; teño a convicción de que debemos apoiarnos na riqueza noso capital humano, porque, máis que nunca, son necesarias as ideas xurdidas do estudo e a reflexión.
 
Señoras e señores. Unha das primeiras mulleres universitarias de España era de Ferrol. Chamábase Concepción Arenal e deixou escrito que < as forzas que se asocian para o ben, non se suman, senón que se multiplican>. A nosa gran reformista formaba parte dos galegos afectados por esa nostalxia de unidade tan común noutros tempos. Hoxe, esas multiplicacións ás que ela se refería xa forman parte da natureza da nosa terra.

  

Palabras como fusión, converxencia, cooperación ou acordo forman parte do vocabulario cotiá . Galicia concíbese como un feito global cunha enorme capacidade de innovación. Vémonos como un todo, e vennos como un conxunto Sabemos que somos nós os que marcamos o noso camiño, e que de nós depende que chegue a un bo destino. Galicia é unha boa materia para os que queiran entender cómo se ergue un país. Boa parte das raíces desa transformación atópanse aquí, na Universidade.
 

Alberto Núñez Feijóo:

Presidente da Xunta de Galicia