Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso pronunciado con motivo da celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino 2012

Juan Casares Long: Discurso pronunciado con motivo da celebración do patrón da Universidade, San Tomé de Aquino 2012


Hai catro meses, remataba o meu discurso na solemne apertura deste curso académico lembrando as palabras dun ilustre galego, hoxe Reitor do sistema de Universidades Públicas do estado de Oaxaca, o profesor Modesto Seara, para quen a Universidade debe ser non só unha institución de ensino superior, investigación e difusora de cultura, senón un instrumento cultural capaz de transformar a sociedade. Para que esa sociedade sinta que a institución universitaria está a cumprir a súa parte do pacto social establecido, debe de render contas da súa actividade ante aquela, a través dos procedementos de avaliación que constitúen a medida da súa responsabilidade. Por iso quero dedicar a miña intervención neste tradicional acto a explicar todo o feito, o que está facendo e o que queda por facer neste campo da responsabilidade social da USC; para o cal resulta obrigado, ante todo, reflexionar sobre a nosa situación presente.

Como é ben sabido, desde hai moito tempo enfrontámonos a unha realidade económica e social caracterizada pola necesidade de pensar en termos globais e de facer fronte a cambios profundos no modelo de desenvolvemento e progreso. Pero nos últimos anos estanse a producir transformacións importantes nas bases sobre as que, tradicionalmente, se ten sustentado o crecemento económico e o benestar social, transformacións que, en moitos casos, se producen de xeito turbulento e a un ritmo vertixinoso que obriga a desenvolver unha maior capacidade de adaptación aos cambios para garantir a propia competitividade e supervivencia e para dar resposta ás novas demandas e necesidades da sociedade.

O sistema universitario experimentou nas últimas décadas unha grande transformación que ten provocado a necesidade de revisar a súa misión e reconsiderar a magnitude do seu impacto no conxunto da sociedade. En termos cuantitativos, estes cambios afectaron ao número de universidades, de estudantes e egresados, á cantidade e calidade da produción científica ou as actividades de transferencia. Pero tamén temos asistido a grandes cambios de carácter máis cualitativo, entre os que podemos salientar os grandes avances na igualdade de oportunidades no acceso aos estudos universitarios, especialmente representado polo incremento no número de mulleres tituladas. Este proceso de modernización e democratización ten que continuar o seu despregamento, nun contexto de internacionalización e crecente protagonismo do impacto social, económico, cultural e ambiental do coñecemento.

A crise económica, financeira e social que aínda ensombrece a nosa perspectiva do futuro establece un difícil contexto para as institucións de educación superior nos vindeiros anos. Pero o seu papel é esencial na reformulación do modelo de desenvolvemento económico e na procura de solucións aos problemas que na actualidade estrangulan o crecemento e o benestar, polo que deben facer un gran esforzo para deseñar estratexias que aseguren a súa viabilidade e competitividade e a súa contribución a un desenvolvemento sostible.

Hoxe máis que nunca é importante lembrar que as universidades teñen unha responsabilidade para co conxunto da sociedade, inherente a súa misión. A través da docencia, a investigación e a innovación, a educación superior debe contribuír a formar e adestrar a persoas capaces, competentes e comprometidas co seu contorno, e a crear, difundir e transferir coñecemento ao servizo do progreso, o benestar e a competitividade. Ademais, debe afrontar estes retos baixo unha necesaria proxección global dos seus esforzos e dos resultados acadados. Pero o reforzamento deste triángulo formación-investigación-innovación non é suficiente. As universidades deben, tamén, potenciar a súa dimensión social, tanto de cara ao exterior da institución coma no seu propio interior, formalizándoa a través do deseño e implantación de estratexias e plans de responsabilidade social universitaria (RSU). Todos estes son elementos clave para a consecución dun novo modelo de sociedade baseado no coñecemento, a innovación, a xustiza e a solidariedade, capaz de responder aos retos globais do século XXI.

O Goberno español puxo en marcha no ano 2008 a “Estratexia Universidade 2015” (EU2015) como unha folla de ruta necesaria para a modernización do Sistema Universitario Español (SUE), dentro do marco establecido pola Comisión Europea, recoñecendo que os principais esforzos debían centrarse na promoción da innovación, a internacionalización, a excelencia e a RSU. Todo isto enmarcado no proceso de construción do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e do Espazo Europeo de Investigación (EEI), nos que os avances acadados poñen de manifesto que as universidades europeas están facendo un gran esforzo para modernizarse e contribuír ao cambio económico e social que a nosa sociedade necesita.

