Saltar ao contido principal
Xornal  »  A Universidade como institución xeradora de confianza. San Tomé de Aquino 2013

Juan José Casares Long: A Universidade como institución xeradora de confianza. San Tomé de Aquino 2013


É xa unha tradición na nosa Universidade que dúas veces ao ano a comunidade universitaria se reúna nun solemne acto que serve para mostrar, a si mesma e á sociedade á que se debe, o coñecemento que atesoura en calquera dos seus ámbitos, mediante a lección impartida por un dos membros do seu claustro de profesores; e tamén para coñecer, a través do seu Reitor, as nosas maiores preocupacións presentes e a realidade de quen somos. A primeira desas ocasións é a inauguración do curso académico, que ten lugar no Campus de Compostela, e a segunda, este acto conmemorativo da festa de Santo Tomé, que celebramos no noso campus de Lugo.

Na apertura do curso académico 2012-2013, que tivo lugar no Salón Nobre do compostelán Colexio de Fonseca, o pasado 6 de setembro, escoitamos a lección impartida polo prof. Ramón Maiz sobre un tema relativo ao seu ámbito de coñecemento (Ciencia Política e da Administración), e o Reitor que vos fala expresou o sentir da institución sobre un dos aspectos que máis ocupa e preocupa a todos neste momento: o incremento da xa histórica presión política por reducir a autonomía universitaria.

Hoxe e aquí, nesta Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo, a profesora Inmaculada Cárdenas, da Área de Didáctica das Ciencias Sociais, impartiu unha lección sobre “A Pedagoxía de Creación Musical e o seu desenrolo no Grupo de Creación Sonora da USC”. E as palabras do Reitor, neste momento de tantas incertezas, queren presentar a Universidade como institución xeradora de confianza. Confianza que é a base de calquera relación entre as persoas: dificilmente se establece unha relación positiva se non existe confianza mutua entre os implicados.

 
Confianza que as distintas enquisas de carácter sociolóxico que se veñen realizando nos últimos anos reafirman a nosa razón de ser, a nosa singularidade e a necesidade de manternos tal e como vimos sendo e tal como somos. Así, a Universidade e os científicos ocupan os primeiros lugares entre as institucións e as persoas a quen a sociedade quixera ou lles gustaría parecerse.
 
Confianza que debe entenderse como seguridade e fiabilidade, e que podemos ver cunha crenza xustificada de que os compromisos adquiridos se cumpren. Confianza que pode ser tamén expresión de aspiración ou esperanza, sempre que sexa realista.
 
Confianza que se desenvolveu a través dun lento proceso que dura xa varios séculos: celebramos non hai moitos anos o noso Quinto Centenario, lembramos hai xa 30 anos o Oitavo Centenario da creación da Universidade de Palencia que foi tal, un século; e dentro de cinco anos celebraremos os oitocentos de existencia da Universidade de Salamanca.
 
A confianza xérase sobre unha reputación, e xerar unha reputación require esforzos continuos e crecentes nun longo período de tempo; pero pode perderse se este esforzo diminúe no seu impulso ou chega a abandonarse.
 
A confianza na institución universitaria pode referirse a todo o sistema de educación superior, a unha Universidade concreta, a unha determinada titulación, a unha determinada área de coñecemento, a un determinado profesor ou investigador. Pero permítanme que nos centremos no sistema universitario e nas universidades que o conforman. Neste contexto a confianza basease nunha percepción de calidade. Resulta difícil imaxinar que un profesor confíe noutro se considera que a súa actividade docente e investigadora carece da calidade suficiente; tampouco cabe esperar que os estudantes enchan as aulas para recibir unha clase de alguén que repetidamente non está á altura do esixible. En definitiva: resulta difícil imaxinar que os cidadáns e as cidadás confíen nunha institución carente de calidade.
 
Comezarei cunha breve reseña sobre o sistema universitario galego:
Un sistema de educación superior é bo non só se o son as universidades que o conforman, pois o todo debe ser máis que a suma das partes; debe engadir algo a través da organización das mesmas e converterse nun todo coherente. Porque a educación superior non ten, nin moito menos, como o seu único nin principal obxectivo contribuír ao desenvolvemento económico; por iso, o Consejo de Europa identificou catro obxectivos fundamentais para a Universidade:
o desenvolvemento persoal,
a preparación para a vida, como cidadáns activos en sociedades democráticas;
a preparación para mellorar a empregabilidade;
o desenvolvemento e mantemento dunha base de coñecemento baseada na docencia e na investigación.
 
Unha institución, pode escoller entre centrarse nun ou dous dos obxectivos antes mencionados, e resaltar unha ou varias das principais misións da Universidade: a docencia, a investigación, a transmisión de cultura. A este fin, procede recordar que nos últimos anos establecéronse un conxunto de procedementos para clasificar as Universidades en función dunha serie máis ou menos ampla de factores, que permiten facer comparacións, tanto nacionais como internacionais, entre as Universidades, e que sitúan á nosa entre a 303 e a 500 en catro dos seis rankings máis coñecidos e recoñecidos. 
 
Por outra parte, os sistemas de educación superior deben cumprir todos os obxectivos así como asegurarse que se cumpren todas as misións do ámbito universitario. Un sistema digno de confianza debe xustificar por qué é merecedor dela, e por tanto necesita desenvolver un sistema de aseguranza da calidade crible, o que no noso contorno implica que opera baixo os principios dos procedementos e estándares recoñecidos.
 
Dar a coñecer as nosas fortalezas e as nosas debilidades contribúe a xerar confianza. Polo menos mentres as fortalezas sexan claramente superiores ás debilidades, e moito máis se o aprecio provén de fóra do propio sistema educativo. Non necesariamente un sistema é mellor en base ao número de solicitantes que exclúe, pois un bo sistema educativo ten que achegar solución a todos os que teñen interese por aprender; ao contrario, un bo sistema educativo debe ofrecer oportunidades e achegar solucións a todos os que teñen interese e capacidade para aprender, para desenvolver as súas habilidades e as súas aspiracións. É moito o que lle queda de camiño ao xove sistema universitario galego para selo na súa plenitude.

Volvamos á nosa Universidade:
Dado que a calidade necesita relacionarse cos seus obxectivos, unha institución que pretenda xerar confianza necesita definir as súas misión e asegurarse de que as mesmas se levan a cabo, e en base a iso debe xulgarse como o realiza. Pero por ben que definamos eses obxectivos e fagamos os maiores esforzos para conseguilos, dificilmente os acadaremos se non contamos con suficientes medios para elo. Permítanme que o exemplifique cun testemuño dun profesor da USC en excedencia, actualmente catedrático de Medicina na Texas Tech University, quen, con motivo das pasadas festas do Nadal, me facía chegar unha mensaxe na que, entre outras cousas, dicía:
 
“..Hoxe lin na prensa galega que os presupostos da USC para o 2013 son de 227.3 millóns de euros. De súpeto, non sei por qué, veume un sentimento de orgullo, que con toda sinceridade non sei explicar, pero que se resume así: ¡qué grande universidade é a USC e qué maltratada! Mirade: Texas Tech University ten para o ano 2013 un presuposto de 1.500 millóns de dólares [aproximadamente, 1.200 millóns de euros]. Este presuposto fai de Texas Tech a terceira universidade de Texas, e cando un mira a produción científica da USC e a de TTU resulta que é moi semellante” e remataba dicindo “Só podo dicir ANIMO que dista se sae, que son máis de 500 anos detrás e que cun presuposto de miseria estades aguantando o chaparrón”. [Evidentemente, cando escribía isto, o noso colega no sabía que a estas alturas estamos traballando con aproximadamente nove millóns menos, en base ao que di o Proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia de este año]
 
