Saltar ao contido principal
Xornal

Discurso do reitor Antonio López na súa toma de posesión


Cando hai uns meses percorría os campus de Santiago e Lugo, comunicando á comunidade universitaria a miña vontade de presentarme como candidato a reitor, tres ideas conformaban o cerne da miña reflexión: revitalizar o goberno da USC, sacar a universidade da crise en que estaba sumida e, sobre todo, recuperar a ilusión.

 

Partía dun diagnóstico sinxelo, pero amplamente compartido, que daba conta tanto da aparente fraxilidade estrutural e financeira da USC, como da situación dos seus órganos de goberno e mesmo do estado de ánimo da comunidade universitaria.

 

Creo interpretar correctamente cando lles digo que o respaldo que recibiu a nosa candidatura ten moito de rebelión silenciosa e ordenada diante da situación en que estaba caendo a nosa universidade. E precisamente por iso, este feito merece hoxe unha reflexión acaída.

 

É certo que pasamos por unha das crises máis fondas que se recordan no noso País; unha crise que afectou no só ás estruturas económicas e financeiras, senón que incidiu selectivamente na estrutura social castigando máis aos máis desfavorecidos.

 

Por iso, as universidades, coma outros espazos públicos, aceptamos os recortes que se nos impuñan, tanto no nivel individual coma no colectivo ou no institucional; e acompañamos eses recortes con máis esforzo, maior dedicación aos nosos estudantes e mellores alianzas na investigación.

 

Certamente, a crise ensinounos a falar de agrupacións, de redes, de equipos cada vez máis amplos, e da necesidade de traspasar os nosos horizontes de comodidade para adentrármonos en espazos aínda por explorar.

 

Compañeiros e compañeiras, tanto en Santiago como en Lugo, nos ámbitos da xestión, dos servizos, da docencia ou da investigación, souberon ofrecer o mellor de si mesmos para que as carencias que sufriamos non minguaran a calidade da nosa oferta docente, investigadora e de servizos.

 

E todo isto porque a universitaria é unha carreira de fondo pero tamén é unha carreira de vocación. Non lles descubro nada novo cando lles digo que a crise puxo a proba a vocación de cadaquén, pero por riba de todo, puxo a proba a vocación colectiva da USC.

 

Que queriamos ser? Que queremos ser?

 

A esta pregunta, á que sempre respondemos dende a nosa vocación e coas máximas expectativas, contestabamos agora dende as limitacións da crise e con moi pouca ilusión. Pero non podiamos baixar os brazos!!

 

Somos a Universidade de Santiago de Compostela; e dende os campus de Santiago e de Lugo, aspiramos a ser unha das referencias universitarias de España e de Europa, a que os mellores investigadores queiran incorporarse aos nosos equipos, a que os títulos dos nosos e das nosas estudantes teñan un valor internacional recoñecido e consolidado, a ser unha peza básica da sociedade do coñecemento para a transformación do noso contorno.

 

Non podemos defraudar os anhelos expresados por Castelao en Sempre en Galiza, cando nos dicía: "Vexo a Universidade de Sant-Iago convertida en cerebro de Galiza, irradiando cultura e saber, máis alá dos lindeiros naturaes da nosa terra".

 

Somos a universidade nacida para facer brillar Galicia, e non renunciamos a que o coñecemento, a ciencia, a tecnoloxía, pero tamén os valores, os principios e as actitudes, que deben guiar o novo tempo do noso País, xermolen nos nosos laboratorios e nas nosas aulas.

 

Esa é a nosa vocación individual e colectiva. Queremos ser a vangarda no coñecemento, na excelencia, pero tamén na igualdade da muller, na inclusión social, ou na loita contra a explotación infantil.

 

Somos unha universidade fortemente enraizada e comprometida cos problemas da nosa sociedade, da galega, pero con vocación universal. Comprometida tamén cun coñecemento que non sabe de fronteiras, que se globaliza, que se comparte e se constrúe e se renova en comunidade.