Neste horizonte do 2015 os ámbitos de actuación contemplados na EU2015 concéntranse en torno á mellora do alcance das tres misións universitarias (formación, investigación e a chamada Terceira Misión, referida á transferencia de coñecemento e á RSU), a redefinición do papel das persoas nas institucións universitarias para contribuír a súa modernización (PDI, PAS e estudantes), o fornecemento das capacidades do sistema universitario e as súas institucións (financiamento, gobernanza, internacionalización, avaliación individual e colectiva e comunicación) e a colaboración e impacto sobre o contorno (integración universidade-cidade-territorio, contribución socioeconómica e campus de excelencia internacional).

Pola súa banda, a Comisión Europea publicou en marzo de 2010 unha nova comunicación, “Europa 2020: unha estratexia para un crecemento intelixente, sostible e integrador”, que constitúe unha visión da economía social de mercado para a Europa do século XXI. En relación coa educación superior, o documento insiste na necesidade de reforzar a aplicabilidade do coñecemento xerado nas universidades á economía produtiva, potenciar os programas de mobilidade, modernizar os currículo universitarios e os seus sistemas de gobernanza e financiamento, ampliar o alcance da educación superior entre a xuventude europea e contribuír á mellora da súa empregabilidade, promover a avaliación comparativa dos resultados das universidades e consolidar o atractivo das institucións universitarias europeas no ámbito internacional.

Nun contexto máis amplo, a Comisión Europea comprométese a cooperar cos diferentes sectores (empresas, sindicatos,  medios académicos, ONG e consumidores) na creación dun marco para a política  industrial moderna, perseguindo: apoiar o espírito empresarial; guiar á industria e  axudala a superar retos; promover a competitividade das industrias primarias, manufactureiras e de servizos de Europa e proporcionarlles novas oportunidades na mundialización e a economía verde. Este marco recoñece, ademais, o papel clave da responsabilidade social das empresas, que quedou plasmado o pasado mes de outubro na nova Comunicación da Comisión Europea “ Responsabilidade social das empresas: unha nova estratexia da UE para o período 2011-2014”, na que se pon o acento na necesidade de que as organizacións sexan responsables polos seus impactos na sociedade, integrando na súa xestión, e en colaboración cos grupos de interese, aspectos éticos, sociais, ambientais e relacionados cos dereitos humanos e dos consumidores, co obxectivo de maximizar a creación de valor compartido e identificar, previr e mitigar posibles impactos adversos.

De acordo co subliñado polos documentos más importantes do marco internacional,  europeo e español sobre a materia, a Terceira Misión das universidades debe incardinarse na prosecución dunha axeitada combinación do dinamismo económico coa cohesión social e a igualdade de oportunidades; da innovación tecnolóxica e científica coa visión crítica e reflexiva; da calidade e a excelencia coa responsabilidade e a sostibilidade. Os valores cosmopolitas, humanistas e científicos característicos do modelo universitario europeo, vinculados á liberdade de pensamento, á tolerancia, ao respecto e ao compromiso co benestar social, económico e ambiental, así como co enriquecemento do noso patrimonio cultural, deben presidir, pois, as tarefas desta Terceira Misión, orientada a levar máis lonxe a fronteira do coñecemento e a facilitar que o contorno e o conxunto da sociedade se beneficien delas.

Asumindo estas liñas directrices, o Plan Estratéxico 2011-2020 da USC contempla un horizonte temporal amplo no que se articularán plans de acción que axuden a recuperar o equilibrio no seno da institución e a apoiar o inicio da recuperación do sistema económico baixo un obxectivo común e global de consecución dun desenvolvemento sostible. Neste período, a USC debe ser capaz de, en primeiro lugar, lograr o compromiso e a motivación de todos os membros da comunidade universitaria, pois sen a súa implicación e achega non seríamos quen de abordar os importantes retos que nos rodean. Pero temos outros moitos obxectivos e compromisos: acadar unha axeitada dotación de recursos, mellorar a eficiencia na xestión, consolidar unha adaptación racional ao EEES e o EEI, adaptarnos as novas esixencias da sociedade, posicionarnos no ámbito internacional, incrementar a nosa competitividade, garantir o cumprimento dos obxectivos do Campus de Excelencia Internacional, reforzar os lazos de colaboración con outras institución públicas e privadas e co mundo empresarial, contribuír á transformación do modelo de desenvolvemento e benestar e iniciar un proceso de crecemento e expansión paralelo á recuperación do sistema económico. Deste xeito, no remate do horizonte de planificación, a USC atoparase en condicións de aproveitar as oportunidades que se presenten no novo contexto e converterse nunha universidade de referencia en todas as dimensións do triángulo do coñecemento (educación-investigación-innovación) e na súa dimensión social.

