Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comunicado da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas

Comunicado da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas


 

A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), reunida en Asemblea Xeral o pasado 4 de maio en Murcia, decidiu solicitar, con data 7 de maio, a convocatoria dun Consello de Universidades Extraordinario, cun único punto na Orde do Día: analizar e debater o Real Decreto-Lei 14/2012, de 20 de abril, ante a enorme preocupación que a aplicación do mesmo produce nas universidades. Esta solicitude foi subscrita, ao amparo do Regulamento do Consello de Universidades, por 59 dos reitores asistentes a dita reunión, xa que anteriormente fora solicitada pola Presidenta da CRUE e non fora atendida.

Sorprendentemente, convocouse aos reitores a un Consello de Universidades ordinario, no que non figuraba na orde do día o punto central da súa solicitude e no cal se incorporaran, en cambio, varios asuntos de trámite. Así mesmo, omitírase o punto de Rogos e Preguntas, entendendo que se pretendía evitar a reflexión e o debate.

Aínda así, a CRUE, tratando novamente de buscar solucións para iniciar o diálogo que tanto vén solicitando, transmitiu ao Ministro de Educación, Cultura e Deporte a súa vontade de asistir a este Consello de Universidades, previsto para hoxe, día 23 de maio, sempre e cando manifestase o seu compromiso de convocar o solicitado Consello de Universidades Extraordinario para tratar o Real Decreto-Lei 14/2012. Ante o seu silencio e rexeitamento, incumplindo o regulamento do Consello de Universidades, os reitores entenderon que se trata dunha falla de respecto e de atención a toda a comunidade universitaria, -ao seu estudantado, aos seus docentes e ao seu persoal de administración e servizos- e, por este motivo, deciden non asistir á sesión de hoxe do Consello de Universidades. 

Finalmente, ante a falla de resposta, os reitores solicitarán unha reunión urxente co Presidente do Goberno.