Saltar ao contido principal
Xornal  »  Carta Aberta á Comunidade Universitaria sobre o concurso 2012/09-10*

Carta Aberta á Comunidade Universitaria sobre o concurso 2012/09-10*


En Outubro do ano 2009, tivo lugar o concurso da praza 2012/09-10 de Profesor Contratado Doutor na área de Fisioloxía Vexetal. A esa praza optaron dúas persoas, J. R. Vidal Juviño e S. Caffaro Napoli, ambas do Departamento de Fisioloxía Vexetal. A Comisión que xulgou a praza estaba presidida polo Decano da Facultade de Bioloxía, e formaban parte da mesma o Director do citado Departamento en calidade de Secretario, e tres profesores do mesmo Departamento elexidos por sorteo. Ademais, na Comisión estaba un representante sindical, o profesor O. Cordero do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular, que estivo presente en todas as deliberacións e probas presenciais. Despois de valorar os curricula e de realizarse a primeira proba oral – proxecto docente e investigador – a Comisión acordou por unanimidade a non provisión da praza por non ter superado o concurso ningún dos aspirantes.

Ambos concursantes presentaron sendos recursos ante a Comisión de Reclamacións da USC que foron desestimados. Con posterioridade houbo un recurso ante o Tribunal do Contencioso-Administrativo que ditou sentencia a favor da Universidade. Chama a atención que nese recurso, o Dr. Vidal actuase como codemandado no proceso xudicial apoiando á Universidade. Con esta actuación, este señor estaba refrendando que a USC actuou correctamente o que está en clara contradicción co seu comportamento posterior.

Despois de que a Comisión de Reclamacións e os tribunais déranlle a razón a nosa Universidade, o Dr. Vidal emprendeu unha “cruzada” contra os membros da Comisión e a USC - implicando a partidos políticos, sindicatos, ministerio, asociacións científicas, colexios profesionais, profesores, investigadores, o valedor do pobo e, incluso, ao Príncipe de Asturias – acusando, nos medios de comunicación e noutros ámbitos,  á Comisión de ter actuado contra él e de ser inxusta.

Case un ano e medio despois da celebración do concurso, alomenos dous xornais, El País e Xornal de Galicia, fixéronse eco do “caso” deste investigador. Neses xornais, o Dr. Vidal fixo declaracións e acusacións moi graves que atentan contra a honorabilidade dos membros da Comisión e da nosa Institución. A primeira noticia sae no xornal “EL País” o 20 de abril do 2011. Esa noticia foi respostada, por separado en forma de carta ao director, polo Presidente da Comisión (26 de abril 2011) e polo Secretario da mesma (10 de maio 2011). Nunha carta publicada no mesmo periódico o 11 de maio 2011, o Dr. Vidal afirmou que “ aunque la USC cumplió con su compromiso de sacar la plaza a concurso, quién no lo hizo y vulneró la Constitución fue la comisión de selección”. Esta é unha acusación gravísima, sen fundamento, que non podemos nin debemos consentir. Estamos nun estado de dereito e se esta persoa consideraba que a Comisión vulnerou a Constitución tiña que ter acudido aos tribunais e non dedicarse a verter graves inxurias contra unhas persoas que actuamos, con independencia, aplicando a normativa da USC e seguindo o noso criterio académico e científico. Nesa mesma carta, este señor tentou descalificar a algúns membros da Comisión dicindo que “ dos profesores titulares de la USC que figuraron en el tribunal tienen menos publicaciones y citas en el ISI Citation Index que el propio candidato”. E atrévese a dicilo unha persoa, coma él, que no seu curriculum vitae presentou como publicacións tres escritos publicados nunha revista da Sociedade de Horticultura chamada Acta Horticulturae, que publica os resumos dos simposios e congresos e que non aparece no Citation Index, e un resumo dun congreso publicado en Cryobiology. Dentro do ámbito da investigación científica, todos os novos descubrimentos ou avances se publican en revistas que aparecen no Citation Index o que asegura un nivel de impacto, de calidade, de novidade e unha difusión dentro da comunidade científica. Non sabemos se a intención do Dr. Vidal era confundir á Comisión ou se foi unha falla de criterio na elaboración do seu curriculum vitae o que semella estrano nunha persoa coa súa experiencia. Aínda así, esas contribucións foron valoradas pola Comisión noutro apartado.

Non contento con estas graves acusacións, recentemente, no Xornal de Galicia (6 e 7 de xuño 2011), o Dr. Vidal atacou con dureza e sen fundamento á Comisión e á USC, denigrando aos profesores e investigadores que traballamos na Institución. As frases que recolle o periodista son lapidarias e retratan a quen as di: no titular do xornal pode leerse Para acceder a la USC hay que destacar poco y hacer la pelota, e referíndose á Comisión engade “ por una decisión discrecional y arbitraria de una endogamia que impide el desarrollo de la universidad ”. É evidente que nesta praza non houbo “endogamia” xa que o Dr. Vidal formaba parte da propia USC e ademais a praza quedou deserta o que demostra que tampouco houbo “favoritismo” cara outra persoa. Ademais de implicar á anterior Vicerreitora de Investigación, á asesoría xurídica da USC, e ao actual Reitor, va mais aló e declara “ que para triunfar en la USC hay que tener un enchufe, miedo y hacer lo posible para no destacar más que tus jefes directos ”. Este individuo descalifícase a si mesmo con todo este conxunto de ofensas e falsas acusacións que ensucian á Institución e as persoas que traballamos nela. Esta noticia tivo resposta, na forma de artigo de opinión, por parte do presidente da Comisión (9 de xuño 2011).

