Saltar ao contido principal
Xornal

Discurso do reitor Juan Viaño para o acto de fin de mandato


Hai catro anos, neste mesmo lugar e ante boa parte de todos vostedes fixen o meu primeiro discurso como reitor. Naquela miña primeira intervención marquei as directrices que ían guiar todo o mandato que tiven a honra de dirixir e anunciei tres grandes obxectivos. O primeiro deles, a recuperación e a estabilidade económica para esta Universidade. O segundo, mellorar e modernizar a nosa oferta formativa. E o terceiro, consolidar un modelo de universidade de referencia, na investigación e na transferencia do coñecemento xerado, capaz de seguir asumindo os retos que nos demanda a sociedade e adiantándonos ás necesidades futuras.

 

Creo, sinceramente, que logramos os tres obxectivos. Logramos enderezar unha situación económica e financeira que, en agosto do ano 2014, foi crítica e que incluso me levou a admitir publicamente que as medidas impopulares que estabamos tomando eran o mellor, e quizá o único, remedio contra a hibernación e mesmo a desaparición da nosa universidade centenaria. Logramos aumentar o noso orzamento sensiblemente, garantindo que os 4.000 traballadores desta universidade puidesen cobrar a súa nómina de xeito regular e, o que aínda é máis importante, manter a nosa actividade para que todos e cada un dos nosos estudantes tiveran a mellor formación posible.

 

Todo isto só foi posible grazas ao esforzo do persoal docente e investigador, que comprendeu a situación crítica na que nos atopabamos e adaptaron os seus obxectivos ideais aos obxectivos posibles. Tamén foi grazas aos profesionais da administración e dos servizos, que souberon entender as necesidades de reaxustes nas funcións e nas responsabilidades da xestión. E por suposto, foi grazas ao estudantado e ás súas familias, capaces de seguir confiando en nós nun momento no que se poñían en dúbida a formación superior, a capacidade da nosa universidade e incluso o talento do noso profesorado. Foi un momento no que se cuestionou mesmo a necesidade do sostemento da Universidade pública e foi preciso xustificar a nosa existencia a cada instante...

 

Tamén se cumpriu o obxectivo de modernizar a nosa oferta formativa, apostando por fórmulas novidosas como as simultaneidades de estudos a través dos dobres graos; ofrecendo unha oferta integral en todos os niveis da educación superior (no grao, no mestrado e no doutoramento) e tomamos como oportunidade o redeseño do mapa de titulacións, para adaptarnos ás demandas sociais de profesionais en disciplinas tan actuais como a robótica, a biotecnoloxía ou a xenómica e os drons, á vez que potenciamos as nosas capacidades e aproveitamos a nosa especialización.

 

E tamén podo asegurar que cumprimos o terceiro dos retos. Consolidamos como referente un modelo universitario baseado na excelencia  na investigación e na transferencia do coñecemento que nos permitiu captar e manter talento e manter posicións nos mellores rankings mundiais, avanzando postos e adaptándonos aos cambios constantes que nos demanda o presente e o futuro.

 

Ben é certo que neste último reto faltounos tempo para activar o salto cara a transformación dixital, o modelo de relación coas persoas, as institucións e o tecido empresarial do século XXI. Hai poucos días, mais de seiscentas universidades do mundo anunciaron as súas accións cara o novo modelo dixital, un rumbo que vén marcado xa polas necesidades de toda a sociedade occidental. Ese era o eixe da miña proposta de goberno para este mandato que agora comeza, e a pesares de que non logramos convencer á comunidade universitaria, espero que esta idea sexa o xermolo para que futuros equipos reitorais asuman que a modernidade do século XXI escríbese coas letras da dixitalización.

 

Con todo, non debo eu valorar a acción de goberno destes catro anos. Será a historia da nosa universidade, da nosa cidade e da nosa comunidade autónoma a que estableza cales foron as mellores decisións, e tamén sinalará cales foron aquelas que nunca se deberan tomar. Será o tempo, en definitiva, o que sitúe no seu lugar estes catro anos de goberno, coas súas luces e as súas sombras, e defina de xeito preciso o paso do reitor e do equipo que dirixiu esta institución entre os anos 2014 e 2018. Para a sociedade e para a comunidade universitaria, sen dúbida somos (así ten que ser) un equipo reitoral máis. Somos un grupo máis de universitarias e universitarios entusiastas que tiveron a responsabilidade de conducir a institución durante 4 anos... En definitiva, un tempo case irrelevante ou, en linguaxe matemática, un épsilon,  na centenaria historia da universidade compostelá.