 

Cando era neno, a Enciclopedia Británica constituía a cima do coñecemento global daquela época; hoxe a Wikipedia ocupa ese espazo do enciclopedismo universal. A diferenza entre elas non reside só no medio de edición, o papel ou a rede (a última edición impresa da Británica é de 2010); a diferenza reside en que ambas representan dous modelos alternativos de construción e difusión do coñecemento.

 

Mentres a calidade das voces da Británica viña avalada pola excelencia da sinatura que as elaboraba, o coñecemento da Wikipedia é substancialmente anónimo, colectivo; constrúese e contrólase por referencia á comunidade que fai uso del. Mentres o coñecemento de mediados do século pasado quería ser duradeiro e estático, o do nosos días é dinámico e cambiante.

 

Esta concepción de comunidade vertebra hoxe a xeración da totalidade do coñecemento. A investigación sobre o Xenoma Humano é sen dúbida o seu mellor expoñente, pero non é o único; tamén as Ciencias Sociais e as Humanidades, espazos de investigación tradicionalmente más individuais, se incorporan a modelos de produción e difusión do seu coñecemento cada vez máis asentados nesta idea de comunidade.

 

Tanto a Universidade como as políticas públicas orientadas á universidade teñen que dar resposta a estas transformacións, e non podo ocultarlle, Sr. Conselleiro, que se moitas destas cousas, en Galicia, estamos a facelas ben, tamén é certo que noutras teremos que buscar puntos de encontro para atopar novas solucións.

 

A USC enfronta esta transformación nunha situación crítica, na que tres elementos (o escenario financeiro, a perda de persoal e unha autonomía cuestionada) configuran un ámbito de incertezas cara ao futuro inmediato.

 

Necesitamos incrementar o financiamento da Universidade Pública en Galicia, xa que na actualidade aínda non se acadou o 1 % do PIB mentres que, pola súa banda, a Comunidade Autónoma xa recuperou o nivel de  gasto non financeiro anterior á crise. Parece de xustiza que esa recuperación se traslade, tamén, á universidade pública.

 

Tamén resulta de xustiza recoñecer que contamos en Galicia cunha ferramenta, como son os Plans quinquenais de financiamento, que dotan ao sistema universitario galego de estabilidade e previsibilidade no que aos recursos se refire.

 

Ora ben, no marco do actual Plan de financiamento, que toca renovar en 2020, deberíase ir evolucionando cara a un incremento do financiamento incondicionado, fronte ás subvencións finalistas. Ademais, deberíanse ter en conta as peculiaridades da estrutura de gasto de cada Universidade, como o carácter histórico de boa parte do patrimonio construído da nosa Universidade, ou o maior custo unitario do noso cadro de persoal.

 

En resumidas contas, despois de oito anos de restricións e recortes, nos que a nosa Universidade puxo a súa parte asumindo un plan económico financeiro moi esixente, que obrigou a recortes moi duros de persoal, de investimentos, e en xeral de recursos,  en moitos casos imprescindibles para poder funcionar cun nivel axeitado de calidade, resulta inaprazable incrementar o financiamento público da Universidade pública.

 

Non é sostible por máis tempo este recorte do imprescindible, que non pode caracterizarse como austeridade. Por iso, cando as Administracións empezan a recuperar os niveis de ingresos e gastos anteriores a crise, é o momento tamén de que se dote ás Universidades dos recursos que merecen polo servizo que prestan á sociedade. Como Universidade pública que somos, debemos contar cos recursos necesarios para atender con niveis de calidade e excelencia a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento e a cultura.

 

O refinanciamento da débeda, do que que xa falabamos hai catro anos, non é hoxe unha opción; é simplemente unha necesidade. O aforro que sería necesario para cumprir a senda de amortización prevista no actual plan, máis de 5 millóns en 2019 e de 7 en 2020, comprometería de forma irreparable o noso funcionamento.

