Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de inauguración do curso académico 2012-2013

Juan Casares Long: Discurso de inauguración do curso académico 2012-2013


Fieis á tradición que, dende hai máis de cinco séculos e con diferentes modalidades segundo as épocas, marca o comezo do curso escolar, os membros da academia compostelá reunímonos hoxe nun dos nosos máis simbólicos espazos, para celebrar de maneira solemne a reapertura das nosas aulas. E non digo para reanudar as nosas actividades porque –coas restricións forzadas en tempos de escaseza- a Universidade non descansa no seu período estival: non o fan os seus órganos de goberno e de xestión, nin os encargados de administrar e atender as súas instalacións e servizos, nin os investigadores que –individualmente ou en equipo- manteñen en marcha as súas pescudas, nin os profesores e alumnos, que preparan os cursos que impartirán ou recibirán…
 
Pero a chegada dun novo ano académico, co paso dun curso ou dun grao ao seguinte, e a incorporación das novas promocións de alumnos, márcanos a todos un momento crucial, cargado de simbolismo, no que convén deterse para facer balance do período inmediatamente anterior, reflexionar sobre a nosa situación actual e sobre as perspectivas de futuro, dando conta á sociedade, á que servimos e que nos sostén, dos nosos resultados, pero tamén chamando a súa atención sobre os nosos problemas, aspiracións e inquedanzas.
           
Ese é o sentido deste acto, cuxa liturxia tradicional (representada polos nosos traxes, insignias, ritos, xestos e fórmulas) quizais haxa –como teño sinalado nunha ocasión anterior- quen a considere desfasada para estes tempos, aínda que tamén haberá quen, respectando e apreciando esa liturxia, entendan que, no fondo, un acto como este non é máis que o reencontro, para proseguir a súa actividade anual, dun grupo de persoas comprometidas cunha institución –a Universidade pública- en cuxa importante misión social seguimos crendo.
 
Por iso queremos aproveitar este acto para facer entrega das Insignias de Fonseca aos compañeiros (31 profesores e 14 PAS) que, polo seu dilatado e leal compromiso coa USC, fixéronse merecedores delas.
 
E para ese imprescindible balance que a ocasión esixe, a nosa secretaria xeral leunos un resumo da Memoria do curso 2011-2012 e da que me permito facer mención especial dalgunhas actuacións singulares:
-         a modificación da cualificación de campus de excelencia internacional de interese rexional, ao nivel de campus de excelencia internacional de interese global, e o inicio das actividades de investigación do CIMUS.
-         o incremento da produción científica no ano 2011 con respecto ao ano 2010.
-         o desenvolvemento de iniciativas de investigación aplicada tales como a creación e participación no Centro galego de Investigación da auga e no Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial; e a creación de varias empresas de base tecnolóxica no ámbito das ciencias da saúde e humanidades.
-         a obtención, pola Memoria económica do ano 2011, dun informe da auditoría sen excepcións nin anotación ou reserva ningunha.
-         a concesión de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Alta Bretaña ao Profesor Claudio Rodríguez Fer.
 
Segundo é preceptivo, todo curso escolar ten que iniciarse cunha lección. Así acaba de facelo o profesor Ramón Máiz, quen ten resolto de maneira moi certeira ese difícil compromiso, que consiste en desenvolver –de xeito rigoroso, como cabe esperar dun dos nosos máis recoñecidos mestres- o tema específico da súa especialidade, que el mesmo elixiu, ante colegas de moi diversas áreas, estudantes de diferentes titulacións e niveis, persoal de administración e servizos, convidados…, que, na súa maioría, son legos en Ciencia Política, aínda que esta sexa unha desas parcelas da actividade humana na que –como cidadáns preocupados pola nosa situación común- todos nos consideremos relativamente competentes.
 
