Saltar ao contido principal
Xornal  »  Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago: Discurso de apertura do curso académico 2014-2015

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago: Discurso de apertura do curso académico 2014-2015


Sr. presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, Sr. alcalde da Cidade de Santiago de Compostela, Sr. presidente da Deputación de Lugo, Sr. alcalde da Cidade de Lugo, Sr. presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sra. vicesecretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Excelentísimas e ilustrísimas autoridades,  membros dos equipo reitoral, decanos e decanas, Ex reitores, autoridades académicas, profesores e profesoras,

 
Hai unhas semanas a empresa Nanogap logrou unha importantísima ampliación de capital que permitirá que tecnoloxía ultravanzada pensada nesta universidade e feita no Milladoiro acabe nas pantallas dos seus móbiles e de medio mundo en pouco tempo.
 
Hai uns días soubemos que 3.500 mozos e mozas xa decidiron que a Universidade de Santiago de Compostela é a mellor opción para iniciar os seus estudos superiores e comezar así unha etapa fundamental nas súas vidas.
 
Nunhas horas iniciaremos o novo curso. Máis de 2.000 docentes e investigadores e máis de 1.000 traballadores da administración e servizos temos que lograr que 27.000 persoas teñan a mellor formación científica e humana posible.
 
Este é o noso grao de area, a nosa máis importante contribución, para crear unha sociedade mellor e máis avanzada que asuma con valentía e éxito os grandes desafíos que nos quedan por diante.
 
Señoras e señores. Como poden comprobar estamos vivos e asegúrolles que temos a forza suficiente para acometer os tres grandes retos que nos van preocupar este ano: a economía da nosa institución, a internacionalización da nosa actividade e os cambios necesarios na nosa organización docente e investigadora. É certo que non teriamos que estar hoxe aquí falando de cartos. É certo que un acto coma o de hoxe debe ser un exercicio reconfortante de aprendizaxe sobre temas dos que habitualmente non se fala, coma o “Biomemitismo molecular”, pero que resultan transcendentes para a nosa vida diaria. Agradezo moito, pois, o esforzo do profesor Vázquez Tato por facernos partícipes da ilusión de traballar en aspectos tan concretos que melloran a nosa calidade de vida e explican moitas das cousas que pasan ao noso redor.
 
Hoxe debe ser un día de celebración e de ledicia polos 27 compañeiros e compañeiras que dedicaron toda a súa vida laboral a esta universidade e que hoxe recoñecemos coa entrega da insignia Fonseca, o noso fundador. Por sorte, os discursos de María Estrella Fernández e de Juan Manuel Lema recordáronnos que esta institución existe grazas ao traballo de persoas como as que hoxe homenaxeamos e que decidiron, hai xa máis de tres décadas, que un dos seus cometidos na vida é o de traballar na formación das novas xeracións, o que provocará que a nosa sociedade sexa mellor. Amigos e amigas grazas por axudar nesta tarefa e grazas por loitar por esta filosofía iniciada por Fonseca hai xa máis de cincocentos anos.
 
Nos últimos dous meses tivemos que enfrontarnos á famosa sentenza “é a economía, estúpido” que dixo James Carville no ano 1992. Na nosa filosofía o máis importante é a calidade e o progreso, mentres que a economía debe ser un medio. Non obstante, nestes primeiros días de mandato non fomos capaces de evitar pensar que o primeiro problema é a Economía, tal e como xa lle indicou Carville a Bill Clinton naquela campaña e que lle permitiu gañar as eleccións.
 
Este tempo que nos toca vivir debera pasar á Historia coma o do cambio de rumbo. A Universidade que atopamos no inicio do noso mandato acumula unha débeda financeira que supera os 50 millóns de euros e un déficit de ingresos sobre gastos que no ano pasado chegou aos 9 millóns de euros e que a finais deste ano vai chegar aos 14 millóns.
 
Se queremos seguir sendo universidade temos que eliminar o déficit e a débeda. Falar de déficit é falar de pequenas empresas que non cobran, de compromisos institucionais que finalmente non se poden asumir e de ir correndo polo camiño máis rápido cara o precipicio da desaparición. Polo tanto, dificilmente podemos demostrar a nosa reputación se non mantemos a credibilidade suficiente ante a sociedade e non proporcionamos a seriedade que unha institución coma a nosa debe ter.
 
É imprescindible, polo tanto, reducir ese déficit no mais curto prazo posible especialmente a través do aumento de ingresos pero tamén a través da redución de gastos.
 
Para traballar na solución optamos pola estratexia da colaboración e da intelixencia colectiva. Grazas á axuda dos principais expertos que temos nas nosas aulas e nos nosos servizos, dos gobernos anteriores e de institucións públicas e privadas estamos no bo camiño para facer un plan de financiamento que nos permita aprobar o orzamento do vindeiro ano e unha planificación plurianual na que se deseñe o rumbo a seguir no vindeiro lustro. Isto non vai ser sinxelo e no horizonte próximo aparecen medidas duras, que nalgúns casos serán imprescindibles, para seguir falando de graos e de másteres, de laboratorios e de bibliotecas.
 
Non se trata de laiarse polo pasado, senón de crear unha nova senda que nos permita avanzar no terreo económico a unha velocidade suficiente para non perder forza e lograr manter unha docencia, unha investigación e uns servizos de calidade.
 
Nas vindeiras semanas definiremos entre todos un novo plan de financiamento do SUG para o período 2016-2020. Debemos deixar claro que representamos o 48% do PDI máis cualificado, o 61% da produción científica de calidade e o 52% do alumnado graduado no sistema universitario galego. Isto é claramente superior ao 40% recoñecido no plan de financiamento autonómico que remata o vindeiro ano.
 
Chegamos así ao segundo reto deste curso. Se ben a economía parece que se converte no único importante, seguimos convencidos que desde a docencia e a investigación deben facerse importantes cambios que nos permitan ir buscando unha saída para este furacán no que estamos inmersos.
 
As nosas aulas están ocupadas nun 80% por estudantes residentes en Galicia. Isto confirma que a USC é unha universidade con alma galega e preocupada polos nosos intereses. Aínda así, debemos medrar máis porque temos a capacidade suficiente para facelo e porque temos que posicionarnos dun xeito adecuado no escenario internacional.
 
O bo facer dos profesores e profesoras, do noso persoal de administración e servizos e dos nosos estudantes permiten situarnos entre o grupo de elite das universidades do mundo. Hai unhas semanas recibimos con satisfacción o retorno ao ránking de Shangai e día a día temos noticias de diferentes organismos medidores que ven en nós progresos que nos fan máis atractivos no mundo.
 
Con esta mesma filosofía iniciaremos un proceso de internacionalización que ten tres liñas claras. A primeira, a da docencia. As novas tecnoloxías permítennos crear recursos para poder impartir docencia de xeito non presencial, compartir coñecemento de alto interese social sen as restricións da formación regrada e, sobre todo, situar as nosas fronteiras moito máis alá do río Miño e do macizo Galaico. Por iso iniciamos unha senda na que a docencia que se imparta na nosa universidade debe ter sempre unha fiestra aberta aos estudantes estranxeiros, singularmente aos do espazo latinoamericano, moi sensibilizados co noso sistema educativo.
 
No mundo da investigación os avances xa son moito maiores pola propia tradición que existe en Santiago desde hai décadas. Sen embargo, debemos superar a barreira da conexión persoal entre investigadores, institucionalizar a internacionalización e conseguir que a USC sexa o suficientemente atractiva para participar nos grandes retos investigadores que hai hoxe no mundo. Temos que facer todo o posible para simplificar as colaboracións internacionais e lograr maiores cotas de éxito nas iniciativas que emprendemos fóra das nosas fronteiras. Só así, con estratexias coma a dos centros singulares, poderemos dar un salto cualitativo que nos permita consolidarnos como centro de referencia e acabar atraendo máis recursos económicos e intelectuais.
 
Sabemos que non é suficiente con formar e investigar. Agora, por fin, é o momento de traballar moi seriamente na transferencia do coñecemento aos diferentes tecidos sociais. Fomos os mentores e seguimos sendo referentes das mellores iniciativas do concepto de emprendemento universitario. Temos que seguir avanzando nesta dirección. Por esta razón, seguimos apoiando proxectos da comunidade universitaria que dean o salto ao mundo empresarial e que, sen dúbida, serán os nosos mellores aliados nese obxectivo de facer unha sociedade mellor.
 
O terceiro reto para este curso non é menos importante. Debemos participar, de xeito activo nos debates abertos que afectan directamente á universidade. Preocúpannos fundamentalmente tres.
 
Sabemos das intencións do goberno central de cambiar a lexislación universitaria, con importantes modificacións como a duración dos estudos de grao e máster ou os requisitos de acceso e titulación. A nosa opinión ten que ser escoitada e por iso creamos un entorno de debate interno que nos permita chegar aos foros de discusión nacionais cunha postura clara, definida e de interese. Debemos deixar os tempos do laio colectivo e exercer o que mellor sabemos facer: achegar coñecemento e sabedoría. Por iso, abrimos espazos de discusión pública sobre este tema, atopándonos con reflexións de enorme interese xurdidas na nosa comunidade universitaria e que sen dúbida debemos ter en consideración.
 
Do mesmo xeito, a nosa opinión tamén ten que ser tida en consideración nas decisións autonómicas. O mapa de titulacións, o número mínimo de estudantes e o financiamento autonómico son agora os elementos que máis nos ocupan. Nos tres casos, debemos proporcionar información e opinión cualificada para lograr, entre todos, crear as condicións para que a nosa sociedade teña a mellor formación superior.
 
Non podemos deixar pasar de novo oportunidades importantes para que a nosa universidade se converta na referencia do que debe ser un sistema público e de calidade.
 
Por último, tamén debemos ocuparnos de nós mesmos. É imprescindible que xoguemos nos escenarios internacionais, estatais e autonómicos. Pero todo isto sería imposible se non entendemos a nosa propia identidade.
 
Xa iniciamos a senda da modernización co Campus Vida (que está no proceso de avaliación final e que debe seguir sendo referente atractor da nosa universidade) e co Campus Terra (anteproxecto iniciado no anterior mandato e que vai ser totalmente revisado).
 
Agora imos sumarlle o Campus da Cidadanía, unha idea na que o eixe central son as ciencias sociais e xurídicas e as humanidades e que nos permitirá dar un impulso importante a estas grandes áreas de coñecemento, nas que traballan máis dun 60% dos nosos estudantes.
 
O obxectivo é claro: crear un ecosistema no que a comunidade universitaria teña as mellores condicións para poder avanzar na xeración e na transmisión do coñecemento nas disciplinas sociais, xurídicas e humanísticas. Só así lograremos consolidar a universidade completa e complexa que xa temos e que nos permitirá, como xa dixen antes, abrir unha nova era.
 
Estas son as vías polas que camiñaremos os vindeiros meses. Estas son as grandes propostas que marcarán o inicio do noso mandato. Esta é, en definitiva, a folla de ruta para as primeiras etapas da nosa andadura, que iniciamos co curso 2014-2015 e que pretendemos superar con éxito coa colaboración de todos e todas.
 
Carville, no ano 1992, estaba convencido de que a economía era o único eixe sobre o que debía xirar a política estadounidense. Hoxe, aquí, tamén cremos que a economía é a preocupación primeira desta Universidade.
 
Mañá, aquí, temos que lograr que o coñecemento e a ciencia volvan ocupar o lugar máis importante no noso corazón e nos nosos pensamentos.
Dixen.

: