Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de toma de posesión como reitor de Juan Viaño Rey (9 de xuño de 2014)

Discurso de toma de posesión como reitor de Juan Viaño Rey (9 de xuño de 2014)


Señor presidente da Xunta de Galicia, profesor Juan José Casares Long, reitor Mfco. da Universidade de Vigo, reitor Mfco. da Universidade da Coruña, Sr. conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Sr. presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, excelentísimas e ilustrísimas autoridades, membros da comunidade universitaria, miñas donas e meus señores,

Permítanme que comece a miña intervención agradecendo a vosa presenza por querer compartir comigo este día de tanta emoción e responsabilidade. 

O pasado 25 de abril, a Universidade de Santiago de Compostela decidiu  outorgarme co seu voto a máxima honra que podía esperar da miña traxectoria nesta institución: desempeñar o cargo de reitor. Tiven a fortuna de formarme nela como alumno e continuar como bolseiro de investigación, profesor contratado, profesor titular e catedrático, ademais de ser tamén decano da miña facultade e vicerreitor de profesorado. Así pois, non podo deixar de reiterarlle o meu agradecemento por esta confianza ao persoal docente e investigador, ao persoal de administración e servizos e, por suposto, ao alumnado.

Quero mostrar o meu agradecemento máis profundo a todas as persoas que ao longo dos últimos meses, algúns incluso anos, traballaron arreo para conformar o noso proxecto e o noso programa de goberno. A todos moitas grazas, e lamentando non poder agora citarvos un a un, quero personalizar este recoñecemento no equipo que afronta comigo a responsabilidade de dirixir a USC: Consuelo, Isabel, Luis, Roberto, Dolores, Xosé, Carlos, Javier, Andrés, María do Carme… Grazas. 

Neste momento, quero lembrarme expresamente do meu mestre Secundino, da escola da Susana, dos meus amigos Daniel e Gloria, que me acubillaron durante os meus estudos en París e de toda a miña familia, en especial de María, a miña inseparable compañeira de fatigas. Permítanme a referencia persoal para agradecer o apoio incondicional que deles teño recibido e a súa comprensión polo tempo que lle teño roubado e polo que aínda está por vir. Hoxe vexo realizado o soño dos meus pais, Manuel e Carmen, que o deron todo para que os seus fillos puidesen estudar. Grazas a todos vós, estou aquí hoxe, cambiando o destino que parecía levarme a ser un retrato de Balbino, o “neno labrego” que o meu querido veciño Neira Vilas describe maxistralmente no seu relato.

No ano 1951 Eduardo Barreiros, sen dúbida un dos maiores emprendedores da nosa historia, pediu axuda ás universidades de medio mundo. Acudiu a grandes docentes e investigadores de enxeñaría industrial para que lle explicasen como converter un motor de gasolina nun motor diésel. Escribiu varias ducias de cartas pero non tivo ningunha resposta. Non obstante, o seu ímpeto fixo que tras moitas horas de traballo lograse o que parecía un milagre, iniciando así a senda do que máis tarde sería unha das principais fábricas de vehículos en Europa.
 
Hoxe isto non pode volver pasar. As universidades, especialmente as públicas, debemos ter presente a nosa responsabilidade coas demandas da sociedade. Non falamos nin de financiamento, nin de reputación, nin de cotas, nin de localismos. Falamos da nosa razón de ser, fundamentada na creación de mecanismos que melloren a vida das persoas.

Nos anos cincuenta, Barreiros tivo que escribir cartas, buscar amigos que lle axudasen na tradución ao inglés, ao francés e ao alemán, pero hoxe temos recursos para responder a isto dun xeito moito máis fácil, rápido e efectivo. Na nosa universidade traballan máis de dous mil docentes e investigadores, capaces de axudar a quen o precise; tanto aos rapaces e rapazas que teñen interese por realizar uns estudos universitarios, coma aos empresarios e profesionais que requiren do talento para abordar os temas de interese para a súa empresa.

