Saltar ao contido principal
Xornal

'A Universidade que Galicia merece', por Antonio López


Un mundo sen fronteiras. A USC forma parte dun mundo global que pouco entende de fronteiras. Máis de mil estudantes estranxeiros fórmanse nas nosas aulas e outras tantas alumnas e alumnos da nosa universidade cumprirán o seu curso académico 2019/2020 fóra de Galicia. Nos Campus de Santiago de Compostela e Lugo conviven tamén investigadoras e investigadores chegados de todo o mundo que buscan o mellor dos marcos para desenvolver as súas investigacións. Educación e investigación son cuestións que viaxan da man da tecnoloxía a unha velocidade que nos obriga, como institución, a vivir na necesidade da reinvención constante, da evolución permanente co obxectivo claro de cumprir co que de nós demanda a sociedade actual: ser vangarda.

 

Tamén somos diversos e plurais. E loitamos porque así sexa cada vez máis. Por ser tan diversos e plurais coma a sociedade da Galicia diversa e plural da que formamos parte. Desa Galicia emigrante que espallou e espalla a cultura galega polo mundo e tamén da que acolle persoas chegadas doutras latitudes. Da Galicia que respecta a diferencia e cambia a confrontación pola solidariedade. Somos, en definitiva, herdeiras e herdeiros dun futuro que outros garantiron para nós e tamén responsables daquel que nós construiremos para xeracións vindeiras.

 

A USC é un espazo aberto e conectado co mundo real. Un espazo de educación que prepara ás xeracións que son presente e futuro de Galicia para enfrontarse aos seus retos desde a igualdade de oportunidades. Un espazo de investigación que xera coñecemento e conecta, a través da transferencia, co tecido empresarial galego achegando potencial para o seu desenvolvemento ao tempo que contribúe á súa capacidade competitiva. Tamén un espazo de dinamización social e de difusión do coñecemento e da cultura de Galicia que difunde polo mundo enteiro facendo retumbar o latexo do fogar de Breogán no mapa mundial.

 

Nese contexto, fundamentado na conexión coa contorna e, en definitiva, co mundo, é no que na USC traballamos por ser sostibles tendo como referencia a iniciativa desenvolta polas Nacións Unidas á que se deu en chamar Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ou ODS, como son coñecidos. Esa axenda do desenvolvemento sostible establece obxectivos que toman forma de metas particulares e que sinalan o ano 2030 coma o momento no que se deben acadar. Entre eles, ademais da educación inclusiva e a igualdade entre xéneros, estamos a traballar para contribuír á construción dunha contorna que se caracterice por un crecemento económico sostible que permita mellorar taxas de emprego e que este, por suposto, sexa digno. Ademais facemos e continuaremos a facer fincapé na necesidade de ter hábitos de vida saudables e na importancia de racionalizar a xestión enerxética comezando polas propias infraestruturas da universidade.

 

E somos, ante todo, unha universidade pública. Nin privada nin pechada, senón de todas e todos. A USC é unha institución na que cada galega e cada galego invisten parte dos recursos que xeran co seu traballo. Por este motivo tamén somos unha universidade responsable que avanza en materia de transparencia co obxectivo de que o emprego dos recursos públicos se realice de xeito eficiente e eficaz para que os cidadáns recoñezan, no seu día a día, a pegada positiva de contar cunha institución de coñecemento e investigación con máis de cincocentos anos de experiencia no seu haber.