Saltar ao contido principal
Xornal  »  XXII CONFERENCIA NACIONAL DE DECANATOS DE LETRAS. DECLARACIÓN DA XXII CONFERENCIA NACIONAL DE DECANATOS DE LETRAS

XXII CONFERENCIA NACIONAL DE DECANATOS DE LETRAS. DECLARACIÓN DA XXII CONFERENCIA NACIONAL DE DECANATOS DE LETRAS


As decanas e os decanos de Letras das universidades públicas españolas,
reunidos na XXII Conferencia de Decanatos de Letras celebrada en Granada o pasado 16 de maio, temos a obriga de transmitir á opinión pública as serias dificultades que afrontan os estudos de Humanidades no noso país. Indispensables nunha universidade que queira responder ás necesidades dunha sociedade democrática, corren o perigo de verse postergados, e máis en tempos de crise, como luxo cultural prescindible.

Tan cega e instrumentalista visión das Humanidades é a que ás veces se encarna na lexislación educativa e financiamento público, polo cal toca reivindicar o seu valor como saberes acerca das nosas realidades humanas e dos documentos de cultura que constitúen o legado que nos foi transmitido.

Tales saberes nutren o tecido cultural indispensable para que a nosa sociedade non estea falla de referencias de sentido ao articular a súa convivencia democrática e soster valores sobre os que asentar as institucións da vida en común.

Ao defender as Humanidades dende os Decanatos de Letras reivindicamos á vez a autonomía universitaria, tan acosada dende diferentes poderes, os cales só ven na universidade unha fábrica de coñecementos para o rendemento inmediato ou un gran centro de estudantes encamiñados a un mercado de traballo ávido de man de obra barata, aínda que cualificada. A universidade ten que contar coa realidade do mercado, pero transcendendo inmediatas aspiracións de beneficio económico e tendo presente que o seu servizo á sociedade vai máis aló, como corresponde a unha sociedade de cidadáns libres, capaces de xuízo crítico e de participación democrática.

Dende a atalaia das nosas Facultades non podemos deixar de sinalar os riscos de privatización do público que pesan sobre as institucións universitarias, especialmente pola introdución paulatina dunha privatización da xestión segundo criterios importados do ámbito da empresa, que supoñen unha distorsión dos mesmos obxectivos formativos e investigadores das universidades como institucións públicas. Este risco agrávase nalgunhas Comunidades Autónomas, onde os exponenciais aumentos na subida de taxas, vinculadas aos sucesivos recortes na achega nominativa, constitúen de feito un cambio de modelo, que apunta á paulatina semiprivatización das universidades públicas.

Quen estamos á fronte dos Decanatos de Letras das universidades españolas tamén nos sentimos chamados a facer chegar á opinión pública, dende a realidade das nosas Facultades, a nosa preocupación pola situación en que se atopa a universidade como institución de formación superior e de investigación científica. Como tamén denunciaron os reitores, o estudo, a docencia e a investigación pasan por difíciles momentos por mor dos fortes recortes orzamentarios  no medio da profunda crise na que estamos.

As medidas de control do déficit que se aplican dende o goberno de España están provocando danos ás nosas universidades que poden ser irreversibles. A gravidade desas consecuencias non se limita á vida académica, senón que incidindo sobre o acceso da xuventude aos estudos universitarios, sobre a calidade da docencia e sobre o desenvolvemento da investigación, afectan de cheo á sociedade á que as universidades se deben, quedando mermadas as posibilidades de contribuír dende o coñecemento a un desenvolvemento que axude a remontar a crise.

Os decanos e decanas das Facultades de Letras, á vista do que nelas ocorre, vémonos obrigados a denunciar a creba da igualdade de oportunidades que supón o maior custo do acceso ao ensino superior dada a concurrencia, á vez, dunha política de bolsas máis restritiva e dun forte incremento das taxas académicas. As dificultades que se acumulan sobre a mobilidade de estudantes, por recortes que afectan ás dotacións para o Programa Erasmus, como os que practicamente acaban con outros programas, como Séneca, son indicio ademais dunha situación que en xeral se afasta dos obxectivos que se pretenderon en torno ao Espazo Europeo de Educación Superior. O coñecido como "Plan Bolonia" está baixo mínimos en canto ás súas posibilidades de realización efectiva. Ante as dificultades que acompañaron á implantación dos novos plans de estudo, dende os Decanatos de Letras compartimos a necesidade dunha maior coordinación en canto a criterios docentes, como reclama de xeito especial a novidade dos Traballos de Fin de Grado nas titulacións que se imparten.

Igualmente, decanas e decanos de Letras estamos de acordo en denunciar a
precariedade laboral dunha alta porcentaxe do profesorado universitario, a pesar da súa máis alta cualificación, así como o bloqueo que se produce sobre lexítimas aspiracións de promoción do profesorado.

Todo iso por mor da aplicación dunha taxa de reposición de emprego público do 10 %, que no caso das universidades chega a unha irracionalidade absolutamente indefendible. A regresión que iso supón para as nosas universidades implica un futuro tan seriamente ameazado que é deber inexcusable dos responsables académicos facer todo o posible para que as ameazas non se cumpran como destino.

Suscitamos, por iso, ás Administracións públicas competentes a necesidade de modificar canto antes tan nefasta situación. Iso supón acometer a estabilización do profesorado en situación de inestabilidade ou de clamorosa precariedade, así como contemplar á súa vez que as prazas que se saquen a concurso para promoción do profesorado xa en situación de funcionariado público non computen a efectos de taxa de reposición como prazas de nova creación.

Dende os Decanatos de Letras manifestamos a nosa preocupación polo xeito como é avaliada a investigación que se produce no campo das Humanidades por parte das instancias correspondentes, xa estatais, xa autonómicas. Reiteramos a necesidade de que, en xustiza, se teñan en conta criterios axeitados para o campo de que se trata, e non meramente importados doutros ámbitos de coñecemento. Unha comisión da XXII Conferencia de Decanatos de Letras manterá reunións coas axencias avaliadoras e os organismos implicados para lograr acordos en torno aos criterios de avaliación da docencia e investigación apropiados para o campo das Humanidades.

Manifestamos tamén a nosa disconformidade cos usos aos que viñeron a parar os chamados "sexenios ou tramos de investigación", os cales, de concibirse na súa orixe como medios para o estímulo da investigación aos que o persoal docente e investigador podería acollerse voluntariamente, acabaron sendo na actualidade instrumentos de xerarquización académica e de discriminación laboral, dadas as perversas utilizacións que se lles están dando para distribuír cargas docentes ou acceder ao desempeño de determinadas funcións académicas.

Estamos convencidos de que ao sinalar os puntos expostos e facelo en defensa das Humanidades o facemos tamén en defensa da universidade pública e da formación superior e a investigación científica, tan necesarias para saír da crise que sofre España.

Granada, xuño de 2014