Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso de apertura do curso académico 2015-2016

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago: Discurso de apertura do curso académico 2015-2016


Sr. Presidente do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, Sras. Vicerreitoras / Srs. Vicerreitores, Sra. Valedora do Pobo, Sr. Secretario Xeral de Universidades, Sr. Tenente de Alcalde de Santiago de Compostela, Sr. Ex-Presidente da Xunta de Galicia, Sr. Fiscal  Superior de Galicia, Sra. Vicesecretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Sr. Subdelegado do Goberno na Coruña, Sr. Presidente do Consello da Cultura Galega, Excelentísimas e ilustrísimas autoridades,  demais membros do equipo reitoral, decanos e decanas, Ex reitores, autoridades académicas, profesores e profesoras, persoal de Administración e Servizos, estudantes, señoras e señores,

Alá contra o final do século XIX , unha parente londinense do escritor Gilbert Keith Chesterton contrataba unha nova criada. Tiña moitas esperanzas porque lle dixeran que era unha sirventa magnífica e moi ben educada. E o era. A muller fora aprendida a que se tiña que alimentar das sobras da súa ama e polo tanto sempre buscaba o xeito de encher máis o prato para poder xantar do mellor xeito posible.

Pero a dona tamén fora ben educada e sabía que non se podía deixar nada no prato. O primeiro día a criada puxo dous anacos xenerosos de touciño, que a ama comeu. O segundo día, a criada puxo cinco coa esperanza de que sobraran un par deles. Pero a ama tamén os rematou. O terceiro día animouse con sete anacos, que a ama tamén lapou completamente. Conta Chesterton que non sabe como rematou a historia, pero probablemente a súa familiar acabase morta de enchenta e a criada morta de fame.

Señoras e señores, amigos e amigas. Cómpre que falemos claro e que nos expliquemos ben para que non nos pase o que conta o magnífico escritor e xornalista británico. Debemos comprender exactamente a nosa función como universidade pública: as nosas obrigas, as nosas posibilidades e a situación na que estamos.

Hai un ano anunciaba tempos difíciles para a Universidade, especialmente para a de Santiago de Compostela e laiábame da obriga que tiña daquela de falar case exclusivamente de economía, de balances e de números vermellos.

A consecuencia daquel aviso foi a creación dun estrito plan económico-financeiro de reequilibrio que busca dous obxectivos. O primeiro, eliminar o déficit e a débeda comprometida nun tempo razoable de tempo. Dito doutro xeito. O plan marca o camiño para abonar os 50 millóns de euros que temos recoñecidos como débeda e corrixir o déficit anual que daquela previamos en 16 millóns de euros e que felizmente foi inferior ao previsto, pero aínda así preocupante.

O segundo, establecer un sistema claro que permita establecer os alicerces dun crecemento sostido nos vindeiros anos e que evitase que esta situación económica crítica se volvera repetir.

O Plan foi aprobado polos órganos correspondentes e comezou a ser aplicado neste ano coas consecuencias tan duras como as que estaban previstas. Tivemos que facer a difícil combinación de axustar ao milímetro a nosa capacidade docente e garantir a calidade aos nosos estudantes e tamén axustamos á milésima todos os gastos, especialmente o capítulo de persoal. Tiñamos ante nós varias posibilidades para facelo e optouse por respectar todos os contratos en vigor a cambio de aplicar unha taxa de reposición extremadamente restritiva.

O calendario aplicado a este plan era tamén claro. Os anos 2015 e 2016 van ser os dos grandes axustes, imprescindibles, na nosa opinión, para que a partir do ano 2017 comece a verse a senda do crecemento e da eliminación do lastre da débeda e do déficit.

Anúnciolles que estamos cumprindo escrupulosamente o pactado e o previsto. No ano 2014 conseguimos reducir o déficit en case dous millóns de euros e as nosas previsións din claramente que o ano 2015 vai supoñer tamén unha redución clara. Pero tamén sabemos que o ano 2016 vai ser un ano de esixencia, no que os incrementos anunciados no novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego non serán suficientes para que a nosa universidade deixe atrás estes anos tan difíciles.

Este curso que agora comeza é o ecuador do furacán no que estamos. Aínda nos queda moito por desbrozar para lograr abrirnos paso nesta selva da crise económica na que está inmersa a nosa universidade e equivocariámonos gravemente se pensaramos que estamos xa na situación que todos desexamos.

