Saltar ao contido principal
Xornal  »  Discurso do acto de apertura do curso 2017-2018

Juan Viaño, reitor da USC: Discurso do acto de apertura do curso 2017-2018


Miñas donas e meus señores,

Escribía Mario Benedetti, reflexionando sobre a relatividade  do tempo, que “cinco minutos bastan para soñar toda unha vida”. Nos tres últimos anos, que non deixan de ser cinco minutos da vida dunha institución centenaria, mudaron moitas cousas na nosa Universidade. A celebración deste acto danos, entre outras cousas é unha ocasión inmellorable para revisar os feitos e os soños cumpridos ou aínda por cumprir.

Debo recoñecerlles, hoxe máis que nunca, que a presidencia deste acto segue a ser unha das maiores honras que pode ter un traballador desta institución. 

E digo “hoxe máis que nunca” porque, despois de facer reconto do vivido ao longo desta etapa, sinto unha grande ledicia ao poder trasladarlles, por fin, unha mensaxe optimista.

Fai case tres anos e medio a comunidade universitaria de Santiago de Compostela e Lugo elixiu o programa de goberno que tiven a honra e a responsabilidade de encabezar.

Era un momento moi delicado para a nosa institución, e no meu discurso de investidura comprometinme, ante vostedes e ante a sociedade, a traballar coa prioridade de reconducir a grave situación económica na que nos atopabamos, a procurar novos recursos e a cambiar a nosa estrutura e dinámica de funcionamento para acadar un obxectivo: construír unha senda de crecemento e sostibilidade. Pois ben:  hoxe xa estamos nesa senda e camiñaremos por ela ao longo deste curso e dos vindeiros anos.

A Universidade de Santiago de Compostela está hoxe en condicións de demostrar unha excelencia académica e investigadora sólida e incontestable, que dimana da calidade, do talento e da dedicación do seu profesorado, dos seus investigadores e investigadoras, do seu persoal de administración e dos seus estudantes.

Con todo, para que o potencial académico e investigador dunha universidade acade as súas cotas máximas de excelencia, é necesaria unha organización máis dinámica e unha xestión máis eficiente dos recursos, garantindo as infraestruturas axeitadas e optimizando cada euro investido.

Hoxe é realidade o cambio de modelo orzamentario que, a través da unificación dos gastos centralizados e a diferenciación clara de recursos afectados e non afectados, permitiu unha mellora na xestión económica de centros e facultades, infraestruturas e servizos.

Teñan a plena seguridade de que, neste curso que comeza, seguiremos traballando con todos os decanos e decanas, directores e directoras de institutos, departamentos, centros singulares, e con todos aqueles responsables de unidades, servizos e centros de gasto para consolidar este modelo orzamentario que xa amosou a súa eficacia operativa.

Lembrarán que no meu primeiro discurso de apertura de curso, en setembro de 2014,  laiábame ante todos vostedes por ter que falar case exclusivamente de economía, de débeda e de déficit. E verbalizaba unha advertencia que quixera lembrar hoxe: “ para seguir sendo universidade, temos que eliminar o déficit e reducir a débeda no máis curto prazo posible, a través do aumento de ingresos pero tamén adoptando medidas duras de contención de gasto”.

E así foi. Ao longo deste tempo, tivemos que tomar medidas difíciles que afectaron ao noso quefacer diario. Pero tiñamos clara unha cousa: precisabamos combinar os axustes no gasto, a redución da débeda e a eliminación do déficit co crecemento económico sostible, coa internacionalización da nosa actividade e coa revitalización do cadro de persoal, incorporando e estabilizando talento.

Con este obxectivo, nese ano 2014, aprobamos no claustro unha estratexia e unha programación plurianual, e nestes anos executámola razoablemente ben e, podo adiantarlles, que remataremos o 2017 cun resultado positivo, que fará que reduzamos o déficit en 8 millóns de euros (un 50%). Tamén minguamos a débeda en preto de 14 millóns de euros (aproximadamente un 30 %) e ampliamos os nosos ingresos en 27 millóns de euros (un incremento do 5%). 

Pero debemos ser conscientes de que estar situados nunha senda de sostibilidade económica, non tería servido de nada se non avanzaramos noutros ámbitos. E estou convencido de que, entre todos, o fixemos e o estamos facendo ben.

