Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de inauguración do curso académico 2013-2014 do Sistema Universitario Galego

Juan Casares Long: Discurso de inauguración do curso académico 2013-2014 do Sistema Universitario Galego


Hai agora tres anos, con ocasión da apertura do curso 2010-2011 (primeiro do meu mandato como reitor da USC), dixen que era “un pracer e unha honra para a Universidade de Santiago de Compostela acoller a inauguración oficial do curso académico aos vinte -xa vinte e tres- anos da transformación da que entón era a única Universidade de Galicia, no que agora constitúe o Sistema Universitario de Galicia”.
 
Como é preceptivo na vida académica, todo curso escolar ha de iniciarse cunha lección; que neste caso acaba de impartir de maneira brillante un dos nosos mestres, o profesor Gómez Fernández, catedrático de Psicodiagnóstico no Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da Facultade de Psicoloxía. Lección que aborda un dos problemas máis acuciantes e graves da nosa sociedade: o acoso psíquico. Non é esta a ocasión, nin tampouco me corresponde comentar, glosar, analizar nin menos suscitar un debate a propósito do que acabamos de oír. Pero si me importa, como representante máximo da USC, xunto cos meus compañeiros reitores, representantes das súas academias, e ante os máximos representantes e administradores da sociedade galega, chamar a atención sobre unha das dimensións -acaso a principal- que caracterizan a nosa existencia, e que poden xustificar as nosas peticións, ou as nosas esixencias.

Cando a sociedade se pregunta -con toda a razón- para que serve a Universidade, onde vai a parte dos seus impostos que a sosteñen, é bo chamar a atención sobre algunhas das consideracións e reflexións que acaba de expoñer o noso compañeiro. E que mostran cómo as investigacións que se levan a cabo na Universidade non están, como soe crerse, tan afastadas (nin nos seus obxectos de estudo nin nos fins que perseguen) das nosas preocupacións diarias.

Como nos lembrou o profesor Gómez Fernández ao enunciar o obxecto da súa disertación “ s e trata de un complejo y enconado problema, que se suscita en nuestra civilización, se incrusta en nuestra propia cultura, que se resiste a percibirlo, lo fomenta e impunemente lo tolera, porque así le conviene”. E que para resolvelo “ las soluciones jurídicas son absolutamente necesarias, en defensa de las reivindicaciones de las víctimas (…) dichas soluciones requieren fundamentarse en la investigación científica especializada”. Iso é precisamente o que fai a Universidade: unha investigación científica que, se non ofrece solucións concretas aos problemas pendentes, pode proporcionar os fundamentos sólidos para unha mellor identificación, presentación e solución daqueles problemas.
 
Como lembrei nas miñas palabras iniciais, correspóndelle este ano á USC a honra de ser anfitrioa deste acto inaugural no Sistema Universitario de Galicia, de acordo co costume, que xa é tradición, que fai rotatorio este solemne acto en cada unha das Universidades que o conforman. Por iso, se falo aquí e hoxe en representación das tres, sería tan impropio como inoportuno que me ocupase de explicar as inquedanzas, os proxectos, os logros, as aspiracións (e, menos aínda as queixas ou as reclamacións) da miña Universidade. Pero tampouco sería razoable esquecer o sentido fundamental deste acto, a súa dimensión social e pública, como social e pública é a nosa institución. A fin de contas, o que hoxe facemos non é outra cousa que inaugurar as nosas actividades ante unha representación -a máis cualificada, por emanar das súas institucións- da Sociedade galega. De xeito que, sen declarar expresamente que falo agora en nome dos meus compañeiros, espero que o que vou dicir sexa sentido como propio por cada un deles; e, en último termo, por todos os membros das nosas respectivas comunidades universitarias.
 
O pasado ano, na miña intervención no acto inaugural do curso académico que vimos de rematar, fixen fincapé na importancia da autonomía universitaria nas súas diferentes vertentes: organizativa, académica, financeira e de contratación de persoal, para cumprir os compromisos que como servizo público ten encomendados a Universidade, e así o sinala o artigo 1.2 da LOU.

Fíxeno dende o convencemento da necesidade de mellorar nestes distintos aspectos en España. E ante a evidencia dos resultados que nos situaban no derradeiro chanzo en Europa, xunto a países como Grecia e Chipre.

