Saltar ao contido principal
Xornal  »  MANIFESTO DE REXEITAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO. 25 DE NOVEMBRO 2014

MANIFESTO DE REXEITAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO. 25 DE NOVEMBRO 2014


Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres a USC difunde este manifesto para facer explícito o seu rexeitamento desta lacra social. Para a redacción deste documento conta coa colaboración dos seus grupos de investigación expertos en xénero, sendo as encargadas deste ano as representantes da Unidade de Xénero do grupo de investigación Rede-Armela (Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social).

En 2014 cúmprense dez anos da actual Lei orgánica contra a violencia de xénero  e sete anos da aprobación da Lei galega  para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Unha década de visibilización de cifras de mulleres mortas en mans das súas parellas ou exparellas. Unha década con luces e sombras nos esforzos e nos resultados.

Luces vinculadas a tentativa por impregnar a sociedade de certa perspectiva de xénero. Luces polo compromiso na denuncia do exercicio de barbarie contra as mulleres, esa violencia que nega o dereito fundamental á vida digna, a integridade física e psíquica, a liberdade e a igualdade. Luces pola implantación penal reforzada na garantía dos dereitos das mulleres. Luces por intentar situar a violencia de xénero como un problema político de primeira orde.

Pero sombras ben escuras acompañan esta década, sombras alargadas proxectadas nos esforzos e nos resultados. Sombras derivadas dos importantes retrocesos na loita contra a violencia de xénero. Sombras convertidas durante a crise en recortes orzamentarios sistemáticos, dun 28% por exemplo, no Estado en 2013. Sombras porque moitos dos instrumentos legais que contemplan as leis aínda están sen aplicar. Sombras pola recente reforma da Administración local que segundo se prognostica pode levar a afastar ás mulleres dos primeiros servizos aos que acudir. Sombras polo incremento das vítimas, tamén daquelas que denunciaron previamente. Sombras pola vulnerabilidade constante das mulleres. Sombras pola proliferación nos medios de micromachismos que reproducen patróns e estereotipos sexistas de novo cuño. Sombras porque, en definitiva, a violencia machista, o medo e o terror persisten… aínda non nos espertamos dun mal soño.

A nosa Universidade non é allea a este fenómeno, especialmente no contexto das facultades e centros onde se imparte coñecemento. A violencia burla os muros do saber e suspende a intelixencia. Unha recente investigación sobre a xuventude universitaria, na que ten participado a USC, indica que parte do alumnado continúa sen identificar algunhas situacións de violencia machista ao tempo que acepta visións deformadas do amor romántico. Benvidos sexan entón os primeiros pasos que está a dar a nosa universidade para combater esta situación. Como se sabe, a institución compostelá foi unha das pioneiras na creación de estruturas e instrumentos para acadar a igualdade de xénero. No II Plan de Igualdade inclúese como medida prioritaria un protocolo específico contra o acoso e a violencia.

Pero, con todo, no debemos darnos por satisfeitas. A USC debe xogar un papel crucial, debe ser un referente contra a violencia de xénero. Este cometido esixe medios efectivos para detectar e erradicar calquera dispositivo de control, persecución ou destrución das mulleres.

Ante tantas sombras e estes novos retos non podemos permitirnos retroceder. Hai que manter as medidas e as políticas de xénero que fixeron posible os avances. Hai que seguir removendo as barreiras, alzando a voz, impugnando a violencia machista.