Saltar ao contido principal
Xornal  »  Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago: Discurso de San Tomé (29-1-2016)

Juan Viaño Rey, reitor da Universidade de Santiago: Discurso de San Tomé (29-1-2016)


O 29 de novembro de 1812, Napoleón Bonaparte sufriu a gran derrota final da frustrada conquista de Rusia. Nun pequeno lugar preto de Borisov, na actual Bielorrusia, o exército ruso puxo fin á invasión do exército francés e comezou así unha nova etapa na historia de Europa. Napoleón documentou o desastre de Berezina e deixou escrita unha frase que logo recuperaron xente como Rockefeller: “Os afeccionados estudan táctica, os profesionais estudan loxística”.

 
Señoras e señores, hoxe quero falarlles do que levamos feito ata o de agora e do grao de cumprimento dos nosos compromisos adquiridos ante a comunidade universitaria hai agora ano e medio. O ano 2015 foi o de definir as estratexias pero agora chega o momento de realizar todo o necesario para lograr que a nosa universidade siga sendo o referente para máis de 24.000 familias que depositan en nós o futuro dos seus fillos e das súas fillas. Se non utilizamos cada recurso que temos do xeito máis efectivo, non seremos capaces de seguir avanzando na senda da calidade na docencia e na investigación.
 
Hai un ano anunciaba aquí o importante reto económico que tiña a universidade de Santiago. Estabamos nunha situación de déficit constante que xa superaba os 14 millóns de euros e que nos estaba levando a unha situación extrema. O compromiso era claro: tiñamos que traballar para mellorar as nosas fontes de financiamento, fundamentalmente tres. A primeira, o financiamento público xurdido na administración autonómica. A segunda, a través da mellora na captación de estudantes e por último, aínda que non menos importante, traballar para acadar máis e mellores recursos para a investigación.
 
Estas tres directrices son as que definiron a acción de goberno durante o ano 2015 logrando uns resultados que conseguiron erradicar o déficit anual que viñamos arrastrando. Por primeira vez desde hai varios anos, fomos capaces de gastar menos do que ingresamos, o primeiro paso firme sen dúbida para comezar a construír a universidade compostelá do século XXI.
 
Isto logrouse co esforzo de todos vostedes, ben por seren da comunidade universitaria, ben por seren actores sociais de gran relevancia para o sistema educativo de Galicia. O compromiso de todos e todas logrou mellorar o financiamento público para a universidade, aumentar o número de estudantes que escolleron á nosa universidade para iniciar o seu ciclo profesional e mellorar sensiblemente a nosa capacidade de captación de fondos para investigación.
 
Non pretendo aquí facer un discurso contable da economía da universidade, pero debemos ser conscientes de que lograr un incremento orzamentario de case 20 millóns de euros e aumentar a matrícula de novo ingreso nun 2% supón un fito importante con consecuencias moi positivas durante toda a década.
 
Lugo é un claro exemplo da nova situación. Neste campus temos dous retos que debemos asumir con firmeza e con determinación. Non basta con dicir que Lugo é unha cidade estupenda para estudar, que o é, nin que as nosas titulacións son punteiras en cada unha das súas ramas. Non basta con dicir que o sector primario é unha das fonte de riqueza máis importantes do século XXI. Non basta con dicir que a formación interdisciplinar que se recibe en Lugo vai ser a garantía de futuro de moitos dos nosos mozos e mozas.
 
Chegou o momento de aplicar a loxística a este modelo do que estamos plenamente convencidos. Os tempos actuais esixen medidas concretas e constantes que apunten na mesma dirección e non podemos permitirnos votar máis tempo facendo análises estratéxicos.
 
Esta é a principal novidade do ano 2016. Xa temos constituído o Campus Terra, o modelo de especialización que aspira á excelencia internacional e que vai lograr definir o futuro de boa parte do tecido industrial, social e económico galego.
 
Queremos que todos aqueles que dediquen o seu talento a mellorar os nosos alimentos, a nosa paisaxe, os nosos animais, as nosas árbores, as nosas hortas e veigas, a nosa saúde e a nosa calidade de vida teñan os mellores profesores e as mellores instalacións.
 