Os acontecementos de tipo lexislativo e normativo ao longo dos últimos meses supuxeron unha perda aínda maior de autonomía, e polo tanto, un afastamento sobre as posibilidades de mellora da situación previa, que incide directa e moi negativamente sobre os resultados da actividade universitaria, convertendo de facto en papel mollado o concepto de autonomía universitaria recollido no artigo 27 na nosa Constitución; a bo seguro, non por casualidade, senón por contar entre os redactores da mesma con tres prestixiosos universitarios, con profundo coñecemento da nosa institución, os profesores Manuel Fraga Iribarne, Gregorio Peces Barba e Jordi Solé Tura; concepto recoñecido, ademais, como Dereito fundamental por sentenza do Tribunal Supremo.

Hoxe quixera deixar constancia da miña fonda preocupación polo devir do apoio público á investigación nestes momentos. E fago miñas as palabras de Santiago Ramón y Cajal cando no ano 1899 proclamaba: “ cultivemos la ciencia por sí misma, sin considerar por el momento las aplicaciones. Estas llegan siempre, a veces tardan años, a veces siglos. Poco importa que una verdad científica sea aprovechada por nuestros hijos o por nuestros nietos”.

En 1810, Wilhelm von Humboldt fundaba a Universidade de Berlín. A súa visión era a dunha institución que conxugase docencia e investigación baixo un mesmo teito, permitindo ao estudantado o acceso aos principais investigadores e pensadores do seu tempo. E ao mesmo tempo, os científicos se beneficiarían do espírito crítico dos seus alumnos.

A idea de von Humboldt acadou un notable éxito en poucos anos. A súa universidade converteuse nunha institución recoñecida internacionalmente, capaz de atraer os mellores filósofos e investigadores.

Naquel tempo as universidades europeas eran os centros de referencia de docencia e investigación a nivel mundial, e de feito os séculos XIX e XX foron a idade de ouro da ciencia en Europa. E a idea de Humboldt dunha universidade investigadora converteuse no modelo a seguir polas universidades americanas.

Douscentos anos máis tarde, o panorama da actividade universitaria ten experimentado grandes cambios coa incorporación das universidades americanas e xaponesas xunto ás europeas, entre os seus mellores expoñentes.

Fóra do ámbito académico, tamén o mundo mudou radicalmente. Os estados máis desenvolvidos, os que conforman a OCDE, desprazaron a súa base económica, baseada na industria manufactureira, cara a economías baseadas no coñecemento, que se fundamentan na investigación científica e nunha man de obra altamente cualificada.

Estes cambios xeraron novas tensións nas universidades: Por unha banda debemos producir un número cada vez maior de titulados, e pola outra seguimos a ser os principais xeradores de coñecemento.

Aínda que se escoitan voces que indican que as universidades deben diferenciarse entre investigadoras e puramente docentes, non é en absoluto desexable, na miña opinión e na da xeneralidade do mundo da cultura e da ciencia.

A investigación científica é un fin en si mesma para a Universidade, porque a mesma definición de universidade inclúe tanto o ensino como a investigación, e penso que o mellor ensino supón xerar unha necesidade de coñecer sen límites, que é característica da investigación. Pola súa parte, a investigación vese enriquecida polas ideas que resultan do ensino, e podemos dicir que o que é realmente importante é que cada universidade se posicione considerando as particularidades da súa contorna e capitalizando nas súas fortalezas. Non todos deberiamos estar facendo o mesmo, senón buscando facer o mellor naquilo que escollamos libremente.

No modelo económico actual escoitamos a diario que a Ciencia ten que estar ao servizo da Economía, porque ten que servir como motor de crecemento e base da competitividade.

Con respecto á competitividade, cómpre lembrar o dito no artigo 1. 2 da anteriormente mencionada LOU, que establece as funcións da Universidade ao servizo da sociedade, e configura unha serie de obrigas para as Universidades públicas de servizo público, que necesariamente distorsiona ese sistema de competitividade no que parece que todo quixera basearse.

Aínda sendo certo que a I+D pode producir beneficios económicos, non pode formularse exclusivamente neses termos. A ciencia está directamente unida ao desenvolvemento humano, en canto suxeito social e cultural e tamén, por qué non, económico. Porque a Ciencia é a expresión da curiosidade humana, e como tal ten que ser apoiada pola sociedade. Porque facer ciencia, é dicir, satisfacer a nosa curiosidade xerando coñecemento, fainos máis humanos.