Os retos a afrontar son grandes e o avance non será sinxelo, pero a USC é unha institución viva, dinámica, movida fundamentalmente polo esforzo e ilusión das persoas que axudan ao cumprimento da súa misión e que teñen demostrado unha enorme capacidade de adaptación e compromiso nun contexto no que non sempre contaron co apoio necesario, os recursos axeitados e o recoñecemento debido.

Sen dúbida, a situación actual da USC vén especialmente marcada polo esforzo que esixe o proceso de adaptación ao EEES e polas dificultades financeiras asociadas á redución da matrícula, o elevado endebedamento, as ineficiencias históricas na xestión do gasto e as restricións contempladas nos plans de financiamento do SUG. A pesar destas limitacións e dos grandes retos que se están a afrontar, a USC mantén un elevado nivel de calidade na docencia e na investigación, un compromiso firme coa transferencia de coñecemento e unha eficaz e recoñecida orientación social, que constitúen sólidas bases sobre as que asentar a recuperación do equilibrio en todos os ámbitos, a mellora da competitividade e a contribución á unha sociedade baseada no coñecemento, a innovación e a sostibilidade.

No ámbito académico, a convivencia de titulacións novas e en extinción e a ampla oferta de posgrao están impoñendo serias presións sobre os recursos técnicos, humanos e financeiros dispoñibles. Todo isto fai que a situación académica da USC, coma a da xeneralidade das universidades españolas, sexa complexa, o que obriga a realizar grandes esforzos para que esta situación non afecte ao rendemento académico do alumnado.

En canto á actividade investigadora, a USC ten acadado importantes logros e avances, consolidando unha moi competente estrutura de grupos e centros de investigación e formando e captando a excelentes investigadores. Ano tras ano, presenta un balance da súa actividade investigadora e dos seus resultados en transferencia e valorización do coñecemento que confirman a súa posición líder no contexto autonómico, así como unha posición equiparable á doutras institucións científicas de referencia nacional.

A cualificación do proxecto “Campus vida” como Campus de Excelencia Internacional de carácter global no pasado mes de outubro, veu a recoñecer e a asentar o seu prestixio na área das ciencias da saúde e da química e debe tomarse como un primeiro paso cara a unha estratexia global que abarque a toda a Universidade, permitindo a posta en valor das súas capacidades académicas, investigadoras e de rendibilidade social. Débese, polo tanto, potenciar esta mención e procurar un camiño de excelencia, tanto na participación en iniciativas similares en colaboración coas outras universidades galegas como en colaboración con clústeres e asociacións de empresas que promovan e dinamicen a transferencia de coñecemento e tecnoloxía.
No eido da xestión, estanse acometendo importantes actuacións de cara a incrementar a eficiencia, garantir a cobertura das necesidades do persoal, mellorar as infraestruturas, manter o ritmo de implantación das TIC, modernizar os servizos de apoio á docencia e á investigación e elaborar un Plan de Calidade de Administración e Servizos da USC. A calidade da docencia e da investigación é tamén un obxectivo para o que se persegue unha mellora continuada, reforzada cos programas de formación e capacitación do persoal.

A USC impulsa tamén con éxito notable a súa proxección internacional, liderando os programas de mobilidade universitaria, fomentando a visibilidade dos seus resultados de investigación no exterior, e colaborando tamén en programas de cooperación internacional.

Este compromiso da USC co mantemento de altos niveis de calidade e eficacia na docencia, a investigación e a xestión corre en paralelo co compromiso social que tamén atesoura desde anos atrás e que fai da USC unha universidade implicada co desenvolvemento económico e social do seu contorno máis próximo e preocupada polos problemas de carácter global que afectan ás sociedades de todo o mundo. O logro dun desenvolvemento sostible e a asunción e formalización da súa responsabilidade social son obxectivos inherentes á misión da USC na sociedade e que afectan tanto a súa xestión interna como a súa relación cos diversos grupos de interese do seu contorno.

O compromiso social da USC canalízase, fundamentalmente, a través da extensión universitaria (cultura e deporte), o fomento do emprendemento, o servizo de participación e integración universitaria (voluntariado, integración, promoción social), o plan de desenvolvemento sostible e as políticas internas de responsabilidade social (igualdade, conciliación, transparencia e bo goberno). Cada un destes programas ten xerado un elevado impacto na comunidade universitaria e o conxunto da sociedade e, xunto coa publicación da memoria de responsabilidade social e a creación dun Vicerreitorado de Responsabilidade Social, converteu á USC nunha universidade de referencia e, en moitos casos, pioneira, en materia de RSU, tanto no ámbito nacional coma no internacional.

