Saltar ao contido principal
Xornal

Discurso do reitor Antonio López, na inauguracion do curso 2019-2020


  • Apertura do curso 2019-2020 do SUG

Un ano máis, seguindo a quenda rotatoria establecida, corresponde inaugurar o curso da Universidade en Galicia dende Compostela. Bríndaseme así a ocasión de dirixirme a todos vostedes en nome propio, pero tamén en representación dos Reitores das Universidades de Vigo e A Coruña, que con esta de Santiago conformamos o Sistema Universitario de Galicia.

E, unha vez máis, este solemne acto ten lugar aquí, no Salón Nobre deste colexio, mandado levantar por Alonso III de Fonseca e Azevedo nas fincas que pertencían á súa familia na primeira metade do século XVI.

Sen caer na nostalxia da historia, penso que resultan moi reveladoras e incluso visionarias algunhas das verbas que, con tinta nuns casos e con cicel noutros, foron incorporadas como testamento vital de quen, por eses e outros motivos, ligou o seu nome ao da Universidade: Fonseca.

No seu testamento, o arcebispo Fonseca facía referencia ás razóns que o levaran á fundación do Colexio de Santiago Alfeo sinalando que pretendía:

"Erigir en la ciudad de Santiago, e por bien de ella, y generalmente del Reyno de Galicia , por la experiencias que tovimos de la necesidad que en el hay de doctrina, e personas doctas, un Colegio e Universidad donde los moradores e naturales del dicho Reyno, especialmente de la dicha ciudad y Arzobispado de Santiago pudiesen estudiar, aprender e ser enseñados en Gramática e otras Facultades.”

Como consta no friso que Álvaro de Cadaval fixo gravar no claustro deste pazo, quería o arcebispo, ademais de adornar a súa patria, que “os xoves aplicados puidesen aprender sen gastos de ningunha clase”. Aínda que a morte o sorprendeu antes de ter rematada a empresa, a semente deu froito e o foco de luz da Universidade segue alumeando 524 anos despois facendo realidade o Gallaecia Fulget co que o mesmo Cadaval quixo deixar marcada a pedra do edificio que nos acolle.

Se parafraseamos a Díaz Baliño, Compostela e, con ela, Galicia enteira que era Santa polo Apóstolo e áurea por Xelmírez, pasou a ser sabia por Fonseca e heroica polo batallón literario nacido tamén das aulas universitarias.

Nacía así a Universidade en Galicia para permanecer a reforzarse nesta viaxe que dura xa 524 anos converténdose na institución civil con máis longa traxectoria e solo superada pola Igrexa que tanto tivo que ver no seu xurdimento.

Un elo esencial nesa longa traxectoria ten que ver coa aprobación da lei 11/89 de ordenación do sistema universitario de Galicia aprobada o 20 de xullo e publicada o 16 de agosto de 1989 . Celebramos, xa que logo, neste ano o trixésimo aniversario da creación das Universidades de Vigo e a Coruña que, xuntamente con esta cinco veces centenaria de Santiago de Compostela, integran o sistema universitario de Galicia, responsable da prestación do servicio público de ensino superior mediante a docencia, o estudo, a investigación e a creación do coñecemento como rezaba o artigo 2 da devandita lei.

Cando iniciamos este curso tan relevante para a Universidade en Galicia queremos felicitar ás Universidades irmás de Vigo e da Coruña e reiterar unha vez máis o compromiso de seguir fortalecendo o sistema universitario público galego contribuíndo así a facer país.

Tócanos ás tres facer realidade cada día a visión que tivera Castelao cando afirmaba “ Vexo a Universidade (referíase a de Sant-Iago, pero hoxe ineludiblemente temos que referirnos ás tres que conformamos o sistema universitario público) convertida en cerebro de Galicia, irradiando cultura e saber, máis alá dos lindeiros naturais da nosa terra”.

Neste 2019 cúmprense tamén 500 anos doutro fito histórico de primeira relevancia. Xa existía a Universidade en Galicia cando, o 20 de setembro de 1519, fixéronse ao mar as naves que, ao mando de Fernando de Magallanes de inicio e posteriormente de Juan Sebastián Elcano, completarían a primeira circunnavegación á terra ao temón da nave Victoria que, curiosamente, retornaba a porto tal día coma hoxe, 6 de setembro, de 1522.