Pero esta situación anunciada ten dúas partes, como xa dixen antes. A primeira era a da solución financeira; esta segunda é a creación de mecanismos de crecemento. As liñas xerais de traballo, aprobadas a xeito de Programación Plurianual da USC para o periodo 2015-2018, xa apuntaban unha serie de accións que nos permitirán modernizarnos, crear mecanismos estables e claros de crecemento e concibir unha nova universidade capaz de asumir os retos do século XXI tanto na docencia como na investigación.

Os eixes que marcan esta estratexia son claros, coma o reforzo da especialización e da interdisciplinariedade para ofrecerlle aos nosos estudantes, e por extensión á nosa sociedade, un amplo abano de posibilidades que cubran as súas necesidades formativas. Por iso apostamos por crear unha oferta de títulos dobres capaz de facer que calquera moza ou mozo aplicado, moi aplicado iso si, remate en pouco máis de cinco anos dous graos como Enxeñaría Informática e Matemáticas ou como Dereito e Relacións Laborais. E tamén apostamos por crear un ecosistema que permita unha relación moito máis intensa entre as áreas de coñecemento das ciencias sociais, ciencias xurídicas e as humanidades para lograr que os nosos e as nosas estudantes poidan recibir unha formación máis integral e multidisciplinar. A ese ecosistema chamámoslle Campus da Cidadanía, un proxecto que comezou este ano coa aprobación polo Consello de Goberno da memoria de elaboración do Plan Estratéxico e que aspira a ser o terceiro dos campus especializados de excelencia da Universidade de Santiago de Compostela.

Estamos seguros do éxito porque aprendemos das dúas iniciativas que a Universidade de Santiago puxo en marcha en anos anteriores.

A máis avanzada, sen dúbida, é o Campus Vida, unha estratexia que permite que hoxe falemos de centros singulares de referencia mundial, coma o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), ou o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), ou o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS). Este é un modelo iniciado hai xa varios anos que comeza, xustamente agora, a dar o seus froitos o que demostra que foi unha boa decisión, aínda que o seu camiño estea sendo moito máis complexo do inicialmente previsto.

Un modelo que aplicamos tamén no Campus Terra, a aposta máis importante desta universidade neste curso que conta cun orzamento de case un millón e medio de euros para os anos 2015 e 2016 xa aprobado pola Xunta de Galicia. O Plan Estratéxico do Campus Terra permitirá dar os pasos necesarios para que Lugo se converta no Campus universitario especializado en temas agrarios, gandeiros e forestais máis importante do sur de Europa. Partimos da necesidade da concepción do campus como unha experiencia onde estudantes, profesores e investigadores de todo o mundo, atopen a mellor docencia, a mellor investigación, e o mellor contexto que permita avanzar na creación e na transmisión do coñecemento sobre o sector primario. A terra, os animais, a natureza forman parte da “alma do ser galego”, como xa definiu Álvaro Cunqueiro  ao longo de toda a súa obra, especialmente nos últimos anos da súa vida. A nosa Universidade ten a obriga de traballar sobre os tecidos produtivos do noso pais para solucionar os graves problemas do sector lácteo, por exemplo, que tanto nos preocupa nestes días. Pero entendendo sempre que as fronteiras non están na Canda, nin no Padornelo nin no río Miño. O mellor xeito de traballar sobre o local e asumir o contexto internacional para importar o mellor que fan os nosos colegas de calquera parte do mundo e exportar o que aquí aprendemos para axudar a solucionar os problemas xurdidos máis aló das nosas fronteiras.

So así, con esta filosofía da internacionalización, lograremos consolidar as nosas principais señas de identidade: a de universidade pública e de calidade, preocupándonos tamén en axudar a quen agora ten que marchar do seu país pola guerra ou pola traxedia.

