Saltar ao contido principal
Xornal  »  Declaración institucional da rede MetalBIO

Declaración institucional da rede MetalBIO


A rede de investigación MetalBIO (rede galega que estuda o papel dos ións metálicos en medios biolóxicos) como remate ao seminario de traballo sobre financiamento á investigación que desenvolveu do 8 ao 10 de maio en Cuntis, acorda trasladar á sociedade galega a seguinte declaración institucional:

 
A rede de investigación MetalBIO reivindica a necesidade de reforzar a aposta polo sistema de I+D+i como base para superar moitos dos retos aos que se afronta a humanidade, retos para a optimización de recursos (alimenticios, ambientais, materiais, etc.), para a consecución de melloras sociais e de saúde e tamén para o desenvolvemento económico.
 
O compromiso dos integrantes da rede MetalBIO é o de procurar traballar na superación destes retos dende o seu ámbito de coñecemento, para o desenvolvemento de novos fármacos ou produtos con propiedades terapéuticas, marcadores para radiodiagnose, catalizadores biomiméticos con aplicacións en procesos industriais e alimenticios, control e tratamento de contaminación por ións pesados, etc. Este compromiso que adoptamos fundaméntase na intención de procurar unha orientación aplicada na nosa investigación buscando que sexa útil para a sociedade nos prazos máis curtos posible.
 
Outro compromiso que asume a rede é a de esforzarse na internacionalización e cooperación con grupos ou redes de diferentes áreas xeográficas. Entendemos que ese traballo cooperativo é chave nestes momentos para o progreso axeitado das nosas investigacións e tamén para acceder a outras fontes de financiamento.
 
Dende a rede MetalBIO tamén entendemos que é imprescindible o apoio por parte da sociedade para fortalecer o sistema de I+D+i. Dende o punto de vista de financiamento atopámonos que outros países que xa posuían un sistema máis forte, caso de Alemaña ou os países escandinavos (con inversións en I+D superiores ao 3 % do PIB), aproveitaron o período de crise económica para reforzar este sector, amosándonos o camiño real para superar o modelo que nos conduciu á crise económica. En España (últimos datos oficiais) a inversión en I+D supuxo o 1,24% do PIB e en Galicia o 0,86%. É evidente que resulta necesaria unha estratexia diferente tanto no sector público como privado para que realmente se faga unha aposta decidida por apoiar a investigación e o desenvolvemento como piares que sustenten un novo modelo económico, produtivo e social. Neste sentido, é imprescindible e urxente afrontar a situación de escaseza de recursos humanos e materiais para desenvolver o traballo dos grupos de investigación das universidades galegas. O futuro do progreso da nosa sociedade está en xogo.