Saltar ao contido principal
Xornal  »  Comunicado conxunto dos reitores e reitoras das Universidades Públicas Españolas

Comunicado conxunto dos reitores e reitoras das Universidades Públicas Españolas


 Os reitores das universidades españolas piden a finalización das medidas excepcionais que afectan ao estudo, á actividade docente e á investigación


Cumpríronse dous anos da aprobación do RD 14/2012 de “medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo”, unha norma que modificou a Lei Orgánica de Universidades e afectou a aspectos tan sensibles como os prezos públicos e a organización da actividade docente. As normas orzamentarias posteriores afectaron aos salarios, aos dereitos laborais e ás expectativas profesionais de todos os empregados públicos e, xa que logo, tamén aos das universidades.

Os reais decretos sobre bolsas cambiaron a súa natureza de dereito pola dunha axuda pola que se compite, con requisitos académicos endurecidos que sofren quen máis as necesitan. Así mesmo, as axudas Erasmus restrinxiron tamén os seus criterios de concesión nos últimos dous anos.

En investigación, o menor orzamento e a secuencia das convocatorias aplicadas polo Goberno de España e por algúns gobernos autonómicos comportaron un elevado recorte efectivo de consecuencias irreparables para moitos grupos de investigación. Este entendemento da I+D+i como un gasto e non como un investimento contrasta coa política dos países máis avanzados.

Os reitores consideramos especialmente dolorosas e dificilmente xustificables, polo seu mínimo impacto económico, as medidas que afecta á mocidade. O incremento dos prezos públicos dos graos e, moi por encima deles, o dos másteres, afecta ás posibilidades formativas dos nosos mozos nun momento especialmente negativo para o emprego. O acceso á profesión académica atópase pechado para eles, salvo os resquicios que deixan as insatisfactorias taxas de reposición. Estas cercenan as perspectivas dos profesores universitarios na súa carreira académica e minan a motivación para a mellora permanente en docencia e investigación.
 
As limitacións normativas provocaron que os cadros de persoal docente, investigador e de administración e servizos enchéranse de figuras e prazas interinas e precarias, algunhas recorridas polo propio Goberno, que resultan inadecuadas para a función universitaria, docente, investigadora e de xestión.

As medidas, segundo dicía o RD 14/2012, eran excepcionais e xustificáronse pola conxuntura económica do momento. Ante as afirmacións dunha perspectiva de melloría económica en España, pedimos a supresión das que vaian máis alá dun aforro racional e unha xestión eficiente e austera, no marco dos criterios orzamentarios que se fixen.

Os prezos públicos de matrícula nas universidades deben ser accesibles e razoables en todos os niveis formativos. Debe recuperarse o sentido das bolsas e axudas como garantes da equidade. Debe volver a autonomía de xestión da actividade docente e investigadora das universidades. Debe ser posible que estas configuren ordenadamente os seus cadros de persoal, con fórmulas de renovación e promoción axustadas á súa realidade e á súa planificación estratéxica. Debe retomarse o apoio á investigación e á innovación para regresar a unha senda de crecemento, baseado no coñecemento e a especialización intelixente e sustentable, que evite a perda de talento e aproveite a formación proporcionada.
 
A universidade española, como toda a universidade europea, afronta necesidades de adaptación do seu sistema a unha realidade social e económica que esixe unha modernización das súas estruturas e funcionamento. Para poder abordala, é necesaria a procura dun amplo consenso social e político que debe empezar forzosamente pola recuperación da normalidade na súa vida académica, docente e investigadora.
 
A consecución destes obxectivos implícanos a todos -axentes sociais, goberno, comunidades autónomas e universidades- e é necesario conseguilo en beneficio da sociedade española.

Lugo, 30 de abril de 2014