Saltar ao contido principal
Xornal  »  QUEN TEN MEDO DA FILOSOFÍA?

Facultade de Filosofía da USC, SOGAFI, Aula Castelao, Grupo Doxa: QUEN TEN MEDO DA FILOSOFÍA?


Ante o anteproxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), que reduce significativamente a presenza da Filosofía no Ensino Secundario, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela, a Sociedade Galega de Filosofía (SOGAFI), a Aula Castelao de Filosofía e o Grupo Doxa de Filosofía súmanse á iniciativa promovida pola Rede Española de Filosofía (REF) de realizar lecturas e debates públicos de textos en lugares emblemáticos das principais cidades españolas. En Galicia este acto terá lugar en Santiago o sábado 6 de abril (Praza do Toural, de 11.00 a 13.00 horas).

Os convocantes consideramos que:
1. Este recorte contradí os obxectivos declarados da LOMCE: menos Filosofía é menos Calidade.
2. Contradí tamén as recomendacións da UNESCO, que considera que a Filosofía, como escola de liberdade, debe formar parte do currículo básico en todos os sistemas educativos do mundo.
3. Os estudos de Filosofía proporcionan unha formación non só necesaria, senón tamén moi valiosa: a) unha formación instrumental no uso rigoroso da linguaxe oral e escrita, e na comprensión de conceptos e problemas, que axuda a mellorar as capacidades de razoamento e comunicación; b) unha formación transversal e interdisciplinar, que permite conectar os diversos saberes do currículo e desenvolver unha maior capacidade de xuízo para afrontar a complexidade do mundo contemporáneo; c) unha formación histórica básica sobre os grandes sistemas de pensamento que configuraron e seguen a configurar a identidade cultural de Occidente; d) unha formación integral que axuda a conciliar o coñecemento, a moral e a sensibilidade, e que é imprescindible para a maduración persoal e cualificación profesional.

Por iso, ante unha LOMCE que diminúe a calidade da educación e priva das vantaxes da Filosofía ás/os estudantes e as/os futuras/os cidadáns, preguntámonos ¿QUÉN TEN MEDO DA FILOSOFÍA? e chamamos a todas/os a participar nesta lectura e debate públicos de textos filosóficos.