Hoxe temos demostrado a nosa competencia en moitos ámbitos do saber; axudando a mellorar a localización de peixes no mar; creando moléculas imprescindibles para elaboración de medicamentos; facendo deseños menos contaminantes para a combustión nas centrais térmicas; desenvolvendo un modelo de teleasistencia de axuda para a poboación máis vella ou trasladando a predición meteorolóxica a unha linguaxe natural. Temos a responsabilidade, pero tamén o coñecemento e o empeño, de formar persoas e profesionais, e de facer unha investigación de calidade que mellore as nosas vidas e axude a crear riqueza e emprego. É a nosa
obriga, sabemos como facelo e queremos que así sexa.

Somos a universidade galega de cincocentos anos que deu luz ao noso país, especialmente en momentos de escuridade. Agora ben, esta honra non debe servir para gabarnos fachendosamente da nosa longa historia, senón para sentir coma ninguén a responsabilidade de liderar un proxecto, e demostrar cada día o noso prestixio co noso bo facer. Non podemos quedarnos laiando sobre a falta dun maior compromiso dos distintos sectores públicos e privados coa Universidade. Polo contrario, temos que comezar unha nova etapa, que pretende ser histórica, de mellora e modernización.

E non podemos cambiar quedando como estamos, nin cambiar para que todo siga igual.
Por iso temos que facer importantes reformas que nos permitan crear unha nova senda de crecemento nun momento cheo de incertezas, de inseguridades e de novidades.

Os cambios comezarán polo financiamento. Atópome unha universidade sen cartos e sen ilusión. Volveremos a ter proxectos que guíen de novo a USC e, con ela, a sociedade galega, cara un futuro mellor. Recuperaremos as ilusións perdidas. E faremos o posible, e máis, por resolver a grave situación económica na que está sumida a USC. As contas que vén de aprobar o Consello de Goberno e o Consello Social relativas ao exercicio 2013 reflicten uns gastos significativamente superiores aos ingresos. Se a isto lle sumamos a falta de orzamentos, o escaso efecto das medidas tomadas e a falta de previsión para este ano, é seguro que a USC pechará o actual exercicio cun importante desequilibrio nestes dous anos.

Á nosa comunidade universitaria e ao conxunto da sociedade galega non lle podo dar solucións máxicas nin solucións fáciles. Comprométome na transparencia, na procura infatigable de recursos e na recondución desta grave situación coa que nos atopamos. Esíxanme todo isto, pero non me pidan milagres.

Cremos nunha universidade pública e cremos na igualdade de oportunidades. Saudamos que o goberno autonómico non suba as taxas, pero a formación ten un custe elevado e debemos asumilo entre todos. A sociedade precisa tamén que os seus fillos e fillas teñan unha formación acorde coas necesidades dun mundo laboral cada vez máis esixente. Nós comprometémonos a mellorar dúas cousas imprescindibles: a captación de recursos no eido público e privado e a ofrecer unha formación de calidade, que cumpra coas expectativas dos mozos e das mozas galegas, e que nos permita aumentar o número de estudantes.

Pido tamén que a administración pública colabore co novo proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, esixíndonos o máximo pero asumindo tamén o custe real deste compromiso público. Non falo só dun novo plan de financiamento, absolutamente imprescindible neste momento, senón tamén da axuda para a captación de novo talento docente e investigador e do apoio aos retos estratéxicos para Galicia que abordaremos nestes anos. Os recursos non investidos en educación e investigación non supoñen aforros, senón agrandar a fenda entre o que somos e o que queremos ser; entre o que temos e o que nos gustaría ter. Se as universidades non reciben o necesario, a afectada é a nosa mocidade, porque se lles furta unha oportunidade vital: a posibilidade de aproveitar o talento e o coñecemento para unha maior riqueza e calidade de vida. Non é nada novo o que digo. Xa o dicía Sócrates: “só temos un ben: o coñecemento, e só temos un mal: a ignorancia”. Isto é algo indiscutible, aínda que resulta máis discutido agora ca nunca. 

O novo rumbo que necesita a USC debe quedar reflectido no orzamento do ano 2015, que precisa superar as metodoloxías contables e converterse na ferramenta que marque as prioridades da nosa universidade. Os esforzos merecen centrarse en proxectos coma os Campus de Excelencia nos que participa a universidade de Santiago de Compostela: Campus Vida e Campus do Mar. Ambos os dous son apostas estratéxicas de primeira magnitude nas que o papel de Santiago se foi diluíndo nos últimos anos. Tamén precisamos liderar iniciativas novas, coma o Campus Terra en Lugo, que nos permitan iniciar un ilusionante proxecto de excelencia.
 
