Departamentos de Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña), Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo): Declaración conxunta sobre o futuro da lingua e da cultura galegas
Os Departamentos de
Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña),
Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) e
Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo) son as principais institucións
universitarias con responsabilidade docente e investigadora no ámbito estratéxico dos estudos
galegos no país. Somos, desde hai case medio século, as entidades encargadas da formación de
sectores imprescindíbeis nunha sociedade galega democrática: o persoal investigador en estudos
galegos; o profesorado de Lingua e Literatura Galegas nos seus diferentes niveis educativos; moitas
mulleres e homes que traballan na industria cultural e nos medios de comunicación en galego; moitas
creadoras e creadores que hoxe son de recoñecido prestixio; intelectuais, axentes culturais e
persoal laboral que sustentan xa e terán que sustentar no futuro non só as grandes e pequenas
institucións culturais mais tamén as empresas relacionadas. É da nosa responsabilidade velarmos por
que as futuras xeracións de tituladas e titulados, amplamente formadas, poidan continuar a ofrecer
a súa contribución ao futuro da sociedade galega nun contexto globalizado, onde quen amosar unha
condición ben articulada entre o global e o local vai dispor dunha estratéxica posición de vantaxe
de incalculábel valor.
Por iso mesmo, tendo en conta os diferentes datos estatísticos recentemente publicados sobre o
uso e transmisión da lingua galega e o panorama social e político do país no último lustro, vémonos
na obriga de mostrar a nosa profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e
da cultura galegas. Confirmouse, por exemplo, que o nivel de uso efectivo da lingua propia do país
retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en
perigo de seconverter nunha lingua estranxeira na súa propia patria. A isto acrecéntase a
preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os
ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria
cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública
(incluíndo as propias universidades) e no sector privado.
Estas e outras circunstancias ameazantes para a lingua e cultura propias do país derivan, ao
noso ver, en primeiro lugar e en grande parte, da falta de desenvolvemento do Plan Xeral de
Normalización da Lingua Galega, aprobado polo Parlamento de Galicia en 2004 por unanimidade e, en
segundo lugar e de forma subseguinte, dos efectos contraproducentes do Decreto denominado (aínda
que de forma academicamente incorrecta) ‘de plurilingüismo’, do ano2010.
A sociedade galega actual, querendo preservar a súa identidade histórica e proxectarse
asemade no futuro, forzosamente terá que se transformar en sociedade de información competitiva nun
contexto globalizado sen deixar de coidar e desenvolver os seus trazos inherentes. O primeiro deles
é a súa lingua propia, que é patrimonio e debera ser orgullo de todas as galegas e galegos sen
excepción e que, ao tempo que nos singulariza cunha identidade milenaria, nos permite acceder
facilmente a un universo de 276 millóns de falantes en 27 países e á quinta parte de toda a
internet.
A lingua galega ábrenos ao mundo, sitúanos nun contexto global de oportunidades e constitúe
un valor económico duradeiro e de extraordinaria relevancia. Mais, para podermos tirar proveito
desas vantaxes e seguir sendo donos da nosa identidade, os poderes políticos teñen que actuar con
afouteza e apostar decididamente pola normalización lingüística, emendando todo o que for preciso a
liña de actuación política nesta materia e cumprindo as súas obrigas legais.