Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de inauguración do curso académico 2011-2012

Juan José Casares Long: Discurso de inauguración do curso académico 2011-2012


Un ano máis (e xa van 516), a Universidade de Santiago de Compostela abre simbolicamente as portas das aulas para iniciar un novo curso académico. E, fieis á tradición secular, facémolo coa solemnidade requirida. Acaso haxa quen considere tales liturxias como desfasadas para estes tempos, quen pense que este escenario, os nosos traxes académicos, os rituais protocolarios, o ton e contido dos nosos discursos, terían que ser substituídos por actos máis naturais, ou máis festivos, ou máis reivindicativos… Ou que, como sucede noutras actividades sociais, empresariais, comerciais, etc., nos limitásemos simplemente a “ reabrir o establecemento”, para atender como mellor saibamos aos estudantes -habituais ou novos- que acudan o primeiro día. Pero estou seguro de que tamén haberá quen, respectando e apreciando esas que chamei liturxias, entendan que, no fondo, un acto como este non é máis que o reencontro, para reiniciar a súa actividade anual, de persoas comprometidas cunha Institución -a Universidade Pública- en cuxa importante misión social seguen, e teñen que seguir  crendo. E que aproveitan ese reencontro para reflexionar sobre como están, en que lugar do camiño percorrido e cales son os obxectivos e fins do que aínda falta por percorrer.

Permitídeme que o diga con palabras da nosa compañeira, a Profesora Rosario Álvarez Blanco, directora do ILGA, cando o pasado 25 de xullo recollía unha das Medallas de Ouro de Galicia; aínda que  se refería especificamente á investigación en Humanidades, tamén poden aplicarse á Universidade en xeral, que “bota luz sobre nós mesmos, sobre quen fomos e quen somos, sobre quen poderemos ser”.

Como é sabido, desde hai algúns anos, o Sistema Universitario de Galicia inaugura o seu curso académico de maneira rotatoria, celebrando o solemne acto de apertura anual en cada unha de tres Universidades que o conforman. De acordo con esa quenda, o ano pasado correspondeulle á USC a honra de ser a anfitrioa. Unha honra que leva aparellada unha razoable limitación: por ser un acto conxunto das tres Universidades, sería tan impropio como inoportuno que o reitor dunha delas ocupase o seu discurso en explicar as inquedanzas, os proxectos, os logros, as aspiracións (e, menos aínda as queixas ou as reclamacións) da súa universidade. Iso debe quedar para actos como o de hoxe, cando –aquí, entre nós- podemos facer un sucinto balance (o que acaba de expoñer a Secretaria Xeral) do que foi o curso 2010-2011. 

Segundo é preceptivo, todo curso escolar ten que iniciarse cunha lección. Así acaba de facelo de maneira brillante a Profesora Margarita Ledo Andión. Todos somos conscientes das dificultades do compromiso que a tradición académica impón –aínda que sexa una imposición honrosa- a quen ha de tratar sobre un tema da súa especialidade, pero ante un público variopinto, formado por compañeiros e compañeiras, colegas, estudantes, persoal de administración e servizos, convidados…, cuxos saberes e competencias son moi diversos, de modo que é preciso compaxinar o esixible rigor dunha lección maxistral co atractivo dun asunto que a todos poida interesar. O elixido pola profesora Ledo cumpriu esas esixencias, e estou seguro de que a ninguén deixou indiferente a lúcida análise, a sabia interpretación e a convincente explicación que nos ofreceu desas fotografías. Por outra parte, como a nosa compañeira lembrou, a ocasión vén hoxe revestida dunha certa dimensión histórica, ao ser a primeira vez que neste acto académico o encargo de impartir a lección inaugural lle correspondía á Facultade de Ciencias da Comunicación, precisamente cando se cumpren vinte años da súa fundación. E penso que hai algo de xustiza histórica en que fora a profesora Ledo (cuxo relevante papel naquela fundación e posta en marcha todos coñecemos) quen impartira esa lección. Que -como non podía ser menos en colega tan comprometida- se iniciou cunha documentada exposición e reivindicación do significado destes vinte anos, tanto para os estudos de Comunicación, como para a situación profesional dos seus titulados.

