Saltar ao contido principal
Xornal  »  Mirando cara ao futuro*

Juan José Casares Long, reitor da USC: Mirando cara ao futuro*


Unha Universidade cinco veces centenaria como a de Santiago de Compostela, busca nun mundo gobernado pola competitividade un espazo, o que lle corresponde, en base á súa competencia. Faino dende as Ciencias da Saúde, as Ciencias Sociais e Xurídicas, as Humanidades, as Ciencias e as Enxeñarías.

Faino participando nun proxecto europeo do 7º Programa Marco para desenvolver as novas metodoloxías do ensino co mesmo nome deste artigo, ou acadando o maior número de contratos de investigadores noveis do European Research Council do pasado ano, en Ciencias e Ciencias da Saúde. A través do Instituto da Lingua Galega na nunca rematada tarefa de traballar polo desenvolvemento da nosa lingua, ou sendo valorado o traballo feito na disciplina de matemáticas como a primeira de España, no último quinquenio. Tendo acreditadas a nivel internacional dúas titulacións como Veterinaria e Enxeñaría Química.

A USC ten, para orgullo de todos, laboratorios de referencia no ámbito de microbioloxía que permiten resolver problemas como o da Escherichia Coli, de carácter europeo, ou resolver problemas forenses de calquera nivel, no Instituto de Ciencias Forenses, considerado como o de maior impacto científico mundial.

Temos unha Universidade que xera coñecemento, con vocación de servir á sociedade e preocupada pola formación dos estudantes en actividades emprendedoras, para crear tecido empresarial, a través das spin off. Aportamos persoeiros ás distintas Academias e Sociedades Científicas e aos máis destacados postos no ámbito da maxistratura e a política. Temos nas aulas estudantes de distintos continentes e promovemos con intensidade os programas de mobilidade, na procura da internacionalización, e temos  acadando o recoñecemento da sociedade pola consecución dun Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida, de interese global e a participación en iniciativas similares no noso país.

Varios servizos da administración teñen certificación de calidade expedidas por organismos externos e, grazas ao traballo de todos os membros da comunidade, na busca da excelencia na docencia, na investigación e na xestión, a Universidade de Santiago de Compostela sitúase entre as grandes institucións académicas de Europa.

* Artigo publicado no xornal La Voz de Galicia do 25 de febreiro de 2012