 

Temos a obriga de atopar unha solución que non afogue o desenvolvemento da universidade e permita o efectivo cumprimento da súa función social. Moito máis cando as dimensións da débeda da USC, tanto en termos absolutos como relativos, é substancialmente inferior á doutras Administracións, e só precisa de sendas de amortización máis acaídas.

 

Por outra banda, é certo que, por diversas razóns, adquirimos compromisos, logo plasmados en normas, plans e acordos, que producen resultados definitivamente negativos para a Universidade, e debemos entre todos avalialos e revisalos.

 

Permítanme que lles poña un exemplo.

 

É imposible explicar en termos universitarios, e mesmo en termos de País, que a unha universidade coma a nosa se lle impida medrar dentro das súas capacidades. Porén, a USC asinou un acordo que a compromete a non incrementar o número de estudantes, con independencia da demanda social dos estudos e dos recursos persoais e materiais dispoñibles. Por esta razón, a implantación de novos estudos ten que ir acompañada da redución de prazas ofertadas noutros títulos en número equivalente.

 

Este acordo fai que cada vez que implantemos unha nova titulación, o custo por estudante da USC medra, mentres o financiamento que recibe por estudante permanece fixa. A Universidade perde ingresos e, sobre todo, cercéanse as expectativas de mozas e mozos que manifestan unha opción clara polos nosos estudos, algúns deles únicos no SUG e cunha forte demanda.

 

Sr. Conselleiro, sei coma vostede da importancia da estabilidade orzamentaria, mesmo da súa esixencia constitucional, pero tamén sei que a mesma Constitución que esixe a devandita estabilidade, garante o dereito á educación, e máis explicitamente o dereito dos cidadáns e cidadás a recibir unha educación de calidade. Permítame que o sentido do meu compromiso coa miña universidade e con Galicia vaia dos dereitos dos cidadáns ás esixencias económicas, antes que das esixencias aos dereitos. Porque creo, ademais, que ese é o verdadeiro sentido constitucional desta ecuación.

 

Ninguén discute que o refinanciamento da débeda, o plan de financiamento, a xestión económica en xeral, son elementos importantes que, mal plantexados, comprometen o desenvolvemento da universidade; pero non esquezamos que son elementos exclusivamente instrumentais, que deben ser garantes dos obxectivos primordiais da universidade pública, nomeadamente, a educación superior de calidade, unha investigación punteira e con proxección social, e a difusión da cultura e do coñecemento.

 

Ao mesmo tempo quero facer público o meu compromiso, e o desta Universidade, de facer un uso impecable do recursos, rendendo contas do seu destino e actuando aliñados no logro de obxectivos estratéxicos, tanto propios da institución como xerais da sociedade. E precisamente por iso, valoramos positivamente que, garantido o financiamento estrutural básico, se vincule outro financiamento ao logro de resultados, para así, coordinando actuacións, multiplicar a eficiencia e a eficacia no logro de obxectivos.

  

O segundo elemento crítico do que lles falaba ten que ver coa perda de capital humano sufrida nos últimos anos. Os duros recortes levados a cabo na Universidade nestes últimos anos afectaron sobre todo ao capítulo de persoal, tanto docente e investigador (135 funcionarios menos) como de Administración e Servizos (50 prazas menos). Ao tempo, truncáronse as políticas de renovación e de promoción.

 

A Universidade adaptouse á crise pero aínda non superou a crise, e, se temos vocación de ser unha universidade de excelencia, competitiva, de estar entre as mellores, non podemos ser unha universidade recortada, non podemos facer da crise a situación estrutural da USC.

 

Foi especialmente duro ver como se perdían recursos humanos como consecuencia das xubilacións e asistir, ao mesmo tempo, á marcha cara a outros destinos do talento novo que tanto necesitamos para substituír e renovar un cadro de persoal cada vez máis avellentado.

 

Como dicía hai un momento, o esforzo excepcional de PAS, docentes e investigadores tratou de que non minguara a calidade dos servizos que ofrecemos como universidade pública. Pero agora é o momento de recuperar o que deixamos no camiño.