Quero aglutinar na nosa universidade iniciativas e estratexias que aposten pola idea global de ‘Campus da Cidadanía’, como concepto integrador do coñecemento e da investigación arredor das ciencias sociais, ciencias xurídicas e humanidades; quero ocuparme dunha universidade completa na que as ciencias, as humanidades e as enxeñarías se sintan integradas no proxecto común dunha nova USC. Fago miñas as palabras que en 1959 pronunciou Charles Snow, físico e novelista inglés, nunha conferencia na Universidade de Cambridge, titulada ‘As dúas culturas’: “selar a fenda que separa as culturas das ciencias e das humanidades é unha necesidade (...). Cando eses dous sentidos se disgregan, ningunha sociedade é capaz de pensar con cordura”.

Pensar con cordura, tanto por parte da comunidade universitaria como do conxunto da sociedade, é o noso punto de arranque. Quero transformar a preocupación de pagar a fin de mes na satisfacción por formar persoas con talento. Quero reforzar a investigación na USC e o seu impacto no tecido produtivo en lugar de asistir resignados a un progresivo achicamento e avellentamento dos grupos de investigación. Boa parte dos que terán que tomar as rendas da nosa sociedade en vinte anos están agora formándose nas nosas aulas, e ese é o horizonte que terei na cabeza cando entre cada día en San Xerome.

Cremos na autonomía universitaria. O mellor xeito de demostralo é exercitándoa con responsabilidade.
Por iso, comprometémonos a cambiar os mecanismos de toma de decisións, a comprender as demandas e necesidades dos actores públicos e privados, pero sen renunciar á nosa razón de ser como Universidade e universitarios. Gobernar, na miña opinión, é exercer a responsabilidade de dirixir, de tomar decisións que apunten a un novo rumbo, baseadas na busca do consenso pero tamén na convición.

Tocan tempos difíciles. Non podemos contentarnos co que temos e a nosa obriga é propoñer e practicar solucións e non só reclamacións. A Universidade máis cara é a que languidece sen recursos e sen rumbo. O máis barato é estar mortos. Non aceptaremos nin unha cousa nin a outra.

Temos tamén que acometer cambios importantes na organización das nosas estruturas. Estamos convencidos de que os nosos traballadores son o principal valor, e por iso contaremos con todos eles para afrontar os novos retos que temos por diante.
 
Isto debe ser unha absoluta prioridade, máis aínda en momentos coma os que vivimos, de grandes cambios no noso contorno e a nivel global. Non podemos seguir perdendo oportunidades de mellora e de progreso, nin soportando máis e máis burocracia, que xa resulta abafante. Non podemos permitirnos perder investigadores de primeiro nivel, nin traizoar os compromisos que a institución adquiriu no seu momento. Non podemos deixar de achegar alento novo a un cadro docente e investigador con experiencia pero avellentado e minguado polas constantes xubilacións. Non podemos defraudar á sociedade, sobre todo á sociedade galega, que sempre puxo nesta universidade parte das súas esperanzas por ter un mellor futuro.

Por iso, anuncio cambios importantes nos procesos de xestión, de calidade, de oferta académica, de investigación e de internacionalización. Asumimos que estamos nun mundo globalizado e temos que artellar o noso funcionamento para ser máis eficientes e eficaces. Marco xa un obxectivo que nos propoñemos cumprir nos primeiros doce meses do noso mandato: queremos medrar globalmente un cinco por cento.

Para alcanzar ese obxectivo son moitos os parámetros que temos que mellorar: o número de estudantes de grao, másteres e doutoramento; os ingresos por investigación, por docencia e por xestión do patrimonio; os indicadores de reputación; a oferta académica e a mellora dos tempos de resposta ao noso público.

