Saltar ao contido principal
Xornal  »  Manifesto de rexeitamento á violencia de xénero

Universidade de Santiago de Compostela: Manifesto de rexeitamento á violencia de xénero


Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

En nome do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero -CIFEX-, como centro de investigación pioneiro e de referencia destas características nunha universidade galega, dos diversos grupos de investigación das mulleres e do xénero que alí conflúen, pero, tamén  en nome de todas as persoas que estamos a investigar, estudando ou traballando na USC, nos manifestamos no día de hoxe, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero -violence against women-, contra esta eiva terrible que en todo o mundo ten sometida ás mulleres.

Denunciamos o trato vexatorio que reciben as mulleres en todas as sociedades por parte de múltiples mecanismos que significan unha violencia para nós e as propias estruturas de pensamento simbólico-sociais, tremendamente androcéntricas, que son o cultivo do mantemento das estruturas da violencia contra as mulleres.

Denunciamos as formas sutís de violencia, aínda presentes de modo estrutural no ámbito da ciencia e tecnoloxía, a exclusión da visión das mulleres para dificultar a súa presenza nos postos e cargos de alta responsabilidade no contexto académico e investigador.

Denunciamos as formas crueis da violencia exercida contra nós que se cobran tantas vítimas, tantas mulleres asasinadas na esfera das relacións íntimas, persoais e familiares.

Denunciamos a violencia dos estados que vetan os dereitos cívicos básicos ás mulleres, obrigándoas a ocultarse, a non poder exercer a súa profesión ou emprender actividades sociais e políticas, pero tamén de recibir unha educación e formación en tanto que suxeitos humanos.

Denunciamos as violacións das que as mulleres son vítimas, e o foron durante séculos en todos os conflitos políticos, sobre todo bélicos, de forma sistemática aniquilándoas.

Denunciamos as múltiples formas de abuso, explotación sexual e explotación sexuada, das que os corpos das mulleres son obxecto, tanto a título persoal como colectivo, por parte da publicidade, dos medios, e a miúdo de grupos e suxeitos sen escrúpulos.

Denunciamos os novos medios da comunicación e información e a súa utilización, que mostran tantas veces unha violencia manifesta contra as mulleres e a falta total de concienciación sobre este extremo, violencia que abusa a través de imaxes indignas, que significan unha violencia para todo o colectivo das mulleres, sobre todo novas.

Apostamos pola utopía dunha sociedade entre iguais, onde as múltiples formas de violencia contra as mulleres se transformasen finalmente en estruturas xustas, igualitarias para coas mulleres, e das que a violencia contra elas desaparecese en todas as súas formas.

E apostamos para lograr a súa consecución, particularmente dende a óptica da nosa institución universitaria comprometida coa erradicación da violencia contra as mulleres en todos os niveis, pola educación, pola modificación substancial das condicións de socialización, o único que nos permitirá a solución real do problema.