Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso do acto de apertura do curso 2016-2017

Juan Viaño, reitor da USC: Discurso do acto de apertura do curso 2016-2017


Saúdos

Hai uns meses recibín unha das chamadas máis inesperadas da miña vida, que co tempo se converteu nunha gran alegría. Un responsable da elaboración do Ranking de Shanghai solicitábame unha conversa para comprender ben unha serie de decisións que tomamos nos últimos dous anos e que lle permitiron a esta universidade avanzar significativamente no ranking, que xa é a principal referencia para medir o éxito das universidades de todo o mundo.

Esperaba un cuestionario complexo, cheo de datos e de detalle, pero o certo é que me equivoquei. Descubrín que o Ranking de Shanghai tamén se preocupa por coñecer as causas das decisións e as súas consecuencias para concluír se estamos ante unha universidade de prestixio ou ante unha colección de números.

Na conversa trasladouse unha pregunta que me fixo reflexionar fondamente sobre a importancia dun sistema público de educación superior nun lugar coma este, onde os romanos xa daban por perdidas todas as esperanzas de seguir atopando terra.

Os de Shanghai querían saber o xeito que temos de xestionar o fracaso. Un concepto que parece desterrado da nosa linguaxe pero que resulta ser absolutamente imprescindible para chegar nalgún momento ao éxito. Aprendémolo de psicólogos coma Dacher Keltner, da Universidade de Berkeley e Paul Ekman, da Universidade de San Francisco. Os dous nos explicaron nos seus tratados, e incluso a través do cine, que o sentimento de tristeza é fundamental no equilibrio emocional de calquera persoa; e sen tristeza, ou o que é o mesmo, sen fracaso, nunca atoparíamos o camiño correcto para chegar ás metas que nós mesmos nos temos que impoñer cada día.

Os responsables do Ranking de Shanghai querían saber como afrontamos desde a Universidade de Santiago de Compostela os acontecementos aborrecidos por todos: desde o suspenso nas materias ata o fracaso nas negociacións ao máis alto nivel. Non preocupaba tanto saber se tiñamos programas específicos para os estudantes que fracasan na súa titulación, que os temos; nin tampouco era importante afondar sobre os mecanismos de xestión do fracaso na docencia por parte dalgúns profesores, que tamén os temos. Interesaba saber como incluíamos a xestión do fracaso na formación dos nosos estudantes, nos métodos de traballo dos nosos investigadores ou na xestión diaria dos que temos a responsabilidade de gobernar unha institución coma esta, que ten máis de 4.000 traballadores e case 30.000 estudantes.

Amigos e amigas, na conversa que tivemos descubrín tres cousas. A primeira, é que os rankings teñen algo de alma, aínda que non o pareza. Segundo, que a interpretación é un elemento consubstancial aos datos, e polo tanto cómpre explicar cada unha das decisións que se toman, especialmente á sociedade que nos avala; e terceiro, hai elementos da vida universitaria que non tratamos como é debido , quizais saturados por burocracias moi discutibles e por negociacións interminables que nos afastan ás veces dos problemas máis importantes. Iso é algo que debemos cambiar, centrándonos un pouco máis en aspectos da docencia e da investigación que non foron atendidos como se debera nos últimos anos.

Un deles é, sen dúbida, a concepción que temos desde os estamentos universitarios dos obxectivos que debemos acadar cada día. Teño a fortuna de estar nesta mesa acompañado dos meus colegas reitores das Universidades da Coruña e de Vigo, así como do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en representación do presidente da Xunta de Galicia, o máximo organismo executivo que temos nesta terra. Esta é unha fotografía do consenso, do acordo e da loita polo interese común.

Non se nos pode pedir a ningún que só nos preocupemos polo interese xeral e desatendamos o interese particular. Cada reitor e cada conselleiro debe velar polos seus administrados e nos procesos de negociación é lícito e imprescindible que cada un defenda o que considera mellor para a súa universidade. Sabemos o que Woody Allen plasmou en máis dun diálogo: “A clase unida non colle pola porta”; pero somos todos conscientes da necesidade de garantir unha formación de calidade para os nosos mozos e as nosas mozas. Eles son o futuro que nos espera e seríamos uns irresponsables se non entenderamos a importancia de ter unha docencia e unha investigación universitaria semellante á de calquera lugar do mundo.

