Saltar ao contido principal
Xornal

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago: Discurso de San Tomé (29-1-18)


Como saben, na primavera deste 2018, a comunidade universitaria será chamada a elixir ao seu reitor ou reitora, quen asumirá a responsabilidade de goberno durante os catro vindeiros anos. Eu tiven a honra de gozar da súa confianza durante os últimos anos, e preséntome hoxe ante vostedes no que é o meu derradeiro discurso institucional deste mandato como reitor.

Nas contas de todos os que asumimos responsabilidades de xestión se rexistran acertos e fallos. Os primeiros, soen ser obra do esforzo colectivo. Dos segundos, facémonos plenamente responsables.

Permítanme que delegue na comunidade universitaria, en todos vostedes, a responsabilidade de determinar as bondades e as maldades, as luces e as sombras, destes catro anos importantes na miña vida, na vida da nosa institución e na vida dos máis de 20.000 estudantes que se graduaron durante este período na nosa Universidade.

Vinte mil persoas que se formaron nesta Universidade de referencia en Galicia para lograr o obxectivo que calquera pai e calquera nai quere para os seus herdeiros: que os fillos e as fillas vivan mellor que os seus pais. Graduados e graduadas formados para ser os cidadáns comprometidos e responsables que precisamos para o presente e para o futuro da nosa terra.

E para seguir sendo referentes, para potenciar máis a nosa entidade e identidade, temos que valorar pausadamente cales son as nosas feblezas, cales son os  maiores problemas que nos preocupan, cal é a estratexia a seguir e cales as ferramentas que precisamos para darlle solución.

A formulación deses principios básicos e universais para confrontar calquera situación con dificultades vémola reflectida na obra do noso patrón, Santo Tomé, que soubo enfrontarse ao maior problema da súa época: a tensión entre fe e razón. Unha tensión que dominaba todas as accións de goberno e que definía as relacións sociais da cidadanía na Europa do século XIII.

Amigas e amigos: estamos a piques de iniciar uns novos anos 20, os anos 20 do século XXI. Hai cen anos, a estas alturas do século XX, Europa vivía devastada pola Gran Guerra e quedaría aínda un ano para que calaran as armas e se comezara a redactar o Tratado de Versalles. Estabamos aínda tentando entender o que pasara no mes de outubro do ano 1917, cando uns revolucionarios en Rusia xa estaban logrando cambiar estruturas sociais consolidadas durante séculos. Eran tempos complexos e convulsos, que apuntaban cara a conflitividade extrema que sacudiu a Europa ata o ano 1945.

Pero foi nese ambiente de desalento e de complicacións no que xurdiron tamén algúns elementos positivos. Un deles foi a consolidación dos centros de ciencia, docencia e investigación en todo o mundo, que nacían coa misión de facer unha sociedade mellor para a humanidade. Un claro exemplo de que, mesmo en épocas de fonda crise, temos a capacidade de tomar decisións que reverten na mellora do noso benestar a medio e longo prazo. Isto non é mais que a formulación do principio de planificar e de valorar axeitadamente o futuro das decisións que tomamos no presente.

O período dos anos vinte do século pasado foi quizais o período máis breve pero máis intenso da economía e da sociedade occidental. Uns anos tolos nos que a sociedade estaba emocionada coa posibilidade de cambialo todo e de pasar páxina dos modelos absolutistas que dominaran o mundo ata daquela.

Era o tempo dos grandes proxectos. E como época de esplendor, houbo grandes éxitos que tamén nos caeron preto, como pode ser a construción do edificio da nosa Facultade de Medicina, que formou a milleiros de profesionais da saúde que exercen nos hospitais de todo o mundo. Ou o proxecto de Juan Rof Codina de sanear todas as granxas e que permitiu que miles de familias fosen capaces de seguir vivindo da gandería.

Tamén houbo grandes fracasos, pero unha das leccións que aprendemos daquela época é que cómpre coñecer, analizar, dimensionar e planificar a medio e longo prazo. Estas tarefas fanse necesarias en calquera circunstancia e situación, en calquera ámbito e institución, e a Universidade non é allea.

Santo Tomé dicía que se un capitán quixera preservar o seu barco, nunca o sacaría do porto. É certo que, sacando a nave ao océano, podemos errar o rumbo; pero tamén é certo que se a viaxe se emprende coa reflexión e coñecementos necesarios, chegaremos ao destino desexado.

Estas ensinanzas son as que quero compartir con vostedes hoxe aquí, nesta Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, nacida como Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Agrícola (EUITA), e que este ano celebra o seu cincuenta aniversario, sendo unha das referencias estatais para a formación de profesionais da enxeñaría no ámbito agroforestal. A maxistral lección do profesor Guaita, achéganos unha mostra real da  investigación e transferencia de coñecemento que se realiza dende este centro e dende este campus, á vangarda da enxeñaría, acompañada dunha posta en valor dun recurso tan prezado como a madeira.

Hai tres anos, neste mesma cidade, dixen que a situación económica da Universidade naquel momento era crítica e que era imprescindible tomar decisións importantes e acometer cambios profundos na xestión que garantisen a viabilidade inmediata da nosa institución. Agradezo desde aquí a colaboración de todos os que entenderon a mensaxe e decidiron destinar os seus esforzos e o seu talento a empurrar cara adiante a esta institución, fundamental para a sociedade galega. Refírome ao Persoal Docente e Investigador, capaces de seguir mantendo o mesmo nivel de calidade na formación que imparten. Refírome a todos os que lles tocou estar en responsabilidades de goberno universitario, dende os decanatos e direccións de centros e departamentos ata o Consello de Goberno, que souberon comprender a gravidade da situación e a necesidade de aportar o mellor de cada un. Refírome tamén ao Persoal de Administración e Servizos, que entendeu a necesidade de aprazar reivindicacións xustas que levaban demandando anos. E tamén me refiro ás institucións do país, comezando polo Consello Social desta universidade, pasando polo goberno autonómico de Galicia e rematando nas Deputacións  da Coruña e de Lugo e os concellos que albergan os nosos campus, os de Santiago de Compostela e Lugo. Institucións que souberon comprender a necesidade de aceptar cambios importantes no xeito de relacionarnos entre nós. E souberon tamén apoiarnos nos momentos duros. Creron en nós, e por iso lle estamos agradecidos.

Estamos agradecidos por iniciativas como o Plan de Choque en colaboración coa Deputación de Lugo (que permitiron un aumento global de alumnado de novo ingreso no Campus nun contexto xeral de diminución de estudantes que realizan as probas de acceso á universidade) e pola inversión que permite poñer a Granxa Goyoso-Castro como finca de prácticas do noso alumnado, á altura das mellores instalacións deste tipo no continente. Agradecidos polo pulo que brindado no financiamento e no mapa de titulacións do Proxecto Campus Terra pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que á vista dos resultados presentados a pasada semana na Comisión Reitora  tiveron neste campus un efecto moi positivo. Agradecidos polo apoio do Concello de Lugo ao proxecto do museo Domus do Mitreo que axudará a aumentar a visibilidade desta xoia arqueolóxica.

Nos tamén soubemos poñer da nosa parte: un esforzo excepcional dos equipos directivos, do noso persoal docente e investigador, do noso persoal de administración e de servizos, para adaptarnos ás novas necesidades e condicionantes que a situación requiría. Pero a quen realmente lle debo estar agradecido, debemos todos estar agradecidos,  é a todas as familias que seguiron confiando en nós para a formación dos seus fillos e as súas fillas.

Só así, entre todas e todos, fomos quen de superar unha situación económica que nos tiña nun pozo do que nin tan sequera viamos o fondo. Situación económica que nos bloqueaba calquera expectativa de converternos na universidade que queremos e nos ancoraba á universidade que tiñamos. Neses primeiros anos era de ilusos pensar en ampliación do cadro de persoal ou na implantación de novos títulos. Era de ilusos facer planificacións a dez anos e o único responsable era centrarse en afrontar con seriedade un déficit de 14 millóns de euros e unha débeda de 44 millóns de euros que nos impedía tomar o pulo necesario para acometer os cambios que se requirían para este século XXI. Os cambios necesarios para emprender rumbo, con este gran barco, cara o futuro que nos agarda.

A execución do Plan de Económico-Financieiro de Reequilibrio, e a negociación máis favorable do Plan Galego de Financiamento Universitario para este período, permitiron reverter esta situación coa velocidade suficiente para poder destinar o terceiro e o cuarto ano deste mandato a facer os primeiros cambios necesarios para a universidade do tempo no que vivimos e do que está por vir.

Confórmanse así os grandes proxectos que, na miña opinión, deberan marcar o rumbo desta universidade para os vindeiros anos. Proxectos que necesariamente teñen que incluír melloras en infraestruturas, títulos e contratación de persoal pero teñen que ir mais alá. Van máis alá tamén dos problemas que temos que resolver no día a día, das necesidades inmediatas a atender. O futuro desta universidade ofrécenos o reto de facer o que ningunha xeración tivo que facer antes. Debemos consolidar unha situación financeira que nos garanta, como mínimo, un par de lustros de crecemento constante e adecuado ás necesidades. Unha situación que non comprometa as políticas de gobernos futuros.

E debemos facer isto nun mundo no que temos que competir por cada oportunidade que se nos presenta.

Oportunidades coma o Campus Terra, que xa non é un documento estratéxico, senón un campus especializado que permite centrar os nosos esforzos na mellor formación e na mellor investigación. O seu desenvolvemento debe consolidar un campus de referencia en Europa, no seu ámbito, cunha oferta moderna, internacional e apoiada nas novas tecnoloxías.

Oportunidades coma o mapa de titulacións consensuado polas tres universidades coa  Xunta de Galicia, que establece un marco que nos permite aumentar a nosa capacidade de crecemento e atracción de alumnado. O Grao da Paisaxe en Lugo, os Graos de Biotecnoloxía e Criminoloxía en Santiago, amplamente demandados pola sociedade, serán unha realidade o vindeiro curso 2018-19.

Neste Campus de Lugo no que nos atopamos, para reemprazar aos tres graos cuxa demanda practicamente desapareceu nos últimos anos, no curso 2019-20 serán implantados tres novos graos en temáticas tan de actualidade e atractivas como Emprendemento, Xestión do Patrimonio e das Industrias Culturais, e Robótica.

Oferta nova, actual e de futuro nun campus dinámico e pioneiro en investigación e transferencia, que se completará cunha titulación de amplo espectro e posibilidades como é a Bioquímica a implantar no curso 2020-2021.

Pero a mellora formativa que estas novidades aportan na formación básica de grao, abrangue tamén a especialización en mestrado, con títulos que reforzan a nosa especialización en xenética e xenómica e nutrición.

Unha oferta que tratamos de consolidar tamén no título máis alto e xenuinamente universitario que ofertamos: o de doutoramento. Cumprindo co noso programa, modificamos a estrutura de organización destes estudos coa creación do Centro Internacional de Estudos de Doutoramento e Estudos Avanzados (CIEDUS) e creáronse catro escolas de doutoramento especializadas, unha delas con sede e xestión integral en Lugo e que agrupa aos programas de doutoramento ligados a este Campus.

Como dicía, debemos aproveitar as oportunidades que nos permitan ser o suficientemente competitivos na captación e na xestión dos recursos de investigación que ofrecen tanto as institucións públicas como as empresas privadas. As apostas feitas e as decisións tomadas polo persoal investigador e polos grupos de investigación en relación aos Institutos de Investigación máis vinculados ao Campus Terra, no marco do Plan de Acción de Institutos, e tamén as adoitadas en relación ás Plataformas de Investigación e á Agrupación Estratéxica de Investigación en Recursos da Terra (AERTUS) están na boa dirección e aproveito para animalos a continuar nela. Solicito tamén dos responsables das políticas de investigación que sexan sensibles a ese esforzo e a esa implicación para traballar coa vista posta nun campus especializado. Sensibilidade que lles pido tamén para dar solución á histórica demanda da Facultade de Formación do Profesorado en relación cos espazos deportivos compartidos coa escola anexa.

Oportunidades, en todo caso, que xa podemos aproveitar sen estar mirando de esguello á caixa que nos permite abrir as portas cada día.

Amigas e amigos, a Universidade de Santiago de Compostela ten, por fin, a capacidade de converterse na universidade do século XXI que todos esperamos. Temos a 2.066 profesores e profesoras coa experiencia suficiente para seguir formando dun xeito adecuado aos 26.630 estudantes que temos hoxe matriculados nas nosas aulas. Temos a 1.231 persoas de Administración e Servizo capaces de garantir que todo funcione adecuadamente para lograr que no curso pasado se titulasen 4.852 persoas. E todo isto, ao amparo dunha estabilidade económica, danos a capacidade de medrar como institución referente do ensino superior, da investigación e da transferencia do coñecemento, alén das fronteiras de Galicia.

Pero non debemos conformarnos con ser o que somos e temos que aproveitar esta capacidade para sermos mellores. Temos que seguir a traballar na consolidación e promoción laboral, e na planificación da nosa rexeneración profesional.

Non podemos quedar satisfeitos co que temos, e gabarnos das nosas posibilidades sen facer uso delas. Temos que seguir a planificar a nosa oferta, os nosos centros e instalacións, os nosos recursos.

Non podemos desorientarnos, non podemos perder o rumbo, e debemos fixar como propósito o converternos nunha Universidade máis adaptada ás demandas que se nos requiren na actualidade.

Os tempos da década que se aproxima non son os mesmos que tiñamos tan só cinco anos atrás. A estrutura operativa dunha universidade coma a nosa ten que ser o suficientemente áxil para poder asumir calquera reto e petición, de clientes e usuarios, de membros do cadro de persoal, de cidadáns, no mesmo tempo que se fai en calquera entidade, empresa ou administración das que consideramos “modelo de xestión”. A Universidade de Santiago precisa seguir avanzando dun xeito firme, intenso e claro nos procesos de transformación dixital que permitan adecuarnos con éxito aos novos tempos de resposta que se nos demandan.

Xa non é suficiente a comunicación a través do correo electrónico, que revolucionou as nosas vidas hai tan so vinte anos. Agora temos que ter recursos formativos, sistemas de avaliación dinámicos e mecanismos de titorizacións personalizadas que permitan adaptarnos o máximo posible ás demandas tecnolóxicas dos nosos estudantes.

Temos tamén que garantir un acceso a mecanismos de intercambio e xestión de datos en tempo real que faciliten aumentar as posibilidades de experimentación científica. No tempo no que as distancias semellan cada vez mais curtas, nós temos que ser capaces de derribar os nosos muros e tender as pontes que sexan precisas para lograr obxectivos máis ambiciosos.

A transformación dixital non é investir uns centos de miles de euros en aparellos electrónicos se non asumir un novo xeito de facer as cousas utilizando as posibilidades tecnolóxicas.  

A transformación da Universidade de Santiago debe vir de novos procesos de funcionamento máis áxiles, eficaces e menos lastrados por rutinas deseñadas hai trinta anos pero que non aportan xa as solucións que nos están requirindo. Esa é a tendencia das universidades de referencia no mundo e ese é o xeito co que temos que atender á sociedade actual.

Temos a obriga de inventar e cambiar. Temos o dereito a errar e temos a responsabilidade de aprender dos erros para saír fortalecidos. Debemos lembrar sempre que as peores decisións son as que non se toman e non debería tremernos o pulso á hora de acometer os cambios que todos desexamos. Así nos pasou no proceso de funcionarización do PAS, que lonxe de resignarnos ante a importante adversidade do seu rexeitamento en referendum, debe servirnos para sermos máis ambiciosos e lograr un modelo máis satisfactorio para todas e todos.

E tamén temos que modernizar as nosas estruturas de goberno, que deben diminuír necesariamente a grosa burocracia que aínda temos, para ser capaces de tomar decisións do xeito máis eficaz e rápido posible.

Non debemos esquecer a herdanza de cinco séculos de historia. Ao contrario. Debemos ser fieis ás ideas de Alonso III de Fonseca, que decidiu crear unha universidade no medievo moito máis moderna do que que admitían os pensamentos dominantes da época. Debemos se fieis aos reitores pasados, coma Rodríguez Cadarso, capaz de crear un modelo de universidade moito máis democrática que permitiu ás familias que aos seus fillos estudaran, e o que parecía máis difícil, que as súas fillas tamén o fixeran, cando nunca pensaron que iso sería posible.

Debemos ser fieis ao espírito de modernización que sempre debe inundar unha institución educativa e científica como a nosa e do que participaron boa parte dos responsables de ter a Galicia que temos hoxe.

Amigas e amigos, ata o de agora, puidemos pensar no rumbo a tomar, pero ancorados a porto; e só recentemente fomos quen de emprender a viaxe.

Agora, a USC pode e debe seguir o rumbo, con constancia e con convicción. Nunha ruta trazada sobre a seguridade económica, sobre o aproveitamento das oportunidades e sobre o fondo coñecemento do que somos e do que podemos ser.

 

Dixen