Queremos que unha estudante ou un estudante que chega aquí para aprender Veterinaria ou Administración de Empresas atope os mellores recursos para converterse nesa persoa que nos vai solucionar os problemas da próxima década. Queremos, en definitiva, que Lugo sexa a referencia do sur de Europa para as ciencias  do agro e dos animais e iso só se consigue con talento, con esforzo e por suposto, con cartos.
 
Sen embargo, non debemos caer na tentación nin de crer que todo se soluciona con euros nin que en Lugo non se poden conseguir cousas importantes.
 
Concepción Arenal, en plena loita polo recoñecemento dos dereitos da muller, finalizaba boa parte dos seus discursos coa mesma idea: “todas as cousas son imposibles namentres o parezan”. Esta visión é a que permitiu a xenios coma a propia Concepción Arenal ou Clara Campoamor cambiar as normas sociais que facían imposible que a muller tivese os mesmos dereitos cós homes. Foi a que permitiu que rapaces, coma Eduardo Barreiros, nacidos nas aldeas máis pobres do interior de Galicia se convertesen en empresarios que chegaron a ter industrias de máis de dez mil traballadores. Foi a que permitiu que un mozo que estudou veterinaria nestas aulas se converta nun dos principais referentes para solucionar os problemas en saúde pública do mundo a través da mellora dos alimentos e do estudo de enfermidades de animais.
 
Falo do profesor Javier Guitián que estivo aquí hai unha semana e que nos deixou unha mensaxe clara. A mellor investigación, e polo tanto a mellor docencia, debe ser relevante, aplicable e accesible.
 
Este modelo é o que debemos aplicar a todo o que facemos na universidade. As decisións que tomemos deben ser relevantes para mellorar a formación de todos os nosos estudantes. Temos que traballar nunha oferta docente que permita abrir expectativas á mocidade que desexa dedicar a súa vida a unha determinada profesión ou disciplina.
 
Pero non confundamos relevante con masiva. No mundo só 1.000 persoas recibiron o premio Nóbel, pero o seu traballo é fundamental para toda a humanidade.  Seríamos cínicos se pensaramos que unha titulación deixa de ser necesaria só polo seu número de estudantes sen ter en conta a súa relevancia, a súa aplicabilidade e a súa accesibilidade. Na Universidade de Santiago temos claro que en Galicia fai falta formación de alta calidade en Bioloxía Mariña, en Enxeñaría Civil ou en Filoloxía Galega, por poñer só tres exemplos.
 
Entendemos, sen embargo, que hai que adecuar o mellor posible os recursos dispoñibles ao interese da cidadanía. Por iso, establecemos pautas de mellora e optimización naqueles casos nos que a titulación correspondente non logra os mínimos razoables para subsistir e créanme cando lles digo, que non pretendemos defender a existencia de títulos oficiais contra vento e marea. Queremos garantir, simplemente, o mellor xeito de formar á xuventude de hoxe para que todos teñamos un mellor futuro mañá.
 
Ese mesmo futuro, nacido de algo que tamén parecía imposible, é o que nos recordou hai uns minutos o profesor Rodríguez Núñez. O cambio climático e a calidade ambiental está en practicamente todas as axendas dos líderes do mundo. Ben é certo que hai diferenzas importantes no enfoque, na dimensión, no xeito de solución e na gravidade da situación. Tal e como di o profesor Rodríguez, a quen lle agradezo esta magnífica lección maxistral, se non tomamos todos consciencia do problema que temos entre as mans non conseguiremos avanzar como sociedade.
 
Se mo permiten, o cambio climático e a contaminación son un claro exemplo do enfoque que se lle deben dar aos grandes problemas. A contaminación ten consecuencias globais para todos, especialmente para os países máis pobres que non teñen nin a mínima oportunidade de intervir nos procesos de crecemento económicos e sociais, pero que viven necesariamente dependendo das grandes potencias. Sen embargo, a orixe do problema e extremadamente local. Cada acto que facemos na nosa vida cotiá e cada cousa que decide o goberno dun pais coma o noso, ten unha consecuencia imporante no problema global. Nacen así os retos da educación ambiental e da investigación na sostibilidade e nas enerxías renovables. De novo a necesidade fixo que a ciencia e a docencia orientara os seus ollos cara a necesidade real da sociedade.
Ese é o sentido dunha universidade pública como pode ser a de Santiago de Compostela. Debemos ir sempre un paso por diante das preocupacións sociais para aportar as solucións que se precisen en cada momento.
 
