Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de despedida como reitor de Juan J. Casares Long (9 de xuño de 2014)

Discurso de despedida como reitor de Juan J. Casares Long (9 de xuño de 2014)


Presidente da Xunta de Galicia
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Reitores das Universidades da Coruña, Vigo, Minho e Tras-os-Montes e Alto Douro
Vicereitoras,  Vicereitores, Secretaria Xeral e Xerente da Universidade de Santiago
Presidente do Consello Social da USC, e da Universidade de Vigo
Equipos reitorais das Universidades da Coruña e Vigo
Profesor Juan Viaño Rey
Ex Reitores das Universidades de Santiago e Coruña.
Delegado do Goberno de España
Alcalde de Lugo
Presidente da Deputación de Lugo
Sr. Arcebispo de Santiago
Autoridades civís e militares
Membros da Comunidade Universitaria
Miñas Donas e meus Señores,

Iniciei o meu mandato en xuño de 2010 transmitindo a miña ilusión e esperanza á comunidade universitaria, a través das palabras de dous dos mais grandes poetas latinoamericanos, como son Pablo Neruda e Mario Benedetti.

Asumín entón un compromiso persoal e unha grande responsabilidade institucional. Busquei en todo momento que os membros da comunidade universitaria me sentiran como un Reitor próximo, consciente de que os tempos en que me tocou dirixir a Universidade dificilmente podían ser peores. Servín e non me servín da institución, coa dedicación que o posto require; é dicir, cada día dos últimos catro anos

Hoxe, en  xuño de 2014, coa experiencia adquirida, acudo a dar mi visión, a través das palabras de quen hai agora setenta anos publicou unha das obras senlleiras do noso pobo, Sempre en Galiza. Aí, cando Daniel Rodríguez Castelao escribía que “...os soños primeiro e as ideas dispois, crean feitos históricos...”. E unhas poucas liñas despois das palabras citadas, engade un soño que nos fixemos realidade: “Vexo a Universidade de Sant-Iago convertida en cerebro de Galiza, irradiando cultura e saber, máis alá dos lindeiros naturaes da nosa terra”.

Porque a Universidade de Santiago é, en 2014, unha universidade que:

  •  Transmite coñecemento e forma cidadás e cidadáns  responsables
  •  Crea coñecemento e transfíreo
  •  Impulsa a innovación social
  •  Difunde cultura e valores sociais
  • Favorece a mobilidade social e a equidade
  • Promove a solidariedade e a igualdade
  • Contribúe ao desenvolvemento económico e social
  • Impulsa a internacionalización e a apertura da sociedade
  • Contribúe ao bo goberno e á calidade da democracia.
 
Unha Universidade que certamente non é a Universidade de Newman, centrada no coñecemento, como coñecemento recibido, e tamén no pensamento crítico. Unha Universidade afastada do utilitarismo e guiada, pola contra, por obxectivos morais e filosóficos. Nin tampouco a Universidade de Von Humboldt, da que a característica esencial é que as súas tarefas deberían estar orientadas a un proceso permanente de investigación. Un modelo baseado nas grandes ideas da Ilustración: o coñecemento procede da razón e da observación, non da revelación e a tradición.

Nin tampouco a Universidade de Kerr, que amplía a idea da Universidade á multiversidade, na medida que non tiña un único principio animador, sino que viña definida polo cada vez maior número de roles en docencia, investigación e prestación de servizos, determinada pola relación co seu contorno e a defensa da súa entidade institucional propia.

Moitos dos roles que entón se describiron seguen vixentes. Pero existen hoxe dous elementos adicionais, que Kerr non foi capaz de anticipar (nin dificilmente calquera outra persoa, nese momento).

O primeiro deses elementos é a globalización. Non o coñecemento global, que sempre foi parte da Universidade, senón a globalización como visión e asociación. Nos tempos de Kerr, o límite era o Estado,  hoxe é o Mundo.

O segundo elemento está intimamente relacionado co anterior: é o crecemento acelerado da economía do coñecemento e as consecuencias da mesma na Universidade. O mundo estase convertendo nun único ámbito de asociación no cal todas as actividades humanas interaccionan entre si, e cun repositorio común de coñecemento; o sistema de comunicacións, información e coñecemento constitúe un todo. Trátase dun cambio comparable ao impacto transformador da revolución industrial con respecto á revolución agrícola do Neolítico; un cambio asombroso, que xorde a principios dos anos 90 do pasado século, cuxas consecuencias aínda non podemos ver ou avaliar, e a educación universitaria está no centro de todo iso.

O mundo segue a ser diverso en termos culturais, lingüísticos e políticos: os países e a política económica continúa a ser fundamentalmente de carácter nacional. Con todo, as diferentes culturas e nacións fixéronse permeables, unhas a outras. E a creatividade en todas as súas formas é alcanzable con carácter universal.