O cinco por cento é realista, plausible e, sobre todo, necesario para ter un futuro distinto do que se debuxou nos últimos tempos. Temos que aprender dos erros e non podemos permitirnos seguir perdendo oportunidades. Conseguirémolo con coñecemento e con capacidade de análise, e nós temos ambas as dúas. Por iso, partimos dun cinco por cento de crecemento en 2015 para estar seguros de non caer nun pozo sen fondo.

Outra das necesarias transformacións parte de nós mesmos, do que somos, para chegar ao que queremos ser. No ano 1922, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, médico, que xa se reconvertera daquela a debuxante, tivo ante si o reto máis importante da súa vida. O seu veciño Melchor chamárao para acudirlle ao seu fillo pequeno, que xa estaba ás portas da morte. De camiño á cama do rapaciño, Castelao descubriu que o obxectivo do pai non era a cura, senón a imaxe do cativo. O debuxante, entre a dor que se vivía no cuarto do rapaz, quixo retratar o mellor posible ao meniño moribundo. Volveuse equivocar, porque Melchor, o que realmente quería, era o retrato dun neno bonito e san para penduralo na parede e converter ao desventurado pequeno no mellor fillo que podería ter, se a morte non entrase pola porta.

A mestría de Castelao no seu “Retrato” non oculta a importante metáfora: unha cousa é o que somos e outra a que queremos ser. A USC ten varios problemas moi graves, coma o xa citado do financiamento, pero tamén comeza a ter un problema de reputación. Trabucámonos se pensamos que os anos e a historia nos garanten o respecto e a admiración permanentes. Ou seguimos a ser unha desas universidades de referencia na formación e na investigación, ou os anos só servirán para engadir engurras á faciana da nosa Alma Mater.

Pero ademais de formar e investigar temos que preocuparnos polas inquedanzas da sociedade e non podemos ser alleos aos problemas cotiáns de todos nós. Polo tanto, imos facer un importante esforzo en investigar pero tamén en divulgar. En formar, pero tamén en aprender. En ser un centro de referencia internacional, pero que atende sobre todo aos intereses de Galicia. A reputación custa moito tempo gañala, pero pérdese nun abrir e pechar de ollos. Por iso, temos que centrar claramente cal é a nosa misión de universidade pública e encamiñar as nosas accións cara ao tecido social, empresarial, económico e, por suposto, tamén político.

Propoño, pois, un cambio importante na forma de facer goberno que nos permita a todos crecer no noso traballo diario, comprender as dimensións de transversabilidade que temos que ter e, por fin, cumprir as expectativas que depositaron en nós esas nais e eses pais da Terra Chá, de Fisterra, de Ribadeo, do Barco de Valdeorras... Pero tamén dos que veñen de lonxe, como eses mozos e mozas usbecos e iraniano que chegaron aquí na procura dunha vida mellor. Non debemos esquecer, nunca, pero menos agora, as dificultades que teñen moitas familias para enviar aos seus fillos a formarse con nós. Por iso, debemos estar motivados e comprometidos para dar reposta á necesidade allea.

Temos que ter presente isto en todo o que facemos. Na oferta académica que lle presentamos á sociedade, nas clases que impartimos cada día, nos traballos que publicamos, e en cada gota de sangue que poñemos no microscopio na busca da eliminación de enfermidades que nos matan.

Así me presento ante vós, coa vontade de xirar o arado e comezar a labrar o noso futuro no sentido inverso, de abaixo para arriba. O novo escenario iniciouse nestas eleccións, onde por primeira vez o voto dos máis novos, dos estudantes e dos investigadores que están empezando, lle deu a vitoria a un reitor. Esa é a transformación que quero para a USC. A primeira pedra xa se colocou o 25 de abril e agora síntome na obriga de seguir construíndo, pero ou é con todos ou non será.

A tarefa será complexa, polo alcance da mesma e as dificultades coas que teremos que traballar. Pero conto cun excelente equipo que comparte este proxecto co que concorremos ás eleccións. Falo, claro está, dos dez vicerreitores que xa levan meses de traballo, pero tamén do inmenso equipo de profesionais e compañeiros que desde o primeiro día se puxeron á nosa disposición para facernos comprender a dimensión dos problemas e o potencial das solucións.

O éxito deste proxecto, amigos e amigas, depende de todos nós.

Moitas grazas