Os tempos actuais xa non nos permiten vivir do noso glamour ou da nosa historia.  Necesariamente temos que render contas á nosa sociedade de demostrarlles día a día, ano a ano, todo o que facemos en prol do ben común. Por iso, non podemos aceptar modelos de financiamento público baseados en estruturas centenarias. Temos que pedir, alto e claro, un modelo que permita medrar a partir dos bos resultados obtidos cada ano.
Esa idea é a que trasladamos ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia e entre todos logramos que as universidades públicas teñamos que aumentar o noso grao de esixencia para lograr obter resultados que agora parecen imposibles, pero que non o son.
 
O mesmo pensaba José Fernández López que soñou con crear unha empresa pesqueira de referencia mundial desde Lugo e só lle fixo falta a ilusión, o esforzo e a compañía dun socio coma o magnífico Valentín Paz Andrade para crear, por exemplo, Pescanova. A idea que sustenta o éxito deste proxecto parecía tan simple coma obvia. Só tiñan que lograr facer todo o proceso de conxelado en alta mar. Para logralo houbo que mesturar ciencia, tecnoloxía, coñecemento, valor e recursos económicos. Se lle engadimos a todo isto talento, o resultado é xa o que vostedes coñecen. Lamentablemente o tempo tamén é un factor fundamental en todos os procesos e o paso dos anos levou a este emblema por camiños nin desexados nin previstos.
 
Por iso, cómpre consolidar no tempo cada decisión que tomamos. Hoxe poderiamos aumentar sensiblemente o noso cadro de profesorado pero xa sabemos que volveriamos entrar en déficit o ano próximo. Hoxe poderiamos activar mecanismos exclusivos de promoción que permitisen satisfacer as lexítimas aspiracións de todos aqueles que fixeron méritos para poder mellorar a súa categoría laboral, pero xa sabemos que non solucionariamos o grave problema de avellentamento de profesores e profesoras. Hoxe tamén poderiamos promover unha política expansiva de captación de científicos de reputado prestixio para mellorar a nosa investigación, pero temos claro que non podemos crear un escenario que nos someta a unha crise como a actual.
 
Decisións desacertadas ou esaxeradas agora provocarán catástrofes dentro duns anos. A nosa responsabilidade, a de todos e todas, non pode reducirse a un período máis ou menos limitado no tempo. Temos a obriga de marcar os mellores rumbos para máis de cincocentos anos de historia que lle deron a Galicia e ao mundo grandes científicos, investigadores e docentes.
 
É fundamental que sexamos conscientes das nosas limitacións e das nosas obrigas. Desde Viveiro ata Tui e desde Ferrol ata o Barco de Valdeorras saben que a universidade compostelá é garantía de obter a mellor formación posible en máis de medio cento de disciplinas. Desde Alaska ata Australia, sábese que nesta universidade se xera coñecemento capaz de solucionar problemas importantes en disciplinas como a ciencia forense, a nanotecnoloxía, a farmacoloxía, as matemáticas ou a veterinaria.
 
Esa reputación que temos non pode verse enturbada pola maquinaria que nós mesmos creamos para xestionarnos. Non podemos alimentar un sistema que requira de centos de reunións interminables, ducias de acordos en órganos de goberno e un sen fin de normas reguladoras.
 
Se queremos ser áxiles na xestión e ter máis tempo para a produción temos que tomar medidas claras e concisas, como pode ser un novo mapa de departamentos que reduza sensiblemente as 76 unidades que temos na actualidade.
 
A burocracia tende a ser o inimigo da eficacia e temos que facer todo o posible para non enlodarnos en cada paso que damos.
 
É certo que debemos conciliar estas ansias de axilidade coas garantías mínimas necesarias para que os procedementos estean asegurados pola legalidade, pero temos que ser valentes nestes temas. Debemos buscar o consenso sempre, pero sen esquecer o ben común e por iso quero agradecer aquí o traballo dos directores de departamentos, que defendendo os seus lexítimos intereses, souberon ver a dimensión global do novo escenario que vai dar mellores resultados dun xeito inmediato.
 