Eu resaltaría como elementos singulares desta fazaña, que tamén teñen moito que ver co espírito universitario de xerar e ampliar o mundo coñecido, a importancia do traballo coral, do labor de equipo e do compromiso e entrega, que levou moitos dos participantes nesta aventura a arriscar e mesmo a sacrificar a súa vida polo éxito da empresa; pero tamén a perseverancia dos líderes que non desfalecen nin nos momentos máis difíciles, así como a perspicacia dos gobernantes que souberon apostar por unha empresa ambiciosa pero incerta. Fronte á negativa dos monarcas portugueses, un adolescente Carlos I, con apenas 18 anos, asinou as capitulacións que permitiron facer realidade o que parecía imposible.

As grandes iniciativas, sexan Universidades, sexan empresas doutra natureza, precisan da concorrencia desas boas luces dos líderes e do apoio decidido das institucións ademais da vocación e o compromiso de todas as persoas que dun xeito ou outro deben implicarse nas mesmas.

Forma parte deste acto académico de inicio do curso unha lección maxistral que, tamén por quenda, fai presente e recoñece ás nosas Facultades e Escolas.

Vimos de escoitar na lección de hoxe como ten cambiado a Química Analítica, ata o punto de cuestionarse por algúns a súa necesidade e utilidade.  Pero máis importante que os cambios, necesarios e cada vez máis rápidos, ten que ser a capacidade de adaptación ou reactiva, é dicir, a adaptación para dar resposta aos novos problemas. Son estas algunhas das conclusións das atinadas reflexións e da brillante lección maxistral do profesor Cela Torrijos, representante hoxe aquí da nosa Facultade de Química, outro exemplo tamén do cambio nas estruturas universitarias para acubillar docencia e investigación de vangarda neste ámbito do coñecemento. Foron os de Química uns estudos que tiveron unha primeira cátedra na Facultade de Artes ata que en 1845 se creou a Facultade de Ciencias, cuxa primeira Cátedra de Química ocupou D. Antonio Casares, tamén Reitor da Universidade. Ese tronco común permanece ata que en 1977 a vella Facultade de Ciencias se escinde nas actuais facultades de Química, Bioloxía e Matemáticas. Nestes últimos anos a Facultade e os Departamentos tradicionais conviven con novas estruturas de investigación, Centros Singulares e agrupacións estratéxicas, que veñen encarnar as novas solucións para novos requirimentos mantendo sempre a unidade esencial de docencia e investigación que segue a estar na base da Universidade.

Teñen cambiado moito as cousas e de xeito moi acelerado nos últimos anos. Eu penso que pode afirmarse sen dubidar que a Universidade cambiou máis no último medio século que o que tiña cambiado en todos os séculos anteriores. A Universidade, as Universidades, atopámonos nun momento crítico, nun momento no que hai que tomar decisións que poden comprometer o noso futuro.

É o momento de abordar a nivel nacional a reforma da Lei Orgánica de Universidades. Xa transcorreron 18 anos dende a aprobación da LOU e é un sentir compartido a necesidade de buscar un novo marco xeral para as Universidades en España, tal e como quedou patente no acto que hai agora un ano protagonizou a CRUE e no que se contou coa anuencia das forzas políticas e tamén de axentes sociais e representantes institucionais. A inestabilidade política e a dificultade para formar maiorías de goberno non é o mellor caldo de cultivo para tecer os pactos e consensos que precisa unha lei orgánica. Aínda así, non podemos renunciar a regular un marco xeral de financiamento do ensino superior que lle permita recuperar cando menos parte dos recursos perdidos neste período de crise e que teñen influído na nosa estrutura e nas condicións do noso persoal e tamén no estado das nosas infraestruturas. Uns recortes tan importantes e continuados no tempo que teñen moito que ver co comportamento das universidades nos rankings internacionais, onde os efectos sempre se perciben cun certo retardo, ao tempo que nos sitúan lonxe dos estándares da nosa contorna, tanto en termos absolutos como relativos. Para ter unha idea do que falamos, abonda con sinalar que a Universidade de Harvard, que encabeza o ranking de Shanghai, ten un orzamento anual que representa a metade do conxunto de recursos das universidades públicas españolas.

