Saltar ao contido principal
Xornal

Xabier P. Docampo: in memoriam, por Blanca-Ana Roig Rechou


Volverás a coller ras, a xogar á billarda ou disfrazarte con cartóns polo Nadal, pasaron os anos paseniño, como dicías que transcorría a vida dos nenos. Para nós tamén pasou a modiño a túa compañía, o teu narrar, o teu contar, pero queda o teu legado, esa inmensa obra que fixo visible e recoñecida a Literatura Infantil e Xuvenil galega e universal.

Fomos golpeados o martes 26 de xuño co falecemento de Xabier P. Docampo entregado desde neno á creación literaria a partir dos contos que lle relataban os seus pais, como se pode constatar en Cando petan na porta pola noite, obra que mereceu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Foi un docente innovador, participou nas asociacións e institucións que se volcaron na posta en valor da lingua e cultura galegas en momentos difíciles, labor que continuou até a súa despedida. Un creador excepcional, tocou formas e temáticas innovadoras tanto para a nenez coma para a mocidade. A ironía, o humor e a sorna enche a súa obra caracterizada polo bo facer.

Os recoñecementos en vida non lle faltaron, por iso tampouco podemos faltar na despedida os que, desde a Universidade de Santiago de Compostela, nos dedicamos a investigar a Literatura Infantil e Xuvenil, tan necesaria para conseguir os lectores que quería Xabier P. Docampo e polos que loitou sempre aínda que sabía, como dicía Jorge Manrique (Coplas a la muerte de su padre) que

Nuestras vidas son los ríos

que van a dar en la mar

que es el morir

allí van los señoríos

derechos a se acabar

y consumir

Grazas por todo o que nos deixas.