A súa lección Ciencia política e federalismo na Europa do século XXI iluminounos acerca dun dos problemas políticos que máis debate están suscitando entre nós, nestes tempos de crise económica, política e moral en España e en Europa”. Como ben lembra, se “na Asemblea constituínte do seu nacemento a primeira Constitución española, a Constitución de Cádiz de 1812” (cuxo segundo centenario agora conmemoramos) “a alternativa federal estivo presente de xeito implícito ou explícito naquela seminal conxuntura”, tamén entón son perceptibles xa os primeiros indicios do que denomina “xenreira ao federalismo”: “a vella e singular retesía ao federalismo que tinxiu boa parte do pensamento político español das máis varias tendencias” ata chegar ao “descrédito político do federalismo como fórmula de organizar a convivencia, en liberdade e pluralismo, entre os españois”. Para explicar -e, se é o caso, desmontar- “herdado prexuízo”, a súa lección someteuno a unha rigorosa análise que permiten os métodos, teorías e avances da moderna Ciencia política; sen esquecer en sentido etimolóxico do concepto federalismo, “que provén da noción de acordo e respecto entre iguais, o que implica á súa vez un vocabulario de raíz compartida entre pacto (‘foedus’) e confianza (‘fides’)”. Pero sen caer, tampouco, no erro “de postular a federación como unha sorte de Panacea”.
 
Aínda que non cometerei o erro de resumir, glosar, nin aínda menos valorar a lección que tivemos a fortuna de recibir, si me importa a súa chamada de atención sobre o papel que as máis recentes correntes conceden ao protagonismo dos cidadáns: “un dos máis importantes mecanismos de auto-reforzo para o normal funcionamento e evolución dos sistemas federais –lembrounos- é a presenza no conxunto da cidadanía dun sistema de crenzas compartido”; aos que cabe engadir outro importante factor, non sempre tido en conta: “a cultura política consiste nun conxunto non só cognitivo de valores e crenzas, senón tamén afectivo e emocional”. E tamén quero lembrar aquí –porque atinxe ao asunto que despois abordarei- a oportuna cita de Pí i Margall, tan vixente hoxe como en 1877, coa que pechou a súa intervención: “Europa estará sen dúbida condenada a pagar máis cedo ou máis tarde os resultados da súa imprevisión, se non se apresura a reconstruír os seus pobos sobre o principio da autonomía [e eu subliño esa palabra] para unilos logo pola federación”.
 
Hai agora un ano, con ocasión da solemne apertura do curso académico 2011-2012, remataba o meu discurso formulando a aspiración de que a nosa Universidade siga sendo non só unha institución de ensino superior, de investigación e difusora de cultura, senón tamén -e acaso máis- un instrumento cultural capaz de transformar a sociedade.
 
Na última década vénse producindo nas universidades europeas un proceso de importantes transformacións, xustificadas con frecuencia coa palabra modernización.
 
O diagnóstico é ben coñecido: a Comisión Europea sostén que as universidades europeas non están á altura das circunstancias e vénse superadas no ámbito competitivo global; na súa opinión, aquelas operan nun contorno que cambia a gran velocidade, pero fano á marxe da sociedade, excesivamente regulamentadas e insuficientemente financiadas. Como parte significativa da solución, resumida na Declaración de Lisboa de abril de 2007, “para as universidades, a adaptabilidade e flexibilidade necesarias para responder a unha sociedade en transformación descansa sobre todo, nun aumento da súa autonomía e un financiamento axeitado”. A cambio, as universidades deben aceptar render conta dos seus resultados á sociedade no seu conxunto. Entende que a economía do coñecemento require autonomía universitaria, competitividade e diversidade, aseguramento externo da calidade, rendemento de contas e acordos cos distintos grupos de interese. Maior autonomía e complexidade pola súa parte, esixe flexibilidade na organización, xestión profesionalizada, mellores sistemas de xestión interna e control de custos. Pero esa proposta de autonomía non está baseada nunha visión da Universidade como unha institución académica e cultural cunha longa historia e identidade propia, pois refírese non á sociedade do coñecemento se non á economía do coñecemento.
 
Non podemos esquecer que tanto a Magna Charta Universitatum en 1988 como o Consejo de Europa na súa declaración do ano 2006 entenden que a Universidade é unha institución singular autogobernada, cunha misión e un mandato académico, non unha organización con fin de lucro, e debe ser moral e intelectualmente independente, tanto das autoridades políticas como do poder económico. A identidade e a ética da Universidade están baseadas na busca da verdade e a investigación libre como fin en si mesmo. Os docentes de forma autónoma, desinteresada, crítica e ilustrada deben buscar o coñecemento, baseándose na lóxica da razón, na evidencia empírica, á marxe da súa posible utilidade política e económica inmediata, de consideracións relixiosas e sen estar mediatizados polos saberes previos e a tradición asumida.
 