Nesta etapa da historia debemos combinar con certeza as conviccións e o consenso. Estamos convencidos dun modelo de formación público. A principal beneficiada de ter unha poboación ben formada é a sociedade e, polo tanto, cómpre que todos poñamos algo do noso peto para que David, un mozo que estudiou bioloxía a primeiros dos anos 90, sexa hoxe unha das maiores esperanzas na loita contra o cancro e que traballa desde Vigo. Cómpre que todos poñamos algo do noso peto para conseguir que Héctor, de Monforte, sexa recoñecido coma un dos mellores investigadores en matemáticas de Europa que atopa solucións para a enxeñaría e para a saúde desde A Coruña. Cómpre que todos poñamos algo do noso peto para conseguir que Diego, un rapaz de Foz, se convertese no mellor investigador mozo da Física de Partículas de Europa e lograra convencer a todo un comité de sabios da importancia de investir case dous millóns de euros nunha investigación en Santiago de Compostela, para lograr aumentar o coñecemento sobre as pequenas partículas que forman a materia na que vivimos.

Ningún deles lograría todos estes éxitos de non ser pola estrutura de educación pública que temos. Poderiamos caer na tentación de pensar que a boa educación é algo caro que debe ser asumido exclusivamente polas familias dos interesados. Tamén poderiamos caer na tentación de pensar que a educación pública, polo feito de ser case gratuíta, é de baixa calidade. Pero todos os aquí presentes somos conscientes de que a historia non se constrúe con falacias, senón con resultados.

As universidades, iso si, tampouco podemos pretender existir pola nosa historia ou polo que fixemos no pasado. Temos a obriga de atender ás necesidades da sociedade dun xeito áxil, eficaz e transparente e non podemos caer nunca no conformismo de pensar que polo mero feito de ser públicas xa somos inmortais. Os pais de Diego, de David ou de Héctor confiaron en nós algo dun valor incalculable, como é a educación dos seus fillos. E creo que o fixemos ben. E tamén o fixemos ben con Tatiana, Marta e Ana, que estudiaron en Galicia hai pouco máis dunha década e que agora dirixen empresas que nos fan a vida máis fácil a todos.

Estes son os resultados. O demais son opinións, fundamentadas en percepcións do pasado e que están moi lonxe da realidade. Non debemos falar xa máis, polo tanto, do número de universidades, senón dos resultados formativos e de investigación que aportan cada ano á sociedade. Os debates dos oitenta deben quedar nos oitenta, e os debates do ano 2016 deben centrarse en como formar aos mellores médicos, avogados, economistas ou químicos. Os debates do segundo milenio deben ser como descubrir ou inventar a solución ao cancro, ao racismo ou á alimentación mundial. Ese é o lugar no que estamos aquí e ese é o lugar onde está o resto do mundo.

A nosa responsabilidade é grande e non podemos cometer erros do pasado, como os descritos hai uns minutos polo profesor Veiga na súa magnífica lección inaugural. A falta de profesionalidade de tres copistas hai cincocentos anos deixaron mal documentada unha parte importante da nosa Historia. Esta mala praxe do pasado impide coñecer ben a un personaxe transcendental, como é o Conde Ferrán González, un dos principais loitadores contra o exército de Abderramán III e tamén contra o goberno do rei Ramiro II de León.

Non poder coñecer ben ao Conde, implica ter unha serie de lagoas importantes nun momento crítico da nosa Historia, cen anos antes da aparición do reino de Galicia, e sementa unha dúbida razoable de como sucederon as cousas naqueles tempos. Grazas ao esforzo de investigadores, coma o profesor Veiga, podemos dedicar recursos a estudiar as decisións do pasado, que dun xeito ou doutro, son o alicerce principal do noso presente. Como ben deixou escrito o Premio Nóbel Severo Ochoa, “La ciencia siempre vale la pena porque sus descubrimientos, tarde o temprano, siempre se aplican”. E fíxense que o dixo un reputado investigador, que, por certo,  tamén tivo os seus fracasos, incluso nesta universidade, cando no ano 1935 non logrou gañar a cátedra de medicina. E como concluíu o profesor Veiga, cómpre que os especialistas estean ben formados para lograr ir encaixando as pezas no puzzle que conforma a nosa vida.

A sociedade, ou o que é o mesmo, os estudantes, os seus pais e as súas nais, os seus avós e avoas, os empresarios que os contratan, os seus clientes, ... cómpre coa súa obriga cando nos esixe mellores resultados. Teñen razón cando nos piden unha menor burocratización, e por iso somos xa varias as universidades que decidimos adelgazar estruturas de goberno, como é o caso dos departamentos, que nos permitan maior dilixencia e destinar recursos a funcións máis importantes a día de hoxe.