 

Temos que abordar un Plan de recuperación do persoal que inclúa ao PAS, aos docentes e aos investigadores, que teña unha base ampla e que permita o desenvolvemento das carreiras profesionais coa vista sempre posta nas necesidades da Universidade para o mellor cumprimento dos seus fins.

 

Ese plan pasa necesariamente por limitar o uso das figuras de substitución e pola estabilización en prazas estruturais para así loitar contra a precariedade, asegurar as lexítimas expectativas de promoción dos distintos colectivos e a definición de plans a medio prazo para afrontar a renovación dos nosos cadros de persoal, buscando un reequilibrio razoable entre as distintas áreas e os dous campus . Estas actuacións non só son lexítimas dende o punto de vista dos intereses do noso persoal, senón que, ademais, resultan estratéxicas para poder ser o que queremos como Universidade.

 

Nós faremos todos os esforzos administrativos e económicos necesarios para levalas adiante e pedimos, dende este momento, a colaboración institucional da Administración, da que non dubidamos, para facelo realidade.

  

Finalmente, o terceiro punto crítico do que lles falaba ten que ver coa capacidade de decisión da USC, pero tamén coa nosa propia forma de tomar as decisións.

 

Comprometinme a incorporar á totalidade da comunidade universitaria nos procesos de toma de decisión da nosa universidade. E iso quere dicir que temos que recuperar o papel dos órganos colexiados da USC, comezando polo Claustro Universitario, para que sexan verdadeiros espazos de debate, de control e de rendición de contas. A USC ten que aspirar a un modelo de gobernanza que incorpore os mellores valores da democracia participativa e deliberativa.

 

Pero ademais, comprometinme a transformar o Consello de Goberno no órgano ordinario de goberno da USC, porque este é o verdadeiro rol que lle encomendan os estatutos, e segundo, e máis importante, porque esta é ademais a mellor maneira de dotar de transparencia as nosas decisións.

 

Significa iso que temos que recuperar o debate, a discusión e, se é o caso, a aprobación das decisións básicas da Universidade para este órgano. E falo da oferta de titulacións, da política de investigación, dos plans de persoal, dos servizos, e tamén dos orzamentos e da programación pluarianual, por citar só algunhas áreas esenciais.

 

Nesas e noutras cuestións a Universidade ten que tomar as súas propias decisións, mollarse, apostando por aquilo que considere o mellor para a Institución, pero sobre todo, para a sociedade á que nos debemos. E tamén resulta esencial para esa boa gobernanza a rendición de contas por parte do Reitor e o seu equipo, algo ao que xa nos comprometemos desde este momento, revitalizando tamén así a responsabilidade e transparencia na xestión universitaria.

 

Estou convencido, como lles adiantei na campaña, de que se temos un Consello de Goberno executivo e un Claustro que exerza as súas competencias, seremos unha institución máis democrática, máis transparente, máis responsable, pero ademais seremos unha institución máis forte. E, para iso necesitamos contar co apoio de Decanos e Decanas, de Directores e Directoras de Departamento, de Instituto ou de Centros Singulares, e do resto de persoas que asumen responsabilidades de xestión e de administración universitaria. Queremos así contar con todos, e necesitamos a todos  para gobernar para todos sen ningunha clase de sectarismo.

 

Pero se falamos do fortalecemento democrático da nosa universidade é tamén obrigado que nos refiramos á autonomía universitaria. Porque se hai unha palabra que vaia ligada á Universidade, esa palabra é “Autonomía”.

 

Recoñecida na Constitución e reiterada na normativa básica da Universidade, dende a Lei ata os Estatutos, a Autonomía Universitaria, tal como ten apuntado o Tribunal Constitucional, conxuga a garantía institucional da liberdade de cátedra e investigación cun dereito fundamental que cada universidade exerce a través dos seus órganos.