 

A título persoal, e en nome de todo o meu equipo, quero recoñecerlles hoxe, que marchamos coa certeza de ter feito todo o posible, nunhas condicións que en nada axudaron a cumprir soños. Quizais conviría neste momento reflexionar como o facía Óscar Wilde e recoñecer que “prometéronnos que os soños podían facerse realidade, pero esqueceron dicirnos que os pesadelos, tamén son soños”. Si soños...dos que causan desvelos... moitos máis dos que transcenderon á comunidade universitaria..., pero que asumimos dende a responsabilidade de gobernar nunha situación máis que complexa.

 

Por iso, quixera aproveitar estes últimos minutos como reitor para reivindicar a responsabilidade que debemos asumir todas e todos na creación dun mellor futuro para Galicia impulsado dende as universidades. Hai catro anos iniciei o meu discurso reivindicando a figura dun home ourensá, capaz de loitar contra todas as dificultades dun momento social moito máis crítico que o actual, e que logrou crear unha empresa con máis de 10.000 traballadores dedicados á construción de motores, tractores e camións a partir de moitas horas de esforzo persoal, nun pequeno taller da capital das burgas. Falo novamente de Eduardo Barreiros, en quen eu reflectín o modelo de responsabilidade que pretendía esixirlle e trasladarlle a toda a comunidade universitaria. Tal e como demostrou a súa biografía, os grandes proxectos só se logran co compromiso, co talento e co esforzo de cada unha das persoas que forman un equipo que hai detrás.

 

De nada vale o aumento de orzamento, nin a construción de milleiros de metros cadrados de infraestruturas; de nada vale mellorar a urbanización dun campus se non temos claro que cada un de nós ten que asumir a súa responsabilidade como docente, como investigador, como persoal de administración e servizos ou como estudante. Cada un ten que saber da importancia do seu lugar na organización e ten que asumir o compromiso de aportar o seu esforzo para o ben particular, pero por suposto, para o ben colectivo.

 

Nestes anos comprobei con moita satisfacción que na Universidade de Santiago hai compromiso, hai moito talento, hai esforzo e hai dedicación por parte de toda a comunidade universitaria. Pero tamén debemos recoñecer que se observaron comportamentos individuais inaceptables nunha institución de formación superior, nos que actuamos coa maior celeridade e coas ferramentas das que dispoñemos como administración pública. Actitudes individualistas que, se ben non eran causa de ningún delito, si demostraron un cativo grao do sentido da responsabilidade e do respecto por esta institución centenaria. Asumo que isto é lóxico nunha organización coma a nosa, ampla e diversa, pero iso non debe evitar que fagamos autocrítica e analicemos as posibilidades que perdemos todos por culpa duns poucos.

 

Lembro, especialmente nestas datas, os consellos de varios amigos, cando nestes anos me alertaban de que o anoxo que se estaba xerando nalgúns universitarios ía provocar a miña derrota electoral, como así foi. A miña resposta aos amigos sempre foi a mesma: a miña ilusión por ser reitor carecería de sentido se non temos universidade que gobernar; se non somos fieis aos principios do noso programa; se non poñemos a Universidade de Santiago de Compostela, o seu prestixio e a súa mellora, por enriba de calquera ambición persoal.

 

Eu creo, sempre o fixen, no esforzo persoal de cada un como alicerce principal do estado do benestar no que nos tocou vivir. Creo que a xestión das posibilidades individuais permiten a creación de equipos capaces de transformar o mundo no que vivimos e creo tamén, que a comprensión das capacidades do veciño, do colega, do estudante ou do compañeiro permite avanzar dun xeito moito máis rápido e seguro. Así é como se conseguen os avances na ciencia, na política, na economía, na medicina e en todas as disciplinas que nos poidamos imaxinar.

 

Así é como se consegue que unha institución educativa, creada hai máis de cincocentos anos, lograse chegar ata o dia de hoxe, e na que se combina o saber acumulado en edificios coma o que nos acolle hoxe. Ese é o modelo que rexeu as decisións tomadas durante estes catro anos, nos que sempre se buscou o recoñecemento do esforzo individual combinado coas posibilidades que se podían asumir en cada momento.

 

Así naceron os grandes proxectos que, con toda probabilidade serán fitos históricos. Refírome ao novo complexo docente das facultades de Medicina e Odontoloxía e Enfermería , no que, co apoio da Xunta de Galicia, demos os primeiros pasos firmes para que en poucos anos sexa unha realidade. Hai cen anos, o presidente do Consello de Ministros, o compostelán Eugenio Montero Ríos, apostou polo actual edificio da Facultade e por un modelo de formación médica moi moderno para a súa época, e entendemos que agora temos que recuperar o seu espírito e volver a crear un lugar e un concepto que permita a mellor formación dos futuros profesionais das ciencias da saúde.

 

Así tamén naceu o proxecto do Campus da Cidadanía, un modelo de organización acorde cos novos tempos que pretende aglutinar o talento individual e colectivo de todos os que se dedican ao estudo, investigación e transferencia do coñecemento nas áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas, das Artes e das Humanidades. Con este proxecto, seguimos a exitosa estela dun modelo iniciado polos meus antecesores, coma o Campus Vida e o Campus Terra en Lugo, que xa reportan froitos de enorme interese para a ciencia, a investigación e a transferencia.

                                      

E así naceron as reformas administrativas e académicas nas estruturas da nosa universidade, que permiten unha mellor eficacia na docencia e na investigación, coma por exemplo a reorganización dos departamentos, das escolas de doutoramento e dos institutos universitarios de investigación.

 

En todos estas reformas tivemos que loitar contra concepcións marcadas por egocentrismos que na nosa opinión ían en contra do interese xeral. En todos eles loitamos contra críticas radicais, contra a visión particular e ás veces retrógrada, propia de tempos xa pasados. Pero asegúrolles que mereceu a pena. Mereceu a pena convencer. Mereceu a pena cada un dos minutos que dedicou o equipo de goberno, o equipo de xerencia, o consello de goberno, o claustro e o consello social para avanzar nun modelo de universidade acorde coas necesidades da era dixital que nos toca vivir.

 

Por iso, quero agradecer ao meu equipo reitoral e a todos os que tiveron algunha responsabilidade de dirección durante estes catro anos os seus esforzos, dedicación e talento. Cada unha das achegas individuais permitiu tomar decisións de gran valor colectivo, como a aprobación do plan Económico-Financieiro de Reequilibrio, dos orzamentos durante todos os anos do mandato, das propostas de novos títulos que mellorarán sensiblemente a calidade docente da USC e un mellor recoñecemento da capacidade da nosa universidade no Plan de Finaciamento do Sistema Universitario de Galicia.

 

Sinceramente, grazas a todos e a todas, polo voso compromiso comigo, pero sobre todo polo compromiso con esta institución tan importante para a nosa sociedade. E por suposto, é de xustiza tamén recoñecer a comprensión que sempre atopamos nas universidades irmás da Coruña e Vigo e no resto das institucións, nomeadamente a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais de A Coruña e Lugo e os concellos de Lugo e Santiago de Compostela. Sempre agradecerei o grao de esixencia que se nos requiría en cada proposta que faciamos e o grao de xustiza co que sempre fomos tratados. Conselleiro, foi unha honra compartir con vostede e co Presidente da Xunta, a miña visión do que debe ser unha universidade pública e de calidade.

 

Só coa colaboración entre institucións, e co respecto pola autonomía de cada unha delas no seu exercicio, se garante o futuro da Universidade e se consolida o seu papel como dinamizador económico e social. Estou seguro de que o reitor López seguirá a fortalecer estas alianzas, e que se conservará o clima de confianza, respecto e posta en valor no que temos colaborado nestes anos.

 

Fai uns días reflexionaba co meu equipo que exercer cargos de dirección, sometidos sempre á presión pública, con vontade de servizo aos demais e sentido da responsabilidade social, provoca unha especie de transmutación. Transmutámonos noutros pola necesidade de ter que pensar coma outros e para poder tomar decisións que afectan a outros. Desta forma, rachamos co noso ensimesmamento persoal e descubrimos a auténtica vida, que mais alá do círculo individual,  se amplía coa realización colectiva e a mirada global. É entón cando te decatas da grande importancia que teñen os demais para poder realizar os cometidos que che depara esa vida colectiva, á vez que recoñeces a gran necesidade que tes deles para darlle pleno sentido á túa propia vida.