Melloramos na nosa captación de recursos, logrando incrementar en torno a un 20% os ingresos para proxectos de I+D financiados por convocatorias competitivas con respecto aos tres anos anteriores. E acadamos no período 2014-2016 máis de 106 millóns de euros.

Puxemos o noso saber ao servizo da sociedade e do tecido produtivo a través da colaboración directa en actividades de investigación e innovación con máis de 1.300 empresas e institucións diferentes.

Fomos quen de atraer novos talentos en distintos estadios da súa carreira investigadora, incrementando nun 14% o número de investigadores predoutorais e postdoutorais. Tamén fomos quen de conservar o talento que xa se unira a nós, a través da estabilización de 70 profesores e profesoras. Marcamos como prioridade a estabilización do talento, pero temos tamén presente a súa promoción. 

Avanzamos na estratexia de reorganización das nosas estruturas de investigación actualizando e modernizando os obxectivos e a gobernanza dos institutos universitarios, das agrupacións estratéxicas de investigación e os campus de especialización da nosa universidade. 

Neste último curso, e tras unha longa e complexa negociación, acadouse un acordo na mesa de negociación do PAS para a funcionarización do persoal laboral que, de ser ratificado polos traballadores, será elevado aos órganos de Goberno da USC para a súa consideración e, no seu caso, aprobación. Igualmente, abriuse un proceso de negociación colectiva das condicións laborais do persoal contratado con recursos afectados de I+D que esperamos culmine antes do remate deste ano. 

Puxemos o noso saber ao servizo dos máis de 10.000 estudantes que comezaron a súa carreira na USC dende o 2014. E tamén o poremos ao servizo dos máis de 3.000 que van unirse neste curso á nosa comunidade.

Estas melloras son as que reflicten as nosas ascendentes posicións nos rankins de referencia mundial e o aumento de recursos vencellados aos resultados do plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia, así como destacados recoñecementos internacionais acadados polos nosos científicos individualmente e os nosos centros de investigación, cada vez mais prestixiados.

Atesouramos coñecemento, que multiplicamos investigando, transferindo e sobre todo formando.

Consideramos que estamos no bo camiño, que estamos a sentar as bases da universidade dos vindeiros anos, pero para facelo con éxito, debemos centrar correctamente a nosa posición e a nosa actuación para os vindeiros meses.

Neste curso traballaremos xunto coas outras universidades do Sistema Universitario de Galicia e coa Secretaría Xeral de Universidades na redefinición dun mapa de titulacións en Galicia atractivo, razoable e eficaz para a nosa mocidade. Un proceso que afrontamos cunha oferta, de presente e de futuro, que responde ás nosas capacidades, e reforza a especialización e a interdisciplinariedade da nosa actividade. 

Responde ás capacidades das que dispoñemos porque ensinamos do que sabemos. E sabemos moito e de ámbitos moi diversos porque entendemos que a “Universitas” e a “Specialitas” deben ir sempre xuntas. Somos unha universidade completa, tanto na docencia como na investigación; con referentes en todas as áreas: nas artes e nas humanidades, nas ciencias sociais e xurídicas, nas ciencias da saúde, nas ciencias básicas e na enxeñaría.

Pero a nosa oferta tamén apoia a especialización pola que vimos apostando, a través das estratexias dos campus de excelencia. 

Hai sete anos creamos o Campus Vida, hoxe consolidado como referente da investigación biomédica e biotecnolóxica que nos permitiu crear unha contorna de investigación dinámica e punteira na que asentamos os nosos centros singulares. A oferta docente neste ámbito inclúe os nosos graos mais consolidados e de maior prestixio. Agora debe completarse coa creación, aquí, en Santiago, do grao en Biotecnoloxía, que propoñemos e defendemos pola súa demanda, polas nosas contrastadas capacidades e recursos, e pola aliñación coa estratexia galega en biotecnoloxía propugnada pola Comunidade Autónoma.

No 2015 naceu o Campus Terra, no que somos referentes en ámbitos como a enxeñaría forestal, a enxeñaría agrícola ou a veterinaria; no que estamos a facer grandes esforzos para conseguir unha oferta formativa dinámica e atractiva; no que non renunciamos a avanzar e explorar novas vías de especialización que nos permitan ser o máis competitivos posible, pero sempre baixo a premisa de apoiar a misión fundamental do Campus Terra centrada no estudo da sostibilidade económica, social e medioambiental do uso da terra e do que nela se cría: unha la labor crucial para o futuro da humanidade. 