Profesora Ledo Andión, ten o meu agradecemento polas súas palabras porque ademais, sen que vostede tivera coñecemento, imaxino, estivo a lembrar e puxo en valor o traballo dun grande amigo,  deses de toda a vida, Manuel Ferrol, como ben sabe a súa filla que hoxe nos acompaña.

Quixemos aproveitar tamén este acto para facer entrega das Insignias de Fonseca aos compañeiros e as compañeiras (56 do profesorado e 17 do PAS) que, polo seu dilatado e leal compromiso coa USC, se fixeron xustamente merecedores e merecedoras delas. 

“Quen fomos, quen somos, quen poderemos ser”, dicía a profesora Álvarez Blanco. Vexamos, pois, quen fomos:

Sen necesidade de remontarnos máis alá do ciclo vital dos que aquí nos atopamos, cabe lembrar que a nosa Universidade tiña, hai 50 anos, 115 profesores, 30 PAS e 3.211 estudantes, cun orzamento inferior ao que hoxe serían 100.000 €, 6 centros e impartíndose 7 titulacións.      

Nos anos setenta prodúcese o proceso de socialización do acceso á universidade, que pasa a ter en 1981 sete campus, 1.422 profesores, 541 PAS, 31582 estudantes, 34 centros e 19 titulacións diferentes, cun orzamento de aproximadamente 20 millóns de euros. Dez anos despois da creación das dúas novas universidades galegas, en 2001, tiñamos 2106 profesores, 1.112 PAS, 39.913 estudantes, 51 titulacións e 42 centros e un orzamento de 160 millóns de euros.

Sirvan estes poucos datos obxectivos para explicar a evolución dunha Universidade que vive a posguerra con carencias e limitacións diversas, formando a unha elite, a esa universidade que evidencia a inclusión social, investigadora, que xorde do desenvolvemento da Lei de Reforma Universitaria e que se reafirma na nova Lei Orgánica de Universidades modificada, capaz de ter entre o seu claustro de profesores a quen foi recoñecido externamente como o número un do mundo no ámbito das Ciencias Forenses, que cubre na súa actividade docente e investigadora as cinco grandes áreas de coñecemento, que cumpre a  súa misión social cando, por exemplo, o traballo de máis de vinte anos do laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria permite resolver un problema de grande magnitude social, económica e da propia imaxe de España, como foi, na pasada primavera, a intoxicación alimentaria pola bacteria E-coli en Europa; ou a posta en marcha e dirección da Cátedra de Lingua e Cultura Españolas na Universidade de Dhaka, en Bangladesh, nun exercicio de internacionalización e de cooperación ao desenvolvemento claramente diferenciador. 

Quen somos:
A Declaración de Boloña de 1988, a “Magna Charta Universitatum”, ofreceunos un marco que permite orientar a nosa actividade segundo catro principios:

-Manter unha autonomía moral e intelectual dos poderes políticos e económicos.

-Asegurar unha profunda e dinámica conexión entre docencia e investigación, para cubrir as demandas da sociedade na formación de profesionais e avanzar no coñecemento.

-Garantir a liberdade de investigación e de docencia, evitando a intolerancia e sempre con apertura ao diálogo.

-Ofrecer unha educación ampla e centrada nas persoas, contribuíndo con competencias xenéricas, no só no ámbito curricular específico, senón tamén aquelas outras, transversais, que colaboran coa capacidade para incorporarse a unha sociedade en permanente cambio.

Estamos, pois, comprometidos cos obxectivos que en 2007 estableceu o Consello de Europa para as Universidades do noso contorno:

-O desenvolvemento e mantemento a través do ensino, a aprendizaxe e a  investigación dunha cada vez máis exhaustiva e diversificada base de coñecemento

-A preparación para o mercado de traballo

-O desenvolvemento persoal como cidadáns activos e comprometidos

-O desenvolvemento e mantemento dunha  cultura democrática

-O compromiso pola igualdade de oportunidades para seguir contribuíndo á cohesión social e á sustentabilidade.

E así ten que ser,

-Porque o noso país non pode asumir o risco de perder unha xeración de xente capacitada ou un descenso nas actividades de investigación e transferencia de coñecemento, mentres os países e institucións cos que competimos seguen investindo de xeito notable na Universidade.

- Porque a educación superior e a investigación conteñen a chave para resolver os desafíos desta sociedade, globalizada e fortemente interconectada, un esforzo baseado na obtención de novo coñecemento e a educación de persoas críticas e creativas para obter solucións innovadoras aos problemas actuais.

- Porque a formación e o crecemento intelixente esixe un compromiso a longo prazo para garantir unha suficiencia financeira por parte das Administracións Públicas (se o financiamento público contribúe de media en Europa cun 75% dos ingresos,  convertese deste xeito nunha condición de sustentabilidade, tal e como se indica na Declaración de Aarhus de marzo de 2011), o que supón seguir a iniciativa da Comisión Europea de alcanzar o 3% do PIB en investigación e o 2% en Educación Superior, para permitir o desenvolvemento permanente do Espazo Europeo de Educación Superior e o Espazo Europeo de Investigación. E, deste modo, ofrecer garantía financeira ás Universidades, para continuar cumprindo o seu papel na sociedade. E é que, efectivamente, “ se  investir en educación é caro, non facelo é carísimo”.

Segundo sinalou a secretaria xeral na presentación da Memoria do curso pasado, a nosa Universidade segue estando hoxe á altura do que dela pode esperar a sociedade máis esixente.

Permítanme que poña algúns exemplos que o demostran:


-A valoración dos nosos profesores por parte das Axencias de Avaliación, que nos permiten situar ao profesor Ángel Carracedo como nº 1 do mundo en Ciencias Forenses, tanto a nivel persoal como do seu Grupo de Investigación.

-A concesión da Medalla de Ouro de Galicia, o pasado 25 de xullo, ao Instituto da Lingua Galega e ao profesor Ángel Carracedo.

-A concesión do Doutor Honoris Causa pola Universidade Técnica de Lisboa ao Profesor Carlos Pajares.

-A concesión do premio Jaume I en novas tecnoloxías á profesora María José Alonso.

-A participación da nosa Universidade nos programas de I+D a nivel europeo, tanto do 7º Programa Marco como da Axencia de Cultura, que se incrementou significativamente o pasado curso demostrando a súa competencia científica e tecnolóxica, incrementando o retorno obtido. Coordinando grandes consorcios europeos que contan coa participación de universidades e centros de investigación líderes en Europa e tamén con grandes empresas internacionais como Roche, Sanofi-Aventis, AstraZeneca ou GlaxoSmithKline entre outros.

Gustaríame destacar, por unha parte:

A obtención de tres contratos de investigación (Starting Grants) do European Research Council por investigadores da nosa Universidade, nos últimos tres meses: a Carlos Salgado, en Física de Partículas; e a Miguel López e Rubén Nogueira, na área de Fisioloxía (tan só sinalar que nos últimos tres anos houbo 20.000 solicitudes e a España correspondéronlle da orde de 25 contratos ao ano),

E, por outra banda:

a consecución de grandes proxectos que coordinamos como o MOSSCLONE, no ámbito da Química; o TRANS-INT, na Farmacia, e o CampUSCulturae, no espazo das Ciencias da Comunicación, que supoñen uns retornos superiores aos 15 millóns de euros.

-A proposta de Campus do Mar, á Convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, xunto coas Universidades de Vigo e A Coruña, así como o CSIC e o Instituto Español de Oceanografía, recibiu en outubro do pasado ano a cualificación de CEI de interese rexional

-O establecemento dunha Cátedra de Lingua e Cultura Española na Universidade de Dhaka, en Bangladesh, que, baixo a dirección dos Departamentos de Lingua Española e de Literatura Española da USC, e coa colaboración da UdC, inicia as súas actividades precisamente esta semana.

Atopámonos nunha situación estraña. Experimentamos un crecemento exponencial, como expuxen hai uns momentos, de forma multidimensional, nas últimas décadas. Recibimos abundante apoio retórico sobre a Universidade, como medio básico para o progreso económico das nacións. En definitiva, aparentemente gozamos da confianza e o respecto da Sociedade (segundo unha recente enquisa do CIS, os científicos  e a Universidade son o primeiro e o terceiro colectivos que máis confianza lle merecen á sociedade). E non obstante, ponse en dúbida a eficiencia e eficacia do seu traballo; desconfíase da súa capacidade de xestión, esixindo novas formas de organización e gobernanza; enfróntase a unha redución de recursos financeiros; recibe confusas e contraditorias mensaxes sobre a necesidade de seguir avanzando máis alá dos límites do coñecemento actual, é dicir, de apoio á investigación básica; e ao mesmo tempo solicítanse resultados prácticos a curto prazo para axudar ao despegue económico local ou nacio.