Dende o punto de vista organizativo, a Comunidade universitaria vén caracterizada por unha relativa unión entre os distintos centros e unidades da universidade e un relativamente débil órgano central, un liderado colexiado, reitores elixidos e unha organización por disciplinas e campos de investigación. As actividades que levan a cabo teñen lugar nun contexto máis amplo, a comunidade académica internacional, en base a méritos competitivos e autodisciplina. De acordo con todo isto, as universidades xogan un papel crucial no desenvolvemento dos procesos da creación da sociedade civil e a tradición humanística europea; e o valor intrínseco da liberdade de cátedra e a autonomía forma parte dun compromiso cultural. O Estado non debe intervir e debe evitar que outros interfiran na actividade académica.
 
As universidades, na súa gran maioría, demostraron ser capaces de responder simultaneamente ás demandas internas e externas na busca do coñecemento universal, e deben ser obxecto dun continuo e franco diálogo entre o mundo universitario e a sociedade civil; e coa aparición da Sociedade do Coñecemento, acadar un novo compromiso entre Universidade e Sociedade.
 
O desafío agora é dar resposta á pregunta que Universidade, para que Sociedade ou quizais: que esperan Sociedade e Universidade, cada unha da outra parte.
 
Nesa sociedade do coñecemento debe lograrse un acordo entre a universidade, a sociedade e os poderes públicos. Un acordo entendido como un compromiso cultural a suficiente longo prazo, cara a, e dende a, Universidade como institución coas súas propias características, aceptable para a sociedade da que forma parte.
 
A sociedade europea atópase neste momento tratando de acadar en si mesma un compromiso estable entre a creación de riqueza a través do crecemento económico, competitividade…, e a redistribución da riqueza xerada, a través do mantemento de valores como a igualdade de oportunidades e a cohesión social.
 
Ao incrementarse de forma notable a relevancia social da Universidade, expandiuse e aumentáronse os custos asociados, e a Universidade fíxose visible a máis grupos de interese. Cada vez máis requírese saber a que ámbitos da sociedade debe servir a Universidade e de que forma. Hai distintas e encontradas posicións sobre cómo as universidades deben organizarse e ser gobernadas, quen debe dirixilas e quen debe garantir o seu futuro como institución académica.
 
Por que centrar este discurso na autonomía universitaria?
 
Porque entendemos que a autonomía é condición necesaria na busca da excelencia.
 
Permítanme ao respecto dúas observacións, dous comentarios e dúas xustificacións.
 
Sobre as observacións:  
Porque historicamente cada vez que o poder político restrinxiu a autonomía das universidades correspondeuse cun período de decadencia social e intelectual.
 
Porque hoxe en día, as mellores universidades son moi autónomas.
           
            Sobre os comentarios:
Por unha parte, a Universidade pode ser apreciada como a institución que ten encomendada a tarefa de manter a tradición humanista europea, e a súa propia natureza transnacional vai máis aló de fronteiras xeográficas e políticas. Consecuentemente, non se pode manter a idea de fronteiras, sexan cales foran,á educación superior e á investigación en Europa como un espazo. Porén, a actual énfase na modernización da Universidade implica non só a eliminación dos “anticuados” sistemas nacionais senón tamén o establecemento de novas fronteiras en torno a Europa, e considerar a mobilidade fóra de Europa como unha fuga de cerebros.
 
Por outra parte, existe a convicción de que os mercados achegaron ás universidades (refírome agora fundamentalmente ás anglosaxonas) máis recursos financeiros, mellores estudantes, maior capacidade no avance do coñecemento, e un papel máis activo no desenvolvemento económico do país. Pero que ao mesmo tempo, diminui a autonomía das universidades sobre as súas actividades propias, a súa misión como servizo público, e desdebuxáronse as fronteiras entre os intereses da sociedade e os particulares, poñendo en entredito o seu papel privilexiado como desinteresado árbitro do saber.
 