A liberdade de expresión non é unha “patente de corso” para desprestixiar e ofender a unhas persoas que o único que fixeron foi cumprir coa legalidade e coa súa obriga de valorar os méritos dos concursantes. Se non respectamos o labor dos tribunais que xulgan as prazas, entraremos nun terreo alonxado do Dereito de consecuencias moi negativas para a Institución. O libre e lexítimo exercicio da crítica non pode derivar neste espectáculo de descalificacións e acusacións nos medios de comunicación que van en contra do espíritu universitario e a convivencia respectuosa dentro da Institución.

É lamentable que algúns profesores e investigadores da USC teñan apoiado cegamente a esta persoa, sen contrastar o que lles contaba. Os membros da Comisión somos profesores da USC e, como mínimo, merecemos o mesmo respecto e credibilidade que o Dr. Vidal. Non entendemos que se apoien, sen mais, as demandas deste individuo cando non houbo ningunha irregularidade nin arbitrariedade. Este tipo de adhesións son moi perigosas.

O Dr. Vidal presume de ser un gran científico. Pero iso non vale; hai que acreditalo con publicacións que é o sistema que temos de medir a capacidade e a traxectoria científica dun investigador. So uns poucos datos: cando este investigador se presentou ao concurso (outubro 2009) tiña 10 publicacións nas seguintes revistas: Vitis (2), Plant Cell Tiss. Org. Cult., Plant Cell Report (2), Transgenic Research, In Vitro Cell Dev. Biol., Theor. Appl. Genet., Euphytica, e Am. J. Enol. Vitic. (poden consultar o índice de impacto das súas publicacións e a posición que ocupan dentro da área de Plant Science). Nese bagaxe se condensa o máis relevante da súa actividade investigadora dende 1996, fai 15 anos, despois de facer a Tese de Doutoramento, unha estadía de 1 ano e 4 meses na Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), 1 ano e 10 meses na Universidade de Nantes (Francia), 5 anos e 3 meses na Universidade de Cornell (USA), e 2 anos e 9 meses na Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Xulguen vostedes mesmos.

No ano 2007 incorporouse á USC, como Investigador Ramón y Cajal trasladado dende a UPM, onde continúa ata a o día de hoxe como contratado a cargo dun proxecto. Según a noticia aparecida en “El País”, durante todo este tempo na USC, “captou máis de 400.000 euros e participou en oito proxectos de investigación, en cinco deles como investigador principal”. Nembargantes, a pesares da gran formación científica que di ter, das facilidades que se lle deron no Departamento de Fisioloxía Vexetal, de ter persoal investigador asociado ao proxecto, de colaboracións con outros investigadores, e de tantos cartos que recibiu de diversas institucións, dende que está na USC non publicou ningún artigo orixinal derivado da súa investigación nesta Universidade e soamente ten tres traballos: unha publicación derivada dun congreso no Aust. J. Grape Wine Res. (ano 2010), firmada con investigadores que non son da USC, un artigo no Amer. J. Enol. Vitic. firmado con investigadores da Universidade de Cornell, e un capítulo nun libro editado por Point Publishers (Jaipur, India). De novo, xulguen vostedes mesmos. Estes datos están na páxina web do seu Grupo de Investigación.

Estamos a falar dun investigador que hai que considerar como senior, de 45 anos, non dunha persoa en formación ou ao comezo da súa vida científica. Como dato adicional, tampouco ten dirixida ningunha tese de doutoramento e súa dedicación docente durante estes anos foi moi escasa. Para completar a información, o Dr. Vidal tivo outra oportunidade de optar a unha praza de Profesor Contratado Doutor de Fisioloxía Vexetal que se convocou, case un ano despois. Se a culpa era da Comisión e se considera con tantos méritos, habería que preguntarse por qué o Dr. Vidal non optou a esa praza se a Comisión era diferente.

Lamentamos todo este asunto e nos vemos obrigados a enviar esta carta despois de que o Dr. Vidal provocase que este tema saíse á prensa. Podemos entender que esta persoa estea frustrada por non ter conseguido a praza pero iso non lle da dereito a calumniar gravemente aos membros da Comisión e a denigrar á USC.

En Santiago de Compostela a 16 de Xuño do ano 2011

* Asinan: Jaime Gómez Márquez, presidente da Comisión. Catedrático de Bioquímica & Bioloxía Molecular; Ignacio Zarra Cameselle,  secretario da Comisión. Catedrático de Fisioloxía Vexetal; María Luz González Caamaño, vogal 1 da Comisión. Profesora Titular de Fisioloxía Vexetal; Angel Jesús Matilla Carro, vogal 2 da Comisión. Catedrático de Fisioloxía Vexetal; María Luisa Vieitez Madriñán, vogal 3 da Comisión. Profesora Titular de Fisioloxía Vexetal.