Saltar ao contido principal
Xornal  »  'Árbores senlleiras de Galicia', por Antonio Rigueiro *

'Árbores senlleiras de Galicia', por Antonio Rigueiro *


Galicia é terra de bosques, o que explica a presenza no seu territorio de diversos bosques naturais, como carballeiras, cerqueirais, bidueirais, faiais, abeledos, aciñeirais, sobreirais, amieirais, acebedas, teixedais e louredos. A secular deforestación, especialmente ao longo do período histórico, diminuíu a superficie destes bosques, aos cales, segundo as leis da natureza, correspóndelles o dominio na maior parte do territorio galego. Nestes bosques crecen árbores lonxevas, como o carballo común (Quercus robur), o carballo albar (Quercus petraea), o cerqueiro (Quercus pyrenaica) ou a faia (Fagus sylvatica), entre outras, alcanzando nalgúns casos dimensións e porte que os converten en monumentos vexetais.

 
Desde tempos antigos os habitantes da Galicia rural cultivaron variedades selectas de castiñeiros (Castanea sativa), creando en toda a rexión soutos de castiñeiros, pois a madeira destas árbores, moi durable e resistente, éralles de gran utilidade e os seus froitos, as castañas, foron durante moitos séculos unha fonte importante de hidratos de carbono na alimentación humana e do gando doméstico. A doenza da tinta fixo desaparecer moitos soutos galegos, chegando aos nosos días representación destes ecosistemas de gran valor económico, ecolóxico, paisaxístico e cultural en comarcas do interior. É por iso que son as provincias de Lugo e Ourense as que contan con maior número de exemplares excepcionais de castiñeiro, árbore moi lonxeva, que pode ser varias veces centenaria e ata milenaria.


Desde mediados do século XVIII, época na que se realizou o Catastro do Marqués de la Ensenada, ata os nosos días a superficie arborada galega creceu de forma espectacular, debido fundamentalmente ás repoboacións forestais con especies arbóreas foráneas, entre as que adquiriron especial relevancia o piñeiro do país (Pinus pinaster), o piñeiro silvestre (Pinus sylvestris), o piñeiro insigne (Pinus radiata) e o eucalipto azul (Eucalyptus globulus). Nos montes galegos crecen individuos destas especies de dimensións colosais.


Pero un elevado número de árbores de especies autóctonas e exóticas de carácter sobresaínte crecen nos pobos, vilas e cidades de Galicia: nos recintos destinados a feiras e festas, nas proximidades de edificacións de uso relixioso e nos xardíns públicos e privados. Nos últimos lustros acrecentouse na sociedade galega e no eido das administracións a preocupación pola conservación deste importante patrimonio natural.

 

No ano 2000 a Xunta de Galicia protexeu, incluíndoos na categoría de Monumentos Naturais, tres espazos cuxa propiedade adquirira e nos que medran árbores monumentais: a Fraga de Catasós, non concello de Lalín, provincia de Pontevedra, na que crecen castiñeiros e carballos excepcionais, o Souto da Retorta, no concello de Viveiro, provincia de Lugo, que inclúe eucaliptos brancos considerados os de maior tamaño entre os cultivados no continente europeo, entre eles o chamado “o avó”, desgraciadamente en decadencia, e o Souto de Rozavales, no concello de Manzaneda, provincia de Ourense, con exemplares varias veces centenarios de castiñeiros, entre eles o Castiñeiro de Pumbariños, con máis de 14 m de perímetro na base do tronco. No ano 2007 a Carballa da Rocha (Rairiz de Veiga, Ourense) tamén foi declarada Monumento Natural en atención a razóns de tipo cultural e á dendrometría dos carballos comúns que inclúe este espazo natural, destacando un, o que lle da nome á agrupación, que conta coa honra de figura no escudo municipal.