E facer Ciencia é contribuír ao desenvolvemento social e cultural, aquilo que fixo posible pasar do humano cazador e recolector ao que somos hoxe. Algo tan común, tan necesario, imprescindible, entre nós, como son os ordenadores non existirían se hai anos alguén non estivese traballando nun laboratorio sobre a estrutura molecular do silicio. E a colocación de lentes intraoculares nas persoas operadas de cataratas sería impensable se un investigador non tivese estudado antes a tolerancia dos tecidos oculares ao metacrilato, e anos antes alguén non sintetizase o metacrilato a partir dun recurso natural como é o petróleo.

Estes exemplos deben servirnos para ver a relación que hai entre o que coñecemos como investigación básica e aplicada. Xa que frecuentemente se alzan voces dende o ámbito político e mesmo económico argumentando que só debera financiarse a investigación aplicada, esquecendo que sen o coñecemento dos procesos básicos da Natureza dificilmente poderíamos sacar proveito deles. As grandes aplicacións que cambian a nosa forma de vida xorden case sempre de investigacións que inicialmente parecían non ter ningunha aplicación práctica.

Insisto: nin Maxwell ou Gauss, no século XIX, pensaban na radio, no rádar ou na televisión cando escribiron por vez primeira as ecuacións fundamentais do electromagnetismo. Nin Newton, no século XVII, soñaba cos voos espaciais nin cos satélites de comunicacións cando comprendeu por vez primeira o movemento da lúa.

E que moitos científicos permitiron avanzar o coñecemento sen lucrarse cos descubrimentos feitos cedendo o seu coñecemento á sociedade. Sirvan como exemplo destes últimos María Skłodowska e o seu marido Pierre Curie, a principios do século pasado; Linus Pauling, a mediados do mesmo século; e a finais do século XX e comezos do século XXI persoeiros como Manuel Patarroyo ou o moi recentemente nomeado Doutor Honoris Causa aquí en Santiago, Gatze Lettinga.

Todo o dito é aplicable non só ao ámbito das ciencias experimentais ou das ciencias da saúde senón tamén ao ámbito das ciencias sociais e humanas. Quen poñería en dúbida o moito que a nosa concepción actual do mundo, da sociedade, das persoas… se debe ás colaboracións e investigacións en campos como a filosofía, a historia, a antropoloxía ou a socioloxía? Igual que os progresos no mellor coñecemento e comunicación entre os pobos e as comunidades están intimamente vinculados aos avances nas ciencias lingüísticas e filolóxicas.

Por que é imprescindible apoiar a investigación científica?

A produción científica está directamente relacionada co orzamento que a ela se dedica, e como viamos previamente, o seus resultados teñen impacto no ámbito socio-económico. Non podemos afirmar que a actividade científica sexa un motor de desenvolvemento económico, pero si é certo que sen ela este non sería posible.

Parece claro que o papel que xoga a investigación científica é importante. A pesar diso, nestes momentos de dificultades económicas xorde a difícil cuestión de canto e como se debe financiar a investigación científica.

O Banco Mundial define o investimento en investigación e desenvolvemento como gasto corrente e de capital (público e privado), en traballo creativo realizado sistematicamente, para incrementar os coñecementos, incluíndo os que se refiren ás Humanidades, a Cultura e a Sociedade, e o uso deses coñecementos para novas aplicacións.

De acordo cos datos da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, o orzamento para investigación, desenvolvemento e innovación no ano 2000 foi de 3.048M €, e foise incrementando anualmente ata o ano 2009, no que acada o seu máximo con 9.673M €. A partir dese momento descende progresivamente ata 5.932M € en 2013. Unha redución entre os anos 2009 e 2013 do 35%.

Sobre o total do orzamento español, o gasto en I+D+i tivo o seu máximo no ano 2007: 1,93%, e foi diminuíndo ata o 1,39% na actualidade. Fronte ás cifras recomendadas por todos os órganos supranacionais dun 3% anual.