Unha Universidade capaz de contar dentro do claustro de profesores co número un a nivel mundial na área de ciencias forenses. Unha Universidade que conta con titulacións acreditadas profesional e academicamente a nivel internacional, como son Veterinaria no Campus de Lugo, e Enxeñería Química no de Compostela.Unha Universidade cuxa Facultade de Matemáticas é a primeira de España. Unha Universidade con un Laboratorio de Referencia Nacional, como é o Laboratorio de Microbioloxía de escherichia coli, no campus de Lugo. Unha Universidade que nos últimos meses acadou dous Proxectos de Investigación Aplicada no cadro do Fondo Tecnolóxico Europeo: un, Innopharma, no desenvolvemento tecnolóxico en Farmacoxenómica para descubrimento de fármacos, por dous grupos de investigación no ámbito das ciencias forenses e na farmacoloxía, por valor de máis de 10 millóns de euros; e outro, Laser-pet, para desenvolver unha tecnoloxía innovadora capaz de producir radiofármacos mediante aceleración laser, por valor de máis de 5 millóns de euros, por dous grupos no ámbito da física de partículas e da óptica. E que hai pouco máis de ano e medio acadou un proxecto, nunha convocatoria aberta, da Axencia Europea de Cultura, CampUSCulturae, de 4.5 millóns de euros, no ámbito das Ciencias da Comunicación. Unha Universidade capaz de poñer en marcha no ámbito da Cooperación ao desenvolvemento, dunha Cátedra de Lingua e Cultura Española na Universidade de Dhaka, en Bangladesh, nos dous últimos cursos académicos. Unha Universidade que foi capaz de atraer no actual curso académico a máis de cen estudantes chineses, na súa Facultade de Filoloxía, e outros tantos estudantes brasileiros na Escola Politécnica Superior, neste Campus de Lugo.Unha Universidade capaz de atraer a presentación da solución dun dos grandes problemas pendentes na matemática por investigadores das universidades de Indiana-Purdue e Complutense de Madrid, hai tan só 3 días. Unha Universidade que acadou o máximo nivel, de interese global, como Campus de Excelencia Internacional.
 
Do dito, resulta evidente que a nosa Universidade é eficaz e eficiente e que, se dispuxeramos de orzamentos de contía razoable, poderíamos aspirar a estar entre as mellores do noso contorno europeo.
 
Da mesma maneira que o xerar confianza leva tempo para desenvolvela, e pode perderse facilmente, unha institución que descanse nos seus loureiros dificilmente manterá a confianza. Así como a aseguranza da calidade é un criterio importante para que os sistemas educativos sexan cribles, o desenvolvemento da calidade é igualmente importante para manter a credibilidade das institucións. E da mesma maneira ocorre para a aseguranza da calidade externa: a credibilidade dunha institución medra na medida que supera satisfactoriamente as probas periódicas e externas que avalían a súa calidade.
 
A confianza debe xerarse e manterse a todos os niveis, dende cada un dos membros da comunidade universitaria, ata o nivel do reitor. Confianza que só pode construírse con calidade e aplicando medidas eficientes, pero non absurdamente formalistas; medidas que non pretendan dicir máis do que poden, nin que leven a crer que din máis do que representan. Medidas que sexan suficientemente estándares, que provean unha base común e que sexan o suficientemente flexibles como para permitir que cada universidade e cada sistema universitario desenvolva as súas fortalezas.
 
Permítanme que conclúa esta intervención coa imaxe da universidade como institución digna de confianza, non como unha torre de marfil (que creo que nunca o foi, a pesar das veces que se utilizou a expresión no pasado para referirse a ela). Dificilmente nese caso a nosa sociedade tivera vivido momentos históricos que marcaron o noso presente, como o Renacemento, a Ilustración ou a Revolución Industrial. Polo contrario, a miña visión da Universidade é a dunha torre, si; pero a torre dun faro: a universidade guiando a sociedade da que forma parte e transmitindo a súa luz ao longo e ao ancho do mundo. Luz que non debe preservarse só para uns poucos elixidos.
 
Dixit

Juan José Casares Long:

Reitor da USC