Grazas ao bo facer do profesor Carlos Salgado, encargado neste primeiro ano da vicerreitoría de Internacionalización, comprendemos que a concepción internacional é moito máis que a mobilidade dos estudantes e dos profesores. Recibir e enviar aos nosos e ás nosas estudantes a outros lugares é o que nos define como universidade actual, pero saber que os nosos resultados de investigación e transferencia son de alto interese para calquera lugar do mundo é o que nos converte en universidade de referencia. Este é o mandato principal que como vicerreitora vai asumir a profesora Almudena Hospido, que tivo a ben continuar co traballo iniciado polo profesor Salgado, algo do que sempre lle estarei agradecido. O interese dos nosos resultados, a reputación e a forma de traballar é o que recoñecen os distintos ránkings que, un ano máis, contemplan a realidade da nosa universidade e nos sitúan sempre no grupo de universidades máis importantes do mundo.

Para poder manternos neste grupo, é imprescindible que Antonio Rigueiro e o seu equipo sigan traballando en sistemas agroforestais para que os modelos de produtividade dos montes de calquera lugar sexan mellores. É imprescindible que sigan traballando así pero sen esquecer nunca que estamos nun territorio, cunha cultura e cunhas necesidades concretas. Por esta razón, considero que a lección inaugural que hoxe escoitamos é o claro exemplo do que esta universidade quere ser. Cando o profesor Rigueiro dedica unha das páxinas da súa lección maxistral, a número 48 para ser exactos, ao Carballo do Viño do Pelete, está demostrándonos que o estudo dun sistema agroforestal enriquécese se achegamos a óptica da cultura galega. Este Carballo é o eixe central da vida dunha aldea que o INE identifica con 9 persoas censadas e que é capaz de xuntar a varios miles de cidadáns cada sete de setembro para celebrar a festa da Virxe dos Remedios. É o Carballo que logra que se manteñan tradicións coma a do mordomo, unha persoa á que a vida lle foi ben e que decide agasallar á aldea que o viu nacer asumindo os custes da mellor festa posible durante tres días. É o Carballo que logra que unha compañía aérea teña que flotar un avión ex profeso con cincocentos emigrantes, especialmente de México, para que poidan botar a primeira cunca de viño da festa dos Remedios na súas raíces.

O profesor Rigueiro deixounos claro que para saber moito de enxeñaría forestal, hai que saber moito de cultura, de socioloxía, de psicoloxía social, de matemáticas, de lingua e de economía. Este é o saber universitario e isto é o que a sociedade de lle esixe a un graduado, a un licenciado e a un doutor.

Esta é a lección que nos deixaron os 62 compañeiros e compañeiras que dedicaron toda a súa vida laboral a esta universidade e que hoxe recoñecemos coa entrega da  insignia Fonseca, o noso  fundador. Por sorte, os discursos de María de los Reyes Eliecer Fernández e do meu maestro Alfredo Bermúdez de Castro recordáronnos que esta institución existe grazas ao traballo de persoas como as que hoxe homenaxeamos e que decidiron, hai xa máis de tres décadas, que un dos seus cometidos na vida é o de traballar na formación das novas xeracións, o que provocará que a nosa sociedade sexa mellor. Amigos e amigas grazas por axudar nesta tarefa e grazas por loitar por esta filosofía iniciada por Fonseca hai máis de cincocentos anos.

Neste curso que agora comeza iniciaremos unha fonda transformación das nosas estruturas para poder solucionar dous problemas. O primeiro é o exceso de burocracia na institución, cheo de estruturas que poden ser simplificadas claramente e que nos obrigan seguir procedementos que xa son pouco eficaces. O segundo, é a adaptación dos nosos recursos ás novas necesidades que temos que asumir. Debemos ser conscientes do que temos e das responsabilidades que asumimos diante da sociedade e por iso cómpre que busquemos as mellores solucións.

O primeiro reto neste sentido é cumprir o mandato dos estatutos para crear estruturas departamentais cun mínimo de profesores, e que teñan unha filosofía máis interdisciplinar do que se ten agora. O obxectivo é lograr que os nosos estudantes teñan unha formación máis integral, tal e como nos indican as directrices do Espazo Europeo de Educación Superior.

Dentro da revisión das estruturas académicas é preciso abordar tamén á necesidade e vixencia dalgunhas estruturas de investigación e os seus órganos de goberno así como os seus respectivos cargos directivos para aumentar a súa eficacia e actualizar a súa natureza ás necesidades.