A pesar destas reducións a actividade científica española estivo a resistir durante os últimos anos:

O número de publicacións científicas medrou de forma continua dende 36.900 documentos no ano 2003, até os 74.285 do ano 2011; e de xeito similar, a produción española en relación coa mundial medrou de forma continuada, pasando dun 2,58% en 2003 a un 3,17% en 2011.

E no que se refire ao esforzo no Sistema Universitario de Galicia sirva como exemplo que dos 60 profesores das 80 universidades españolas que aparecen nas relacións dos máis citados da comunidade científica mundial 7 son do Sistema Universitario galego, e temos no SUG como número un do mundo polo seu impacto investigador ao único investigador español capaz de chegar ata esa posición.

O número de solicitudes de patentes europeas pasou de 525 no ano 2000, a 1.417 no ano 2011. O número de spin-offs de orixe universitaria pasou de 88 no ano 2005 ata 143 no ano 2011. Resulta entón evidente que a comunidade investigadora universitaria está a responder de forma adecuada, a pesar da redución do gasto que se lle dedica.

Pois ben, o incremento da produción científica producida nestes últimos 3 anos, a pesar da redución do gasto en I+D, explícase porque estamos a ver agora os resultados dos investimentos realizados nos anos anteriores. É de esperar, lamentablemente, que esta produción descenda de xeito dramático no futuro próximo, como resultado da redución do gasto en I+D actual, e terá sen dúbida efectos sobre a cultura, a sociedade, e mesmo a economía.

É indubidable que a diminución da actividade investigadora ten un claro efecto, intanxible a primeira vista, que é a redución da contribución na busca de novo coñecemento. Como este efecto non é inmediato, é imposible de cuantificar e non é percibido, polo que nos resulta difícil utilizalo para convencer a clase política da súa importancia no momento de elaborar os orzamentos. E tamén é difícil de empregar este argumento para convencer a clase empresarial do beneficio que pode supoñer o investimento en investigación.

Pero a actividade investigadora si ten así mesmo un efecto directo sobre a actividade económica, moito máis perceptible a curto prazo. Continuamente se está a argumentar que a actividade empresarial debe ser innovadora, para poder ser competitiva e axudar a reactivar a situación da economía.

Para poder innovar é necesario o coñecemento científico de moitos procesos que afectan directamente á elaboración de produtos para a súa comercialización.

Este coñecemento téñeno precisamente os investigadores, que no noso país se atopan fundamentalmente no ámbito universitario, que o transfiren ás empresas. Os investigadores primeiro comunican á comunidade científica e á sociedade os seus resultados, mediante artigos en publicacións científicas especializadas (sirva como exemplo que a portada da revista de maior prestixio e impacto científico do mundo é parte dun traballo científico que se recolle no interior do mesmo exemplar elaborado por un investigador da comunidade universitaria galega, a revista SCIENCE, o número do 23 de agosto de 2013, e o traballo sobre a contaminación das augas subterráneas por arsénico en China), e estes resultados son os que despois se transfiren ao ámbito empresarial, económico e social. Quizais resulte sorprendente para algún dos presentes, pero todas as universidades galegas están continuamente asinando contratos con empresas para que os seus investigadores contribúan a mellorar a competitividade das mesmas.

E non hai ningunha actividade económica ou social que non requira nalgún momento a participación dun investigador ou dunha investigadora que achegue os seus coñecementos.

Parece entón razoable inverter a tendencia e investir en investigación para que os seus resultados poidan mellorar a contorna socioeconómica e contribuír á solución das actuais dificultades económicas.

Permítanme o exemplo de como se fan as cousas ben: dende o ano 2005 ata os nosos días Alemaña decidiu poñer en marcha unha política de calidade no ámbito da investigación universitaria para a consecución da chamada “excelencia”, nun acordo que subscriben o bund [goberno central] e os lander. A súa esencia consiste en convocatorias de financiamento para acadar eses obxectivos, que gardan unha gran relación coa necesidade de obter un posto de preferencia nos distintos ránkings internacionais, e que son determinantes de moitos lamentos pola posición pouco privilexiada que neles teñen as universidades europeas.

Ata o momento son sete as universidades alemás que mereceron apoios económicos para a consecución da excelencia. O seu goberno fixo unha achega de 1.500 M€ ata 2010; hoxe son xa preto de 2.000 M€. E o acordo foi prorrogado ata o ano 2017.