Ao ámbito universitario, a globalización incorporou unha, cada vez maior, mobilidade de investigadores, profesores e estudantes; unha maior competitividade no mercado de títulos, unha capacidade de educación a distancia global, campus dunha mesma Universidade en distintos continentes, redes de comunicación e alianzas de carácter mundial.

Aínda algúns non son conscientes de que o mundo cambiou. E, non haberá retorno a modelos de carácter nacional ou local. Non haberá retorno á idade da inocencia de antes de internet. As universidades que dean as costas ao fenómeno da globalización, simplemente desvaneceranse.

Cómo debe, pois, responder a Universidade á globalización?

Desde o principio, a lóxica da globalización veu determinada polos termos e conceptos do mercado. Cando oímos o termo globalización, inmediatamente pensamos en sistemas financeiros integrados, aranceis, regras do comercio, corporacións industriais multinacionais… que permitiron un notable crecemento económico. Pero a globalización trouxo maiores desigualdades entre unhas nacións e outras, e maiores desigualdades dentro de cada unha delas.

Polo tanto, deberemos controlar as forzas da globalización para que, movidos polos valores esenciais do mundo académico universitario, deámoslle unha nova forma a este termo: a globalización non debería definirse unicamente en termos económicos ou de mercado. Deberiamos mellorar a relación co noso entorno máis próximo. E, no marco deste compromiso co local, deberiamos establecer as bases do noso traballo para mellora das condicións de vida de toda a humanidade, asumindo a responsabilidade moral, que corresponde para garantir que os nosos estudantes están preparados para transformar ese contexto en permanente evolución. Ademais, debemos adoptar as novas tecnoloxías non só porque estean cambiando as formas coas que nos comunicamos, senón para darlle sentido a esta conectividade, pois, claramente non poderemos dar resposta ás necesidades da nosa sociedade coa estrutura educacional tradicional.

Si queremos que a Universidade do futuro sexa quen de responder ás forzas da globalización, debemos facer chegar a nosa voz e poñer os valores éticos en defensa do benestar de todos, ao fin de ampliar a responsabilidade que asumimos con este compromiso.

Nun contexto complexo para a Educación Superior, con desenvolvementos normativos que reduciron tanto o financiamento como a autonomía universitaria, o equipo de Goberno que tiven a honra de dirixir neste anos traballou con empeño e ilusión para facer fronte as limitacións. Permítanme, pois, que a continuación, presente algunhas das mais significativas accións levadas a cabo:

No que respecta a accións institucionais,

-Os estatutos da Universidade

-O Plan Estratéxico da Universidade 2011-2020

-O terceiro Plan Estratéxico das TIC

-O segundo Plan de Igualdade.

-O Plan Estratéxico da Biblioteca Universitaria.

-O Plan Estratéxico do Campus de Lugo, Campus Terra.

-A Administración electrónica e a sede electrónica.

-A consolidación da Fundación USC Deportiva.

Accións referidas a actividade docente e investigadora:

-Recoñecemento do Campus Vida como Campus de Excelencia Internacional.

-Creación da Escola de Doutoramento Internacional da USC e reorganización completa dos programas de doutoramento.

-Implantación e consolidación dos 48 títulos de Grao (15, no campus de Lugo).

-Implantación da Plataforma Campus Virtual sobre Software libre (1710 profesores, 25000 alumnos e 3200 materias).

-A colaboración co Sergas para o desbloqueo de prazas vinculadas, e a recepción de pacientes na Clínica optométrica.

-Posta en marcha dos Centros Asociados ao Campus Vida (CIQUS, CITIUS, CIMUS) y finalización das obras do CEBEGA e da Aula de Produtos Lácteos.

-200M de euros acadados estes catro anos en proxectos competitivos de investigación e contratos con empresas (más destacados: Innopharma (Mabel Loza, de Farmacia, e Ángel Carracedo, de Medicina):10.25M; Laserpet (José Benlliure, de Física, e Maite Flores, de Óptica): 5.38M; CampUSCulturae (Xosé Anton Neira e Irene García, de Ciencias da Comunicación): 4.5M, de orzamento).

-Un Advanced Grant (José Luis Mascareñas) e tres Starting Grant (Miguel López, Rubén Nogueira, e Carlos Salgado), do European Research Council.

Accións no ámbito da transferencia de tecnoloxía:

- Tres novas estruturas de transferencia: Centro Galego de Investigacións do Auga, CTAqua (Aguas de Barcelona); Instituto tecnolóxico de Matemática Industrial (Universidades Galegas e Cesga); Laboratorio de Radiofísica (único acreditado en España para a calibración dos equipos de radioterapia).

Con respecto ó ámbito económico financeiro:

-Redución do endebedamento en 32M de euros, e do gasto corrente en 30M de euros.

-Auditorías limpas para a contas anuais dos anos 2011, 2012 e 2013.

-Implantación da contabilidade analítica e presentación dos primeiros resultados coas contas do ano 2013.

No que respecta á responsabilidade social:

 -O posto 96 entre as Universidades do mundo en xestión ambiental, e a primeira de España en adoptar un proceso en transición encamiñado a reducir a pegada ecolóxica da universidade, tendo logrado, en tres anos, unha redución do 20%.

-Investimento de 1.5M de euros/ano destinados a subvencionar prazas de residencia e bolsas de comedor entre os estudantes con menores rendas.

-Creación e posta en marcha da Cátedra de Lengua y Cultura Española en Bangladesh, en colaboración con Inditex e a Universidade da Coruña (Guillermo Rojo e sobre todo Santiago Fernández Mosquera).

Feito o brevísimo resumo dalgúns dos resultados acadados e reflectidos no Informe do Reitor 2010-2014, informe que abarca 226 páxinas, procede recoñecer a aqueles que acompañáronme na dirección da Universidade:

As Vicerreitoras e Vicerreitores, a Secretaria Xeral e o Comisionado de Ciencias da Saúde, que hai unhas semanas recibiron a insignia de ouro da Universidade; as Vicexerentes, as Directoras do Centro de Posgrao e Escola de Doutoramento Internacional, e Secretario Xeral Adxunto; os coordinadores das distintas Vicerreitorías; os Directores de Área e os Directores dos Centros singulares de investigación; os Xefes de distintos Servizos da Universidade, os Directores dos Colexios Maiores e Residencias; o equipo da secretaría do Reitor, e o PAS de san Xerome. A súa lealdade institucional, a máis da súa competencia é obrigado resaltar.

Merecen mención aparte dúas persoas: A Xerente e o Director da área TIC. Aceptaron a miña oferta para incorporarse á Universidade e xestionar dous ámbitos da máxima transcendencia, e fixérono con nota de sobresaliente. Lourdes Batán e Andrés Freire regresan á Administración autonómica, deixando atrás tantas cousas ben feitas, coa miña eterna gratitude, que penso que se pode facer extensiva á todas as persoas de boa vontade da comunidade universitaria.

Á miña familia, grazas, por resistir os silencios, as preocupacións, e as ausencias derivadas dun compromiso que, aínda que anunciado, non deixou de ser un traballo de 24 horas, sete días á semana.

E finalmente a un bo amigo, que sempre estivo aí, sabio e discreto, brillante e comprometido, nos mellores e nos mais difíciles momentos, o profesor Dr. José Manuel González Herrán. Moitas grazas, José Manuel.         

Non podo rematar este discurso sen trasladar a todos os presentes o meu sentir cando abandone este Salón Nobre de Fonseca no día de hoxe. E quero facelo, como comecei, recordando un texto literario; consciente das limitacións que conforman a mente dun enxeñeiro, acudo ás palabras dunha desas persoas que son parte do noso patrimonio universal: o poeta romano Quinto Horacio Flaco, quen no seu Épodos II nos deixou aquel poema inesquecible Beatus ille qui procul negotiis... (“ Afortunado aquel que vive afastado...”). ‘ Dos negocios’, poderíamos traducilo literalmente; Frei Luis de León interpretou como ‘lejos del mundanal ruido’; o poeta ourensán Xosé García Mosquera, na que acaso sexa a máis antiga versión galega, publicada en 1868, traduciuno como ‘lonxe de barafundas’; eu enténdoo como ‘lonxe de preocupacións, complicacións, xestións...’. En todo caso, se lembro aquí ese poema é porque eses versos expresan ben a miña principal e próxima aspiración: a idea de tranquilidade e sosego, tras un longo batallar; e tamén o afastamento diso que Horacio chamaba “ forumque vitat et superba civium”, e que eu interpreto non tanto como ‘evitar o foro e as residencias dos poderosos’, senón, máis adecuadamente ao noso contorno, o non ter que seguir bregando coas diversas administracións que nos tutelan.

En todo caso, como saben quen lera ata o final ese poema horaciano, os seus últimos versos ofrecen unha conclusión, acaso irónica: tal declaración de principios, de alguén que proclama preferir a vida retirada do campo ao batallar cidadán, está posta en labios dun tal Alfio, un usureiro que, tras dicir todo iso, lonxe de converterse en campesiño, decide recoller as ganancias obtidas cos seus préstamos, para reinvestilas de novo.

Non é esa a miña intención: non direi que vaia a facerme campesiño, pero sí que, tras esta experiencia na xestión, volverei ao lugar natural de todo profesor e investigador universitario que se prece: alí terédesme á vosa disposición.  

Dixen.