A formación universitaria é un dos puntos de inflexión máis importantes na vida dunha persoa e de todos os que a rodean, empezando pola súa familia. Nas nosas mans está a responsabilidade de converter a un mozo ou a unha moza nun profesional capaz de solucionar os retos técnicos que se lle poñan diante, pero tamén de analizar e comprender as solucións que se lle deben dar aos problemas desde todas as perspectivas posibles.  Sir Ken Robinson déixanolo claro ao longo da súa extensa e magnífica obra sobre a creatividade e a formación cando di que un profesor, especialmente os universitarios, deben preocuparse sobre todo pola xubilación da mocidade. Temos que buscar o xeito de que os nosos estudantes sexan capaces de iniciar un intenso periplo vital profesional, e tamén persoal, do mellor xeito posible e para iso temos que proporcionarlle a formación específica necesaria, aprenderlle a utilizar todo o potencial creativo que temos dentro e, por suposto, reforzarlle os parámetros éticos que debemos ter dentro dunha sociedade coma a nosa. Este sería o mellor xeito de que os mozos e as mozas de agora teñan unha xubilación feliz. Di Sir Robinson que ser profesor universitario debe ser un modo de vida porque o resultado final do noso traballo vai ser o futuro da nosa sociedade. 

Este é o fondo dunha universidade pública coma a nosa. A nosa función social non é só a de formar profesionais de prestixio. Non e só a de crear coñecemento a través da investigación. É tamén, e sobre todo, a de crear unha sociedade presente e futura que garanta e mellore a calidade de vida de cada un de nós e da sociedade no seu conxunto.

Nesta tarefa non podemos nin debemos estar sós. Por iso apelamos constantemente á responsabilidade doutros axentes sociais que nos permitan lograr o noso obxectivo principal. Neste curso que remata tivemos a fortuna de poder negociar para o quinquenio 2016-2020 un novo Plan de Financiamento das tres universidades co goberno autonómico, o responsable principal de proporcionar os recursos económicos necesarios para a nosa existencia. A nosa postura no proceso foi sempre clara, aínda que non sempre compartida por todos. A Universidade de Santiago de Compostela apostou, desde o primeiro día, por un cambio radical na filosofía do modelo de financiamento público para lograr que os principais indicadores estivesen baseados no bo facer de cada un de nós e non nas estruturas que se foron creando cos anos. Pedimos, e loitamos, para que os criterios baseados nos resultados fosen o elemento principal do novo sistema. A sociedade galega, ao noso entender, merece que lle amosemos as evidencias de todo o que facemos día a día e que lle expliquemos o que queremos conseguir para convencela dos recursos que necesitamos. Falamos de produción científica, de transferencia do coñecemento, da calidade dos nosos servizos e da nosa eficacia na formación. Cremos, e así o dixemos sempre, que unha universidade moderna ten que preocuparse moito máis pola eficacia e pola transcendencia do seu traballo e garantir así un avance social constante cara novos e mellores rumbos.

O resultado final do novo Plan verémolo nas próximas semanas e todo apunta a que fomos quen, entre todos, de iniciar unha nova senda neste sentido. Estamos lonxe aínda do que consideramos ideal, pero é certo que a prudencia é sempre unha boa conselleira nestes casos e, pouco a pouco, crearemos os camiños necesarios para lograr un novo escenario financeiro radicalmente distinto ao que temos. Neste proceso todos fornecemos e todos deixamos cousas na maleta pero quizais o máis importante foi a decisión da Xunta de Galicia para aumentar a dotación orzamentaria, un paso fundamental para poder chegar algún día ao investimento público adecuado no sistema universitario . O resultado final apunta a crear un modelo con mellor financiamento e que pouco a pouco converterá o noso traballo diario na ferramenta máis importante para obter a maior parte dos nosos recursos económicos. Estamos, polo tanto, ante unha boa noticia para todos.

Sen embargo, debemos ser conscientes que o modelo de financiamento universitario debe contar tamén con outros axentes. Na universidade pública, o groso das facturas deben pagarse desde os organismos públicos e non do peto dos nosos estudantes. Pero tamén temos que lograr que o tecido industrial e empresarial do pais crea nas nosas capacidades e confíe no noso traballo, especialmente na investigación que facemos, pero tamén na formación.