Para calquera institución universitaria parece consubstancial á súa misión o ser socialmente responsable. As universidades prestan un servizo á sociedade e precisan do seu apoio e confianza para sobrevivir. O papel das universidades é clave como fonte de xeración e difusión de coñecemento e de valores e principios éticos e humanos. A docencia e a investigación deben dar resposta ás necesidades da sociedade e manter un diálogo permanente con ela. E, desde unha perspectiva interna, como en calquera outro tipo de organización, deben facerse valer os dereitos de todos os membros da comunidade universitaria e facelos corresponsables do cumprimento dos seus deberes e dos da propia institución para coa sociedade.
Unha universidade socialmente responsable debe perseguir como obxectivo fundamental crear valor para todos os seus grupos de interese, promovendo valores de igualdade, liberdade e solidariedade e de respecto polo noso contorno. E debe tamén contribuír a desenvolver e difundir o coñecemento en materia de sostibilidade e responsabilidade social na súa actividade docente e investigadora.

Pero estas manifestacións obvias da RSU non xorden de xeito automático ou espontáneo na súa actividade, senón que é preciso alimentalas e coidalas para garantir a súa existencia e o seu crecemento. A USC ten mostrado un forte compromiso coa asunción da súa responsabilidade social nos pasados anos, mais debe facer un esforzo maior para consolidalo e poñelo en valor, dotando de maior coherencia e coordinación ás actuacións que se veñen desenvolvendo nos ámbitos do voluntariado, a cooperación para o desenvolvemento e a protección e divulgación ambiental, así como ás iniciativas que se realizan nos eidos da docencia, a investigación e a xestión e os servizos.

Precisamente nesta liña maniféstase a Comisión Técnica encargada dos traballos da Estratexia Universidade 2015, que recentemente publicou o documento “A responsabilidade social da universidade e o desenvolvemento sostible”, no que se insiste en que as liñas directrices do futuro da actividade universitaria pasan por que as universidades asuman a súa responsabilidade social e o seu compromiso coa sostibilidade, para acadar un desenvolvemento sostible capaz de combinar o dinamismo económico, social e cultural coa cohesión, a equidade, a interculturalidade, a protección ambiental, a calidade de vida das persoas, o recoñecemento da súa diversidade e a ampliación das súas oportunidades, dereitos e capacidades.

O documento pretende contribuír á consolidación e institucionalización da RSU e a sostibilidade nas universidades españolas e no conxunto do SUE. Así, nel recoñécese que a RSU e a sostibilidade forman parte ineludible da dimensión social das universidades e do seu compromiso co conxunto da sociedade, e constitúen un eixo central da Terceira Misión universitaria. Deben concibirse, ademais, como un valor engadido en tanto que supoñen unha inversión económica, social e ambiental e non soamente un gasto.

A concepción da responsabilidade social e da sostibilidade universitaria debe superar a súa concepción inicial, máis restrinxida, como filantropía ou extensión universitaria, para despregarse como un compromiso transversal, plural, progresivo e multidimensional, referido tanto ao conxunto das actividades do mundo universitario como a súa proxección social. Así mesmo, é estratéxico que a incorporación da responsabilidade social e a sostibilidade universitaria se realice de maneira transversal, propiciando con elo, ademais, a coordinación das diversas políticas que coexisten neste amplo terreo e o recoñecemento e a visibilidade das mesmas.

A pesares dos importantes avances conseguidos, e seguindo as recomendacións dos documentos citados, a USC debe reforzar o seu compromiso coa responsabilidade social a través dunha estratexia de xestión global e integradora que permita tomar en consideración os intereses de todos os membros da comunidade universitaria e facelos partícipes e corresponsables das decisións de goberno para desenvolver da mellor maneira posible a súa misión de servizo á sociedade e crear valor para todos os nosos grupos de interese.