Pero teñan claro que os departamentos non son a única variable da organización que require unha remodelación. Ao seu carón están os institutos de investigación, os servizos e as unidades. Todas requiren unha actualización e cambios máis ou menos importantes. Sen dúbida, este é un proceso que non podemos executar de xeito inminente en todos os casos, pero si temos a obriga de establecer os modelos mellores para aplicarse ao longo dos vindeiros anos. E non só falamos de estruturas, senón tamén de normativas e regulamentos que deben ser actualizados, desde os Traballos de fin de Máster e Grao ata o doutoramento ou os procedementos de calidade.
 
Os primeiros en agradecer esta xestión máis eficaz serán os nosos estudantes, a nosa principal razón de ser.
 
Por iso temos que preocuparnos máis de María, que non recolleu a súa medalla de ouro nas competicións de atletismo porque non puido pagar a súa inscrición. E tamén de Macarena, que decidiu doar á universidade unha cámara de fotografía que gañou nun premio para que outros puideran aprender mellor as técnicas da arte que ela ama. Ou de Luís, que está facendo un dobre grao aquí en Lugo, e que necesita combinar os seus estudos cun traballo a tempo parcial para poder axudar á economía familiar. Ou de Nacho, que quince anos despois de abandonar a carreira porque a vida llo requiriu, decidiu volver ás aulas para rematar o que empezara do mellor xeito posible, con matrículas de honra.
 
A todos eles, e a 24.000 máis, vémolos todos os días nos corredores, nas aulas e nos nosos laboratorios. Temos que ser conscientes da responsabilidade que temos entre as nosas mans e debemos facer todo o posible para lograr o obxectivo marcado na nosa misión: o de formar e o de investigar para ampliar o coñecemento.
 
O liderado da Universidade de Santiago neste século XXI non é unha elección entre estar nos postos destacados dos rankings, que o estamos, ou estar preocupados polo día a día dos nosos estudantes. Unha universidade de prestixio conséguese se somos capaces de mesturar a mellor investigación, coa mellor docencia e cos mellores servizos á comunidade universitaria e á sociedade en xeral. Non debemos caer na tentación de conformarnos con despuntar nun eido concreto da ciencia, se os nosos estudantes non lograr atopar un traballo acorde coa súa formación nun tempo razoable.
 
Tampouco podemos tranquilizarnos ao ver partir a cada un dos nosos alumnos e alumnas o último día do curso. Temos que preocuparnos, e moito, por axudar aos nosos graduados na dura tarefa de incorporarse ao mercado profesional. Por iso iniciamos unha nova estratexia para mellorar as posibilidades de empregabilidade e emprendemento da comunidade universitaria. Nos últimos dez anos, as 25 empresas máis destacadas que naceron na USC lograron facturar máis de 16 millóns de euros e dar emprego a máis de 250 persoas.  Iso é apostar polo emprendemento. Iso é forza. Iso é liderado, e por esa razón imos seguir aplicando este modelo dun xeito máis intenso.
 
Señoras e señores, amigos e amigas. Debemos superar os tempos da táctica e centrarnos na loxística. Debemos combinar a solución dos pequenos problemas cos grandes asuntos que temos para esta década. Debemos avanzar a unha velocidade máis alta cara os grandes retos que temos ante nós, como a docencia personalizada a través das novas tecnoloxías ou a mellora dos nosos indicadores de eficacia e eficiencia.
 
Ese camiño non pode ser exclusivo nin dun equipo de goberno, nin dun Consello de Goberno, nin dunha decana nin dun director de departamento. Ese camiño é o da comunidade universitaria que precisa loitar pola calidade, pola eficacia e polo traballo ben feito.
 
E ese compromiso véxoo todos os días no conserxe que abre as portas da facultade, no xardineiro que ten todo listo para que os rapaces aproveiten a primavera, na bibliotecaria que ten todo perfectamente ordenado para atopar o que se busca á primeira, no profesor que prepara ata tarde as súas clases para poder dar resposta a esa alumna que sempre busca ir máis alá da explicación, no xefe de servizo preocupado de que os expedientes non avancen á velocidade que deberan e por suposto, desa rapaza ou dese rapaz que deixou a súa casa a uns centos de quilómetros para cumprir o soño de vivir facendo o que máis lle gusta.
 
Esa é a universidade que eu coñezo. Esa é a universidade que eu quero e a que me fai ter confianza no noso futuro.
 
Dixen