Porque tal e como Clark Kerr describiu, ao mundo da globalización resúltalle difícil comprender o aparente paradoxo dunha institución que, polos seus avances, penetra no futuro; pero na que pervive o pasado afastado a través de tradicións como a gobernanza colexiada.

Quen poderemos ser :

Máis que nunca, é importante nestes momentos establecer como a Universidade pode contribuír a afrontar o futuro de incerteza ao que nos enfrontamos. Permitídeme que repita o que dixen, hai un ano: Vivimos tempos de cambio. Como sempre, pero agora, dun alcance e a unha velocidade maior que en calquera tempo anterior. As universidades convértense na base de esperanza de superación da crise actual, pero tamén, e quizais por iso mesmo, están suxeitas a un escrutinio crecente.  

E dentro deste proceso atopámonos nunha encrucillada. É necesario, xa que logo, encontrar a dirección correcta que debemos de seguir, porque pequenos movementos poden producir grandes e ata irreversibles cambios. Esta é, nin máis nin menos, a responsabilidade que temos que asumir entre todos. Conscientes de que nunca é posible actuar sobre un futuro do que descoñecemos tantas cousas; debemos actuar en base ao presente, incorporando a nosa visión de como o futuro pode chegar a ser.

As grandes preguntas que xorden sobre os cambios producidos nos últimos anos seguen pendentes de resposta; preguntas tales como:

Se se manteñen as certezas sobre o modelo de desenvolvemento de Europa de hai unha década.

Se a Universidade está disposta a recoñecer que o mundo actual é moi diferente da visión que temos desde os países máis desenvolvidos.

Se os cambios introducidos nos últimos anos reforzan os nosos valores, ou nos subordinan aos intereses do mercado.

Se os cambios para estandarizar procesos e criterios de valoración das universidades melloran os resultados, ou afectan á autonomía institucional da que gozamos desde sempre.

Se a Universidade poderá manter ou non a capacidade de seguir sendo unha institución que busca o pensamento libre e independente, e o desenvolvemento da diversidade.

Como nos adaptaremos a unha situación nova, a sociedade do coñecemento, que implica que o coñecemento o abrangue todo, cando tradicionalmente fomos, e en boa medida aínda somos, unha illa máis ou menos grande, nun mar de ignorancia.

Sen dúbida, as respostas virán determinadas polas mesmas forzas impulsoras económicas, sociais e tecnolóxicas, que están impulsando o cambio en todo o mundo:

Así, estamos ante unha economía baseada no desenvolvemento do coñecemento, de carácter global, que esixe a todos os países a necesidade de incrementar a educación para unha fracción cada vez maior dos seus habitantes. Polo tanto, require un maior financiamento público que garanta a calidade da docencia e da investigación, incluíndo na primeira a incorporación da formación ao longo da vida, como unha nova demanda da sociedade á Universidade.

Outra das forzas impulsoras que actúan sobre o ensino superior é o cambio demográfico. A mobilidade xeográfica das persoas en busca de novas oportunidades de inclusión social, e unha poboación local cada vez máis envellecida, expón a necesidade de máis recursos públicos noutros ámbitos como a sanidade, a seguridade, etc., que presionan sobre os dedicados á educación superior.

Tamén, como outra das máis importantes forzas impulsoras do cambio dentro e fóra da universidade, está o salto tecnolóxico provocado pola evolución exponencial das tecnoloxías da información e comunicación, que están transformando todos os aspectos da institución: as súas actividades (docentes, investigadoras e de servizos), a súa organización e o seu contorno.

De aí, a importancia de reflexionar e reaccionar fronte ás actuais circunstancias con axilidade e responsabilidade, para que ao comezo da próxima década atopemos a nosa Universidade afianzada na súa misión.

 Por iso quixera terminar esta intervención facendo miñas as palabras dun ilustre galego, hoxe Reitor do Sistema de Universidades Públicas do estado de Oaxaca, o profesor Modesto Seara, para que a nosa Universidade siga a ser non só unha institución de ensino superior, investigación e difusora de cultura, senón un instrumento cultural capaz de transformar a sociedade.   

Máis nada.

Moitas grazas.