O compromiso do noso equipo de goberno para acadar esta integración é claro. Por unha banda, a creación da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade ten o obxectivo de centralizar e coordinar todas as políticas de carácter social e ambiental que se desenvolven na USC, para lograr unha penetración moito máis profunda e sólida da responsabilidade social ao longo de toda a organización e que todas as accións levadas a cabo se encontren baixo un marco coherente e unificado. Por outra banda, o Plan Estratéxico da USC 2011-2020 integra a RSU na estratexia global da institución, converténdose no marco baixo o que a USC asume un compromiso explícito de creación de valor social, ambiental e económico e de diálogo, transparencia e rendición de contas para con todos os membros da comunidade universitaria e a sociedade. Así, o Plan Estratéxico da USC articula a responsabilidade social da USC como un eixe esencial que, ademais do seu peso específico, impregna e contaxia ao resto dos eixes contemplados no plan, co obxectivo de converter á responsabilidade social nunha ferramenta estratéxica que dote de maior coordinación e coherencia ás iniciativas e actuacións que xa se desenvolven na institución, e que facilite o mantemento dun diálogo aberto e permanente con todos os nosos grupos de interese.

Deste xeito, pretendemos sistematizar a xestión da responsabilidade social da USC e orientala á creación de valor para todas as partes interesadas, garantindo un axeitado equilibrio entre os resultados académicos e de investigación, económico-financeiros, culturais, sociais e ambientais, e transmitindo á sociedade os logros en todos estes eidos, facendo patente a contribución que a institución fai á sociedade en termos de creación de valor. Debemos traballar tamén no desenvolvemento e mellora das ferramentas e mecanismos de comunicación e rendición de contas, incorporando novos instrumentos ou mellorando os xa existentes para difundir as nosas actividades tanto dentro da propia institución como de cara ao exterior, e acadar o recoñecemento social que a universidade precisa e merece.

Para acadar estes obxectivos contamos co máis importante e valioso activo, as persoas, grazas ás que temos acadado importantes logros nos eidos da docencia, a investigación, a xestión e os servizos, e que teñen amosado, ademais, o seu compromiso social e ambiental, tanto de xeito individual coma apoiando as iniciativas da institución. Sen elas sería imposible construír unha universidade socialmente responsable.

E na data na que celebramos a festividade do noso patrón San Tomé de Aquino, non podemos esquecer que esta Terceira Misión universitaria de contribución a un novo modelo de desenvolvemento socialmente responsable e sostible debe dirixirse de maneira moi importante aos estudantes, na medida en que un dos principais elementos do retorno da universidade á sociedade radica, precisamente, na formación especializada, integral e continua dos seus alumnos, así como na súa incorporación ás tarefas de investigación e de innovación.
Como teñen destacado recentes declaracións europeas, o alumnado constitúe o eixo da atención á dimensión social na ensinanza superior, e correspóndelle, en consecuencia, un papel central nas políticas de RSU. É importante que os estudantes sexan axentes protagonistas das iniciativas de RSU, enriquecéndoas coas súas achegas e beneficiándose, ao mesmo tempo, das mesmas, e converténdose en axentes do cambio cara a ese modelo de desenvolvemento sostible e responsable unha vez completada a súa formación. Sendo conscientes de que a dimensión social da RSU non se esgota na atención ao alumnado, temos claro que as universidades deben facer maiores esforzos na consideración dos intereses e expectativas do seu estudantado, incorporando na súa xestión:
•    Os aspectos relativos á ampliación do seu acceso á educación superior;
•    O apoio aos grupos con máis dificultades ou máis desfavorecidos, pola súa condición económica ou pola súa orixe social ou nacional;
•    A integración dos estudantes con discapacidade ou con necesidades educativas específicas;
•    As iniciativas dirixidas a respaldar a súa correcta orientación e información, así como a mellora do seu rendemento académico e das súas posibilidades de conciliar o estudo co traballo e a vida persoal;
•    As actuacións dirixidas a favorecer a súa empregabilidade e a súa inserción no mundo do traballo;
•    As destinadas a promover a súa participación na vida universitaria;
•    As destinadas a promover a súa implicación en proxectos de cooperación e solidariedade.
•    E a formación e sensibilización en materia de responsabilidade social e sostibilidade.

Queremos pechar esta intervención precisamente coa constatación deste firme compromiso de responsabilidade para co noso estudantado, se ben tampouco nos esquecemos hoxe de que na consecución deste obxectivo precisamos da colaboración fundamental do noso persoal docente e investigador e de administración e servizos, co cal debemos manter unha relación de responsabilidade mutua e recíproca que nos permita, xuntos, xerar valor compartido, valor para todos os nosos grupos de interese, valor para toda a sociedade. A todo o persoal lle agradezo o seu esforzo e a súa entrega para o logro da nosa triple misión universitaria, esperando poder corresponder cun goberno eficaz, áxil e, sobre todo, responsable
 

Juan Casares Long:

Reitor da USC