España decidiu seguir a senda dos alemáns: o proxecto de Campus de Excelencia Internacional comeza en 2009 pero remata en 2011. 17 universidades e agrupacións acadaron o status de “Campus de excelencia internacional”, e 14 acadaron o status de “Campus de excelencia de ámbito rexional”, cunha cifra total de investimento de 500 M€. Pero a diferenza do investimento alemán, a achega española non foi unha doazón do Estado, sen retorno, senón un préstamo a devolver ao Estado, con xuros que chegaron a ser superiores ao interbancario. Sería necesario, pois, un cambio radical no entender das nosas autoridades políticas, para facer do acordo tan exitoso do goberno alemán algo semellante en España, para que algunha das nosas universidades, por este procedemento, poida chegar a un posto destacado neses ránkings, e non como agora nada máis que tímidas melloras nalgúns sectores punteiros de universidades.

Imaxínense por un momento que todos os axentes implicados na vida universitaria acordaran agora unhas liñas de acción que supuxeran:

-                    Adoptar polas administracións públicas, políticas prácticas e financiamento do I+D universitario, estables e efectivas, de xeito que o país produza de forma continua novo coñecemento e persoas educadas que nos permitan asegurar a prosperidade no futuro.

-                    Conceder maior autonomía para as universidades públicas investigadoras, de xeito que estas institucións poidan competir estratexicamente e responder con axilidade ás novas oportunidades.

-                    Reforzar os acordos de transferencia de coñecemento, ideas e tecnoloxía á sociedade, para reducir os tempos de incorporación de ideas innovadoras e acadar os obxectivos de progreso do estado.

-                    Por parte das universidades aumentar a eficacia e produtividade propias para proporcionar un maior retorno sobre o investimento feito polos distintos grupos de interese implicados.

-                    Elaborar e aplicar un programa de investimentos estratéxicos que financie iniciativas críticas para o avance da educación e investigación en áreas prioritarias a nivel do Estado e a Comunidade Autónoma.

-                    O goberno e os demais axentes esforzaranse para cubrir os custes totais dos proxectos de investigación e do resto das actividades que se desenvolven no ámbito universitario.

-                    Reducir ou eliminar todas aquelas normativas nas distintas administracións públicas que incrementan os custes administrativos, reducen a produtividade investigadora e impiden desenvolver plenamente a creatividade.

-                    Mellorar a capacidade dos programas de grao e de posgrao, para atraer talento.

-                    Asegurar os principios de igualdade de oportunidades e de equidade no acceso aos estudos universitarios.

-                    Incrementar a atracción de estudantes e investigadores de fóra das fronteiras propias, nas Universidades.

Cun triplo obxectivo: reforzar ás universidades, reforzar a colaboración entre as universidades, as administracións públicas, a comunidade empresarial e a sociedade en xeral, e atraer talento.

O reitor que lles fala non é un soñador, nin un iluso e, por iso, apostilo que todo o que lles propuxen imaxinar é o que ten sobre a mesa a administración estadounidense para as próximas décadas: manter a súa capacidade científica e tecnolóxica e garantir a prosperidade das súas cidadás e cidadáns.
De todo o dito é indubidable que o investimento en investigación debe ser claramente superior ao que se recolle, ano tras ano, nas leis orzamentarias. Que debe estar dirixido de maneira óptima para apoiar as nosas capacidades e desenvolver as moitas potencialidades que podemos repercutir na sociedade en xeral e na nosa contorna inmediata sen que isto sexa óbice para corrixir as disfuncións que poidamos ter.

Non esquecemos que estamos nunha situación de crise.

Non esquecemos que somos unha universidade pública, comprometida e responsable coa sociedade á que se debe.

E tamén somos os primeiros en recoñecer e demandar os necesarios controis administrativos e técnicos para asegurar a efectividade dos investimentos en investigación en particular e nas restantes actividades en xeral. Mais, sen que eses controis cheguen a asfixiarnos.
 
En definitiva, somos os primeiros que queremos resaltar e apuntar o noso compromiso coa rendición de contas que nos demanda, e de maneira esixente, a sociedade.

Non somos nin queremos ser unha illa.

O compromiso esta aí, e o cambio nas políticas ten que producirse de xeito inmediato, sen dilación.

Dixen

Juan Casares Long:

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela