Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comunicado conxunto dos reitores e reitoras das Universidades Públicas Españolas: ‘A Universidade, garantía de futuro’

Comunicado conxunto dos reitores e reitoras das Universidades Públicas Españolas: ‘A Universidade, garantía de futuro’


As universidades somos plenamente conscientes da complicada situación económica do noso país, que tamén vivimos en primeira persoa. É por iso que valoramos os grandes esforzos que está a facer toda a cidadanía para seguir adiante.
 
As universidades, agora máis que nunca, estamos a traballar para mellorar o noso rendemento, a pesar dos recortes orzamentarios que estamos a sufrir dende hai uns anos. Ata agora fixemos un esforzo para seguir mantendo os estándares de calidade nas tres grandes funcións da universidade: a docencia, a investigación e a innovación.
 
Non obstante, ante a inminente aprobación dos novos Orzamentos Xerais do Estado, e os orzamentos correspondentes a cada unha das Comunidades Autónomas, encontrámonos nunha situación preocupante, que pode prexudicar á Universidade española tal e como a coñecemos ata agora, impedindo o desenvolvemento das actividades esenciais. Por este motivo, queremos manifestar publicamente o seguinte:
 
1. A diminución dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 nun 18% en Educación Superior e nun 80% nos gastos non financeiros en I+D+i supoñen unha deterioración irreparable do sistema de I+D+i que, xuntamente coa conxelación dos equipos de recursos humanos, levará o noso país á perda do tren do desenvolvemento tecnolóxico, hipotecando a investigación e os maiores avances na fronteira do coñecemento.
 
2. Os efectos do endebedamento das Comunidades Autónomas, xunto co deterioro das transferencias das partidas destinadas ás universidades, están a conducir o noso sistema universitario a unha situación próxima á asfixia económica, que se traducirá nun deterioro irreparable. Isto contradise co discurso político de que "o noso país debe basear o seu progreso no coñecemento". Sen investimento en educación superior nin en I+D+i será inviable o funcionamento das universidades públicas. E sen coñecemento non haberá progreso.
 
Ante esta situación, os Reitores e as Reitoras das universidades españolas solicitamos o seguinte:
 
Que a educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación, que van intrinsecamente unidas entre si, sexan consideradas como un investimento e non como un gasto e que as universidades españolas, tal e como solicitou recentemente a Asociación da Universidade Europea (EUA) aos Xefes de Estado e de Goberno europeos, teñan un financiamento público suficiente e sostible e que se fortaleza a autonomía universitaria para que poidan diversificar as súas fontes de ingresos sen obstáculos.
 
As universidades comprometémonos a incrementar a eficacia e a eficiencia das nosas institucións, e a continuar coa transparencia e o rendemento de contas ante a sociedade, co fin de que as nosas universidades sigan impulsando a cohesión social do noso país e sexan motores e fontes de coñecemento e riqueza.
 
Esta universidade manifesta a súa vontade de colaboración coas Administracións Públicas para axudar a resolver este grave problema económico e para seguir traballando por un futuro sostible para as universidades españolas. Se estas perden calidade, tamén o fará a investigación científica, a innovación tecnolóxica e, por suposto, a formación. Non perderán soamente as universidades, senón que perderemos TODOS , o conxunto da sociedade. Quedaremos sen unha das armas necesarias para avanzar e saír da crise económica: o coñecemento .
 
Dada a gravidade desta situación, este Comunicado dáse a coñecer de forma simultánea en todas as universidades públicas españolas.

Santiago, 10 de decembro de 2012