Saltar ao contido principal
Xornal  »  Carta diante da avaría informática

Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago ed Compostela: Carta diante da avaría informática


O pasado día 15 de maio produciuse unha avaría informática que provocou a inutilización de boa parte dos servizos telemáticos da Universidade de Santiago de Compostela (correo electrónico, wifi, páxina web, SICUS, Xescampus, Campus Virtual, ….). Concretamente fallaron os módulos de memoria das dúas cabinas de discos redundantes, uns aparatos que xestionan toda a documentación dos servizos antes mencionados.
 
A orixe da incidencia estivo nun apagado controlado programado para o día 15, que resultaba imprescindible para solucionar outra avaría eléctrica que afectaba ao pavillón de Servizos, lugar onde están estas máquinas. Esta reparación eléctrica era de carácter urxente e estableceuse para o venres pola tarde co obxectivo de minimizar as consecuencias para os usuarios. A previsión inicial era un corte dunhas sete horas de duración, polo que se pretendía que todo o servizo quedara operativo ese día pola noite ou o sábado pola mañá.
 
Os módulos de memoria avariados deberon ser repostos e só foi posible localizalos nun distribuidor estranxeiro, o que provocou unha demora engadida de 72 horas entre o venres pola noite e o martes pola mañá. Nestas tarefas de reparación interviñeron os servizos responsables de sistemas da Área TIC e a empresa contratada para o mantemento deste tipo de aparatos.
 
O sistema de almacenamento de datos da Universidade está fundamentado nos protocolos internacionais de seguridade, polo que toda a información está duplicada en dous sistemas distintos que permite a continuidade do servizo no caso de que falle un dos aparatos. Non obstante, na avaría destes días o problema xurdiu nas dúas cabinas, algo moi improbable e completamente fortuíto, que fixo imposible a restauración dos servizos despois do corte.
 
Na medida na que se puideron recuperar determinados servizos (wifi, páxina web provisional, algunhas contas de correo electrónico, ….) foron activados tentado reducir así ao máximo as graves consecuencias que esta situación provocou en toda a comunidade universitaria.
 
Queremos pedir desculpas a todas as persoas afectadas que durante estes días non puideron usar a tecnoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Agora iníciase un proceso de investigación interna que pretende analizar polo miúdo as causas da avaría, os protocolos de actuación, o plan de comunicación e a solución das incidencias de extrema urxencia. O obxectivo é establecer todas as medidas necesarias para que unha avaría deste tipo non teña o alcance desta ocasión.
 
Agradecemos tamén a comprensión da comunidade universitaria e a magnífica profesionalidade de todos aqueles (estudantes, profesorado, persoal de administración e servizo, equipos de dirección) que non dubidaron en buscar as solución máis axeitadas para cada un dos problemas que xurdiron durante estes catro días. Cabe facer un especial agradecemento ao persoal técnico da Área TIC que en todo momento estivo traballando para que o servizo se repuxera o antes posible.
 
Un cordial saúdo