Por iso, sentímonos orgullosos de saber que temos unha relación estable cun importante conxunto de empresas, galegas e non galegas, que acollen aos nosos alumnos e alumnas para facer as súas prácticas de grao ou máster, que nos confían unha parte do seu I+D e que apostan polo tecido universitario como ferramenta de interese social para o futuro. Temos menos mecenas dos que quixeramos, pero si temos ao noso carón a persoas responsables que entenden que a empresa e a industria son unha pata fundamental de calquera sistema formativo e cómpre  agradecer isto sempre que poidamos. O ano pasado logramos captar un pouco máis de 50 millóns de euros en convenios e contratos alleos ao plan de financiamento público, e iso é unha boa noticia. Logramos asinar máis de un millar de contratos con empresas para que os nosos estudantes poidan facer as súas practicas e poñer o primeiro pé no sistema laboral, e iso é unha boa noticia. Logramos que importantes compañías, coma o Santander, decidisen poñer á nosa disposición algo máis de dous millóns de euros para poder financiar actividades cunha repercusión directa na comunidade universitaria, ou o que é o mesmo, para unha mellor formación universitaria, e isto tamén é unha boa noticia. A todos eles quero amosarlles o meu agradecemento e o desta universidade.

Creamos así un escenario de transferencia do coñecemento que en numerosas ocasións require un plus especial de valentía. Unha universidade de referencia require un compromiso das súas persoas que en numerosas ocasións supera claramente as obrigas marcadas nun papel. En ningún contrato desta universidade, nin de docente, nin de investigador, nin de administración ou servizo, nin de estudante a través da súa matrícula, se esixe ter intención emprendedora. Sen embargo, todos os días nos levantamos con grupos de xente que decide apostar moito máis do esixido polo seu descubrimento e se somerxe no océano do emprendemento. Falamos de persoas que combinan dous aspectos apaixonantes. Primeiro, a sabedoría, porque todo nace do coñecemento. Segundo, da valentía, porque falamos de achegar tempo e cartos do peto de cada un en algo que pode ser un rotundo éxito ou un rotundo fracaso, pero que ten vocación de ser algo importante.

Aparece así un concepto no vocabulario do emprendemento que a metáfora denomina “Val da morte”. É exactamente o que parece que é: un período no que cómpre facer un esforzo solitario moi importante para comprobar se a nosa idea é tan boa como pensamos. É aí, xustamente nese momento, no que o emprendedor precisa a axuda da universidade. É aí onde temos que ter un sistema de persoas e de recursos que permitan ir dando os pasos necesarios para chegar ao éxito. É aí onde todos debemos apostar por lograr acadar unhas metas que co tempo crearán emprego e beneficios sociais claros.

Este equipo de goberno defende, sen tapuxos, o emprendemento universitario e por iso somos os socios fundadores de importantes redes mundiais, coma RedEmprendia. Por iso tamén, acabamos de reforzar a nosa estrutura de apoio á valorización e á transferencia de coñecemento co nomeamento dun adxunto ao reitor para o emprendemento. Apostar polos emprendedores é apostar por xente con moito talento, cun elevado compromiso con todos nós e, se mo permiten, é apostar por nós mesmos porque os proxectos que nacen na universidade teñen sempre unha variable social moi elevada. Pouco a pouco, esta filosofía do emprendemento estase a converter no elemento definitorio na transferencia dos resultados á sociedade e temos que actuar en consecuencia. Por iso, quero agradecer que Manel Cotos aceptase este reto que eu lle propuxen e se converta no meu principal colaborador para que a nosa universidade siga sendo unha das pioneiras en todo o relacionado co apoio ao emprendemento da comunidade universitaria.

A criada da que falaba Chesterton foi aprendida a non deixar pasar ningunha oportunidade para poder alimentarse. Podía limitarse a esperar, pacientemente, a que a gula dos seus amos non fose infinita para poder levar á boca un anaco de comida cada día. Sen embargo, aprendeu tamén que é preciso actuar para que a oportunidade xurda e se converta, antes ou despois, en realidade.

Ese é o eixe central deste mandato e deste curso que agora se inicia: actuar para que xurdan as mellores oportunidades para a comunidade universitaria; traballar para que a oportunidade de ter unha nova facultade de Medicina e de Ciencias da Educación sexa unha realidade nos próximos anos; e lograr adecuar mellor os os recursos e a estrutura que temos á nosa realidade para que o noso sustento tamén dependa dos logros que acadamos.  Esta é a universidade que desexamos e que só conseguiremos coa axuda de cada un de vostedes.

Dixen