Por iso apoiamos a creación dun grao interuniversitario da Paisaxe, porque somos conscientes de que podemos fortalecernos se facemos converxer, de xeito sinérxico, o coñecemento que atesouran neste ámbito os Campus de Lugo, de Santiago e A Coruña. Pero non nos quedaremos aí. É preciso renovar ofertas que están en dificultades e apostar por actualizar estudos, pero, sen renunciar nunca á natureza e á especialización veterinaria, agrícola e forestal, xenuína   do noso  Campus Terra, no que tantos esforzos e recursos se levan investido. 

Agora cómpre que encamiñemos tamén os nosos esforzos ao Campus da Cidadanía, comprometido coa responsabilidade social, a democracia e os dereitos humanos na súa contorna. A Comisión nomeada ao efecto, está a piques de presentar a exposición pública o plan estratéxico do Campus, no que se abordan novas vías de reflexión  en docencia, investigación e transferencia no ámbito das ciencias sociais e xurídicas, das artes e das humanidades.

A oferta consolidada e prestixiosa nestes ámbitos precisa ser posta en valor, complementada e actualizada. Por iso, como exemplo,  presentamos e defendemos a transformación en grao oficial do título de Criminoloxía, con máis de tres décadas de exitosa traxectoria como título propio da USC. Temos, polo tanto, capacidade contrastada e podemos aportar á sociedade o que insistentemente nos está demandando con esta titulación.

O noso compromiso coa sociedade e a crecente complexidade dos retos a enfrontar obrígannos a unificar esforzos aportando o mellor de cada quen para chegar a construír esa universidade que ideamos. Chegamos á idea, pero agora, como dicía Sophie Germain, influínte matemática francesa do século XIX, “ o importante é que cheguemos lonxe con ela”. 

Amigas e amigos: vimos de definir o modelo de universidade que eu propoño e defendo para a vindeira década. Iniciamos agora o último tramo dun mandato que rematará no vindeiro mes de abril cando a comunidade universitaria terá de novo a oportunidade de elixir ao seu equipo de goberno.  

Quédanos pois, arredor dun semestre para a conclusión do plan de goberno maioritariamente votado en 2014 e que debe ser o primeiro paso da etapa de crecemento e consolidación do modelo da Universidade de Santiago de Compostela para o primeiro cuarto do século XXI

Como Universidade, sabemos das nosas capacidades e das nosas fraquezas, pero tamén da necesidade de aliármonos con aqueles que comparten os nosos valores e obxectivos.

A miña obriga é trasladar a nosa postura, coñecemento e resultados a todos os foros nos que se decida o futuro da educación, da investigación, da transferencia e do emprendemento. 

A nosa obriga é crear as bases dunha nova etapa universitaria onde o debate non estea polarizado polo financiamento, senón polo coñecemento. A obriga de todas e todos nós é, en definitiva, traballar a prol dun modelo educativo que garanta as mellores oportunidades.

Como ben di o profesor Lema, neste curso debemos renovar o noso compromiso coa sociedade. Un compromiso que debe compatibilizar a defensa dos intereses da nosa universidade, coa obriga de satisfacer as demandas sociais. 

Un compromiso que afecta a todos e cada un dos membros da nosa comunidade universitaria, na súa condición de estudante, docente, investigador, persoal de administración e servizos, ou empresas e institucións colaboradoras.

Nese compromiso coa sociedade celebramos o Pacto de Convivencia promovido pola Conferencia dos Reitores das Universidades Españolas, perante actos de intolerancia radical como os atentados terroristas recentemente sufridos en Barcelona. Hoxe máis quen nunca, debemos ser e debemos formar cidadáns responsables que garden os valores democráticos.

Amigas e amigos: Comezamos hoxe un curso que se engadirá como un capítulo máis á apaixonante historia da nosa Universidade: unha historia de esforzos, éxitos e soños cumpridos; pero tamén de fracasos, erros, adaptación e superación.

A historia da heroica vida cotiá de mulleres e homes que, dende as súas aulas, dos seus despachos ou dos seus laboratorios, transforman, á maneira de Castelao, “ os anceios en realidades e as ideas en feitos”.

Dixen