Saltar ao contido principal
Xornal  »  MANIFESTO DE REXEITAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO. 25 DE NOVEMBRO 2015

MANIFESTO DE REXEITAMENTO DA VIOLENCIA DE XÉNERO. 25 DE NOVEMBRO 2015


Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres a USC difunde este manifesto para facer explícito o seu rexeitamento desta lacra social. Para a redacción deste documento conta coa colaboración dos seus grupos de investigación expertos en xénero. Este ano é a Unidade de Psicoloxía Forense a encargada da súa elaboración.

A violencia de xénero non coñece de lingua, de territorios, de culturas, pero si de quen a exerce, o home sobre a muller, especificamente sobre a súa propia parella. É, xa que logo, cousa de homes contra mulleres. Agora ben, non son os homes, senón algúns homes. Estatisticamente, a violencia de parella non sería unha característica identificativa do varón. En suma, a maioría dos homes non son violentos contra a muller, pero non exercer a violencia non é suficiente, é necesario que o varón dea un paso á fronte en todos os sentidos para afrontar esta pandemia. A total erradicación da violencia de xénero só se alcanzará se os varóns se enfrontan directamente en todos os sentidos cos agresores. Ata este momento, este paso á fronte foi máis ben tímido. Por iso é esixible aos homes, como colectivo, un paso cara adiante decidido fronte aos maltratadores, como símbolo atávico.

Transcorridos 10 anos da entrada en vigor da Lei 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, cuxo obxecto era erradicar a violencia contra a muller, os datos apuntan a que a cifra de feminicidios, aínda que en pouca medida (aproximadamente o 10%, desde unhas 61 na serie histórica a unhas 55 nos últimos anos) reduciuse. Pero unha son moitas. Non cabe autocomplacencia, mentres non haxa ningunha. Ademais, serviu para a súa visibilización de modo que as cifras de denuncias, con datos de 2007 a 2014, mantivéronse máis ou menos estables, unhas 131.500.

Con todo, a relación entre denuncias e condenas  é realmente moi preocupante: só en torno a 1 de preto de cada 5 mulleres (4.60) que denuncian ser vítimas de violencia de xénero obtén respaldo en sentenza xudicial á devandita denuncia (±22%), o que obriga a buscar as causas desta. A primeira e obrigada lectura desta desoladora realidade pasa por confrontar se é a absolución a causa desta disfunción, pero só ao redor de 1 de cada 7 denuncias, termina coa absolución do denunciado. É dicir, a absolución, con ser unha causa importante (±14%), non é a principal da baixa taxa de condenas. Nas mesmas estatísticas dáse conta doutras dúas causas importantes: a  renuncia  á  denuncia  e  o  sobresemento.  As  renuncias,  como  unha  causa  de  extrema transcendencia desde o punto de vista xudicial e das políticas de igualdade, e malia que non é admisible unha taxa que non sexa cero, numericamente pode chegar a explicar ao redor do 12% de casos non axuizados (a relación non é directa ao poder continuar a Fiscalía co caso polo que podería concluír o caso en sobresemento ou absolución fundada maiormente en falta de persistencia na incriminación, ou ata, aínda que se supón en escasa medida, en condena). O sobresemento da causa si explica, en gran parte, a baixa relación entre denuncia, por unha banda, e axuizamento e condena, por outra. En torno ao 40% das denuncias terminan no sobresemento da causa. Aínda que as análises das decisións xudiciais apuntan numerosas motivacións xudiciais para a desistencia do caso ou a absolución, as dificultades dimanantes da carga da proba son as máis importantes.

O testemuño da vítima non resulta ser proba suficiente porque choca facilmente co criterio xurisprudencial de incredibilidade subxectiva despois de que a vítima pode mostrarse parte na causa. Para dotalo de valor de proba, este ha de estar rodeado de certas corroboracións periféricas de carácter obxectivo que o doten de aptitude probatoria (criterio xurisprudencial de verosimilitude). Como medios  de corroboración periférica, recórrese fundamentalmente a dúas: os atestados policiais, que acompañan á denuncia en case a totalidade dos casos denunciados, e os partes médico- forenses de lesións , que se practican como proba en aproximadamente o 11% dos casos que, en todo caso, as decisións xudiciais apuntan como insuficientes. Para paliar estes inconvenientes, desde a ciencia, en concreto desde a USC, creáronse dous medios de proba únicos que cumpren os criterios de proba científica con valor forense (Daubert standard): o estudo da credibilidade do testemuño, que a análise de sentenzas xudiciais corroborou que achega valor de proba ao testemuño  da denunciante no  98.3% dos casos, e a avaliación forense do dano psicolóxico, carga da proba ineludible cando a violencia exercida é psicolóxica (sen dano, cuxa carga da proba corresponde á acusación, non hai vítima e, xa que logo, caso). Desafortunadamente, o uso destes medios de proba é moi reducido.

Cando unha vítima non obtén amparo xudicial (unhas 102.000 ao ano) á súa denuncia non só se lle fallou, senón que se lle volve a vitimar, á vez que se empoderou ao maltratador, e déixaselle nunha situación de risco extremo de revitimización de xénero.

O momento máis vinculado co exercicio da violencia de xénero é a ruptura de parella. De novo, desde a ciencia e a Universidade de Santiago deuse un paso á fronte, nese momento crítico e dirixido á poboación diana, parellas separadas con fillas e fillos, co deseño e implementación de programas e actuacións (coordinación de parentalidade) cos que corrixir e afrontar o risco de violencia.

O poder lexislativo e a ciencia cumpriron coas súas funcións, lexislar en favor da erradicación da violencia de xénero, crear medios de proba para demostrar a vitimización e dotar de valor de proba ao testemuño da denunciante, e crear medios de intervención en contextos de risco. Corresponde ás autoridades administrativas, políticas e xudiciais corrixir estas disfuncións, sendo un deixamento non usar os medios postos á súa disposición.