Pero tampouco debemos caer na tentación da destrución masiva para construír novos reinos de taifas e facer boa a teoría bélica de crear guerras para que todo quede igual. Iso, ao noso entender, é un erro que non debemos cometer. Debemos axilizar os procedementos administrativos, e tamén crear mecanismos adaptados aos nosos tempos que nos permitan atender mellor aos estudantes que nos chegan pola porta, xa sexan nacidos no Valadouro (Lugo) ou en Quito (Ecuador). Todos eles merecen amabilidade no trato e eficacia na xestión, e por iso temos que destinar tempo e recursos a estudiar e modificar as estruturas que xa non resultan tan válidas coma cando foron deseñadas. Desde aquí, sempre defenderemos os cambios por evolución, non por revolución, e por iso cómpre traballar en novos modelos de xestión que nos permitan, nun futuro próximo, dedicar máis recursos á docencia, á investigación e a transferencia do coñecemento e menos ás nosas tripas.

A sociedade ten razón cando nos pide concentrar os nosos esforzos na especialización en temas nos que podemos ser excelentes. Por iso, por exemplo, na Universidade de Santiago de Compostela encetamos un proceso de reestruturación dos nosos institutos de investigación para convertelos en verdadeiros aglutinadores e xestores do esforzo dos nosos investigadores e grupos de investigación... e tamén vimos de aprobar unha reestruturación das nosas escolas de doutoramento internacional e da nosa organización de títulos propios, acorde coas agrupación estratéxicas e os campus de especialización da nosa universidade (Vida, Terra e Cidadanía) que seguimos empeñados en desenvolver cada día con maior intensidade.

A sociedade tamén ten razón cando nos pide mellores profesores e profesoras. Por iso, varias universidades establecemos plans de renovación do cadro de docentes que nos permitan continuar coa formación de calidade. Somos conscientes de que unha boa universidade non a fan nin os seus edificios, nin os seus metros cadrados. Unha boa formación só se logra con bos profesores e profesoras e con bos alumnos e alumnas.

En Santiago, por exemplo, marcamos un camiño que comeza xa a dar os seus froitos e que se inicia na consolidación dos profesores que demostraron durante varios anos a súa valía e que, por circunstancias varias, non logramos darlle a oportunidade de optar a unha praza estable. Cremos firmemente que a condición laboral dos traballadores, tanto da docencia como da investigación, a administración e os servizos, é un paso imprescindible para poder crear os mecanismos de transmisión de coñecemento eficaces e garantir a calidade universitaria.

Tamén sabemos da importancia da renovación do profesorado e do Persoal de Administración e Servizos e da incorporación de novas persoas á carreira académica, especialmente nas áreas onde xa existe un problema cuantitativo de docentes. Agora ben, non podemos trabucarnos, nin facer mal os números porque do contrario volveríamos a tempos críticos pasados onde a ampliación do cadro de persoal non estaba avalada polas necesidades que requiría a institución.

Ese erro non o debemos volver cometer, porque xa sabemos o que nos trae. E como sabemos o que é estar en situación crítica, debemos facer entender que a solución non sempre pasa polo incremento de orzamentos nin de financiamento, senón pola responsabilidade de organizar ben os recursos humanos e o compromiso de traballar con ética, dignidade e dedicación.

E por iso cremos tamén na promoción. Lamentablemente o marco normativo non nos axuda moito, ao non definir un itinerario claro de promoción persoal dos docentes e investigadores e obrigándonos a destinar moitos máis recursos económicos e de tempo dos que serían necesarios. Aínda así, debemos ser conscientes de que o dereito á promoción é algo importante nunha estrutura institucional, e tamén na universitaria. Por iso, somos varias as universidades dispostas a facer esforzos importantes por ir avanzando neste tema laboral.

Pero non debemos esquecer a misión que compartimos todas as universidades do mundo: preservación, xeración, transmisión e difusión do coñecemento de xeito socialmente responsable. Non estamos aquí para converternos nunha factoría de egresados. Estamos aquí para que mañá teñamos os mellores mestres, xornalistas, farmacéuticos e físicos posibles. Non estamos aquí para converternos nunha empresa duns cantos miles de traballadores e uns cantos miles de “clientes”. Estamos para axudar a mellorar a calidade de vida da nosa mocidade e cumprir os desexos lícitos de calquera pai ou nai que busca o mellor futuro para o seu fillo ou a súa filla. Non estamos aquí para escribir libros e artigos científicos que só lles interesan a quen os escriben. Estamos aquí para divulgar coñecemento e aportar solucións ao gandeiro que precisa axuda para que as súas vacas non morran por enfermidades que veñen de lonxe, a Samsung que quere facer pantallas curvas para os móbiles; a Airbus, que quere facer avións máis sostibles medioambientalmente; solucións para Paco, o médico de familia, que precisa medicamentos máis eficaces para Anxo, un neno con leucemia; a Mari, a mestra que quere aplicar mellor as novas tecnoloxías para que Anxo siga avanzando na súa educación  desde o hospital; solucións para o armador de Laxe que busca un xeito máis eficaz de atopar os bancos de peixe e non ter que perder centos de horas navegando polo mar adiante; a Manuel, o carpinteiro que quere dedicarse a facer estruturas de madeira máis eficaces para que Xoán e Montse, unha parella que ten a ilusión de facer unha casa, non teña que gastar miles de euros en calefacción.

Nós traballamos para todos eles. Eles son os nosos verdadeiros clientes e eles son o motor do noso facer diario.

Por iso non nos podemos permitir o luxo de non colaborar entre nós. Dixen hai uns minutos que cada unha das universidades galegas ten o lexítimo dereito de defender o seu propio modelo de docencia e investigación, pero somos conscientes da necesidade de establecer mecanismos comúns que nos benefician a todos, coma o futuro Consorcio Interuniversitario de Galicia que artellará mellor a nosa colaboración diaria. Falamos tamén de financiamento, cun acordo de todas as partes que nos permite mellorar a situación anterior e que abre unha nova senda de crecemento que esperemos se consolide nos vindeiros anos. Referímonos á oferta docente, creando as primeiras bases para establecer unha especialización por universidade e campus que garanta un maior aproveitamento dos recursos para converternos, pouco a pouco, nun ecosistema onde se poidan satisfacer todas as demandas dos nosos estudantes. Falamos da colaboración en títulos estratéxicos, coma Medicina, que nos vai permitir aproveitar todo o coñecemento adquirido durante anos nas tres universidades e en todos os hospitais de referencia en Galicia para que os futuros médicos e médicas teñan unha mellor formación. Estamos, en definitiva, ante feitos que confirman un bo estado de saúde do Sistema Universitario Galego que logra, por exemplo, cubrir máis do 90% das prazas ofertadas para o inicio de estudos neste curso e unhas taxas de éxito que superan, en todos os casos, o 80 por cento.

Este é o camiño que decidimos seguir entre todos: a Universidade de Vigo, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia. E cremos, sinceramente, que este é o mellor xeito para consolidar a calidade da formación universitaria.

Un camiño que sería imposible sen a axuda de toda a sociedade. Temos a enorme fortuna de non ter que loitar contra o resto de institucións públicas, porque entenden a importancia da formación superior. Todas as universidades galegas temos convenios de colaboración coas deputacións provinciais, con moitos dos concellos galegos, e por suposto coa Xunta de Galicia. Esta colaboración non só se limita aos recursos económicos, imprescindibles pero non únicos, senón tamén ao apoio en estratexias comúns para poder lograr proxectos de investigación internacionais ou atraer  talento. Quero deixar patente aquí o noso agradecemento a todas elas e a recoñecer o elevado grao de responsabilidade e compromiso que todos os seus dirixentes teñen co Sistema Universitario Galego. Aínda así, non podemos caer no conformismo e debemos seguir avanzando nun modelo colaborativo que xa está dando os seus froitos.

Pero a sociedade é algo máis que as institucións. A sociedade inclúe o tecido empresarial e privado, que tamén deu mostras durante este ano do seu elevado compromiso coa formación universitaria. Cada unha das tres universidades anhela mecenas, pero desexa aínda máis a confianza dos empresarios nos proxectos que aquí elaboramos. O volume de contratos e convenios só con empresas, nunha universidade como a de Santiago, superou os 5 millóns de euros no ano 2015 e, o que é máis importante, é unha proporción que tamén existe nas universidades de Vigo e A Coruña. Iso quere dicir, que varios miles de empresas, grandes e pequenas, confían na nosa investigación e están dispostos a arriscar cartos para lograr novas patentes, novos desenvolvementos e novas solucións a problemas que, en ocasións,  son tan vellos como a vida mesma. Isto é bo. Eu diría que moi bo, porque logramos convencer a persoas que buscan cambiar as cousas para mellorar a calidade de vida de todos.

Pero esta actitude non só se limita á investigación. Temos a fortuna de ter colaboradores máis interesados na formación global que nunha patente en particular. Permítanme que lles fale aquí de dous modelos que, lonxe de ser competitivos, complementan unha actitude social que nos enche de orgullo  especialmente. Un modelo é o definido polas grandes compañías, coma o Santander. Desde hai varios anos leva colaborando coas universidades en programas de bolsas, desenvolvemento de actividades cos estudantes e con iniciativas que lograr mellorar a nosa transferencia de coñecemento.

Dentro duns días, a finais de mes, Santiago de Compostela será a sede do principal evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, que a rede de universidades emprendedoras RedEmprendia, fundada hai 10 anos en Santiago e na que xa participan 28 universidades, bautizou co nome de Spin 2016. Falamos de congregar a máis de 2.000 persoas, entre estudantes con ideas interesantes que queren desenvolver, inversores cuns cantos millóns de euros que buscan innovar e xestores que deben coñecer novas técnicas para fomentar o emprendemento na universidade. Este evento está patrocinado e impulsado fundamentalmente polo Santander, pola Xunta de Galicia, polas universidades galegas e pola Universidade de Porto, acompañadas por un conxunto de empresas, institucións e universidades que buscan tamén poñer o seu grao de area neste proxecto. Así é como debe ser un tecido empresarial moderno e comprometido, que buscando o seu lícito beneficio, non dubida en axudar a poñer a semente nos profesionais futuros, ben sexa co patrocinio, ou ben sexa axudándonos no día a día a través dos nosos respectivos Consellos Sociais. Así é como debe ser a relación de lealdade ente gobernos, universidades e empresas.

Pero ao carón destas grandes empresas e institucións, capaces de poñer importantes recursos enriba da mesa, nacen os pequenos mecenas que nos fan comprender mellor a sensibilidade social que existe coa formación universitaria. José Luis é un traballador da USC que nos manifestou unha importante preocupación xurdida dun suceso que lle afectou fondamente. Nunha das competicións deportivas universitarias que se celebran ao longo do curso, observou a unha estudante que destacaba claramente en probas atléticas. A súa progresión era imparable e nunha das últimas e máis importantes probas, a nosa amiga non se presentou. Buscando as causas desta aparente fuxida descubriu que a rapaza non puido participar na competición porque tivo que escoller entre xantar un día ou pagar os seis euros de inscrición.

De telo sabido antes, José Luís, eu mesmo, ou calquera de vostedes, seguro que estaría encantado de patrocinar a participación desta moza. Pero a conclusión máis importante de toda esta historia é que cómpre establecer mecanismos que permitan a calquera persoa, con moitos cartos ou con poucos, poder colaborar en pequenas accións que non resolven o financiamento universitario pero si solucionan inxustizas e reducen fracasos. Naceu así unha reforma na xestión do mecenado nesta universidade, que busca crear o paraugas necesario para canalizar estas ilusións dos que queren poñer o seu grao de area na vida universitaria. Créanme cando lles digo que estas cousas son as que nos colocan na realidade de moitas persoas e de moitas familias que fan esforzos incribles para que os seus fillos e as súas fillas teñan a oportunidade de ter un futuro mellor.

Señoras e señores, conselleiro, reitores, amigos e amigas. O fracaso é algo que debe preocuparnos pero non asustarnos e xamais debe impedir que asumamos novos retos e cambiemos o xeito de facer as cousas que non funcionan. O éxito lógrase con esforzo, responsabilidade e colaboración. Estas dúas máximas son as que aplicaremos neste curso que agora inauguramos e que marcarán un novo tempo no que as universidades debemos medrar en produción científica, en captación de estudantes novos, en atracción de estudantes estranxeiros e na mellora dos recursos para a docencia e para a investigación.

Isto non será sinxelo e podemos ter algún fracaso pero debemos ter plena confianza na nosa capacidade para xestionalos. As universidades son persoas cualificadas, na docencia, na investigación, na administración e nos servizos. As universidades son mozos e mozas ansiosos por coñecer técnicas, métodos e datos que permitan afrontar a súa etapa laboral coas maiores garantías. As universidades son pais e nais que confían no coñecemento como estratexia de crecemento persoal. Isto é que nos anima a abrir as portas todos os días e a comprender a nosa responsabilidade con todos vostedes.

Dixen