 

Neste día de despedida, quero recoñecer humildemente que sen os outros, sen todas e todos os meus colaboradores, eu non podería estar aquí hoxe. De ningún xeito eu podería estar aquí, sen a sufrida complicidade da miña familia, sen dúbida os grandes damnificados do meu proceso de transmutación persoal. Eles si que foron tremendamente xenerosos comigo, ao aceptar as miñas ausencias cotiás, xa fosen físicas ou mentais, e ao saber comprender as miñas escasas atencións nos momentos que máis necesitaban de min. Con María, cos nosos fillos e as nosas netas terei sempre unha débeda impagable.

 

Quero recordar hoxe de xeito especial a ese pequeno grupo de persoas, pero grande en disposición, que pola súa diaria proximidade, por estar aí en todo momento, tiveron  que aguantarme máis que os demais: refírome aos condutores e conserxes, traballadores e traballadoras da reitoría, ao persoal da miña secretaría, ... dos que  me sinto especialmente orgulloso e sinceramente agradecido.

 

Tamén quixera ter unhas palabras para todos aqueles, que lonxe da nosa visión, asumiron a responsabilidade de achegar as súas opinións e o seu esforzo ás propostas feitas. Son perfectamente consciente de que algunhas das medidas que tomamos foron duras e impopulares. Ante esa situación eu atopei apoios incondicionais, que sempre agradecerei; críticas construtivas, que sempre melloraron a proposta orixinal; e tamén atopei a grandes profesionais desta casa que mesmo estando en desacordo, asumiron a responsabilidade da aplicación das decisións políticas do mellor xeito posible, con lealdade ao seu reitor, pero sobre todo, á súa institución.

 

Estamos nunha institución movida polo debate intenso, pola crítica constante e polo avance no coñecemento sen tregua. Por iso, son especialmente importantes os órganos colectivos nos que se representan as sensibilidades da comunidade universitaria. Tiven a fortuna de convencer, en practicamente todas as ocasións, tanto ao consello de goberno coma ao Claustro, das posibilidades que tiñan as decisións que elaboramos no equipo reitoral.  

 

Agora, nun momento no que os modelos asemblearios parecen volver a acaparar o papel protagonista da xestión política neste pais, permítanme que reivindique as bondades do debate e da crítica pública, pero sempre que se defenda o interese colectivo, desde a responsabilidade individual. Asegúrolles que ao longo destes catro anos tiven que navegar entre a famosa consigna obreira de “o pobo unido, xamais será vencido” e a reinterpretación humorística feita por Woody Allen: “o pobo unido, non colle pola porta”. Esa tensión constante é un dos principais motores da universidade, e por iso cómpre aceptar sempre as ideas positivas que se expoñen nos órganos de debate pero garantido a transparencia, a oportunidade e a viabilidade de cada unha delas.

 

Chego ao remate da miña intervención lembrando as palabras de Dirk Stikker, ministro de Asuntos Exteriores dos Países Baixos en 1948, trala chegada do Plan Marshall, un proxecto liderado polo Secretario de Estado norteamericano George Marshall, que axudou á reconstrución de Europa despois da Segunda Guerra Mundial. Nun discurso público, Stikker aseverou: “Marshall traerá a paz, pero Churchill gañou a guerra”.

 

Deixando de antemán ben claras as diferenzas entre os dous estadistas e os dous reitores da USC que aquí nos atopamos, recupero esta reflexión para desexarlle ao profesor López a mellor das fortunas nesta nova etapa da Universidade de Santiago de Compostela. Deséxolle, sinceramente, que o seu equipo e máis vostede leven con éxito a esta universidade cara o novo rumbo que trazaron. Como dicía ao comezo desta intervención, foi para min unha honra dirixir esta universidade durante os últimos anos; e seguirá a ser unha honra poder traballar por ela dende a miña cátedra de matemática aplicada; seguir a construír, como un máis, un camiño cara o mellor dos futuros. Nese camiño, reitor, sempre me atopará para todo o que,  en positivo,  poida aportar  á nosa Universidade.

 

Dixen.