Saltar ao contido principal
Xornal

Fernando Castro: Michael Atiyah, un matemático doutro tempo


A bordo dun cruceiro polo río Neckar, varias decenas de estudantes dos cinco continentes estabamos bailando e cantando a coro « Summer of ‘69», de Bryan Adams, e pensando que, como di a canción, eses eran dos mellores días da nosa vida. Dese mesmo barco acababa de baixar Michael Atiyah, historia vivinte das matemáticas, que no verán de 1969 comezaba a traballar no Institute for Advanced Study de Princeton (a institución que acollera a Einstein durante o seu exilio) e xa era unha figura recoñecida internacionalmente.

Todos os que xa teñen unha certa idade saben que nunha vida hai sempre varias vidas. Atiyah ía xa pola súa terceira existencia importante. Durante catro décadas, foi ese investigador brillante que escribiu o seu nome con letras de ouro no libro da ciencia. De 1990 a 2008, dedicouse a presidir diversas institucións, como a Royal Society. E, máis recentemente, desempeñou o papel de lenda viva das matemáticas que, consciente da súa condición, con case noventa anos sacaba forzas para asistir a eventos coma o HLF e inspirar as novas xeracións.

Isto era unha mostra do seu carácter afable e modesto, de como o era todo e actuaba coma se non fose nada. Tanto era así que, en contra do que se podería sospeitar, o seu día a día transcorría moi afastado dos recoñecementos e a celebridade, erguéndose cada mañá coa ilusión intacta dese rapaz que quería xogar a ser matemático.

En Heidelberg vivín moitas experiencias relacionadas indirectamente con el. Sen dúbida, a máis memorable delas foi unha longuísima conversa onda a Igrexa do Espírito Santo, nunha xélida madrugada. Alí, xunto a esa vidreira que ten gravada E=mc 2 (unha desas fórmulas simples e plenas de significado que tanto veneraba Michael, ao igual que a identidade de Euler), xente moi próxima a Atiyah descubriume o lado máis humano deste xenio e o extremadamente complexa que fora a súa vida.

Das miñas interaccións con el, a que recordo de maneira máis especial foi o seminario «O futuro da física matemática», no que Michael ía de mesa en mesa, falando con cada un dos que alí estabamos. Comigo conversou sobre invariantes topolóxicas, cunha lucidez abraiante para a súa idade. Son os momentos coma ese nos que un se dá conta de que as matemáticas son unha verdadeira linguaxe universal, que pode servir de punto de encontro para xente de distintas nacionalidades, xeracións e credos. E esa é a mensaxe máis importante que me transmitiu o HLF: a ciencia como elemento no entendemento entre nós, os pobos do mundo.

Agora que Atiyah marchou para sempre, o meu recordo del quedou ancorado nese cruceiro fluvial, tan parecido a aqueles que, nos anos cincuenta, realizaba polo Rin durante os Mathematische Arbeitstagung de Fritz Hirzebruch e que lembraba con tanta morriña.

Tras de si deixa unha amplísima obra, desde ese libro de álxebra conmutativa que ten servido de texto para incontables cursos de grao en todo o mundo, ata esas contribucións tan elevadas que a maioría dos mortais só podemos entender tras consultar ao noso topólogo ou xeómetra de cabeceira. Nela seguirá viva a súa memoria, así como en todos aqueles nos que deixou a súa pegada ao longo dos anos, en contra da máxima da «soidade do corredor de fondo».

Sexa cal sexa o río cuxas augas navega agora, unha cousa é segura: nesta travesía reuniuse xa coa súa muller Lily, de cuxa perda nunca se repuxera.

Fernando Castro:

Graduado en Matemáticas e estudante do Mestrado en Xenética e Xenómica da USC