Pero hai máis cousas que o financiamento que deben ser melloradas cunha boa Lei de Universidades:

  • É preciso redefinir tanto as categorías de persoal en formación como de persoal docente e investigador para atender os novos requirimentos e ofrecer, especialmente no ámbito da investigación, solucións que nos eviten ás Universidades o feito de ter que recorrer a fórmulas impropias xerando precariedade e situacións de indefinición que non son boas para ninguén.
  • Tamén os procedementos e fórmulas de contratación deben flexibilizarse de xeito que se compaxine o cumprimento dos principios de contratación pública coa actuación áxil e adecuada aos requirimentos específicos da investigación.
  • Débese repensar igualmente a organización das Universidades e das súas unidades funcionais tradicionais (de moito interese sería a revisión das áreas de coñecemento e un proceso de concentración que nos aproximaría ao que é común no noso contorno ao tempo que facilitaría a xestión dos recursos humanos), así como a previsión de novas estruturas e a consolidación doutras xurdidas en espazos residuais previstos na normativa e que se revelan esenciais para ser competitivos a nivel internacional.
  • E, finalmente, cómpre tamén repensar o réxime de gobernanza atrofiado ás veces pola proliferación e concatenación de sucesivos pronunciamentos de comisións e órganos de representación, sen que exista unha responsabilidade directa dos xestores que puidera avaliar o desempeño.
  • E ligado a todo isto débense reforzar os mecanismos de rendición de contas, contraparte necesaria e imprescindible da autonomía que integra con carácter esencial a institución universitaria.

Se descendemos ao nivel autonómico, tamén aquí, Sr. Presidente, temos tarefas importantes e inaprazables que abordar. Universidades e Administración Autonómica teremos que definir un novo plan plurianual de financiamento que substitúa o vixente actualmente e que remata en 2020.

O primeiro que compre salientar é a vantaxe indubidable que supón contar cun plan plurianual que permita coñecer con anticipación e, polo tanto, outorgue maior estabilidade, as previsións da parte de financiamento que representa arredor do 70 % dos ingresos universitarios. Estes acordos plurianuais, que en Galicia cumpren xa máis de 20 anos, son un elemento básico da sempre feble autonomía financeira das Universidades.

Tamén aquí no noso país o calendario político, que contempla eleccións en 2020, pode que non xere o clima máis axeitado para a negociación e o acordo dun novo plan para os vindeiros cinco anos. Pero sexa a negociación global ou parcial, hai cuestións que para a Universidade son irrenunciables.

Por unha banda, e como xa apuntei previamente, é imprescindible incrementar a contía de recursos públicos destinados ao ensino universitario. Ademais das razóns xa expostas, parece razoable que cando as Administracións empezan a recuperar o nivel de gasto non financeiro anterior a 2010, tamén esa melloría se proxecte cara á Universidade. Asumimos o risco de ser repetitivos na demanda, pero créame, Presidente, que o facemos coa cabeza moi alta porque non pedimos para nós, senón para os nosos estudantes, para a investigación, para o coñecemento e para a cidadanía. Polo ben do país en definitiva.

Por outra banda, cómpre tamén revisar algúns dos criterios e regras de evolución dos diferentes fondos que compoñen o plan.

  • Mantemos a aposta por un sistema que relacione boa parte do financiamento coa consecución de obxectivos, incentivando deste xeito a corresponsabilidade das propias Universidades pero, ao mesmo tempo, debe dispoñerse dun financiamento estrutural suficiente e incondicionado que permita ás universidades destinar os recursos para desenvolver a súas políticas e ademais evolucione asumindo os incrementos de gastos derivados doutras decisións de carácter xeral e alleas á propia institución. Para que se saiba de que falamos, non parece razoable que os incrementos retributivos do persoal acordados a nivel estatal teñamos que asumilos en boa parte as Universidades galegas recortando os fondos cos que atendemos a docencia, a investigación e a difusión da cultura e do coñecemento.
  • É tamén o momento de apostar pola diversidade, porque máis aló dese tronco estrutural que debe ser común, as tres Universidades somos ben diferentes e tamén distintas son as nosas necesidades e tamén os servizos complementarios que en cada caso prestamos en aras da garantía da igualdade de oportunidades. Tratar igual aos desiguais lonxe de igualdade pode conducir á discriminación.

Finalmente, e para que se vexa que non todo vai ser pedir, tamén nos poñemos deberes a nós mesmos. Temos que seguir traballando para ser máis eficaces e eficientes na utilización dos recursos, cada unha pola súa banda, pero tamén optimizando os instrumentos de colaboración e xestión compartida. Temos que potenciar o Consorcio Interuniversitario para o Sistema Universitario de Galicia, recentemente constituído, como un instrumento para a xestión compartida pero tamén para a eficiencia e a redución de custos en determinados servizos transversais e comúns para as tres Universidades.

O segundo gran reto compartido que temos por diante Universidades e Administración é que “a formación que se ofreza debe dar resposta ás necesidades relacionadas coa formación permanente, entendendo o estudo na universidade como un contínuum na vida das persoas, debe atender estas demandas e adaptarse ás novas necesidades sociais, de xeito que contribúa a fortalecer a cohesión social e a reducir as desigualdades”. Isto que se recolle na exposición de motivos da Lei do Sistema Universitario compartímolo plenamente as Universidades. Por iso, fronte á idea de mapas pechados e de teitos do sistema, defendemos que, conxugando demanda social, empregabilidade e recursos dispoñibles, temos que adaptar a oferta á realidade de cada momento coa máxima axilidade, particularmente no caso dos Mestrados, garantindo sempre a calidade do servizo que debe ser a outra pedra angular.

Para este curso que agora empeza, o adianto da segunda convocatoria das probas de acceso a Universidade ao mes de xullo e os esforzos redobrados do persoal da CIUG permítennos por primeira vez ter matriculada antes de que se inicie a actividade docente á práctica totalidade do alumnado que accede por primeira vez ás nosas aulas para estudos de Grao, máis de 11.000 estudantes, o que supón unha porcentaxe de cobertura do 98,35 % para o conxunto do sistema universitario. Aínda que esa taxa alta de cobertura fala ben da conexión da oferta coas demandas do estudantado, temos que seguir actualizando e redefinindo esa oferta porque os perfís laborais e profesionais están en constante evolución e temos que facer un esforzo especial na oferta de Mestrados, onde os datos non son tan satisfactorios. O sistema público de Universidades debe ser quen de ofrecer a formación que precisa a nosa sociedade e atender a demanda do estudantado.

Tamén neste ámbito temos por diante a celebración en Compostela do II Cumio académico e do coñecemento como punto de encontro entre a UE e LAC en materia de ensino universitario auspiciado pola Secretaría General Iberoamericana e co patrocinio da Xunta de Galicia. É unha magnífica ocasión para que as Universidades galegas reforcen ese papel de punto de conexión entre Europa e Iberoamérica sobre o que debe pivotar unha liña estratéxica da nosa internacionalización.

Por último, pero non por iso menos importante, quero referirme como un dos grandes retos globais á apertura da Universidade cara á sociedade á que nos debemos. Temos que saír das aulas, dos laboratorios, dos claustros, tal como quixemos deixar patente hoxe con este feito simbólico da procesión académica que precedeu a este acto. Esa apertura, esa conexión da Universidade coa sociedade non pode limitarse á transferencia nin quedar reducida a esa terceira misión, que complementaría á docencia e á investigación. Debe ir moito máis aló porque a Universidade, a través da súa misión social, debe transmitir á sociedade os resultados da investigación e da docencia e, ao mesmo tempo, a partir do coñecemento da sociedade e da súa integración nela, debe reformular coherentemente a súa actividade docente e investigadora. Non debemos limitala, pois, a unha terceira misión, senón ao marco no que desenvolver a docencia e a investigación.

Cando en 1988, ao cumprirse 900 anos da creación da Universidade de Boloña, se firma a Magna Charta Universitatum, aséntase a misión das Universidades nos seguintes principios:

  1. A investigación e ensino deben ser intelectualmente e moralmente independentes de toda influencia política e intereses económicos.
  2. O ensino e a investigación deben ser inseparables.
  3. A Universidade debe ser un sitio de investigación e debate libre, distinguido pola súa apertura ao diálogo e o rexeitamento da intolerancia.

Agora, 31 anos despois, estase a reformular a Magna Charta para recoller, xunto aos anteriores, os principios e valores que deben caracterizar o papel das universidades a nivel global para o século XXI. Resáltase así que:

As universidades aceptan que teñen a responsabilidade de ser solidarias e responder ás aspiracións e retos do mundo ao que serven. Os seus descubrimentos e a mobilización destes descubrimentos a través do ensino e da difusión pública, benefician á humanidade e deben contribuír á vida sostible no noso planeta.

As Universidades estamos chamadas a liderar a loita polo desenvolvemento sostible en cuestións relacionadas coa formación, para o que resulta paradigmático o obxectivo 4, que nos compromete a “ garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos”. En definitiva, unha formación integral dos nosos estudantes para que estes poidan chegar a ser profesionais competentes pero tamén cidadáns comprometidos coa mellora da sociedade.

Como tiven ocasión de resaltar nalgunha outra ocasión, como Universidades públicas que somos, este compromiso forma parte da nosa responsabilidade ou misión social e debe servir para lograr a complicidade da cidadanía, o mellor aval para que os nosos gobernantes aposten tamén polo sistema universitario público coma un investimento imprescindible e moi rendible para seguir avanzando cara a una sociedade máis xusta, plural, pacífica e inclusiva.

Dixen.