            E sobre as xustificacións:
A sociedade necesita das universidades para desenvolver novos coñecementos, transmitilos e poder analizar calquera problemática da sociedade, en liberdade, cun elevado nivel de rigor, e empregando os métodos científicos máis axeitados.
 
As universidades, pola súa parte, cun elevado nivel de autonomía poden ser proactivas fronte aos cambios, e innovadoras: demasiada regulamentación e presión externas, tal e como se mencionou anteriormente, debilitan a institución.
 
Como resultado de todo o anterior cómpre sinalar que a autonomía universitaria é condición necesaria para acadar a excelencia. Autonomía que debe garantirse fronte ao Estado, os mercados, e calquera tipo de crenza ou ideoloxía. E deben ser obxecto desa autonomía:
-       A organización interna da Universidade,
-       Establecemento de procesos na toma de decisións.
-       A selección do profesorado.
-       A xestión dos seus recursos financeiros.
 
A condición suficiente na busca da excelencia esixe tamén,
 
por unha banda, a responsabilidade das administracións públicas correspondentes, para:
-       Establecer o marco de actuación.
-       Garantir a igualdade de oportunidades de acceso.
-       Asegurar que a investigación básica continúe a ser un ben público.
-       Prover un financiamento axeitado, que debe basearse en prioridades e compromisos a longo prazo, e adxudicada sen esixencias concretas de aplicación (por exemplo, os contratos-programa poden reducir de forma significativa a autonomía).
 
E, por outra banda, esixe a responsabilidade interna das universidades, para:
            Render contas en base aos principios de eficacia e eficiencia, coa maior difusión posible, e así demostrar que as universidades cumpren o seu compromiso tanto como poden e deberan.
 
            En definitiva, dar unha resposta suficientemente rápida a un contorno cambiante e ao que a universidade tradicional non sería quen de adaptarse en tempo e forma.
 
En calquera caso, deberiamos concretar todo o anteriormente dito para poder fixar a nosa posición e determinar o camiño a seguir.
 
Tomamos como referencia as catro dimensións básicas da autonomía universitaria establecidas pola Asociación Europea de Universidades, que son: a académica, a financeira, a organizativa e a de contratación do seu persoal. O traballo realizado pola EUA, que non inclúe institucións privadas, reflicte que as condicións baixo as cales operan as universidades europeas varían de forma moi importante entre Estados e –ás veces- dentro dos propios Estados.
 
Dos 28 países avaliados no estudo da Asociación de Universidades Europeas, as españolas atópanse situadas no grupo dos países cunha autonomía entre media baixa e baixa (entre o décimo sexto e vixésimo quinto posto nunha escala de maior a menor autonomía). E, de ter en conta as medidas lexislativas dos últimos dous anos estaríamos claramente no chanzo máis baixo da autonomía.
 
A avaliación resulta reveladora: é moi importante o camiño que nos queda por recorrer, en España, para conseguir unha verdadeira e plena autonomía e asumir a responsabilidade correspondente para responder ante quen proceda (sociedade, auditores, comunidade autónoma,…) do uso desa autonomía, que nos permita aspirar a esa excelencia que demandamos a nós mesmos e que se nos demanda.
 
Resultan clarificadoras as palabras ao respecto do profesor José Narro Robles, reitor da maior universidade de fala hispana, a Universidad Nacional Autónoma de México:
“Sen a autonomía, a universidade estaría mutilada, é parte da súa forza vital, motor da creatividade e seguro contra o apetito de grupos e sectores políticos e de orde económica, entre outros. É o principio que lle permite a crítica obxectiva e a proposta desinteresada, é a que posibilita á universidade ser conciencia dunha nación. Pola responsabilidade social que implica a autonomía universitaria, as universidades están obrigadas a manter sempre vixentes niveis axeitados de competencia científica e tecnolóxica, a preservar e cultivar os valores do humanismo, así como a promover e desenvolver unha cultura dos dereitos humanos. Dese xeito, exprésase o seu compromiso e a súa contribución ao enriquecemento intelectual e ético da sociedade e o desenvolvemento dun país con maior equidade e xustiza social”.
 
E remato, autonomía e responsabilidade son as claves que permitirán lograr a excelencia, para poder seguir iluminando a Galicia, cando menos, mil primaveras máis.
 
Dixen
Moitas grazas

Juan Casares Long:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela