Saltar ao contido principal
Xornal  »  MANIFESTO 8 de MARZO de 2014

UNIVERSIDADES*: MANIFESTO 8 de MARZO de 2014


 A Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), formada polas universidades públicas españolas, no marco da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, presenta este manifesto conxunto cunha idea de partida: a de visibilizar que, a pesar do apoio legalmente establecido ás políticas de igualdade nas universidades españolas, as unidades de igualdade de xénero das nosas universidades non están dotadas de recursos abondos para afrontaren os retos necesarios e os compromisos establecidos.

No contexto de crise no que nos atopamos, as políticas de igualdade deben continuar sendo esenciais na axenda das universidades e do resto de institucións públicas. A aprobación de diagnósticos e plans de igualdade sucesivos mostran o apoio formal, e o impulso de accións igualitarias que se acometen na comunidade universitaria. Este apoio decidido non debe limitarse ás unidades de igualdade, pola contra, debe ser extensivo a todas as áreas e servizos universitarios, incorporándose como principio reitor e compromiso do noso quefacer cotián.

A execución real e comprometida das accións incluídas nos plans de igualdade require, ademais dun decidido respaldo dos equipos reitorais e dos órganos de responsabilidade universitaria, a formación, concienciación e implicación de toda a comunidade universitaria nun proceso de transformación paulatino e imparable. Para liderar estes procesos de cambio, as unidades de igualdade necesitan o apoio, a dotación e os recursos necesarios que lles permitan afrontar retos complexos e necesarios.

Implementar as políticas de igualdade en calquera universidade supón realizar tarefas de: planificación e avaliación; localización, xeración, tratamento e análise de datos; emisión de informes e propostas; comunicación e divulgación (observatorios, páxinas web, correos, folletos, etc.); sensibilización e formación; desenvolvemento normativo; negociación, coordinación (interna e externa á universidade) e cooperación; participación en comisións e en redes; orientación, asesoría e denuncia; administración; captación de fondos e xestión de subvencións; etc.

Con carácter xeral, a experiencia dos últimos anos para as universidades que integran a RUIGEU é que os recursos para desenvolver estas tarefas son tan limitados que poñen en serio risco non só o desenvolvemento actual e a continuidade futura das políticas de igualdade, senón o logro das metas necesarias para alcanzar a plena igualdade de xénero no ámbito universitario.

Por todo iso, ao redor da celebración do 8 de marzo de 2014, queremos reivindicar a necesidade dun compromiso real e común a todas as universidades que permita levar á práctica de maneira apropiada as actuacións requiridas para o logro dos obxectivos establecidos polas propias universidades e polo marco lexislativo europeo, estatal e autonómico.

Este compromiso debe traducirse en medidas concretas que supoñan un apoio REAL que evite que os plans de igualdade acaben en formalismos retóricos.

Referímonos a medidas como a creación dunha Comisión Sectorial de Igualdade de Xénero na CRUE, que de forma urxente estableza directrices, entre outras posibles, xerais sobre:

a) recursos mínimos de dotación das unidades de igualdade das universidades en materia de recursos humanos e financeiros;

b) banco de indicadores e criterios básicos comúns para que permitan a consecución de diagnósticos e avaliacións rigorosas así como as análises comparativas e evolutivas pertinentes;

c) funcións básicas comúns ás unidades de igualdade;

d) deberes básicos de apoio en materia de igualdade de xénero por parte doutras unidades organizativas das universidades.

Chegou o momento de pasar das boas palabras á acción responsable e coherente cos compromisos adquiridos.

* Universidade da Coruña, Universitat Autónoma de Barcelona, Universidad Autónoma de Madrid, Universidad de Alcalá, Universidad de Alicante, Universitat de Barcelona, Universidad de Cádiz, Universidad de Cantabria, Universidad Carlos III de Madrid, Universidad Complutense de Madrid, Universidad de Córdoba, Universidad de Extremadura, Universitat de Girona, Universidad de Granada, Universidad de Huelva, Universidad Internacional de Andalucía, Universitat Jaume I Castelló, Universidad de La Laguna, Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, Universitat de Lleida, Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), Universidad Miguel Hernández de Elche, Universidad de Málaga, Universidad de Murcia, Universitat Oberta de Catalunya, Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, Universitat Politécnica de Cataluña, Universidad Politécnica de Cartagena, Universidad Politécnica de Madrid, Universitat Politècnica de València, Universidad Pública de Navarra, Universitat Rovira i Virgili, Universidad de Salamanca, Universidade de Santiago de Compostela, Universidad de Sevilla, Universitat de València, Universidad de Valladolid, Universidade de Vigo e Universidad de Zaragoza