 

A Lei 9/2001, de Conservación da Natureza, no seu artigo 52, contempla a elaboración do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que incluirá os exemplares e formacións cuxa conservación sexa necesario asegurar polos seus valores naturais, culturais, científicos, educativos, estéticos ou paisaxísticos. O Catálogo créase mediante o Decreto 67/2007, publicado o 22 de marzo no Diario Oficial de Galicia. Un anexo do Decreto fai público o  Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras, no que se recollen 106 árbores e 21 formacións. Trátase dun catálogo inicial, provisorio e aberto.

As especies que achegan máis exemplares son o carballo común (15 exemplares), o castiñeiro (8) e o eucalipto azul (5), e as máis representadas nas formacións son o buxo (Buxus sempervirens) e o eucalipto azul (3 formacións cada un).

 

O día 13 de outubro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería do Medio Rural do 3 de outubro de 2011 pola que se actualizaba o Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras. Para esta ampliación foi aberto un proceso de participación pública, deste xeito foron revisadas case un milleiro de solicitudes procedentes de distintas institucións, asociacións e particulares. Nesta ampliación engadíronse 41 árbores e 10 formacións, pasando o número total de árbores e formacións catalogadas a 147 e 31, respectivamente.

As especies que achegan máis exemplares novos son o carballo común  (10), o castiñeiro (7), o sobreiro (4) e o teixo (4), e as máis representadas nas novas formacións o buxo e o carballo común. 

O catálogo reúne algunhas das árbores máis destacables do noso territorio, segundo criterios variados:

 

Morfoloxía e biometría: Por estas características foron catalogados a maior parte dos carballos, castiñeiros e sobreiros, entre eles o carballo do Pazo de Cartelos (Carballedo, Lugo), considerado o carballo galego de maiores dimensións e un dos máis grandes de España, e o castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda, Ourense) que se considera o máis vello e o de maiores dimensións entre os galegos.

 

Singularidade taxonómica, biolóxica, corolóxica, ecolóxica ou paisaxística: exemplares tan representativos como os Ombúes do Pazo de Ribadulla (Vedra, A Coruña) e do Centro Cultural de Santa Cruz (Oleiros, A Coruña) ou o Teixedal de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense), bosque relicto de épocas pasadas, foron catalogados atendendo a estes criterios.

 

Valor histórico, cultural, relixioso, popular, simbólico ou didáctico: baseándose nestes aspectos forman parte do catálogo exemplares tan dispares como o Castiñeiro da Capela (Baamonde, Begonte, Lugo), cunha cavidade no seu tronco na que o escultor local Víctor Corral esculpiu, na propia madeira do castiñeiro, unha imaxe da Virxe do Rosario ou a Figueira de Rosalía de Castro (Padrón, A Coruña), citada no poema “Adeus ríos, adeus fontes” da súa destacada obra Cantares Galegos.

 

Da mágoa comprobar a desaparición dalgúns exemplares catalogados, pero debemos comprender que en moitos casos se trata de árbores vellas, febles e doentes, difíciles de salvar moitas veces aínda aplicándolles os coidados que requiren, e tamén que se trata dun catálogo aberto, do que caerán algúns monumentos vexetais e entrarán outros, e dos estudos que temos feito en Galicia despréndese que contamos cunha boa “canteira” de centos de exemplares merecentes de formar parte no futuro do catálogo oficial.

 

No Día Forestal Mundial, e recoñezo que non me gustan estas efemérides, porque tódolos días do ano nos debe preocupar o eido forestal e o medio ambiente en xeral, dedicamos esta lembranza ás nosas árbores senlleiras, de cara a dar a coñecer e por en valor ese importante patrimonio natural e tamén como chamada á vocación forestal no eido universitario para os estudantes dos niveis preuniversitarios que amosan unha sensibilidade medioambiental, xa vedes que nesta profesión se traballa, entre outros moitos temas, en cousas tan fermosas como os monumentos vexetais, así que ánimo, a Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela ten as portas abertas para vós.

 

* Catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo

(Artigo publicado en El Progreso e en Diario de Pontevedra)