 

Pero non basta o seu recoñecemento normativo, e a autonomía universitaria debe ser construída cada día, e esa construción pasa polo seu exercicio decidido nos distintos eidos da súa manifestación: orgánico, funcional e financeiro.

 

A autonomía non é un privilexio do goberno da universidade; é unha esixencia para preservar a súa función. É a única forma de garantir un modelo equilibrado de relacións entre a Universidade e as outras Administracións.

 

Defender a Universidade comeza por defender a súa autonomía, por demandar das autoridades e das institución políticas e administrativas o respecto debido a ese espazo de decisión que lle corresponde á Universidade.

 

Pero tamén é necesario, en reciprocidade, ofrecer ao mesmo tempo unha absoluta lealdade institucional nesas relacións coas Administracións, e, moi particularmente, coa Administración Autonómica da que dependemos. Esta Universidade e este Reitor, sempre estarán dispostos a demandar e a ofrecer, a colaborar, en fin, para atopar solucións de encontro que respondan ao interese xeral.

 

Vou rematando, e non quixera facelo sen un capítulo de agradecementos.

 

En primeiro lugar, moitas grazas a todos os membros da comunidade universitaria pola confianza que depositaron na nosa candidatura e no noso proxecto. Sei que esa confianza, expresada amplamente nos votos, non é outra cousa que o triunfo da vocación universitaria sobre a crise.

 

Por iso, asumo este cargo con gratitude, con satisfacción e con responsabilidade; pero sobre todo coa indomable vocación de facer máis grande a nosa universidade.

 

Son tamén consciente do que o cargo representa, e que moi ben definira o Rey Sabio cando na Partida II, referíndose aos universitarios e aos gremios, dicía que “ pueden establecer de si mesmos un mayoral sobre todos a que llaman en latín Rector, que quier tanto decir como regidor del estudio, a que obedescan en las cosas que fueren convenibles, et guisadas e derechas”.

 

Con esa idea clara de ser simplemente un primus inter pares na comunidade universitaria, é unha inmensa honra tomar posesión como reitor centésimo septuaxésimo segundo (172) da nosa universidade para un mandato que sería o bicentésimo vixésimo sétimo (227), e quero aquí manifestar o meu recoñecemento a todos os que me precederon nesta responsabilidade, dende o Bacharel Pedro de Vitoria, que vén sendo considerado o primeiro, ata o profesor Viaño, que liderou o goberno da USC nestes últimos catro anos e a quen agradezo a dedicación e esforzo, del e do seu equipo, para facer fronte a unha conxuntura certamente difícil.

 

É tamén un pracer poder contar coa presenza de todos vostedes neste acto. Quérolles manifestar que estou profundamente agradecido pola súa asistencia, ao tempo que lles pido desculpas polas incomodidades que leva consigo albergar unha concorrencia tan numerosa neste emblemático Salón Nobre do Pazo de Fonseca, ligado á nosa Universidade dende os primeiros anos do século XVI.

 

Teño a fortuna de contar cun equipo capaz, competente, eu diría que excepcional, ademais de paritario e representativo da pluralidade e diversidade que caracterizan a propia Universidade. Hoxe non podo máis que agradecerlles a todos os seus membros a súa confianza, a súa dedicación e a súa xenerosidade para dar o mellor de si ao servizo deste proxecto.

 

Permítanme tamén unha liña persoal para a miña muller, as miñas fillas, a miña nai; as mulleres da miña vida, sen as que non estaría aquí, sen as que non sería o que son, e, como non, tamén para meu pai e os demais que xa non están connosco, pero cuxo alento sigo sentindo cada día.

 

E déixenme que as últimas palabras da miña intervención me conecten outra vez coa orixe da nosa Alma Mater, para rememorar, agora en subxuntivo, as palabras que Alvaro de Cadaval gravou no friso do claustro deste Pazo de Fonseca, formulando así o  desexo dun futuro de éxito para a USC, ut magis atque magis Gallaecia fulgat.

 

Dixen.